
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A galeguidade no exterior vai contar cun novo recurso do que botar man para atopar un posto de traballo no ámbito das novas tecnoloxías da información. Estamos a falar do portal Retorna Dixital, que a partir deste 2 de setembro dará servizo a quen resida fóra de Galicia e precise un emprego no dito sector. Tamén poderá ser usado polas empresas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) que necesiten persoal especializado neste ámbito. Quen precise tirar proveito deste novo espazo, pode acceder a el a través do portal GaliciaAberta da Secretaría Xeral da Emigración.
Esta ferramenta, segundo informa Emigración, pretende atender as necesidades de profesionais das empresas galegas do sector TIC co talento das persoas de Galicia do exterior que retornaron ou están pensando en retornar e que atoparán nesta iniciativa unha oportunidade para comezar unha carreira profesional na súa terra de orixe.
O portal ten como obxectivo “o de atraer talento dixital cara a nosa terra, co fin de contribuír a pechar a fenda entre a dispoñibilidade de habilidades e a demanda do sector tecnolóxico galego”. Con esta finalidade, xunta “nun único espazo” a oferta de emprego neste eido así como información sobre as empresas TIC, que estará a disposición de calquera persoa de Galicia retornada ou residente no exterior con interese en retornar. Ao respecto das orixes deste servizo, Emigración lembra que entre 2015 e 2020, o emprego no ámbito das novas ferramentas dixitais en Galicia medrou un 23,3 por cento e, “de seguir a evolución actual”, creará máis de 4.500 novos postos de traballo nos próximos cinco anos, segundo os datos do informe Talento Dixital: Estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA, dependente da axencia autonómica AMTEGA). No estudo engádese que “tres de cada catro empresas tecnolóxicas galegas indican que é difícil ou moi difícil cubrir os postos que requiren este tipo de titulacións”.
Na actualidade, o portal de Galicia Retorna Dixital, ao que se pode acceder no enlace conta xa con 21 ofertas de emprego, así como con 13 empresas adheridas e 40 na base de datos. Para participar, as empresas poden facilitar os seus datos na sección Adhesións e logo deberán aportar a información que se lle solicitará sobre traxectoria, organización, servizos, ofertas de emprego, etc.
Pode participar no programa calquera empresa do sector TIC con sede en Galicia, que se comprometerá a manter os seus datos actualizados para manter o directorio ao día. Ademais, as empresas adheridas comunicarán os cambios relativos ás súas ofertas de emprego para ofrecer unha imaxe real dos súas necesidades de perfís dixitais en cada momento. A iniciativa forma parte do programa Galicia Retorna, da Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica.
A importancia da tecnoloxía accesible é cada vez maior para as persoas con discapacidade e moitas persoas maiores, por iso o Ceapat defende que se trata dun dereito para impulsar a autonomía persoal e a inclusión de todas as persoas nunha sociedade cada vez máis dixitalizada.
Con esta idea, o Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (Ceapat) organizou unha serie de seminarios centrados na accesibilidade e a súa configuración como un dereito para todas as persoas.
'Accesibilidade por dereito' é o título destes seminarios que terán lugar a través de Internet do 4 ao 8 de outubro e no que, ademais do Ceapat, tamén participan a Organización Iberoamericana da Seguridade Social (OISS) e a Rede de Centros Iberoamericanos de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (Ciapat).
O obxectivo deste encontro é o de ofrecer un espazo de información e debate sobre a promoción da autonomía persoal, a accesibilidade, a tecnoloxía e os servizos públicos para todas as persoas.
Esta primeira edición dos seminarios web 'Accesibilidade por dereito' estarán marcados tamén polos retos derivados do contexto actual de pandemia, profundando na importancia da tecnoloxía e a accesibilidade no cambio de modelo de coidados, a desinstitucionalización das persoas maiores e das persoas con discapacidade, a atención centrada na persoa e a igualdade de xénero.
As persoas interesadas en asistir a este congreso poderán facelo a través de Zoom, para o que é necesario inscribirse previamente, ou en aberto a través de Youtube.
O Concello de Lousame organiza dous obradoiros gratuítos de robótica e imprenta dirixidos a nenos e nenas menores de 12 anos. Ambas iniciativas contan coa colaboración do programa Ler Conta Moito e desenvolveranse na Casa da Cultura de Lousame os venres 3 e 10 de setembro, ás 18:00 horas. As inscricións poden realizarse de balde a través da plataforma bandoticket.com (o de robótica e tamén o de imprenta).
O Obradoiro de Robótica está dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade está previsto para o venres 3 de setembro. “Durante dúas horas, as persoas participantes descubrirán os principios da ciencia, da tecnoloxía, da enxeñería e das matemáticas, participando unha divertida experiencia de aprendizaxe”, explica a concelleira de Cultura e Mocidade, Silvia Agrafojo.
O venres 10 de setembro será a quenda do Obradoiro de Imprenta, dirixido a crianzas de 9 a 12 anos e cunha duración de dúas horas. “Neste obradoiro, a rapazada coñecerá as técnicas artesanais de impresión coas que se facían os libros e aprenderán a utilizar as tipografías de madeira, as prensas de impresión, as tintas, os papeis... para poder deseñar e imprimir os seus propios carteis, postais ou marcapáxinas, que despois poderán levar para casa”, apunta a concelleira lousamiá.
O Concello de Ames está en pé de loita contra a fenda dixital, agravada pola pandemia e moi presente, por desgraza, nos ámbitos non urbanos do noso territorio. Con este motivo, a Concellería de Cultura habilitou unha serie de cursos para achegar coñecementos sobre novas tecnoloxías ás parroquias de Ames. A veciñanza interesada xa pode formalizar a inscrición. Os obradoiros terán unha duración de 25 horas prácticas, repartidas durante 3 meses en dúas horas á semana. Ofértanse 10 prazas en cada un deles.
O obxectivo principal deste programa é “familiarizar aos veciños/as co uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, ensinándolles a incorporalas a distintos aspectos da vida diaria, de xeito seguro e axeitado”, informaron as responsables de Cultura, engadindo que con este programa “darase resposta a unha das demandas dos Orzamentos Participativos do ano 2020”. Nas primeiras sesións impartiranse nocións básicas de iniciación á informática, o sistema operativo, o uso do teclado, a elaboración de documentos sinxelos ou o tratamento da imaxe. Nas seguintes xornadas aprenderase sobre a navegación por Internet, o uso de distintos navegadores, o emprego dos buscadores, o correo electrónico, as redes sociais, o almacenamento na nube, a realización de distintos trámites a través da rede, aspectos de seguridade a ter en conta, etc. Ademais, o curso, a pesar de que se desenvolverá co uso de equipos informáticos, inclúe explicacións para aprender a quitarlle o máximo partido aos dispositivos móbiles.
A Cámara de Comercio da Coruña abriu o prazo de solicitudes para participar nos preto de 100 cursos de formación que deseñou para complementar a formación de xente nova, por unha banda, e de persoas maiores de 45 anos, pola outra, ao longo do segundo semestre de 2021.
En primeiro lugar, a entidade programou máis de oitenta cursos de balde, impartidos nas modalidades en liña e presencial, dirixidos a mozas e mozos inscritos no programa de Garantía Xuvenil e no programa PICE de Garantía Xuvenil da Cámara. Na vertente online destacan os cursos para mellorar competencias dixitais, sobre seguridade e medio ambiente, comercio e mercadotecnia, administración e xestión, electricidade e electrónica ou formación ocupacional, entre outros.
A programación presencial inclúe, pola súa banda, cursos de creación de páxinas web, de cociña, de community management, de soldadura, de Excel para pequenas e medianas empresas, sobre o mercado da moda ou relacionados co traballo en almacéns e manexo de carretilla elevadora, entre unha variada oferta.
Todas as actividades inclúen formación orientada á procura de emprego, como participar en procesos de selección, mellorar as habilidades persoais, sociais, a utilización de Internet, etc., e algúns deles contan con prácticas en empresas.
Programa 45+
O programa 45+ que a Cámara ofrece de balde a persoas de entre 45 e 60 anos interesadas en reinserirse no mercado laboral, inclúe formación e asesoramento para mellorar a súa empregabilidade. Trátase dun servizo de acompañamento activo para axudar a identificar oportunidades laborais a este colectivo. Porase o foco na mellora de competencias dixitais, mediante accións formativas adaptadas ás necesidades de cada participante. A programación dos cursos inclúe ofimática básica e avanzada, transformación dixital, ferramentas colaborativas de Microsoft Office 365 e Google, mercadotecnia ligada ás redes sociais, deseño e programación de páxinas web ou formación de formadores en e-learning, entre outros temas. O itinerario culminará cun grupo de actuacións que, partindo das motivacións e competencias reais do alumnado, fará fincapé en achegar aos participantes ao mundo laboral.