
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Universidade da Coruña celebra entre os días 29 de setembro e 20 de outubro a terceira edición do seminario internacional Mulleres e videoxogos, a ambos lados da pantalla, impulsado pola Facultade de Comunicación coa colaboración da asociación internacional Women in Games (WIGJ), o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), a Asociación Española de Videojuegos (AEVI), a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, o Campus Innova e o Instituto de las Mujeres.
O programa desta edición combina relatorios e faladoiros virtuais, abertos á participación do público, con outro tipo de contidos en vídeo, obradoiros e unha exposición virtual sobre mulleres na industria dos videoxogos.
O seminario, dará comezo o mércores 29 de setembro ás 10:30 horas coa benvida do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e as intervencións de Teresa Piñeiro, da organización das xornadas; María Fernández Hermida, embaixadora de Women in Games e Susana Ladra, directora do Campus Innova. A continuación, o evento continuará coa conferencia Las mujeres en la industria de los videojuegos, da man de Elena Beltrán, Coordinadora de Comunicación de la Asociación Española de Videojuegos (AEVI); e o relatorio Construíndo inmersión a través do deseño de son interactivo a cargo de Anne-Sophie Mongeau, deseñadora de son senior en Hazelight Studios (Estocolmo).
Desde o venres 1 ao mércores 18 de outubro a xornada acollerá diversas actividades diferidas como a exposición virtual Mulleres e videoxogos, desenvolvida en colaboración co Museo do Videoxogo, ou as vídeo-charlas de diversas profesionais da industria como Sabina Sánchez e Silvia Rosu, de IQUA Servicios Jurídicos, avogadas especialistas en creación dixital, Estefanía Salcedo lead de programación de Tequila Works ou a galega Alba Calvo, localizadora de videoxogos.
O mércores 6 de outubro ás 11:30 horas haberá un encontro virtual con Elesky, streamer musical e integrante do E-sports Club Vodafone Giants, e ás 12:30 horas o relatorio O xénero dos videoxogos dende a arte feminista a cargo de Remedios Zafra escritora e científica titular do CSIC.
O 13 de outubro, a Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá dous obradoiros de deseño e arte para videoxogos a cargo de Cristina García Aradas, xefa de deseño de niveis en Gato Estudio, e Lizartonne, artista conceptual, ilustrador e produtor. Para rematar, o mércores 20 de outubro terá lugar, ás 12:30 horas, o relatorio Gamers e streamers dende Galicia para o mundo no que participarán Samku e Mariña (anhiram_).
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizan este 30 de setembro unha nova xeira de debate e networking tecnolóxico ao abeiro do ciclo tres14.pm. Desta volta, os temas a tratar serán a ética e a deontoloxía no ámbito da Enxeñaría Informática. Unha das cuestións a abordar será o Selo de Empresa ÉTICa, iniciativa creada polo consello estatal de Colexios de Enxeñaría en Informática (CCII), que certifica o desenvolvemento de servizos tecnolóxicos de calidade.
A xornada celebrarase de maneira presencial, para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC ou outras persoas interesadas na materia, no Centro GaiásTech situado na Cidade da Cultura en Santiago (Monte Gaiás, s/n. Edificio CEM) ás 15:00 horas. Ademais, poderase seguir en streaming onde os participantes interactuarán co relator a través do chat.
O relator desta xornada será Darío Álvarez, doutor en Informática pola Universidad de Oviedo, vicedecano do Colegio Oficial de Ingenieros en Informática do Principado de Asturias, e membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do CCII. Impartirá unha conferencia titulada Ética e Deontoloxía na Enxeñaría en Informática. O selo de Empresa éTICa do CCII na que ofrecerá unhas nocións básicas sobre a ética e deontoloxía profesional en informática, para continuar cos aspectos máis relevantes do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática, recentemente aprobado polo CCII.. Finalizará informando sobre o novo Selo de Empresa éTICa, que vantaxes aporta para as empresas e cales son os requisitos necesarios para solicitalo.
Ademais dos beneficios na relación da profesión coa sociedade, Darío Álvarez sinala que as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática poden ter apoio do código ético na toma das mellores decisións profesionais posibles, respectando os intereses do cliente, do empregador, do profesional, da sociedade no seu conxunto e da propia profesión. Esta relevancia da ética profesional na Enxeñaría en Informática tamén se observa na extensión da aplicación do concepto de ética profesional non só ao profesional individualmente, senón á organización na que desempeña a súa actividade. Para responder aos retos que presenta a aplicación da ética e deontoloxía profesional no nivel empresarial, o CCII lanzou a iniciativa pioneira do Selo de Empresa éTICa e un rexistro das mesmas para poñer en valor a estas empresas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas. Darío Álvarez explica que esta iniciativa para empresas, autónomos e institucións certifica que desenvolven servizos tecnolóxicos de calidade. Este programa forma parte dunha ampla axenda que a AMTEGA está a promover desde o centro Gaiastech, onde a tecnoloxía convertese no vector do cambio das nosas organizacións que poden dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido ás demandas da nosa sociedade. Para coñecer a axenda de actividades pódese facer accedendo ao portal dixital gaiastech.xunta.gal.
O Concello de Boiro informou do remate do curso sobre follas de cálculo e base de datos impartido ao abeiro do Programa Integrado de Emprego municipal, destinado a favorecer a inserción laboral das mulleres do concello. Foi un curso de 30 horas de duración. Nel participaron 10 mulleres co obxectivo de adquirir competencias para realizar operacións e aplicacións en follas de cálculo e bases de datos, crear e operar con táboas dinámicas, filtrado de datos e xerar consultas e informes.
O Programa Integrado de Emprego do Concello de Boiro está dirixido exclusivamente a mulleres e combina a formación online e presencial, fomentando a conciliación familiar e laboral das participantes. Está subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.
A aula CeMIT de Porto do Son regresou á súa plena actividade nesta recta final do verán, achegando un completo programa de actividades formativas para a veciñanza (adultos e tamén pequenos), poñendo o foco nalgúns dos aspectos máis útiles do ámbito tecnolóxico, por exemplo o correo electrónico ou os principais recursos dos que podemos botar en materia de ofimática.
A axenda de clases de informática para este outono en Porto do Son (con comezo este mesmo mes de outubro) será unha axenda descentralizada, a desenvolver en todas as parroquias, coa finalidade de reducir ao máximo a chamada fenda dixital, que adoita poñer ao rural nunha situación de desigualdade con respecto aos espazos máis urbanos. Haberá formación en mecanografía, ofimática, redes sociais, uso de correo electrónico e xestións administrativas en Internet. Para máis información cómpre contactar co teléfono móbil 699 484 053.
Logo de ter recalado na Coruña, Cedeira, Viveiro, Sarria e Monforte, a xira da aula móbil de R e a Cruz Vermella (a xira Enredando tour R, destinada a loitar contra a fenda dixital que separa aos nosos maiores con respecto ás novas tecnoloxías da información) achégase á provincia de Ourense para instalarse o luns 27 no Carballiño e desprazarse o martes 28 e o mércores 29, a Verín e ao Barco de Valdeorras, respectivamente.
A xira Enredando tour R, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social, chegará a 11 localidades das catro provincias galegas. Máis datos en Enredando.gal.
Durante un mes, o programa está a percorer localidades galegas cunha aula móbil para romper a fenda dixital e ofrecer contidos formativos tecnolóxicos específicos. O propósito é “enredar” persoas maiores no universo das novas tecnoloxías dun xeito lúdico, ofrecéndolles a degustación dun “menú tecnolóxico” á súa medida.
Aula móbil “superequipada”
A protagonista do roteiro é unha aula móbil con contidos formativos vencellados ás novas tecnoloxías. A aula é “unha furgoneta superequipada” que transporta os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes... e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá”, explicou R na presentación.
Este é o calendario previsto:
Para participar nas actividades de Enredando Tour R as persoas interesadas poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.