
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A operadora de telecomunicacións R e Cruz Vermella Galicia chegan este venres 17 a Cedeira ao abeiro da súa xira Enredando tour R, destinada a achegar contidos didácticos que favorezan a inclusión dixital das persoas maiores. A unidade móbil, cuxa xira conta coa colaboración da Consellería de Política Social, estará na praza Roxa de Cedeira e logo seguirá o seu percorrido por unha ducia de localidades das catro provincias.
Durante un mes, o programa percorrerá localidades galegas cunha aula móbil para romper a fenda dixital e ofrecer contidos formativos tecnolóxicos específicos. O propósito é “enredar” persoas maiores no universo das novas tecnoloxías dun xeito lúdico, ofrecéndolles a degustación dun “menú tecnolóxico” á súa medida. A acción de cada recalada da xira consiste nunha aula móbil con contidos formativos vencellados ás novas tecnoloxías. A aula é “unha furgoneta superequipada” que transporta os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes... e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá”, explicou R na presentación.
Este é o calendario previsto:
Para participar nas actividades de Enredando Tour R as persoas interesadas poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.
Indra e a Fundación Universia anunciaron este martes o lanzamento da 'VI Edición da Convocatoria de axudas a proxectos de investigación en Tecnoloxías Accesibles', cuxo obxectivo é impulsar o desenvolvemento de novas tecnoloxías para a inclusión de persoas con discapacidade.
VI Edición da Convocatoria de axudas a proxectos de investigación en Tecnoloxías Accesibles
Segundo indicou a compañía tecnolóxica, a convocatoria vai dirixida a grupos de investigación e centros e escolas de negocio adscritos a universidades españolas, que poderán recibir estas axudas para proxectos de investigación aplicada á creación de novas tecnoloxías accesibles.
Indra destacou que 'o fin desta iniciativa é crear unha sociedade máis inclusiva a través da tecnoloxía e, ademais, nesta edición, debido ao impacto da pandemia, quere prestar especial atención a proxectos que contribúan á saúde mental'.
Na nova convocatoria de axudas lanzada en colaboración coa Fundación Universia -que conta co respaldo do Banco Santander- poderán participar, como en edicións anteriores, grupos de investigación, centros e escolas de negocio adscritas a universidades públicas ou privadas españolas do sistema universitario español, presentando as súas candidaturas por vía telemática do 14 de setembro ata as 14.00 horas do 13 de outubro no portal de tecnoloxías accesibles de Indra.
Os proxectos deben estar dirixidos ao desenvolvemento de software, dispositivos, instrumentos ou equipos que poidan ser utilizados por persoas con discapacidade, co fin de facilitar a súa actividade e participación na sociedade, favorecer o seu acceso ao emprego ou apoiar as súas funcións ou estruturas físicas ou mentais.
Así mesmo, é 'requisito indispensable' que contemplen a colaboración con entidades especializadas no campo da discapacidade e, que o produto ou servizo proposto sexa gratuíto ou teña un custo reducido para os usuarios finais. Ademais, a solución debe ser 'open source', é dicir, utilizar un código de programación aberto, de forma que facilite a súa modificación e adaptación posterior.
As tres mellores propostas de innovación tecnolóxica, pertencentes a diferentes universidades, recibirán financiamento para desenvolver os seus proxectos, que deberán ter unha duración máxima de 12 meses.
Voluntarios expertos de Indra levarán a cabo unha primeira selección de proxectos finalistas, entre os que un xurado, formado por profesionais recoñecidos que traballan en ámbitos relacionados co mundo da discapacidade, elixirán as propostas gañadoras. Os criterios principais de avaliación dos proxectos son a súa adecuación técnica, responsabilidade e sustentabilidade económica; a aliñación estratéxica cos obxectivos da convocatoria e os de Indra; a innovación, excelencia tecnolóxica e eficiencia da solución proposta; e, por último, o impacto real, alcance e sustentabilidade.
O vindeiro 25 de setembro, ao abeiro do ciclo de obradoiros maker Amigus Labs, a Asociación Amigus vai organizar un taller de iniciación á placa libre Arduino para adultos. Será novamente nas Pontes, sede do colectivo, no seu Amigus Labs do número 14 da praza do Hospital. A actividade conta co patrocinio da Xunta de Galicia.
Segundo explican dende a asociación, Arduino é unha plataforma de electrónica aberta para a creación de prototipos baseada en software e hardware libres fáciles de usar. “Neste obradoiro”, engaden, “mostraremos as posibilidades que nos ofrece esta tecnoloxía desde a programación, conceptos necesarios de electricidade e electrónica e dos diferentes dispositivos electrónicos que podemos incorporar aos nosos proxectos”. O obradoiro está enfocado a persoas adultas que queiran introducirse ás novas tecnoloxías. Para participar nel (unha actividade de balde), é necesario que nos rexistremos a través da web de Amigus. O inicio do obradoiro será as 10:30 horas ata as 13:00. Para calquera consulta podemos escribir un correo á conta amigus@amigus.org.
O Concello de Lousame retoma a celebración de cursos gratuítos para que os maiores do municipio aprendan a sacar todo o partido posible aos seus teléfonos e dispositivos móbiles. Os obradoiros terán lugar na Casa da Cultura cunha duración dunha hora semanal.
A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que “despois da paréntese propia desta pandemia, queremos retomar uns cursos cos que buscamos proporcionarlles ás persoas maiores de Lousame os coñecementos suficientes para un eficaz uso dos seus dispositivos móbiles: que saiban conectarse a unha rede Wi-Fi, que aprendan a facer e enviar fotos, que saiban usar o WhatsApp ou consultar as redes sociais ou o seu correo no móbil e tamén descargar aplicacións prácticas como para pedir cita médica, ler a prensa ou escoitar a radio no móbil…”.
Estes cursos están abertos á participación de toda a veciñanza de Lousame e serán totalmente de balde, previa inscrición nos Servizos Sociais do Concello (981 820 494) ou por WhatsApp no 689 126 385. Deste xeito, o Concello de Lousame dá continuidade aos cursos realizados en 2019. Unha iniciativa na que conta coa colaboración da Consellería de Política Social.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inauguraron hoxe a décimo primeira edición do “Curso Superior de Administración Electrónica 2021”. O acto celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido pola directora da Amtega, Mar Pereira; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
A Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas sinala que unha Administración sen papel, baseada nun funcionamento integramente electrónico, non só serve aos principios de eficacia e eficiencia, ao aforrar custos a cidadáns e empresas, senón que tamén reforza as garantías e ofrece transparencia. No momento actual, marcado pala pandemia da covid-19, Fernando Suárez sinalou que a informática permitiu soster a educación, a economía, as relacións persoais, e por suposto o funcionamento da Administración Pública, “unha importante lección coa que se demostra que a dixitalización permítenos achegar as organizacións públicas ao cidadán”.
Para reforzar esta idea, o presidente do CPEIG analizou os obxectivos da Axenda España Dixital 2025, centrada no impulso da transformación dixital que axudará ao desenvolvemento do Estado, co despregamento do 5G, o reforzo da ciberseguridade, a dixitalización das administracións públicas e das empresas, o desenvolvemento da economía do dato, a Intelixencia Artificial e os dereitos dixitais da cidadanía, entre outros. “Esta axenda marca que en 2025, o 50% dos servizos públicos estarán dispoñibles en app móbil e simplificarase a relación da cidadanía e empresas coas administracións” –asegurou–. Tamén España Dixital 2025 tentará pechar as fendas dixitais (socioeconómicas, de xénero, xeracionais, territoriais ou ambientais), que Suárez manifestou que se acentuaron aínda máis durante a pandemia. “Preténdese conseguir que en 2025 o 80% das persoas teñan competencias dixitais básicas, a metade delas mulleres” –indicou–.
Para alcanzar estes propósitos, Fernando Suárez apuntou que as organizacións públicas deben “cambiar, moverse e actuar”, tendo como centro da transformación ao cidadán e os servizos que se lle ofrecen.
Pola súa parte, a directora da Amtega destacou a importancia de avanzar na capacitación dixital do persoal empregado público para adaptarse ao novos escenarios e ao novo modelo de Administración Dixital. Neste sentido, salientou que en 2020 realizáronse máis de un millón de presentacións electrónicas a través da sede, o que supuxo un incremento de máis do 63% con respecto ao ano anterior.
Mar Pereira lembrou que o 1 de xaneiro de 2022 entrará en vigor o novo Decreto de Competencias Dixitais de Galicia que permitirá desenvolver o Plan de Capacitación Dixital do persoal empregado público. Este Plan definirá as competencias dixitais mínimas para poder acceder a un posto na administración.
Os coñecementos e habilidades serán avaliados co Certificado Galego de Competencias Dixitais, que poderán obter todas as persoas de Galicia maiores de 16 anos. As certificacións avaliarán 21 competencias englobadas en 5 áreas de dominio: información e datos; comunicación e colaboración; creación de contido dixital; seguridade e privacidade e solución dos problemas.
Claves da transformación dixital
O director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad do Ministerio de Política Territorial y Función Pública, Miguel Ángel Amutio, explicou que a dixitalización é “una oportunidad de transformación que va más allá de lo estrictamente tecnológico y es ineludible”. Destaca que constitúe un elemento absolutamente clave para o proceso de reconstrución económica e a plena integración na economía dixital.
Amutio sinala que a administración dixital facilita escenarios de servizos con maior orientación ao usuario, máis fáciles de usar, máis accesibles, abertos, inclusivos, participativos e baseados nos datos, á vez que debe atender aos riscos de ciberseguridade pola acentuada dependencia da tecnoloxía.
Na súa presentación, “Presente e futuro da administración electrónica”, tratou as claves da transformación dixital en xeral, e da administración dixital en particular, e como debe enfrontarse tendo presente elementos fundamentais e aspectos transversais e cales son todos eles. Tamén falou de cara onde vai a Unión Europea nesta materia, cales son as áreas nas que pon o foco, así como a situación de España en materia de administración dixital segundo a perspectiva dos pilares fundamentais que permiten comprender o progreso alcanzado e por que é un referente no exterior, a axenda para impulsar esta transformación a través esencialmente do Plan de Digitalización de las Administraciones Públicas 2021 – 2025 e o seu contexto como motor da evolución tecnolóxica do país, e, finalmente que retos e conclusións se poden prever.
Formación transversal
Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico- xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas Administracións galegas. A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Así, os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este curso superior, que servirá para dar formación a 50 empregados públicos, desenvolverase do 14 de setembro ao 26 de outubro. Cun total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 14, 21 e 28 de setembro e 5, 19 e 26 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación.