
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A aprobación do Marco Galego de Competencias Dixitais, que entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2022, converte a Galicia na primeira comunidade autónoma en adaptar ao seu territorio o marco europeo na súa versión máis recente e actualizada, segundo destacou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.
Mar Pereira participou esta mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na inauguración da décimo primeira edición do Curso Superior de Administración Electrónica 2021, organizado pola Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia (CPEIG). O acto inaugural contou tamén coas intervencións do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.
A directora da Amtega destacou o esforzo realizado pola Xunta para a adaptación da administración dixital á nova situación provocada pola pandemia, que provocou un notable incremento das tramitacións realizadas a través da sede electrónica.
Neste sentido, lembrou que en 2020 aumentaron en máis dun 63% as presentacións electrónicas a través da sede, que superaron o millón e corresponderon a 1.200 procedementos distintos. A administración electrónica foi usada por 316.000 persoas distintas (físicas e xurídicas). Máis do 78% das entradas no Sistema Único de Rexistro foron electrónicas.
No 2020, a Xunta promoveu 172 accións formativas en materia de capacitación dixital do persoal empregado público en diversos eidos, accións que supuxeron un total de 4.055 horas de formación.
Plan de Capacitación Dixital do Persoal Empregado Público
Para atender esta demanda da cidadanía e adaptarse aos novos modelos de posto de traballo dixital, Mar Pereira destacou a necesidade de reforzar a formación das persoas empregadas públicas en competencias dixitais.
O novo Marco Galego inclúe un Plan de Capacitación Dixital do Persoal Empregado Público de Galicia que definirá as competencias dixitais mínimas para poder acceder a un posto na administración.
Estes coñecementos e habilidades serán avaliados co Certificado Galego de Competencias Dixitais, que poderán obter todas as persoas de Galicia maiores de 16 anos.
As certificacións avaliarán 21 competencias englobadas en 5 áreas de dominio: información e datos; comunicación e colaboración; creación de contido dixital; seguridade e privacidade e solución dos problemas.
O Certificado Galego de Competencias Dixitais terá unha vixencia máxima de cinco anos, salvo no caso en que se modifique o Marco Galego de Competencias Dixital, no que poderá perder a súa vixencia anticipadamente. Nesa situación, as persoas con certificación terán un prazo de doce meses para renovala.
Nesta mesma liña tamén se pronunciou a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, que destacou o papel do organismo na capacitación do persoal empregado público en materia de administración dixital mediante a formación continua e os cursos superiores. Ademais, tamén resaltou o traballo levado a cabo dende 2019 na promoción do uso dos servizos electrónicos entre a cidadanía a través da iniciativa Universo EGAP Innova, en especial coas xornadas de formación práctica dixital (e-martes) polas que pasaron xa máis de 700 alumnos.
Pola súa banda, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destacou que a pandemia supuxo “unha importante lección coa que se demostra que a dixitalización permítenos achegar as organizacións públicas ao cidadán”.
70 participantes e 114 horas lectivas
No Curso Superior de Administración Electrónica 2021 participan 70 persoas empregadas públicas que asistirán a un total de 114 horas lectivas. O curso desenvolverase ata o 26 de outubro e inclúe 30 horas de prácticas presenciais. Fernando Suárez, que é tamén o director académico do curso, explicou que esta actividade ten como finalidade afondar na concepción da administración electrónica dende diferentes enfoque e cunha compoñente práctica.
A lección inaugural do curso foi impartida polo director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad do Ministerio de Política Territorial y Función Pública, Miguel Ángel Amutio.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) inauguran este martes 14 de setembro o Curso Superior de Administración Electrónica, impulsado por ámbalas entidades. Contarase coa presenza de Fernando Suárez, presidente do CPEIG, Mar Pereira, directora de AMTEGA, e Sonia Rodríguez-Campos, directora da Escola Galega da Administración Pública (EGAP). Tamén participará na primeira xornada de actividades Miguel Ángel Amutio, director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, quen ofrecerá un relatorio maxistral, baixo o epígrafe Presente e futuro da Administración Electrónica. A cita será no salón de actos da EGAP, en Santiago, a partir das 11.00 horas.
Segundo informan o CPEIG e AMTEGA, esta actividade formativa ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da eAdministración, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nos distintos órganos da nosa terra. A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Así, os contidos do programa analizarán a dita cuestión desde distintos enfoques “para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito”.
Este curso superior, que servirá para dar formación a 50 empregados públicos, desenvolverase do 14 de setembro ao 26 de outubro. Cun total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 14, 21 e 28 de setembro e 5, 19 e 26 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vai comezar o outono con formación, divulgación e sensibilización. Farao cun completo programa de actividades dirixidas aos profesionais, á comunidade educativa e á sociedade en xeral. Para o desenvolvemento deste completo programa de actuacións conta co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) no marco das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030. Porase o foco, entre outras cuestións relevantes, en loitar contra a fenda dixital de xénero en calquera das súas manifestacións.
A primeira das actividades programadas é un ciclo de xornadas técnicas sobre a salvagarda da información, dirixida a axentes da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) da Xunta de Galicia. Comezaron esta semana en streaming desde o GaiásTech e continuarán este 14 de setembro, con relatores expertos como Paco Marcilla.
Tamén está prevista, nun ámbito máis profesional, unha nova edición dos Seminarios sobre Informática Xudicial, Ciberseguridade e Protección de Datos – Iuristicgal. Novamente o obxectivo será o de informar aos profesionais do dereito sobre os aspectos máis relevantes da administración electrónica xudicial.
Divulgación e sensibilización
O CPETIG impulsa tamén unha nova edición do Scratch Day, unha iniciativa que ten por obxectivo achegar nocións de programación informática a escolares de entre 7 e 15 anos e fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os mozos e mozas. Esta actividade terá, en palabras do CPETIG, “un enfoque totalmente práctico”, seguindo o ronsel de éxito de participación das edicións dos anteriores anos, complementándoa (desta volta) cun obradoiro dirixido ao profesorado.
O Scratch Day, explican dende o colexio, “pretende divulgar os valores da programación informática desde idades temperás, de xeito que os escolares acceden a esta contorna técnica de forma lúdica e divertida, tendo en conta como valor engadido que a través da programación se incentivan a creatividade e o emprendemento e se melloran a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas”. No marco da programación do CPETIG presentarase tamén un documental sobre a presenza das mulleres no eido das enxeñarías informáticas que ten por obxectivo poñer en valor e incentivar a súa participación no sector. O documental está centrado na necesidade que teñen as carreiras tecnolóxicas e en especial a informática da presenza feminina como aporte de valor, dándolle visibilidade ás mulleres que foron esenciais no desenvolvemento desta disciplina e a tantas outras que hoxe en día traballan no sector, buscando desde as súas experiencias rachar con ideas preconcibidas que afastan ás mulleres, desde idades moi temperás, da opción de escoller estudos vencellados á informática.
A Xunta de Galicia vén de lanzar o Plan Dixital de Centro, a primeira acción enmarcada na recen aprobada Estratexia Educación Dixital 2030, cunha dotación inicial de 120M€ para os primeiros tres anos de aplicación, e que é a folla de ruta do Goberno galego para acadar a plena transformación tecnolóxica das aulas galegas nesta década.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou que a Estratexia Educación Dixital 2030 supón “un salto cualitativo” para acadar o reto do coñecemento, da innovación e da transformación tecnolóxica das aulas, xa que introduce “un cambio pedagóxico” con propostas específicas para avanzar na especialización da educación e na personalización da aprendizaxe.
Pola sua banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou que uns 55.000 alumnos de Galicia utilizan xa o libro dixital, con máis do 40% dos centros incluídos no programa EdixgaL. Os datos sitúan a Galicia na vangarda da dixitalización da educación. Todos os centros da Comunidade autónoma contan con aulas virtuais e están integrados na rede de videoconferencias docentes, con máis de 21.000 persoas usuarias de media e picos de ata 100.000 persoas usuarias nun día.
A estratexia contempla un conxunto de accións coordinadas e planificadas dirixidas ao conxunto dos membros da comunidade educativa que fan fincapé, sobre todo, na incorporación de estratexias docentes e novas técnicas pedagóxicas enfocadas á transformación dixital.
O conselleiro lembrou que algunhas desas accións, como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o desenvolvemento de accións STEM ou a introdución da Intelixencia Artificial xa están en marcha, mentres que agora se da un paso máis co Plan Dixital de Centro e a Rede Galega de Educación Dixital.
Mobilización de 19,2M€
Un dos instrumentos da Estratexia é o Plan Dixital de Centro presentado hoxe, e que está enfocado á mellora da competencia dixital da comunidade educativa no seu conxunto co fin de sacarlle o máximo rendemento ao uso das tecnoloxías dixitais aplicadas ao proceso de ensino-aprendizaxe na aula, e de conseguir que as escolas sexan organizacións educativas dixitalmente competentes.
A posta en marcha deste plan implica a mobilización de 19,2M€ por parte da Xunta, que tamén leva aparellado a creación da Rede Galega de Educación Dixital, o que supón -tal e como anunciou o conselleiro Román Rodríguez- a contratación de 80 docentes especialistas no ámbito dixital que acompañarán aos centros educativos no proceso de deseño, elaboración e implementación do seu Plan Dixital, que deberá estar totalmente operativo o vindeiro curso 2022-23.
Precisamente hoxe a Consellería publica no seu Portal Educativo a convocatoria para seleccionar os 78 centros que participarán nesta Rede e que exercerán de mentores para o conxunto dos centros sostidos con fondos públicos de Galicia.
É dicir, Román Rodríguez recalcou que os centros “non van estar sós neste proceso”, xa que contarán cun “acompañamento profesional e específico en todo momento” a través de 78 docentes “cunha dedicación completa e exclusiva a esta función”, a razón de un para cada un dos centros baixo a coordinación de dúas persoas da Consellería de Educación.
Á súa vez, estes 78 docentes estarán organizados en 26 equipos de atención dixital aos centros estruturados en 14 ámbitos xeográficos a razón de cinco na provincia da Coruña, dous na de Lugo, dous na de Ourense e outros cinco na de Pontevedra.
Fases do Plan Dixital
No que atinxe ao Plan Dixital de Centro, tal e como establece a resolución, que pode consultarse no Portal Educativo, no presente curso os centros deberán comezar coas primeiras fases de elaboración do seu propio Plan Dixital, cunha análise da situación real e de diagnose de debilidades, ameazas e fortalezas para a súa aprobación definitiva polos respectivos consellos escolares de cada centro a finais de curso e que o documento estea totalmente pechado para a súa aplicación efectiva no vindeiro curso 2022-23.
Conexión de 1Gbps en todos os centros educativos
A directora da Amtega lembrou que este curso está prevista a extensión a todos os centros educativos de Galicia a capacidade de rede de 1 Gbps. Nos últimos cinco anos multiplicáronse por cinco os centros que dispoñen xa deste servizo de moi alta velocidade.
A transformación dixital da educación galega implica uns investimentos de máis de 40 millóns de euros en equipamentos para o profesorado e os ciclos formativos.
Mar Pereira referiuse ao Eixo 2 da Estratexia Galicia Dixital 2030 que inclúe dous programas para o desenvolvemento das competencias dixitais e o impulso da educación dixital. Neste sentido, o último Consello da Xunta aprobou a Estratexia de Educación Dixital 2030 e o Decreto que desenvolve o marco galego de competencias dixitais.
Neste sentido, a directora da Amtega destacou o impulso que se está a dar ao avance da dixitalización da sociedade en xeral e da educación en particular que “verase reforzado cos fondos europeos e permitirá atender no marco dunha política dixital global para todo o sistema educativo galego as singularidade de cada centro, identificadas en base ao seu modelo educativo”.
Tres das startups que compoñen actualmente a aceleradora 'espacIA' da Fundación ONCE estarán presentes na sétima edición de Startup Olé, que terá lugar entre os días 6 e 10 de setembro. Nesta ocasión, a primeira vez que se celebra despois da declaración do Estado de Alarma na loita contra a Covid 19, terá lugar tanto de forma virtual como presencial na cidade de Salamanca .
En concreto, os participantes poderán coñecer os proxectos de tecnoloxía accesible desenvolvidos pola startup murciana de BemyVega, a aplicación Park4dis e a iniciativa de impresión 3D de Supergiz.
BemyVega é un sistema de gravación, retransmisión e seguimento de presentacións, clases, congresos ou eventos que facilita o acceso á información que se imparte nestes actos. Con este equipo, certas persoas con discapacidade visual ou auditiva poden ter acceso completo en tempo real a toda a información necesaria para o seguimento da sesión.
Pola súa banda, Park4dis nace como solución ás dificultades que atopan as persoas con mobilidade reducida en España cando se desprazan en coche. Trátase dunha única plataforma (Web e App) que agrupa información sobre a localización de máis de 23.000 prazas para persoas con discapacidade e a normativa aplicable en máis de 60 municipios, normativa que adoita diferir duns municipios a outros.
Por último, Supergiz é un proxecto deseñado e producido por Autofabricantes. Trátase dun sistema de prótese pensado inicialmente para nenos coa ausencia ou certas parálises de man ou parte do brazo, aínda que actualmente está a ser utilizado tamén por adultos. Consta dunha peza principal feita a medida que contén uns enganches para axustar distintos dispositivos que facilitan actividades concretas como nadar, xogar ao tenis ou tocar a guitarra. Trátase dun proxecto de código aberto e fabricado en impresión 3D.
A participación da Fundación ONCE nesta edición de Startup Olé complétase coa intervención de Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación, na mesa redonda 'International Funds/ Startups and Funds, Open Innovation and Entrepreneurial Capital as a Dynamizer of the Economy'. A mesa encádrase dentro da iniciativa europea Rural European Innovative Area, unha plataforma de intercambio de coñecemento que pretende reducir a fenda entre as cidades e o ámbito rural.
Startup Olé 2021
Startup Olé, celebrarase do 6 ao 10 setembro e é un dos maiores eventos de tecnoloxía empresarial en Europa. O apoio da Comisión Europea-Startup Europe, o Sistema de Integración Centroamericana (SICA), a Universidade de Salamanca e o Concello de Salamanca converteron a Startup Olé nun evento de referencia e un motor da democratización do ecosistema tecnolóxico-empresarial internacional.