main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

01/08/201611:57
Equipo TIC adapatado a Braile
Santiago de Compostela

A Fundación ONCE convoca axudas para fomentar a inserción laboral de persoas con discapacidade

  • Dotadas con dous millóns de euros, enmárcanse no programa do Fondo Social Europeo de Inclusión Social e Economía social

A Fundación ONCE lanzou unha convocatoria de axudas destinada a entidades do mundo asociativo que traballan con persoas con discapacidade, cuxo obxectivo é contribuír á mellora da inserción sociolaboral e a contratación deste colectivo.

As axudas, dotadas con dous millóns de euros, diríxense, por tanto, a asociacións, federacións e demais entidades sen ánimo de lucro, que traballan con persoas con discapacidade desde o mundo asociativo, o que exclúe a fundacións privadas e centros especiais de emprego.

Dividida en dous apartados, a convocatoria enmárcase no programa operativo do Fondo Social Europeo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 (coñecido polas súas siglas Poises), que persegue fomentar a inclusión social por medio do emprego e a loita contra a pobreza, á vez que paliar a discriminación dos colectivos máis desfavorecidos.

O primeiro dos apartados da convocatoria é máis xeneralista e está dirixido a todas as entidades cunha cantidade asignada de 1,2 millóns de euros. O outro apartado é máis concreto, está dotado con 800.000 euros e destínase a asociacións, fundacións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade que atendan a cidadáns con maiores dificultades de acceso ao emprego, como son as persoas con discapacidade intelectual, incluíndo síndrome de Down e trastorno do espectro do autismo, trastorno mental, parálise cerebral, dano cerebral sobrevindo, pluridiscapacidad e enfermidades raras.

En ambos os casos, os principais fins que se perseguen son impulsar a inserción social por medio do emprego, a mellora da empregabilidade a través da formación e aumentar a contratación de persoas con discapacidade en risco de exclusión.

As entidades interesadas en beneficiarse dalgunha destas axudas, tanto no apartado xeral como no específico, deben pedilas antes do día 28 do próximo mes de setembro, cando finaliza o prazo de recepción de solicitudes.

Dispoñen de toda a información necesaria para facelo na web de Fundación ONCE (www.fundaciononce.es), no apartado Convocatorias FSE 2016.

01/08/201611:02
Frame del segundo capítulo.
Santiago de Compostela

‘ON Fologüers’, a serie animada da Fundación ONCE, de vacacións a Málaga no seu segundo capítulo

  • Nesta ocasión a súa protagonista é Laura, unha moza cega que tratará de conseguir que Adolfo “se desenganche” das redes sociais neste verán

A Fundación ONCE lanzou o segundo capítulo da miniserie animada "ON Fologüers". Nesta ocasión a súa protagonista é Laura, unha moza cega que tratará de conseguir que Adolfo "se desenganche" das redes sociais este verán.  

A serie, que se distribúe a través de Internet e redes sociais, pretende promover a normalización das persoas con discapacidade e mostrar a discapacidade sen que se fale dela.
 
"A discapacidade non é a protagonista", segundo explicaba José Luís Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, o día da súa estrea. "Quixemos mostrar a discapacidade sen que se fale dela, nun ton desenfadado e distendido. Trátase de mostrar a realidade como é".
 
Os personaxes da serie, que consta de oito capítulos, son novos con e sen discapacidade que desenvolven a súa vida en distintas contornas e protagonizan tramas a través das que coñecemos as barreiras sociais e arquitectónicas ás que deben facer fronte no seu día a día.
 
"Reflectimos en cada un dos capítulos o concepto do deseño para todos. Transmitimos cun sorriso valores como a solidariedade, o compromiso, o compañeirismo, que levados ao noso día a día permítennos lograr a inclusión das persoas con discapacidade", reitera Martínez Donoso.
 
Así, neste segundo capítulo no que a protagonista se vai de vacacións a Málaga en tren, aparecen cuestións relativas ao turismo accesible xa incorporadas, por exemplo no transporte ferroviario ou nos accesos ás praias para persoas con discapacidade.
 
Ademais, abórdanse os riscos das novas tecnoloxías mostrando como un dos protagonistas, Adolfo, está "enganchado" ás redes sociais. Laura tratará de "desconectalo" para que goce dun verán inesquecible en liña co título deste segundo capítulo, "Desconnecting Pipol".   
 
Ao longo da tempada coñeceremos ao resto da cuadrilla e en cada capítulo veremos como cada personaxe conseguirá os seus obxectivos, facendo unha denuncia construtiva e con humor de situacións concretas que se atopan as persoas con discapacidade.

01/08/201610:51
Logo Cogami
Santiago de Compostela

A Fundación Vodafone España e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), unidos para lograr a inserción laboral de persons con discapacidade a través das TIC

  • A Fundación Vodafone España colabora con COGAMI a traés do programa “COGAMI integra a través das TIC” para potenciar o uso das novas tecnoloxías e o seu desenvolvemento na busca de emprego.
  • O 30% dos participantes do programa xa están traballando.

Un total de 150 persoas con discapacidade desempregadas de toda Galicia participan no programa `COGAMI integra a través das TIC e no que a Fundación Vodafone España colabora co fin de potenciar o uso das novas tecnoloxías para que sirvan como un apoio máis á hora de capacitar a persoas que están en situación de desemprego.

O programa, que se iniciou no principio do ano, ofrece ás persoas participantes un servizo de asesoramento, información, formación e capacitación en TIC baseado en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co propósito de facilitar a procura de emprego e poder acceder ao mercado laboral. Para isto, impartíronse obradoiros sobre manexo de portais de emprego a través de Internet nos que participaron 65 persoas e desenvolvéronse outros 4 obradoiros presenciais sobre procura activa de emprego, contando estes con 74 participantes.

