main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/09/202112:05
Ética e Deontoloxía na Enxeñaría Informática.
Santiago de Compostela

O Gaiástech acolle hoxe un encontro no que se presentará o selo de empresa éTICa, impulsado polo consello de colexios de enxeñaría informática

  • O doutor en informática, Darío Álvarez, explicará esta iniciativa nunha conferencia sobre Ética e Deontoloxía na Enxeñaría Informática
  • Esta sesión, que forma parte do ciclo Tres14.pm organizado pola Amtega e o CPEIG, será retransmitida tamén en streaming

O centro GaiásTech acolle hoxe a partir das 15.00 horas a conferencia “Ética e Deontoloxía na Enxeñaría en Informática. O selo de Empresa éTICa do CCII”, impartida por Darío Álvarez, doutor en Informática pola Universidade de Oviedo e membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do Consello de Colexios de Enxeñaría Informática (CCII).

O CCI vén de lanzar o “Selo de Empresa éTICa” así como un rexistro para que empresas, autónomos e institucións poidan certificar que desenvolven servizos tecnolóxicos de calidade. A iniciativa, á que xa se sumaron seis empresas, busca poñer en valor ás entidades implicadas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas.

No seu relatorio Darío Álvarez explicará que vantaxes aporta ás empresas o novo “Selo de Empresa éTICa” e cales son os requisitos necesarios para solicitalo. Ademais, fará un repaso dos aspectos máis relevantes do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática, recentemente aprobado polo Consello de Colexios de Enxeñaría Informática, e incidirá en como pode servir de apoio para a toma das mellores decisións profesionais posibles, respectando os intereses do cliente, do empregador, do profesional, da sociedade no seu conxunto e da propia profesión.

Programa Tres14.pm

O programa Tres14.pm é un ciclo de encontros e debate organizado no marco do Convenio de colaboración asinado entre a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para o impulso e a retención do talento dixital en Galicia.

O programa conta con espazos de networking, debate, opinión e coñecemento, no que participan expertos en distintas materias que en catorce minutos expoñen tres principios sobre a temática para, a continuación, establecer un coloquio cos participantes.

Esta sesión celébrase de xeito presencial para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC e outras persoas interesadas na materia, dende o Centro GaiásTech na Cidade da Cultura ás 15:00 horas. Ademais, a xornada poderá seguirse en streaming, onde os participantes terán a oportunidade de interactuar co relator a través do chat.

O GaiásTech, centro de impulso do ecosistema dixital galego

O programa Tres14.pm forma parte da ampla axenda que a Amtega está a promover desde o GaiásTech, recentemente inaugurado, e que se configura como o elemento central e coordinador do ecosistema dixital de Galicia e da súa relación con outros sectores da economía galega.

Máis información da actividade e inscricións na web DigiTalent e en GaiasTech.xunta.gal.

30/09/202107:47
Museo do videoxogo.
Cangas

A Fundación MUVI achega unha mostra virtual en 360 graos coas mulleres que están detrás dos videoxogos

A Fundación MUVI (Museo do Videoxogo), con sede en Cangas, organizou unha exposición virtual de mulleres que “golpearon” a industria e son xa parte da historia dos videoxogos. Trátase dunha mostra en 360 graos que percorre as contribucións de profesionais e desenvolvedoras internacionais pero tamén galegas, é o caso de Luz Castro ou Sara Álvarez Cubelos. A exposición abre as súas portas (virtuais) este 1 de outubro, a través dunha páxina de seu. A iniciativa colleu corpo a xeito de actividade complementaria do seminario internacional Mulleres e videoxogos, a ambos lados da pantalla, impulsado pola Facultade de Comunicación coa colaboración da asociación internacional Women in Games (WIGJ), o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), a Asociación Española de Videojuegos (AEVI), a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, o Campus Innova e o Instituto de las Mujeres.

Unha mostra que é algo máis que unha mostra

Segundo informan os impulsores do MUVI (Jacobo e Galo Martínez), ao igual que na edición do pasado ano o obxectivo desta exposición non soamente se limita a ser unha solución tecnolóxica innovadora dentro do eido museístico, cultural e expositivo, “senón que busca, a través da súa formulación físico-virtual, explorar novas vías de eficacia á hora de presentar e relacionar contidos, obxectos, obras ou ideas”. E engaden: “Navegando por ela, as persoas visitantes terán a posibilidade de gozar cunha experiencia profunda, con información audiovisual e ligazóns externas que convidan aos curiosos a afondar e perderse noutros lugares interesantes da mesma temática, trátase en definitiva dun resumo práctico, elegante e mantendo unha liña innovadora, que trata de poñer cara e contexto a algunhas das mulleres máis relevantes da industria a través dun percorrido cultural virtual, ambientado no único museo sobre videoxogos de Galicia”.

