
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Xordo Axuda é unha aplicación baseada na tecnoloxía de recoñecemento de voz que facilita a comunicación das persoas con discapacidade auditiva transcribindo en tempo real as conversacións.
Os compañeiros de Orientatech analizaron esta aplicación que, cunha interface moi fácil de usar e de forma gratuíta para teléfonos Android, supón unha ferramenta moi interesante para as persoas xordas ou con perda de audición.
A aplicación capta o audio do interlocutor que se comunica coa persoa xorda e transcríbeo a texto, facilitando a comunicación especialmente no caso de persoas que non sexan signantes.
Como apunta Orientatech na súa análise, que podedes ler aquí ao completo, en situacións normais de ruído a precisión da aplicación é bastante boa e está dispoñible en distintos idiomas para aumentar as posibilidades de uso.
Os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP San Martiño e de 2º da ESO do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, foron os gañadores en cadansúa categoría do Concurso Ciberseguridade no cole!, cuxa final se celebrou esta tarde na Cidade da Cultura, dentro do encontro galego de ciberseguridade, Ciber.gal.
A directora da Amtega, Mar Pereira, participou na entrega de premios na que destacou o nivel demostrado polos participantes, felicitou aos gañadores e tamén aos profesores e os centros educativos por fomentar a participación no concurso e o bos resultados, reflexo do traballo nas aulas.
Pereira sinalou que a celebración deste tipo de actividades é fundamental para fomentar as vocacións tecnolóxicas e o talento dixital. Lembrou que o sector tecnolóxico ten unha demanda moi elevada de novos especialistas e que precisamos dunha canteira de talento especializado para afrontar a transformación dixital.
Esta primeira edición do Concurso Ciberseguridade no cole!, promovida por Telefónica, pechouse cunha alta taxa de participación con máis de 1.600 rapaces e rapazas en 67 equipos entre as dúas categorías, correspondéndose con 42 equipos de primaria e 25 de secundaria, pertencentes a 38 colexios, 23 de educación primaria e 15 de educación secundaria.
Tras o concurso a xornada continúa co taller Navegando con rumbo polo ciberespazo, impartido polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia e o taller Ciberseguridade para as familias: mediación parental activa, impartido por Fernando Villar – Formador da Garda Civil.
Nodo Ciber.gal
O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado máis de 30 entidades de diversos sectores, así como as tres universidades galegas.
A ciberseguridade é unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade, nesa liña póñense en marcha iniciativas como o encontro galego de ciberseguridade, que ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía, ao tecido empresarial e ás Administracións Públicas sobre a importancia de garantir a seguridade da información na contorna dixital e promover o coñecemento e unha cultura da ciberseguridade en Galicia.
O Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo hoxe en valor a Estratexia Dixital 2030 para consolidar a transición dixital na comunidade galega. Esta iniciativa, deseñada polo Goberno galego, vai crear un marco dixital común que facilite a actuación das administracións local, autonómica e estatal nun mesmo territorio de xeito complementario, a través do aproveitamento das sinerxías e a suma de esforzos.
Miguel Corgos inaugurou o Encontro Galego de ciberseguridade CIBER.GAL que, organizado polo nodo galego de ciberseguridade Ciber.gal, reúne en Santiago durante dous días a entidades de referencia no eido da seguridade da información, as principais empresas galegas de ciberseguridade e os axentes clave dos sectores tecnolóxico, da investigación e do coñecemento.
No acto de inauguración, ademais do conselleiro, participaron o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e o director de Relacións Institucionais e Estratexia de INCIBE, Miguel Ángel Cañada Navarro, que estiveron acompañados pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.
O conselleiro de Facenda e Administración pública asegurou que a cibertecnoloxía será unha “tecnoloxía chave, imprescindible para garantir a seguridade e integridade dos datos e sistemas de información”, que permitirá avanzar no despregamento das tecnoloxías dixitais a gran escala. Deste xeito tanto a cidadanía como o tecido empresarial e as administracións públicas poderán adoptala con garantías.
Para isto a Xunta de Galicia vai destinar no ano 2022 máis de 209 millóns de euros á transformación dixital, o que supón un incremento dun 80% con respecto aos anos previos á pandemia. Insistirase, deste xeito, na aposta decidida pola creación de estruturas de cooperación no ámbito da ciberseguridade desde un enfoque aglutinador e multidisciplinar, co fin de conectar axentes públicos e privados e facer fronte á crecente ameaza que supoñen os ataques cibernéticos, ademais de aproveitar as oportunidades que presenta o mercado dixital.
Ademais, o conselleiro lembrou que o pasado xoves, o Consello da Xunta aprobou a construción dun data center de alta seguridade, adaptado ás necesidades dunha administración intelixente que permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais, e que traballará en sincronía co Centro de Procesamento de Datos albergado no Gaiás para reforzar os mecanismos de seguridade, dispoñibilidade e dos datos de todo o sector público autonómico.
“O rápido e preocupante avance de incidentes de ciberseguridade demanda que, como administración debamos dar resposta urxente a este fenómeno”, concluíu Miguel Corgos, quen incidiu na importancia da colaboración público-privada para que estas iniciativas lideradas pola Xunta cheguen ás empresas e á cidadanía.
Encontro Ciber.gal
O encontro galego Ciber.gal, que se celebra hoxe e mañá no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, está estruturado en tres bloques. O primeiro deles engloba actividades destinadas ao tecido empresarial con paneis e charlas sobre axudas para impulsar a ciberseguridade na empresa, os riscos aos que se enfrontan as empresas e as obrigas legais en materia de ciberseguridade.
Para o colectivo da cidadanía, que se desenvolverá na tarde do 10 de novembro, celebrarase a final do concurso Ciberseguridade no cole!, destinado aos menores organizado por Telefónica; e un Capture The Flag, organizado pola Cátedra R en ciberseguridade e Gradiant. Ademais, intervirá Gianluca D´Antonio, presidente de ISMS Forum.
A segunda xornada do encontro estará destinada á administración pública coa participación do Centro Criptolóxico Nacional; a intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun debate que agrupa aos máximos responsables de organismos e entidades autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de Andalucía, a Generalitat Valencia e a Amtega.
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado da Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou esta mañá na presentación do proxecto En Compañía, levado a cabo pola Asociación Afaga Alzheimer e o Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo. Alí aplaudiu o emprego das novas tecnoloxías para mellorar a atención e a calidade de vida das persoas con demencia.
Este proxecto ofrece unha resposta terapéutica ás persoas que se atopan nos estadios iniciais de alzhéimer a través dun programa baseado nas novas tecnoloxías. Gracias a unha tablet dixital que ofrecerá contido de estimulación personalizado, este programa permitirá atallar os síntomas de deterioro cognitivo e, ademais, de cara ás familias conseguirá reducir os niveis de sobrecarga para poder axudar a conciliar a convivencia familiar.
Presentada pola Catedrática de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, no curso “A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital” organizado polo reitor da UDC, Julio Abalde, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, definiu o proxecto da Cidade das TIC como un instrumento de colaboración para reter e atraer talento a Galicia. “É un espazo onde temos que encontrar as sinerxías entre o sector empresarial e o ámbito académico e ten que funcionar como un espazo de creatividade e innovación”, manifestou na súa intervención o pasado venres antes de asegurar categoricamente que “creo que o fará”.
Pereira participou no curso incluído dentro da oferta da UIMP, para explicar a estratexia dixital e de intelixencia artificial de Galicia ata o ano 2030 que ten como obxectivo avanzar no proceso de transformación dixital no que prime a calidade, eficacia e eficiencia dos servizos, contribuíndo ao desenvolvemento do ecosistema dixital galego cunha base na que se asente a inclusión dixital do conxunto da sociedade galega.
A Axencia conta con varios instrumentos para reforzar a cooperación e o crecemento do que a súa directora denomina o “hipersector”, pois inclúe tamén ao sector dos contidos dixitais. Dentro destes instrumentos, AMTEGA conta coa Cidade das TIC segundo asegurou Pereira. “É unha iniciativa estratéxica para crear un Polo TIC e de innovación dixital de referencia nacional e internacional”, definiu, ratificando que “o proxecto conta co apoio da Administración”. O sector tecnolóxico é un sector de futuro, explicou a directora da Axencia para o que aportou datos que corroboran a súa afirmación.
No ano 2020, o hipersector TIC en Galicia contaba con máis de 24.000 traballadores e espérase que ata o ano 2025 se creen 4.500 novos postos máis. Galicia é a quinta comunidade autónoma en número de empresas TIC con 3.830 firmas, o que supón o 4,6% do total de España; o 70% destas empresas son do sector TIC e o resto do sector de contidos dixitais. O peso na economía galega deste hipersector medrou un 2,5% no último ano ata chegar a máis de 1.744 millóns de euros de valor engadido bruto. Ademais, segundo os datos aportados pola directora de AMTEGA, Galicia é a sexta comunidade autónoma co maior número de empresas con actividades innovadoras.
Todo este hipersector demanda de persoal altamente cualificado que contrasta coa baixada no interese do estudantado polas carreiras STEM, sobre todo das alumnas. A Universidade da Coruña imparte varios títulos relacionados con este sector como os graos en Informática; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Comunicación Audiovisual; Creación Dixital, Animación e Videoxogos e Xestión Dixital de Información e a Documentación, así como o Grao en Intelixencia Artificial que se implantará o próximo curso.
Tamén se imparten os másteres en Dereito Dixital e de Intelixencia Artificial; Visión por Computador; Informática Industrial e Robótica; Enxeñaría Informática; Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos; Ciberseguridade; Bioinformática para Ciencias da Saúde e o máster en Intelixencia Artificial que se ofertará o vindeiro curso.
Cidade das TIC, un paso adiante
O curso “A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital” foi clausurado polo expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada na Universidade da Coruña. O reitor, Julio Abalde, foi o encargado de presentar a conferencia de peche deste seminario. González Laxe comezou o seu discurso valorando como un “paso adiante” o proxecto da Cidade das TIC ao igual que o foi a aprobación, na súa etapa como presidente, da primeira Lei de innovación e tecnoloxía de Galicia ou a creación, tamén pioneira, do primeiro parque tecnolóxico galego.
O profesor introduciu a súa conferencia nun contexto de globalización entendido como unha interdependencia económica dos países do mundo. Neste contexto, dixo González Laxe, o rol das economías en rede e de aglomeración desempeñan un papel básico. Esta función de economía de aglomeración é a que desempeñará, segundo o expresidente, a Cidade das TIC.
Asístese, dixo, “a un cambio desde unha economía baseada no uso do capital físico a outra sustentada na utilización do capital humano e o coñecemento”. As economías de aglomeración, asegurou o profesor, “inducen rendementos crecentes a escala local” e leva a unha economía centrada na difusión rápida do coñecemento e a información como base da produtividade e da competitividade. A articulación en rede fará que a economía actúe con gran flexibilidade e adaptabilidade. “O sector TIC caracterízase polo seu forte carácter innovador; constitúe o motor das revolucións e transformacións”, afirmou, engadindo que “o seu desenvolvemento encontra un contorno máis favorable en cidades ou áreas nas que se producen economías de aglomeración”.
Para rematar a súa intervención, Fernando González Laxe aportou datos sobre a distribución xeográfica das empresas TIC en Galicia, que ratifican a idoneidade da ubicación do proxecto da Cidade das TIC na Coruña. A maior parte das empresas do hipersector TIC están na provincia da Coruña, 1.784, o 46,6%; seguido de Pontevedra con 1.317, que supón o 34,4%; Lugo con 268, 7%, e Ourense con 266, o 6,9%, segundo datos de 2019. Tamén indicou que en Galicia operan 195 empresas do sector aínda que a súa sede está fóra da Comunidade Autónoma.