main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/09/202108:24
Cartel da iniciativa.
Ames

O Concello de Ames achega as últimas prazas libres para os seus cursos de alfabetización TIC no rural

A Concellaría de Cultura de Ames organiza, dende setembro ata decembro, un curso de alfabetización dixital nas parroquias do rural. Os cursos das parroquias de Agrón, Trasmonte, Aguapesada, Covas, Tapia e Ameixenda xa están completos, pero, segundo informan dende o Consistorio, aínda quedan prazas nas parroquias de Bugallido, Biduído e Ortoño. Para inscribirse é preciso chamar ao número de teléfono 615 401 264 ou 626 540 755.

Organizado pola Concellaría de Cultura o curso de Alfabetización dixital no rural enmárcase na proposta de adquisición de competencias tecnolóxicas dos Orzamentos Participativos do ano 2019. Esta actividade formativa está deseñada para achegar coñecementos sobre as novas tecnoloxías ao rural de Ames. Os obradoiros terán unha duración de 25 horas prácticas, repartidas durante 3 meses en dúas horas á semana.

Nas primeiras sesións impartiranse nocións básicas de iniciación á informática, o sistema operativo, o uso do teclado, a elaboración de documentos sinxelos ou o tratamento da imaxe. Nas seguintes xornadas aprenderase sobre a navegación por Internet, o uso de distintos navegadores, o emprego dos buscadores, o correo electrónico, as redes sociais, o almacenamento na nube, a realización de distintos trámites a través da Rede, aspectos de seguridade a ter en conta, etc. Ademais, o curso, a pesar de que se desenvolverá co uso de equipos informáticos, inclúe explicacións para aprender a quitarlle o máximo partido aos dispositivos móbiles.

07/09/202108:13
Cartel da iniciativa.
Vigo

A Industriosa estrea en setembro un novo formato de xornadas abertas argalleiras

Industriosa (Vigo) vai estrear este mes de setembro un novo formato no seu programa de actividades de divulgación, participación e cooperación tecnolóxica: o formato das xornadas abertas. Esta fórmula complementa a empregada até o comezo da pandemia, que consistía na apertura das instalacións os martes, mércores e sábado para que os socios puideran traballar nos seus proxectos, botar unha man a alguén ou ir botar unha parrafada “sen maiores pretensións”.

Agora, explican, “gustaríanos abrir tamén a outra xente interesada para que nos poida visitar os sábados de setembro de 11 a 14 horas, ver que facemos e botar unha man se se animan”. A continuación, damos conta dalgúns dos proxectos nos que están a traballar e aos que se agarda dar continuidade:

  • Sistema de apertura remota e autenticada do local de A Industriosa.
  • Máquina recreativa retro-gaming baseada en SW libre (libretro, libGDX, retroarch…).
  • Barco autónomo a escala, empregando proxectos de Software Libre como OpenCV, Linux, Ardupilot…
  • Proxectos educativos de programación de placas de desenvolvemento en uPython.
  • Proxecto para o desenvolvemento de sensor CO2 Open Source baseado no proxecto CO2box.
  • Desenvolvemento de OpenPipe v2, instrumento musical MIDI OpenHardware. 

Dende a iniciativa, dan a benvida a calqueira persoa que teña “algo de inquietude e nos queira visitar”. Iso si, piden que os menores de idade acudan na compaña dun adulto responsable. E engaden: “Debido as restriccións de aforo que debemos respetar, necesitaremos que nos avisedes con antelación de que ides vir. Para iso, crearemos eventos no noso meetup”. Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

06/09/202109:01
Alumno nun laboratorio.
San Cibrao das Viñas (Ourense)

Aberto até o día 30 o prazo de inscrición para as Aulas Tecnópole e para STEAM Kids Tecnópole

O Parque Tecnolóxico de Galicia (a Tecnópole de San Cibrao das Viñas) ten aberto a través da súa páxina web, www.tecnopole.gal, o prazo de inscrición para as súas aulas tecnolóxico-científicas dirixidas á mocidade e máis para o programa STEAM Kids Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 8 a 18 anos. A matrícula poderá realizarse ata o 30 de setembro.

