main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/09/201608:41
Nenos usando un PC
Santiago de Compostela

O 54% de pais ve a Internet como segura para os seus fillos e o 43% non falou de riscos

  • Un estudo elaborado a 450 pais e nais por parte da ONG de protección da infancia Educo revelou que o 54% considera Internet como unha ferramenta segura se se seguen unhas pautas básicas e o 79% descoñecen ferramentas para controlar o acceso dos seus fillos.

 

Segundo as conclusións deste estudo de 2016, máis da metade dos pais colgan fotos dos seus fillos en redes sociais e perfís de Whatsapp e o 43% non falaron de forma extensa dos problemas e riscos de Internet con eles.

En rolda de prensa este martes, o director xeral de Educo, José Maria Faura, explicou que o estudo constata que "a metade de pais non son conscientes dos riscos de Internet", e que ademais moitos non saben comunicarse cos seus fillos.

Ademais, recalcou: "A violencia infantil en España é un problema real e máis frecuente do que pensamos, aínda que moitos casos non saen á luz".

Segundo datos ofrecidos na rolda de prensa, no mundo un de cada dous nenos sufriu algún tipo de violencia antes do oito anos e que na UE, un de cada cinco nenos foi vítima dalgún abuso, segundo un estudo de 2010.

A directora de Acción Social da ONG, Clarisa Giamello, destacou do estudo que o 32% dos pais atopa dificultades para manter unha comunicación diaria cos seus fillos, o 54% non falou con eles de acoso escolar e o 65% non abordou temas de educación sexual.

Ademais, o 63% dos pais considera que é a escola a que debe resolver os casos de acoso escolar --'bullying'-- e o 17% responde que é "cousa de nenos" e que non faría nada se non fora a máis.

Segundo ela, o estudo que realizaron ofrece dúas conclusións: "Os pais non son conscientes dos riscos e non hai suficiente comunicación na familia".

O responsable do Grupo de Delitos Tecnolóxicos da Policía Nacional en Castellón, Pere Cervantes, explicou que, segundo a súa experiencia, prodúcese "o paradoxo" de que nun mundo hiperconectado falta comunicación nas familias.

Indicou que o primeiro delito cometido en menores é o 'cyberbulling', o acoso en Internet, ademais do bullying, que adoitan ir relacionados, ademais doutros como o intercambio de fotos de contido sexual sen consentimento, o 'sexting'.

Para promover a protección infantil, Educo promoveu un kit de material pedagóxico e informativo destinado aos pais para axudarlles a previr a violencia cara aos seus fillos.

O kit --un destinado a pais de nenos entre seis e nove anos e outro para nenos de nove a 12-- recolle manuais, contos, guías de lectura e fichas para promover o diálogo sobre temas de violencia entre pais e fillos.

Ademais, Educo lanzou un anuncio televisivo para sensibilizar aos pais sobre os riscos de Internet no que unha nai descobre aos seus fillos menores cando están a piques de enviar fotos a un descoñecido por Internet.

Carlos Alonso, bailarín e vítima de 'bullying', explicou que sufriu acoso dos seis aos 12 anos e opinou que "o problema non son os nenos, son os pais", xa que ao seu entender moitas das condutas dos menores son por imitación.

Considerou que os consellos se deben dar aos pais dos nenos acosadores, xa que o menor non é consciente do que fai: "Deixemos de educar aos nosos fillos pola televisión e as redes sociais".

14/09/201608:09
TIC
Santiago de Compostela

Iniciativa Xove financia a participación de mozos e mozas emprendedores ou en situación de desemprego no programa “Emprender a través das novas tecnoloxías”

  • Un grupo de 20 persoas están a formarse en marketing dixital, redes sociais, web corporativas ou comercio electrónico
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe nunha das actividades do programa

 

Un grupo de 20 mozos e mozas da comarca do Baixo Miño participan no programa “Emprender a través das novas tecnoloxías”, financiado pola liña Iniciativa Xove da Consellería de Política Social a través da Asociación Érguete Baixo Miño. Os e as participantes están en situación de desemprego ou ben veñen de iniciar unha etapa emprendedora e precisan de formación e asesoramente en marketing dixital, redes sociais, webs corporativas ou comercio electrónico.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou onte nunha das actividades deste programa e destacou que “Iniciativa Xove é un programa onde a Administración non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas, tratando de que a burocracia ceda o protagonismo á xuventude”.

A titular autonómica tamén explicou que “este programa Xove está concibido como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades dirixidas á xuventude, ao tempo que se fomenta a súa participación, estimúlase o talento xuvenil e permite poñer en práctica as súas ideas”.

Ademais, Cecilia Vázquez tamén fixo referencia ao Estudo da Universidade de Santiago sobre “Os programas de Educación non formal e empregabilidade da Xuventude en Galicia”, que foi presentado este mesmo ano e que analizou cientificamente varios programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre eles Iniciativa Xove. Neste estudo, se indica que a satisfacción xeral coa formación adquirida no caso dos participantes en Iniciativa Xove foi do 82% e ante a pregunta de se recomendarían o programa, un 88% responden afirmativamente. En canto á utilidade dos coñecementos adquiridos para o emprego, responden positivamente un 76% dos participantes no programa.

Este ano un total de 122 entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas se benefician do programa Iniciativa Xove. Das iniciativas financiadas, 68 corresponden a asociacións xuvenís e 54 a grupos informais de mozas e mozos. En liña coas recomendacións da Unión Europea, Galicia foi a primeira comunidade autónoma que financiou iniciativas de grupos informais, co fin de que a excesiva burocracia non sexa un impedimento para que leven a cabo as súas ideas.

A directora Xeral de Xuventude lembrou que Iniciativa Xove financia o cento por cen das iniciativas de interese cun orzamento máximo de 5.000 euros. Así mesmo, todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o soliciten, reciben un anticipo do 80% sobre o total da cantidade concedida.

Unha vez finalizadas as accións, os participantes poderán obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permitirá confirmar a participación neste programa e sobre todo valorar as competencias adquiridas.

 

13/09/201608:29
Cartel do evento
A Coruña

O último en novas tecnoloxías culturais será é eixo do primeiro encontro de Coruña Dixital

Hoxe A Coruña acollerá o seu primeiro encontro Coruña Dixital, un programa promovido pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, coa finalidade de expandir na cidade as novas prácticas culturais e creativas xurdidas a través das novas tecnoloxías. Máis polo miúdo, a xuntanza deste día 13 tratará sobre as tendencias máis innovadoras do coñecemento e a creatividade dixital. A xornada, cuxa inscrición é de balde, será a primeira acción que inaugure esta iniciativa pioneira en Galicia "formada por axentes e colectivos que traballan arredor destas prácticas e que conta con apoio institucional", segundo indicou o edil José Manuel Sande.

"Con esta proposta, o Goberno local quere facilitar a conexión das persoas interesadas na cultura dixital e no uso creativo da tecnoloxía", explicou o concelleiro, engadindo que "así como impulsar o emprendemento sustentable e con capacidade transformadora entre a cidadanía que quere ser parte activa de contornas colaborativas e horizontais". Indo á xornada en cuestión, cómpre dicir que se desenvolverá dende as 10 até as 19.30 horas no Centro Ágora e, mediante charlas (de menos de 20 minutos cada unha), achegaranse as principais tendencias da innovación social a través de prácticas dixitais, proxectos tecnolóxicos sociocomunitarios, ou de contidos dixitais colectivos, espírito Maker e robótica educativa.

No encontro, que participarán profesionais do sector como Juan Freire, José Luis Vicente, Beka Iglesias, ou Fran Díaz, tamén se analizará a situación actual do panorama galego no eido das novas tecnoloxías e narrativas de Internet. Para iso, a xornada contará coa presencia de María Yáñez, Chus Prol, Fran Quiroga e Tucho Méndez, amais de Diego Parajó, que coordinará na sesión de tarde as mesas horizontais nas que se abrirá un espazo de traballo para desenvolver, entre todas e todos os asistentes, as posibilidades desta iniciativa, que terá continuidade nos vindeiros meses.Engadir que Coruña Dixital achegará ao longo do último trimestre do ano numerosa programación que complementará a oferta existente da cidade, entre as que se atopan o Hackathon, un evento que reunirá a profesionais do deseño, a programación e outros perfís no que se experimentará con datos e aplicacións, ou o Ateneo Atlántico de Prototipado, no que se levará a cabo un laboratorio intensivo aberto de tecnoloxías libres.

Para realizar a inscrición e obter máis información sobre a iniciativa e outras propostas para este outono da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento en relación coa cultura dixital, pódese visitar a web de Coruña Dixital.

13/09/201608:19
Curso de Mercadotecnia Dixital da Fundación CEL
Lugo

Comezan as accións formativas da Fundación CEL arredor da mercadotecnia dixital

Onte deu comezo o Curso de Mercadotecnia Dixital nas instalacións da Fundación CEL de Lugo, unha actividade formativa co-financiada pola Rede Eusumo da Xunta e que vai fornecer contidos e recursos sobre os mellores xeitos de tirarlles partido ás novas ferramentas (comercialmente e comunicativamente) a unha vintena de alumnos (emprendedores e empresarios do ámbito da economía social). Segundo informa a Fundación, acadouse coa devandita cifra o “cheo total” no que a prazas dispoñibles se refire. A actividade que arrincou onte (a primeira de dous cursos previstos de mercadotecnia TIC) está dirixida a membros de cooperativas e sociedades laborais de recente creación, así como a emprendedores do ámbito social.

Trátase dun curso de iniciación e outro de nivel avanzado que esgotaron as súas prazas ao pouco tempo de lanzar o proceso de inscrición. A través deles búscase “facilitar a comprensión da importancia que supón acometer procesos de transformación dixital nunha organización e a adquisición de competencias tecnolóxicas básicas”. Igualmente, fomentarase “a aprendizaxe para o desenvolvemento dun plan de comunicación dixital propio, e indicarase como tirar proveito das principais ferramentas para a súa aplicación, como blogs e redes sociais”. Esta formación está a ser impartida por un experto profesional do sector: Raúl Ordóñez, consultor e formador TIC, especializado en mercadotecnia en liña e medios sociais). A achega de contidos levarase a cabo de maneira presencial e baixo un formato eminentemente práctico.

Segundo informa a Fundación CEL a propósito dos porqués destas accións formativas, “o coñecemento e implementación de estratexias de mercadotecnia dixital é hoxe fundamental nas empresas”. Cousas como a mercadotecnia dixital, en xeral, e a mercadotecnia de contidos, en particular, “convertéronse en ferramentas fundamentais que permiten que as pequenas e medianas empresas tamén poidan chegar aos seus clientes de forma rápida e de balde, ofrecéndolles información interesante para a súa toma de decisións”, engade a entidade de Lugo.

12/09/201610:05
Presentación en A Pontenova
Lugo

A Deputación dálle un pulo decisivo ao banco dixital de recordos de Lugo

O acubillo dixital de lembranzas da provincia de Lugo, Memoria Dixital de Lugo, vai coller pulo con máis información e máis presenza na vida en liña dos internautas. Así nolo vén de certificar a Deputación de Lugo, que se comprometeu este venres 9 de setembro a impulsar con varias medidas (contidos, servizos, promoción, participación) o devandito banco audiovisual de recordos.

As medidas foron dadas a coñecer na Pontenova, polo presidente da Fundación TIC e da Deputación de Lugo, Darío Campos. Segundo fixo saber, “abrimos a toda a sociedade lucense este arquivo, pioneiro na nosa provincia, que tivo como xerme un programa destinado exclusivamente aos maiores de 55 anos”.

Campos engadiu que esta nova andaina arrinca con novos contidos e cunha páxina Memoria Dixital Lugo, explicou, inclúe vídeos, arquivos de son, fotografías antigas e diversos documentos dirixidos a achegar un máis amplo coñecemento “da nosa historia recente”, sobre todo “a da primeira metade do século XX”. E engadiu: “Será un legado para as vindeiras xeracións, tanto para os lucenses como para os investigadores e os amantes da historia en xeral”.

Na presentación proxectáronse varios exemplos destes “recordos” dixitalizados e inmortalizados. Ademais, o presidente provincial partillou cos veciños que asistiron ao acto a navegación pola devandita páxina, “moi doada de empregar”, a través de computadores táctiles. Segundo engadiu con vistas ao futuro, a intención é ampliar o banco con máis testemuños individuais que axuden “a conservar para as vindeiras xeracións o mellor tesouro dun pobo: a súa memoria colectiva”. O presidente da Fundación TIC animou a todos os lucenses, e tamén aos concellos, ás asociacións e aos centros de maiores da provincia a que “contribúan a crear este banco de recordos”. Para facelo, poderán achegarse á sede da Fundación TIC, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, ou chamar ao teléfono 982 284 6 67. Tamén poderán enviar a súa propia gravación ou fotos e documentos escaneados ao correo maiores@fundaciontic.org.

A maiores desta iniciativa de recollida, os profesionais e estudantes da Fundación desprazaranse por toda a provincia para atender as solicitudes dos concellos e dos colectivos. Contarase para isto cunha equipa de titulados da Escola de Imaxe e Son, que non só organizarán os encontros e gravarán os testemuños senón que tamén terán ocasión de “ensinar aos participantes a gravarse a si mesmos co móbil e enviar o vídeo por correo electrónico ou a escanear unha foto”. Neste senso, o obxectivo da Deputación é establecer unha canle dixital de colaboración e intercambio de coñecemento entre diferentes xeracións. Todo o material obtido publicarase na web memoriadixitallugo.es, en palabras da entidade provincial “unha páxina especialmente deseñada para esta nova etapa”. Está artellada nos seguintes bloques: recordos, voces, imaxes e experiencias. Ademais, os testemuños distribúense en apartados relativos á nenez, mocidade, matrimonio, emigración, traballos e vida no rural, feiras e festas, Lugo máxico e outros recordos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS