
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
No traballo participou o investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Suso Benítez-Baleato e Nils B. Weidmann, da Universidade de Constanza (Alemaña), quen é ademais o principal asinante do artigo na revista científica.
A Universidade de Santiago destaca nun comunicado que o estudo está baseado na análise do tráfico global de internet mediante unha observación espacial da penetración en diferentes áreas do planeta e da denominada fractura dixital.
O método "permite observar a conectividade de calquera área do planeta aumentando a imaxe tanto como sexa necesario para calcular a penetración por países, provincias ou municipios, e observar a súa evolución por anos, meses ou semanas", indica a universidade (USC).
Os resultados mostran unha "forte e persistente" situación de "discriminación dixital" daqueles grupos politicamente excluídos, segundo Benítez-Baleato.
Os resultados contrastan coa crenza xeneralizada de que a expansión de internet está asociada a un incremento de dereitos e á mellora da calidade democrática, destaca a universidade.
Os grupos politicamente marxinados presentan significativamente menores taxas de penetración en comparación con aqueles no poder, "un efecto que non pode ser explicado unicamente por factores económicos ou xeográficos".
A hipótese da 'tecnoloxía da liberación' defende que internet fomenta a transparencia e a rendición de contas dos gobernos non democráticos en todo o mundo, de maneira que iso debería axudar aos movementos de oposición a organizarse para a acción colectiva a favor de "os grupos marxinalizados", en opinión dos autores.
Benítez-Baleato opina que "o desenvolvemento científico-técnico estivo historicamente condicionado por criterios políticos e relixiosos, e non existen razóns que convertan a informática nunha excepción".
Advirte de que as políticas de desenvolvemento que buscan promover a paz e a democratización a través de internet requiren ter en conta a "desigual prestación de servizos dixitais nos países" e a "capacidade dos gobernos para condicionar o acceso" ás redes dixitais.
"Só aliviando a desigualdade dixital, as canles modernas de comunicación facultarán ás persoas e sociedades para o fomento do desenvolvemento político e económico", indican os autores do artigo.
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016, que serán entregados no transcurso da XXI Gala das Telecomunicacións. Esta gran xuntanza dos nosos profesionais das TIC celebrarase o vindeiro 30 de setembro, ás 20,00 horas, no Gran Hotel da Toxa.
O Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC foi para Monet Viticultura, pola “introdución das novas tecnoloxías da información en sectores onde aportan valor a procesos tradicionais, e pola súa aplicación a mercados amplos”. O xurado tivo tamén en conta “a orientación de esta empresa á exportación e a súa actividade en I+D+i e a creación de emprego tecnolóxico”.
O Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC recaeu en Beatriz Remeseiro López, por Avances na diagnose do síndrome de ollo seco: desenvolvemento de métodos automáticos para a avaliación de patróns na capa lípida da película lacrimal. O xurado salienta que a tese fornece “solucións para un problema de saúde pública, o síndrome do ollo seco, que afecta a unha grande parte da poboación maior de 65 anos”. Este traballo, sinalou Gradiant, “ten xa demostrado a súa aplicación, tanto no eido académico como na industria do sector da saúde, e ten un claro potencial de transferencia da tecnoloxía desenvolvida”.
O Premio Ineo ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2016 foille concedido a EGATEL S.L. polo proxecto Smart LNB. Neste caso, recoñécese “o carácter innovador do uso eficiente das capacidades de transmisión de datos vía satélite”. Tamén se valorou “o amplo espectro das súas posíbeis aplicacións e a súa contribución á transformación dixital de diversos ámbitos como a saúde, o fogar dixital e o sector industrial”.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa axencia AMTEGA, recaeu en EOSA, pola creación de INclue, sistema tecnolóxico innovador para a valoración técnica da exclusión social en base a criterios homoxéneos. O xurado tivo en conta “que a ferramenta presentada permite unha estimación precisa do grao de exclusión social dunha persoa”.
O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, concedéuselle ao Real Club Celta de Vigo, por “liderar o desenvolvemento de sistemas tecnolóxicos que complementan ós partidos de fútbol e que favorecen a implicación dos afeccionados”.
O Premio ao Mellor expediente académico do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo foi para Daniel Rodríguez Domínguez. Por último, o Premio Enxeñeiro do Ano outorgado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia recaeu en César Mariñas Dávila, pola “súa traxectoria en postos de responsabilidade en diferentes empresas do sector TIC e no exercicio libre da profesión”. Igualmente, distínguese “a súa profesionalidade e independencia, e a súa contribución ao desenvolvemento das telecomunicacións en Galicia”.
O Concello de Lalín, en colaboración coa firma local Máis 3D, vai organizar un curso de balde sobre impresión 3D. A actividade formativa, dirixida sobre todo a mozas e mozos con idades comprendidas entre os dezaseis e os 35 anos, levarase a cabo en dous grupos establecidos en base ao nivel de coñecemento (básico ou avanzado) dos participantes. As clases desenvolveranse na Aula CeMIT de Lalín e o horario será de 16.00 a 20.00 horas. Manuel Martín, Soledad Jarmolchuck e Alberto Novo, de Máis 3D, serán os encargados de impartir os contidos. Complementarán o achegamento á impresión en 3D con equipamento in situ, por exemplo as impresoras Zortrax M200, Legio, XYZ Davinci ou XYZ Nobel.
Segundo fixeron saber na presentación, a finalidade é conseguir que os participantes sexan quen de tirar partido dunha impresora 3D, levar a cabo un deseño e, tamén, traballar con material xa impreso. Máis en detalle, búscase achegar “os coñecementos precisos para que os alumnos poidan realizar impresións 3D de nivel medio nas tecnoloxías FDM e SLA, amais de materializar diferentes pezas con elementos variados co fin de comprender as moitas aplicacións destas tecnoloxías”. Na presentación tamén participaron os concelleiros de Novas Tecnoloxías e Cultura, Tomás Vilarió e Lara Rodríguez, respectivamente. O curso, como dixemos, levarase a cabo en dúas quendas. A primeira será os días 12, 13, 14 e 15 de setembro, con horario de 16.00 a 20.00 horas. A segunda será os días 19, 20, 21 e 22 do mesmo mes e co mesmo horario.
A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) colaborarán de novo en 2017 para garantir que a capacitación dixital chegue a todos os galegos a través das actividades que desenvolve a Rede de aulas CeMIT.
Así se recolle nun convenio, aprobado hoxe polo Consello do Goberno galego, e que asinarán proximamente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Vicepresidencia e Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fegamp.
Con este acordo garántese e continuidade e mellora dun dos instrumentos fundamentais do Plan de inclusión dixital de Galicia 2020 para reducir non só a primeira fenda dixital, a do acceso ás TIC, senón tamén a segunda fenda dixital, a das habilidades dixitais, facilitar unha aprendizaxe permanente neste eido e contribuír á mellora da empregabilidade.
Investimento
O acordo establece que en 2017 a Amtega achegará aos concellos a través da Fegamp 782.774,70 euros para a realización de actividades en materia de inclusión dixital nas consideradas aulas de referencia da Rede. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas, así como da poboación do concello.
O acordo inclúe a posibilidade de dispor dunha listaxe de aulas de reserva de xeito que, cando unha aula de referencia sexa baixa por vontade propia ou por incumprimento dos criterios establecidos, as aulas de reserva poderán pasar a ser aula de referencia sempre e cando cumpran os requirimentos de actividade.
Plan de inclusión dixital 2020
Os obxectivos previstos da Rede para 2017 son impartir 31.500 horas de formación dixital gratuíta e acadar os 65.000 usuarios rexistrados.
As aulas CeMIT son un dos instrumentos fundamentais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, que a Amtega puxo en marcha este ano para facilitar non só a alfabetización dixital senón tamén unha capacitación máis avanzada no eido das TIC.
O plan é unha estratexia cimentada na cooperación, no consenso e na implicación de todos os axentes do ecosistema dixital, que conta co apoio de 700 aliados dixitais e que mobilizará máis de 7 millóns de euros de fondos públicos ata 2020 para abordar tres obxectivos.
O primeiro, continuar reducindo a fenda dixital e crear hábitos de uso das TIC entre aqueles que non as empregan. O plan busca incrementar en 8 puntos (do 67% no día de hoxe ao 75% en 2020) a porcentaxe da poboación galega que acceda a Internet habitualmente.
En segundo lugar, incrementar os coñecementos dixitais dos que xa empregan as TIC. O Plan reforzará os itinerarios formativos avanzados e o asesoramento á busca de emprego co apoio das TIC e, ademais, difundirá as oportunidades de emprego que ofrece o sector tecnolóxico.
O terceiro obxectivo é fomentar o uso das TIC como unha forma innovadora de resolución dos desafíos sociais, grazas a iniciativas de innovación social dixital.
204.000 horas de formación e preto de 58.000 usuarios en 5 anos
A rede CeMIT conta cun total de 98 aulas, presentes en 92 concellos. Desde a súa posta en marcha pola Amtega, hai cinco anos, a Rede leva impartidas máis de 204.000 horas de formación gratuíta, principalmente en alfabetización e capacitación dixital a preto de 58.000 usuarios rexistrados.
A rede ofrece tamén formación especializada por colectivos grazas á súa colaboración co Centro Demostrador TIC, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública, retransmitindo xornadas e actividades a través da súa rede de videoconferencias.
Ademais, desde 2014, CeMIT é a rede habilitada para acreditar á cidadanía a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (Codix), da cal xa se examinaron máis de 1.900 persoas.
A Deputación de Pontevedra quere promover a igualdade a través de metodoloxías e ferramentas non discriminatorias, abertas, integradoras, útiles, accesibles e universais. Por exemplo as novas tecnoloxías da información. De aí xurdiu o programa de Conectadas 2016, que iniciou esta semana 16 novos obradoiros repartidos entre 12 concellos da provincia: Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Mos, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Silleda, Soutomaior, Vigo e Vilaboa. As accións xa encetadas abranguen temáticas moi diversas, que van dende as actividades físicas á artesanía, pasando polas TIC. Precisamente organízase estes días un obradoiro inserido no eido da alfabetización dixital, de fotografía e edición. Conectadas 2016 tamén aborda cuestións como o comercio electrónico ou administración de redes sociais, ademais doutras achegas (o programa está accesible en formato PDF).
Como lembraremos, Conectadas ten como obxectivo “potenciar a participación e promoción das mulleres, mellorar a súa formación básica e favorecer as relacións interpersoais en igualdade, así como o intercambio de experiencias”. Ademais, diríxese a contribuír á mellora da empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, “reducindo a brecha dixital mediante o emprego da información e as novas tecnoloxías da información”. As actividades estanse a realizar ao longo de 60 concellos da provincia e son máis de 5.000 alumnas e alumnos os que se beneficiarán en total do programa. Cada un dos cursos ten unha duración de 35 horas e precisa un mínimo de 15 persoas participantes, organizándose en grupos de entre 20 e 25 persoas como máximo e con preferencia ás mulleres. Só un 25% das prazas se reservan para homes, agás no caso dos cursos relacionados coa cociña e alimentación, onde a distribución de prazas está a ser mixta. Conectadas 2016 é unha iniciativa desenvolvida polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.