Segundo informa a dirección do parque, fíxose un esforzo especial este curso para “reinventar” tanto as Aulas Tecnópole como as actividades de STEAM Kids Tecnópole, aliñando estas actividades cos Obxectivos da Axenda 2030 das Nacións Unidas e, polo tanto, incorporando propostas para favorecer a dixitalización e a sustentabilidade. “Esta renovación de contidos está a ter moi boa aceptación entre os escolares, tal como se reflicte no avance das inscricións”, sinalou a Tecnópole. 

STEAM Kids Tecnópole para escolares de 8 a 11 anos

STEAM Kids Tecnópole busca ofrecer aos máis novos, por sétimo ano consecutivo, “unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía, a enxeñería, a arte e as matemáticas desde unha óptica artística e creativa”. Diríxese a escolares de entre 8 e 11 anos, cun límite de 25 asistentes.

O programa consta dun conxunto de actividades que xiran arredor de distintos eidos de coñecemento e que requiren do uso de todo tipo de habilidades, “tal como sucede na vida real”, explica a Tecnópole, engadindo que as e os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, terán a oportunidade de voar drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica e superarán diversos retos interdisciplinares, entre outras experiencias. Ademais, están planificadas un gran número de actividades medioambientais, que irán desde a investigación nun pequeno horto ata a recollida de datos meteorolóxicos para a súa posterior análise. Estas sesións celebraranse os mércores de 18:10 a 19:40 horas durante os meses de outubro de 2021 a maio de 2022. A cota mensual é de 50 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense. 

Aulas Tecnópole para rapaces de 12 a 18 anos

 As Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa duodécima edición, están pensadas para “espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos”. As prazas están limitadas a 40 asistentes. A cota mensual é de 15 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.

Os estudantes, procedentes de centros de toda a provincia de Ourense, trasládanse unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2021 a maio de 2022. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. Os estudantes, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación “sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto”, explicou a Tecnópole, engadindo que “os seus ámbitos de traballo abranguen todas as áreas do coñecemento, desde as novas tecnoloxías e a informática ata as ciencias ou as humanidades”. Como principal novidade desta edición, o alumnado participará no concurso de deseño de microsatélites escolares CANSAT. Ademais, aumentaranse as propostas orientadas ao desenvolvemento de aplicacións móbiles con finalidades sociais. Así mesmo, incorporaranse actividades medioambientais e de monitoraxe do medio que permitan conectar os coñecementos tecnolóxicos coa posta en valor do medio ambiente e a importancia da sustentabilidade.

03/09/202108:46
STEM.
Santiago de Compostela

Feijóo avanza a Estratexia Educación Dixital 2030 que, cun investimento inicial de 120 M€, permitirá acadar un ecosistema educativo de alto rendemento e a transformación nas aulas

  • Explica que a planificación definirá unha ducia de accións clave de impacto que abranguen todas as áreas académicas e que involucrarán a totalidade dos integrantes da comunidade educativa, incluíndo docentes, alumnos e familias
  • Sinala que esta estratexia busca non só educar para a vida dixital, senón integrala na propia ensinanza

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Estratexia Educación Dixital 2030, que contará cun investimento de 120 millóns de euros para os primeiros tres anos de aplicación, permitirá acadar un ecosistema educativo de alto rendemento e a transformación nas aulas.

Trala súa aprobación en Consello, Feijóo incidiu en que esta iniciativa estará sustentada en dous piares básicos: o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento; e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital.

Deste xeito, os obxectivos xerais serán: que ninguén se quede atrás no proceso de dixitalización; unha maior presenza da educación dixital e contextos híbridos de aprendizaxe, que mesturan o dixital e o presencial; a progresiva dixitalización de todo o que rodea ao mundo educativo; atallar a fenda dixital e contribuír a loitar contra o reto demográfico e consolidar a poboación nas contornas rurais.

Para acadalo, o presidente da Xunta subliñou que a planificación definirá unha ducia de accións clave de impacto que abranguen todas as áreas académicas e que involucrarán a totalidade dos integrantes da comunidade educativa, incluíndo docentes, alumnos e familias.

Nesta liña, avanzou que a primeira das actuacións terá que ver coa creación, acondicionamento e dotación de polos creativos en todos os centros educativos públicos de Galicia. “Estamos a falar de espazos de solución de problemas reais, pensamento de deseño e habilidades, abordados dende unha perspectiva de competencia STEM -ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas-“, precisou Feijóo.

Así mesmo, os centros tamén deberán ter un plan dixital, para desenvolver de xeito planificado todas as medidas e aproveitar os recursos cos que contarán a partir de agora.

En relación á terceira acción, o presidente do Goberno galego explicou que esta pasará pola dotación de equipamento vinculado á Intelixencia Artificial, de STEM e robótica.

Outras das medidas serán a posta en marcha dunha plataforma de asistencia ao profesorado mediante a aplicación de Intelixencia Artificial, así como a creación dunha Aula Virtual Intelixente, que permitirá afondar na recomendación de actividades, tarefas e itinerarios personalizados.

Ademais de incidir na loita contra a desinformación, con accións formativas, informativas e de sensibilización contra as fake news, levaranse a cabo accións específicas para garantir a máxima calidade na inclusión educativa en contornos dixitais. E, no tocante á formación, desenvolverase un plan de acreditación de competencia dixital nos diferentes sectores da comunidade educativa e outro plan formativo en recursos dixitais especializados, con tecnoloxías de maior especificidade.

Por último, Feijóo aseverou que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que xa está en marcha, estará en consonancia con esta estratexia.

“En definitiva, con esta estratexia buscaremos non só educar para a vida dixital, senón integrala na propia ensinanza”, concluíu o presidente da Xunta.

02/09/202109:36
Cartel da iniciativa.
Madrid

O programa 'Por Talento Dixital' da Fundación ONCE ofrece once novos cursos de formación

  • 'Por Talento Dixital' é un programa informativo que foi impulsado pola Fundación ONCE.

O Programa 'Por Talento Dixital', impulsado pola Fundación ONCE, mantén a oferta de once novos cursos de formación que empezarán a desenvolverse o próximo outono e para os que permanece aberto o prazo de inscrición.

Os cursos, que se impartirán de forma presencial ou virtual, inclúen áreas de coñecemento como desenvolvedor Frontend, programación Java, análise de datos con Python, Wordpress, transformación dixital para emprendedores, márketing dixital e SAP, entre outros.

Tres destas formacións desenvolveranse de forma presencial en Madrid. En concreto, trátase dos cursos de 'Asistente de comunicación, márketing dixital e desenvolvedor web', 'Desenvolvedor Full Stack Java' e 'Análise de datos con Python'. Estes cursos contan con bolsa de prácticas e de emprego para facilitar a incorporación dos alumnos ao mercado laboral.

Ademais, e en liña co apoio da Fundación ONCE a persoas con discapacidade que queren poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial, deseñáronse os cursos de 'Wordpress para emprendedores con discapacidade' e 'Transformación dixital'. En ambos os casos, a formación impartirase na modalidade online.

O prazo de inscrición de todos os cursos conclúe a finais do mes de setembro, de maneira que empezarán a impartirse a principios de outubro.

Programa 'Por Talento Dixital'

A Fundación ONCE, consciente da importancia que ten o sector tecnolóxico e a formación dixital no mercado laboral, puxo en marcha o programa 'Por Talento Dixital', que se desenvolve en coordinación con Inserta Empleo, a súa entidade para a formación e o emprego.

Para a implementación deste programa, conta co apoio do Fondo Social Europeo, así como co financiamento do sector privado que mostra interese no fortalecemento e captación do talento das persoas con discapacidade.

Como parte do programa, a Fundación ONCE mantén aberta de forma permanente unha convocatoria de bolsas co fin de apoiar a incorporación a accións formativas no ámbito tecnolóxico e dixital das persoas con discapacidade e promover así a súa inclusión e impulso laboral en empregos técnicos especializados e altamente cualificados. pódese obter máis información na páxina do proxecto.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS