
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O CITIC celebra os próximos 7 e 8 de outubro a cuarta edición do Congreso XoveTIC, un evento científico destinado ao persoal investigador júnior. Presentaranse un total de 60 traballos no ámbito das TIC e tamén terán lugar dúas conferencias plenarias, ofrecidas pola directora da Área de Tecnoloxía da UPF Barcelona School of Management, Ana Freire, e o membro do Comité Asesor de Directores do INESC TEC de Porto e profesor da Universidade do Minho, Rui Carlos Oliveira.
A inscrición ao congreso é gratuíta e pode formalizarse na páxina web xovetic.citic.udc.es.
Este evento científico está destinado ao persoal investigador júnior (predoutoral e posdoutoral) para presentar comunicacións orais ou pósteres das súas investigacións no ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Ademais, tamén están previstas conferencias plenarias e obradoiros de formación. Segundo explica o CITIC, o XoveTIC é “un congreso xenuíno que se diferencia da maioría dos eventos análogos que se celebran en España no ámbito das novas tecnoloxías, nos cales se reúnen investigadores sénior con anos de experiencia”. Pola contra, o XoveTIC preséntase como “o punto de partida de novas investigacións e proxectos que impliquen cambios disruptivos na sociedade e na tecnoloxía tal e como actualmente as coñecemos”.
O Concello de Sada presentou o seu programa formativo-tecnolóxico para estes meses de setembro e outubro, unha axenda de aprendizaxe dixital que inclúe media ducia de cursos abeirados á iniciativa A volta coas TIC. Desenvolverase na aula CeMIT de Sada, de xeito presencial.
Os cursos en cuestión son os que citamos a continuación:
Un proxecto tecnolóxico con vontade de inclusión social dirixido por persoal investigador do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña vén de ser galardoado na segunda edición dos Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe-Servizo da UDC.
Trátase do proxecto TFG para o desenvolvemento de aplicacións informáticas de apoio á diversidade, dirixido polo subdirector do CITIC Javier Pereira Loureiro e os docentes da Facultade de Informática e persoal investigador do CITIC, Adriana Dapena Janeiro, Paula Castro Castro e Óscar Fresnedo Arias. En concreto, recibiron o segundo premio da modalidade Atención á Diversidade, dotado cunha contía de 400 euros.
O xurado dos premios, convocados polo Vicerreitorado de Internacionalización e Cooperación e o Vicerreitorado de Planificación Académica e Innovación Docente, fixo pública a listaxe definitiva de proxectos premiados o pasado 10 de setembro. En total, outorgáronse seis premios, dous por cada liña temática de participación: sustentabilidade, atención á diversidade e redución das desigualdades. Amais da contribución dos investigadores de CITIC, resultaron recoñecidas as seguintes propostas:
O vindeiro 2 de outubro a Asociación Amigus vai organizar unha nova e interesante xornada maker para seguir introducindo a pequenos e maiores nas posibilidades creativas das tecnoloxías libres, abertas e participativas. Trátase dun novo obradoiro dos Amigus Labs centrado desta volta na domótica e na Internet das Cousas (IoT), empregando software e hardware libre. A cita, que vén con formato de hackathon, conta co patrocinio da Xunta de Galicia.
Segundo informan dende Amigus, “son moitas as solucións e produtos actuais que buscan facernos a vida máis fácil na nosa casa conectando todo a Internet, dende as luces e a aspiradora até a lavadora, pasando pola neveira ou o cepillo de dentes, e neste obradoiro aprenderemos como unificar e habilitar todos os nosos dispositivos con home assistant, desde a instalación e configuración básica ata as integracións e configuracións máis complexas para facer que a nosa casa pense por nós”. A cita tamén dirixida a resolver as dúbidas que poidamos ter en materia de compatibilidade, “xa que no noso día a día corremos o risco de acabar con ducias de servizos e aplicacións de fabricantes diferentes”.
A duración do hackathon será de 10:30 a 19:00 horas. Temos toda a información reunida na web dos Amigus Labs, a través da cal é posible formalizar o rexistro. Para calquera dúbida, enviar un correo á conta amigus@amigus.org.
A persoa encargada de impartir os contidos será Javier Vila, enxeñeiro full-stack en Santander UK pero tamén maker no seu tempo libre.
O Porto de Vigo sitúase na vangarda no desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en tecnoloxía 5G aplicadas a instalacións portuarias ao acoller dous casos de uso do proxecto liderado por Orange. Un relativo a vixilancia mariña con naves non tripuladas empregando 5G, e outro para o control automatizado de acceso ás lonxas a través do recoñecemento facial, segundo manifestou hoxe nesta cidade a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.
O Salón de Sesións da Autoridade Portuaria de Vigo acolleu un acto de demostración da solución para o control automatizado de acceso ás lonxas, un dos 30 que se están a realizar en Galicia, dos que 12 son en Vigo. Esta cidade reafírmase deste xeito na cabeza da adopción do 5G en España. O sistema foi desenvolvido por Orange, que liderou este piloto xunto con Ericsson e Inetum, e forma parte do proxecto liderado pola operadora que inclúe 13 casos de uso, cun investimento global de 9 millóns de euros, financiado por Red.es, e no que colaboran 20 empresas e entidades públicas e privadas.
Na presentación participaron, ademais da directora da Amtega, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Xesús Vázquez Almuiña; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco Javier García Viaira e representantes das empresa Orange e Inetum.
Galicia é unha das dúas comunidades españolas que acolle dous proxectos financiados por Red.es para o desenvolvemento de casos de uso baseados en tecnoloxía 5G. As adxudicatarias destes proxectos foron Telefónica e Orange. A aprobación por parte da Xunta do Plan Galicia 5G no ano 2018 e a posta en marcha dun espazo a través da colaboración entre as administracións e as operadores de telecomunicacións que se plasma no Nodo 5G de Galicia, sentou as bases para a formación de alianzas e a identificación de casos de uso nos diferentes sectores e coa colaboración de entidades y empresas
Galicia acolle na actualidade 13 casos de uso liderados por Orange e outros 12 por Telefónica. Ademais destes dous proxectos financiados por Red.es, na nosa comunidade lévanse a cabo outros 5 pilotos nos que tamén participa Vodafone.
As primeiras probas de uso en Galicia remóntanse ao período 2018-2019. O adianto no impulso desta tecnoloxía fixo que Galicia fora o primeiro lugar do mundo no que se probou o roaming con 5G (entre España e Portugal); e que Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades de Europa en dispoñer desta tecnoloxía.
Un total de 16 casos de uso lévanse a cabo na provincia de Pontevedra, 6 na Coruña, 5 en Lugo e tres en Ourense.
O Porto de Vigo é unha das entidades participantes no proxecto, como demandante de solucións innovadoras que dean resposta a diferentes retos vencellados á transformación dixital das instalacións portuarias. O piloto presentado hoxe permite que a persoa encargada do control dos espazos nos que se realizan as poxas de peixe poida identificar posibles intrusos. Para elo emprégase o recoñecemento facial e utilízanse algoritmos de intelixencia artificial en base aos protocolos definidos de acceso seguro a los recintos portuarios
O Porto de Vigo acolle tamén outro dos casos de uso de Orange para a utilización dun sistema baseado en 5G empregando naves non tripuladas para a vixilancia marítima nas augas dependentes da Autoridade Portuaria.
O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Xesús Vázquez Almuiña destacou a importancia de aplicar esta tecnoloxía no Porto de Vigo, xa que "é o futuro" e "forma parte da nosa estratexia de crecemento azul cara aos vindeiros anos", o que traerá "grandes beneficios" para todos os usuarios.
A directora da Amtega, Mar Pereira, lembrou a importancia de situar a Galicia no desenvolvemento de produtos baseado nas tecnoloxías de futuro, impulsando o crecemento do ecosistema dixital e a súa especialización tecnolóxica tal como se recolle na Estratexia Galicia Dixital
Por outra banda, sinalou que a tecnoloxía 5G será relevante no desenvolvemento de proxectos dixitais sectoriais pero tamén será imprescindible para que nunha poboación tan dispersa como a de Galicia se poida cumprir o obxectivo de despregamento universal de banda larga ultra rápida fixado pola UE para 2025.
Neste sentido, a Xunta xa trasladou ao Goberno de España as prioridades de Galicia para o despregamento da banda larga ultra rápida. Tamén advertiu na necesidade de dar prioridade á cobertura 5G en infraestruturas estratéxicas para o territorio como son os portos, os polos industriais e de coñecemento, así como as principais vías de comunicación.