As persoas seleccionadas para formar parte do programa cumpren uns perfís similares: teñen discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para desenvolvemento da súa profesión habitual, durante os seis meses anteriores ao programa non tiveron un contrato laboral, son persoas con maiores dificultades de inserción (por iso é polo que o 50% de participantes son mulleres), e viven en zona rural. Segundo o ámbito territorial ao que pertencen, 24 dos participantes son da Coruña, outras 24 son de Santiago de Compostela, 18 de Ferrol, 18 de Lugo, 19 de Ourense, 22 de Pontevedra e 25 de Vigo.

Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas e da súa motivación. Para iso trazan un itinerario o máis axustado posible aos intereses e posibilidades da persoa, ademais de proporcionarlles formación sobre uso de ferramentas TIC, portais de emprego e videocurriculums.

Outra das accións que se realizan durante o desenvolvemento do programa `COGAMI integra a través das TIC, é a visita a empresas onde se realizan labores de sensibilización cara á discapacidade, infórmase sobre bonificacións e incentivos e xestiónanse ofertas de emprego. Durante este primeiro semestre de programa, visitáronse 213 empresas que abriron 152 ofertas de emprego.

A metade do programa, 45 persoas están a traballar actualmente, o 30% das que o iniciaron, uns datos que se espera superar durante o segundo semestre de desenvolvemento de programa. Con respecto ao tipo destas contratacións, 24 son por obra ou servizo, 12 son temporais, 4 por interinidade ou substitución, 3 son indefinidos e 2 son contratos eventuais.

01/08/201608:37
Pont-Up Store
Santiago de Compostela

As tecnoloxías e a innovación, alicerce dos 36 proxectos que participarán en Pont-Up Store

Pontevedra acollerá os días 23 e 24 de setembro a terceira edición de Pont-Up Store, unha iniciativa organizada pola Universidade de Vigo e o Concello que se dirixe a impulsar e visualizar ante o mundo o puxante emprendemento da nosa terra. A organización escolleu 36 proxectos de España e Portugal para ter presenza na carpa que se instalará os ditos días na Praza de España. Preto dun 70% das candidaturas teñen base en Galicia e menos dun terzo na cidade de Pontevedra, habendo tamén presenza de candidatos de Braga, Madrid e Xixón. Segundo informan os impulsores da iniciativa, entre as propostas escolmadas hai “unha ampla presenza de empresas de alicerce tecnolóxico”.

Dos 36 proxectos, 33 contarán cun emprazamento propio de balde para amosar os seus produtos, ideas e servizos e 14 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades de dinamización, desenvolvendo propostas como obradoiros sobre recursos para pequenos emprendedores ou sobre como facer unha tenda online nunha hora sen coñecementos previos.

Tamén haberá, entre outras moitas cousas, montaxes de automóbiles en equipo, demostracións de robótica, xogos de probas mediante a aplicación Dogoplay, presentación de discos ou programas de radio en directo. Igualmente, está prevista unha sesión de adestramento executivo para emprendedores de economía social e xeiras de traballo sobre gamificación, un maratón creativo e un taller de impresión 3D e gravado láser.

Nesta edición preséntase, tamén, unha nova modalidade de participación baixo a etiqueta de Puntazo Exprés, que nace a partir da experiencia do programa Pontevedra Ten un Puntazo da Concellaría de Promoción de Pontevedra. Esta modalidade abrirá o seu prazo de candidaturas entre o 1 e o 15 de setembro e ofrecerá a dez novos emprendementos a oportunidade de presentar a súa idea de negocio ante cinco importantes entidades e grandes empresas galegas de diferentes sectores.

29/07/201612:31
Concello de Lugo.
Santiago de Compostela

O obradoiro EmpregaTIC de Lugo arrinca en setembro

A xunta de Goberno do Concello de Lugo vén de aprobar a execución do obradoiro de emprego EmpregaTIC, unha iniciativa dirixida a achegar a 15 desempregados locais medio ano de formación especializada no eido das novas tecnoloxías da información. Este futuro de EmpregaTIC, unha clara aposta a prol da empregabilidade pola vía tecnolóxica, foi dado a coñecer este mércores polo voceiro municipal, Miguel Fernández, que lembrou que o orzamento para o obradoiro é de 130.800 euros (subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria) e que as persoas que queiran participar nesta iniciativa de formación innovadora deben dirixirse ás oficinas de emprego, formalizando previamente a súa inscrición no Plan de Garantía Xuvenil. A selección terá lugar en agosto. En setembro, co curso académico, comezará oficialmente EmpregaTIC.

Este programa, por certo, ten unha vertente dupla: amais de impulsar a empregabilidade no termop municipal diríxese a reivindicar e visualizar o rico patrimonio documental, natural e histórico do concello. E todo a través das novas tecnoloxías.

EmpregaTIC artéllase en dous módulos: Xestión de marketing e comunicación, para 8 alumnos e Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, para 7 alumnos. Entre as actuacións principais atópase o deseño dun produto multimedia onde consultar os arquivos dixitalizados, a realización dun vídeo e dunha infografía, e a posta en marcha dun plan de mercadotecnia, así como eventos sobre cultura dixital, entre outros. Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

Segundo informou o Concello, EmpregaTIC dará continuidade aos tres últimos obradoiros que financiou ao Concello a Administración Autonómica: a Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs e Urbs Lvcvs, relacionados coa xestión documental, arquivo, dixitalización e catalogación do patrimonio histórico e cultural do que é titular o Concello de Lugo. “Estas medidas”, engade o Goberno local, “favoreceron a inserción de 70 persoas desempregadas, contribuíndo a atesourar 198 libros, 21.000 imaxes, 2.300 planos, máis de 3.200 fotografías e dixitalización 3D”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS