
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a AMTEGA organizan o vindeiro venres un espazo de networking e debate chamado tres14.pm que celebrarase de xeito presencial, para un grupo máximo quince profesionais do sector das TIC ou outras persoas interesadas na materia, no Centro GaiásTech situado na Cidade da Cultura en Santiago (Monte Gaiás, s/n. Edificio CEM) ás 15:00 horas. Ademais, poderase seguir en streaming onde os participantes interactuarán co relator a través do chat.
Este programa difundirase desde o centro GaiasTech, recentemente inaugurado, e que se configura como o elemento central e coordinador do ecosistema dixital de Galicia e da súa relación co resto da economía galega na procura dunha competitividade duradeira e xerando espazos de integración e inclusión dixital e de desenvolvemento persoal do noso talento dixital. O programa conta con espazos de networking, de debate, opinión e coñecemento, invitando a expertos en distintas materias para que realicen unha exposición seguindo un programa específico no que reflectirán, en catorce minutos, tres principios sobre dita temática de cara a establecer un coloquio posterior cos participantes. O relator desta xornada será Manuel Meijide, director da compañía ILUX Visual Technologies. Impartirá unha conferencia titulada O xemelgo dixital como impulsor da transformación dixital na industria. Meijide explica que un Xemelgo Dixital (Digital Twin) é unha representación dixital dun contorno ou proceso físico, réplicas virtuais que se empregan para simular a realidade e o seu comportamento en determinadas circunstancias. Sinala tamén que, máis alá dun mero modelo tridimensional, o xemelgo dixital combina unha representación co Big Data, Cloud Computing, IoT, Machine Learning ou Intelixencia Artificial para conseguir unha copia completa e en tempo real dun determinado contorno ou proceso físico cunhas características e estado concretos.
A través desta copia virtual, Meijide sinala que é posible unha análise exhaustiva da información, así como experimentar sen correr riscos, algo moi beneficioso por exemplo en procesos de fabricación. Ademais, dado que o xemelgo dixital simula o comportamento do seu homólogo físico, este último pódese monitorizar, analizar, automatizar e mesmo predicir o seu comportamento, en definitiva, mellorar. Asegura que «os xemelgos manexan, monitorizan e tratan información masiva e integran multitude de sistemas, conectando diferentes tipos de datos para crear unha única visualización para xestionar todo o proxecto representado». Meijide destaca que os xemelgos dixitais son de aplicación en multitude de sectores e todo tipo de empresas. O seu ámbito de aplicación asóciase á transformación dixital da empresa, xa que con eles é posible realizar un control dos sistemas para reducir as incidencias, previr tempos de inactividade, planificar tarefas e diferentes escenarios e probalos mediante simulacións ou acelerar procesos, todo isto en tempo real. Este programa forma parte dunha ampla axenda que a AMTEGA está a promover desde o centro GaiásTech, onde a tecnoloxía convertese no vector do cambio das nosas organizacións que poden dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido ás demandas da nosa sociedade.
AGASOL (Asociación Galega de empresas de Software Libre) e a axencia autonómica AMTEGA seguen estes primeiros días do outono coa súa xira de divulgación tecnolóxica nos concellos (un total de dezaoito nesta edición) destinada a fomentas novas vocacións tecnolóxicas entre a rapazada poñendo o foco nas nenas e nas mozas. Trátase da nova xira do proxecto Girl STEAM, derrubando estereotipos, que chegará con dous obradoiros á Aula de Informática do Auditorio de Rianxo, o 1 e o 2 de outubro.
O obxectivo deste proxecto é motivar as vocacións tecnolóxicas entre a mocidade, especialmente entre as rapazas, para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Os contidos dos obradoiros son os que citamos de seguido, adaptados ás idades e características de cada grupo e facendo fincapé en cuestións como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía, o uso creativo das novas ferramentas, a colaboración e traballo en equipo e as oportunidades de desenvolvemento real que abren os recursos dixitais.
Desenvolveranse dous talleres na Aula de Informática (Auditorio de Rianxo) cos seguintes horarios:
As prazas son limitadas, e a inscrición de balde no correo electrónico xuventude@concelloderianxo.gal ou no teléfono 664 181 401.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” ao Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña polo seu proxecto ‘Talentos Inclusivos’ destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade, á vez que da visibilidade ás persoas con diversidade funcional e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras.
A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Co Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino, a organización colexial pretende amosar a capacidade da enxeñaría en informática para mellorar a calidade de vida en distintos ámbitos e colectivos sociais, implicando á poboación más nova en iniciativas como a galardoada na presente edición.
‘Talentos Inclusivos’ é un proxecto colaborativo posto en marcha polo CITIC xunto con ASPACE Coruña, co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
O obxectivo do proxecto é dobre: fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e, á súa vez, dar visibilidade á diversidade funcional, facilitando ademais o día a día das persoas con parálise funcional. Para iso, creáronse grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña e estudantes de secundaria e bacharelato de diferentes centros educativos da provincia da Coruña, apoiados polo seu profesorado da materia de tecnoloxía e por persoal investigador do CITIC.
Así, os usuarios e usuarias de ASPACE Coruña propuxeron diferentes retos tecnolóxicos que foron resoltos polo alumnado dos centros educativos. Durante todo o curso académico, máis dun centenar de estudantes implicáronse na iniciativa para dar solución a problemas cos que adoitan atoparse as persoas con parálise cerebral.
Algúns dos desenvolvementos tecnolóxicos foron un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D.
O investigador principal do proxecto e subdirector do CITIC, Javier Pereira, afirma que “o proxecto Talentos Inclusivos proporciona coñecemento científico en beneficio da sociedade, que é un dos obxectivos co que o CITIC foi creado”. Tamén destacou a “gran implicación dos estudantes no proxecto”, así como “a súa capacidade de empatizar coas persoas con parálise cerebral para tentar axudar e propoñer solucións”.
Ante o éxito da primeira edición, o proxecto ‘Talentos Inclusivos’ terá unha nova convocatoria no recentemente iniciado curso académico.
Sobre o CITIC
O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñería de Datos, Computación de Altas Prestacións, e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.
Máis información sobre o proxecto.
Un comercio máis accesible, dixitalizado e con oportunidades para a reactivación económica das autónomas e autónomos son os eixos sobre os que xiran os cursos de formación do programa Autónomos Dixitais da Xunta no que están a participar na actualidade preto de 900 persoas.
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe nun webinario en Santiago de Compostela no que ofreceu información sobre esta iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade, coa que se pretende facilitar a un total de 1.125 autónomos e autónomas os coñecementos precisos para reactivar os seus negocios nun contexto onde, por mor da pandemia, moitos establecementos puideron sobrevivir á coxuntura económica grazas ao comercio en liña.
A directora xeral explicou que este programa consta dun curso de iniciación, Fundamentos para crear un proxecto e-commerce, de 50 horas de duración, e outro curso de Especialista en e-commerce, tamén de 50 horas de sesións. Ambos son cursos dixitais onde se pode recibir a formación a distancia, facilitando deste xeito o seu acceso e, tamén, a debida conciliación das persoas interesadas. Do que se trata é de ofrecer formación en comercio dixital a aqueles autónomos que vaian iniciar a súa actividade económica ou de por a súa disposición unha nova ferramenta a todos aqueles que queiran dar unha segunda oportunidade a súa situación laboral.
A segunda edición de Autónomos Dixitais foi presentada en maio pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, con catro perfís aos que vai dirixida: mulleres; colectivo emprendedor entre persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da covid-19; e as persoas traballadoras autónomas maiores de 45 anos. Cada perfil consta dos dous cursos gratuítos en formato dixital.
“O noso obxectivo é acercar solucións e ferramentas de formación efectivas, que permitan dar unha resposta ás necesidades inmediatas, e ofrecer unha formación sen fronteiras que permita ter unha visión global do mercado”, apuntou Lado.
A formación continua e a capacitación laboral son dúas vías de traballo nas que incide deste xeito o Executivo galego, cunha aposta dobre na que cabe o comercio presencial, no cal se quere coidar e incentivar a compra, recalcou Lado, mais tamén cunha clara vocación de dotar ás novas e novos autónomos dunha ventá dixital para poder reemprender ou impulsar o seu negocio, colocando así, declarou Lago, “as persoas” no centro das políticas de emprego en Galicia.
En outubro vaise celebrar a nova edición dun dos grandes e máis veteranos encontros tecnolóxicos do ámbito galego e estatal: GaliciaTIC. Será os días 6 e 7 de outubro, novamente da man da asociación empresarial Ineo. A temática central será a seguinte: Galicia en clave dixital. Do mesmo xeito que o ano pasado, marcado tamén pola COVID, a organización combinará a posibilidade de asistencia virtual coa física, esta última durante a mañá do mércores día 6.
O programa incluirá, entre outras cousas, unha mesa Ineo virtual o xoves 7 de outubro ás 13:00h, onde os socios poderán explicar os seus produtos e servizos tecnolóxicos. Haberá relatorios, mesas de debate, conferencias, webinars, demostracións virtuais (showrooms) e un espazo para o networking.
As actividades darán comezo o día 6 de outubro cunha mesa inaugural onde se abordarán os principais desafíos do sector das novas tecnoloxías, “especialmente nun momento que non foi planificado e que obrigou ás compañías, organizacións e traballadores a abordar situacións novas no contexto dun futuro incerto”. A mesa será moderada por Miguel Merino (Universidade de Vigo) e contará coa presenza de Mar Pereira, directora de AMTEGA, Carlos Suárez Rey (EDISA), Fernando Vázquez (Imatia), Luis Álvarez Sestelo (presidente de Ineo) e Fernando Guldris (director do IGAPE).