Contidos dunha iniciativa virtual

A exposición, engaden Jacobo e Galo Martínez, permitirá descubrir e analizar ao longo de case 50 anos de historia a obra das mulleres que fixeron posible a materialización desta industria e deste ámbito creativo, dende os comezos ata a actualidade, fomentando deste xeito a comprensión e alcance do seu legado.

Na visita virtual achegarase acceso íntegro aos espazos do museo e neles poderemos atopar instalacións expositivas distribuídas en puntos de referencia, con videoconsolas e videoxogos representativos das biografías de cada unha das mulleres abordadas na mostra. Para a edición deste ano, desenvolverase unha ampliación totalmente nova que contará con dúas seccións adicadas especificamente, entre outras, a mulleres galegas e españolas, xunto con outras figuras femininas relevantes a nivel internacional. Inclúense as contribucións das devanditas Luz Castro e Sara Álvarez Cubelos, pero tamén de Tatiana Delgado, Mirella Díez, Liliana Laporte, Jade Raymond, Jane Jensen, Brie Code, Corrinne Yu, Rieko Kodama, Carol Shaw, Amy Hennig, Robin Hunicke, Aya Kyogoku, Kim Swift ou Rihanna Pratchett, entre outras.

29/09/202113:41
Ana Freire.
Santiago de Compostela

A enxeñeira e doutora en informática Ana Freire, Premio Ada Byron do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio Ada Byron, centrado en salientar os nomes e as importantes contribucións das nosas mulleres tecnólogas, á enxeñeira e doutora en Informática Ana Freire, “pola súa achega na aplicación da Intelixencia Artificial ao ben social” e o “seu impulso ao enfoque feminino da tecnoloxía”. Será entregado no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, o 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Ana Feire, en palabras do CPEIG, é unha firme impulsora do uso da tecnoloxía para o ben social, así como das contribucións das mulleres neste ámbito “para lograr unha tecnoloxía plenamente útil e ao servizo das persoas”.

A gala

Como dixemos a Noite da Enxeñaría en Informática desenvolverase o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. O Premio Ada Byron homenaxea ás mulleres enxeñeiras e ás súas achegas, e rende memoria á que da nome ao premio, a escritora e matemática Ada Byron, autora do primeiro algoritmo e considerada a primeira programadora informática da historia.

Ana Freire

Ana Freire (Rábade, 1983) estudou Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña, onde obtivo o doutoramento cum laude. Realizou estancias de investigación en centros de prestixio internacional como Yahoo Labs, a Universidade de Glasgow ou o Centro Nacional de Investigación de Italia. Na actualidade dirixe a área de Tecnoloxía da ‘UPF Barcelona School of Management' da Universitat Pompeu Fabra.

É experta en Intelixencia Artificial e recuperación de información e as súas investigacións incidiron en campos como a sustentabilidade e a saúde. “É apaixonante ver como a tecnoloxía, ben aplicada, pode axudar ao benestar das persoas. Necesítase moita divulgación científica sobre a tecnoloxía deseñada para o ben social, pois xeralmente móstrase a súa cara menos amigable, cando con todo, ben utilizada, pode achegar grandes beneficios ao ser humano”, asegura. Dende 2017 lidera o proxecto STOP (Suicide prevenTion in social Platforms), que utiliza as tecnoloxías máis disruptivas para estudar nas redes sociais problemas mentais como as tendencias suicidas ou os trastornos da conduta alimentaria. Analízase o texto das publicacións, as imaxes, as conexións sociais e a actividade nas redes, para detectar os mesmos sinais que se buscan nas consultas presenciais de psicoloxía, como a procura de apoio social, o insomnio ou o acoso escolar. Ademais, é un labor que se realiza de xeito anónimo, extraendo patróns de comportamento comúns a alteracións como as tendencias suicidas, a depresión ou os trastornos da conduta alimentaria. Con esta información lánzanse logo campañas dirixidas a usuarios anónimos destes perfís, enviando teléfonos de axuda, como é o caso do servizo que ofrece o Teléfono da Esperanza, xestionado pola asociación do mesmo nome.

O CPEIG destaca que a doutora Freire creou o proxecto STOP no ano 2017, “sen apenas financiamento nin persoal investigador”. E explica a propia enxeñeira: “Impulsar un proxecto así non foi fácil, en parte polas implicacións éticas que supón, e tamén porque ao ser muller e moza, resultaba complicado atopar institucións colaboradoras. Pero con moita motivación e moito esforzo, STOP intégrano xa sete institucións a nivel internacional, que cumpriron un gran obxectivo: incrementar nun 60 por cento as chamadas provenientes de redes sociais ao Teléfono da Esperanza”.

40 publicacións e unha manchea de distincións

Autora de máis de 40 publicacións científicas e varias patentes, acumula numerosos recoñecementos nacionais e internacionais. Foi incluída por Business Insider na lista dos 23 mozos españois chamados a liderar a revolución tecnolóxica. Recibiu, entre outros, o premio ao Novo Talento Científico Feminino da Fundación Real Academia das Ciencias e Mastercard, e o premio Ada Byron Novo outorgado pola Universidade de Deusto. “Ana”, engaden dende o CPEIG, “é unha gran divulgadora e impulsora da ciencia e a tecnoloxía entre as mulleres máis novas, liderando varias iniciativas para romper a fenda de xénero en carreiras técnicas”, entre elas, o concurso internacional Wisibilízalas, onde nas súas cinco edicións participaron máis de 3.000 mozos de España e Latinoamérica, que crearon máis de 1.200 páxinas web de mulleres profesionais en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM). Segundo destaca o colexio, Wisibilízalas “rompe estereotipos e promove o uso da tecnoloxía e as competencias dixitais, fomenta o traballo en equipo, mellora a capacidade de investigación e a creatividade”.

En opinión de Ana Freire, “a muller continúa infrarrepresentada no ámbito tecnolóxico, e isto é un problema grave porque a tecnoloxía necesita deseñarse en ámbitos diversos e corre o risco de ser desenvolvida con enfoques parciais que a fagan inutilizable. Por outra banda, o tecido empresarial tecnolóxico está a xerar moito emprego, e a muller non pode quedar fóra desta gran oportunidade, se non o problema do enfoque de xénero agravarase cada vez máis”. Entre as claves para unha maior presenza da muller no ámbito científico-técnico, destaca que “cómpre mellorar a forma coa que informamos ás mozas sobre estas carreiras, mostrarlles o amplo abano de novas aplicacións que a ciencia e a tecnoloxía teñen na nosa sociedade, en eidos de actuación tan diversos como a medicina, a economía, a sustentabilidade… Cando a Universitat Pompeu Fabra lanzou o Grao en Enxeñería Matemática en Ciencia de Datos, fixemos unha gran campaña liderada por docentes e investigadoras, na que visitamos centros de secundaria mostrando as múltiples aplicacións prácticas da ciencia de datos. Conseguiuse un balance de xénero nesta carreira que aínda se mantén”.

29/09/202113:36
Tecnópole.
San Cibrao das Viñas (Ourense)

Boeing, First Scandinavia e Tecnópole lanzan unha aula permanente de ensino STEM para a rapazada

Boeing, a Xunta, a Tecnópole de Ourense e FIRST Scandinavia veñen de xuntar forzas para lanzar unha aula permanente de aprendizaxe de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM). Irá destinada a estudantes de idades comprendidas entre os 14 e os 16 anos, que empregaran equipos de “alta calidade” e reforzarán coñecementos científico-tecnolóxicos de gran relevancia para cadansúas carreiras profesionais futuras. A iniciativa ten ás súas costas un ronsel de éxitos en países como Noruega, Dinamarca e Escoia, onde se estableceron máis de 40 destas aulas, chamadas Aulas Newton.

O formato (probado xa por FIRST Scandinavia con importantes resultados en Lugo) é o resultado da colaboración entre a ONG norueguesa FIRST Scandinavia e a Xunta de Galicia, co apoio de Boeing. A aula Newton de Tecnópole será a primeira que se estableza de forma permanente en España. Segundo informan Boeing e FIRST Scandinavia, “este tipo de espazos de formación encaixan particularmente ben en zonas rurais, e permiten que os estudantes perfeccionen as súas habilidades en materias STEM baixo a supervisión de profesores especializados”. Por certo que os colexios galegos que queiran que os seus alumnos participen poden inscribirse xa de xeito online.

O apoio do Goberno galego a esta iniciativa enmárcase no programa autonómico de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas Voando alto, sumando vocacións, no que colabora Boeing, que á súa vez tamén é socio industrial e tecnolóxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia con proxectos como o de Xestión e seguridade do tráfico para espazos aéreos compartidos.

Iniciativa de divulgación

Aula Newton Galicia é unha iniciativa de divulgación científica gratuíta que Tecnópole promove entre os centros educativos de Secundaria de Galicia. Está organizada conxuntamente entre Xunta de Galicia, Boeing, First Scandinavia e Tecnópole. A Aula Newton Galicia ofrece formación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM polas súas siglas en inglés) mediante dinámicas prácticas de forma que os estudantes teñen acceso a equipos que lles permiten explorar, debater, reflexionar e colaborar nas ditas materias. Aberta os venres durante o curso escolar en horario de 9:30h a 14:15h e dirixida a estudantes de 3º- 4º da ESO (14-16 anos).

29/09/202108:01
Vista cenital dunha muller usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta e a Universidade de Santiago colaboran para mellorar a eficacia da administración pública con tecnoloxías intelixentes

  • A Consellería de Facenda e Administración Pública, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron un convenio para avaliar e mellorar a eficiencia dos procedementos administrativos
  • Os obxectivos do convenio son o de desenvolver un asistente virtual para os usuarios da sede electrónica da Xunta e aplicar as tecnoloxías intelixentes para mellorar os procedementos administrativos
  • Estas actuacións terán un orzamento de 482.600 euros

O desenvolvemento dun asistente virtual para as persoas usuarias da sede electrónica, así como a aplicación de tecnoloxías intelixentes para mellorar os procedementos administrativos, son os obxectivos do convenio de colaboración que acaba de ser asinado entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O convenio foi subscrito polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. As actuacións contidas neste convenio implicarán un investimento de 482.600 euros.

Obxectivos do convenio

A través do convenio asinado, a Universidade de Santiago comprométese a desenvolver un asistente virtual baseado na minería de procesos para prestar axuda ás persoas usuarias da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Ademais, a través do grupo de ‘Sistemas Intelixentes’ do CiTIUS (Centro singular de Investigación e Tecnoloxías Intelixentes) e do grupo de investigación ‘Empresa e Administración’, a USC desenvolverá un cadro de mandos baseado en técnicas de extracción de analíticas e predicións de procesos para axudar na toma de decisións por parte dos xestores de procedementos administrativos.

E neste marco, desenvolverase tamén unha metodoloxía e guía de procedementos administrativos e técnicos para a implantación do asistente virtual de forma xeneralizada en todos os procedementos.

Experiencia piloto

Este convenio permitirá a realización dunha experiencia piloto do asistente virtual con seis procedementos administrativos. O asistente interactuará coas persoas usuarias mediante o teclado e, especialmente, a voz con tecnoloxía accesible. O obxectivo é proporcionar unha interacción natural, que permita achegar estas tecnoloxías a persoas e colectivos pouco habituados ou con dificultades no uso de dispositivos como teclado ou o rato e avanzar na redución da fenda dixital.

Tamén facilitará a realización dunha análise e experimentación coa finalidade de deseñar un modelo que posteriormente sexa posible aplicar na sede electrónica e nos procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Estratexia Galicia Dixital 2030

Esta actuación forma parte do Eixo Estratéxico primeiro da Estratexia Galicia Dixital 2030, para potenciar un “Goberno e Administración intelixentes”, así como do Eixo Estratéxico Transversal, que promove a especialización tecnolóxica centrada en reforzar as capacidades e infraestruturas dixitais de Galicia en tecnoloxías disruptivas, entre as que se atopan a intelixencia artificial e a intelixencia do dato.

Ademais, alíñase coa estratexia da UE para a consolidación dun modelo de regulación e de políticas que permitan o desenvolvemento e aproveitamento das tecnoloxías dixitais en favor da sociedade e a economía e, en concreto, coa Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen as normas harmonizadas en materia de intelixencia artificial.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS