main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/09/201611:32
Encontro en Lanzadeiras de Galicia 2016.
Santiago de Compostela

A Fundación Telefónica impulsará a finais de ano seis novas Lanzadeiras galegas de Emprego

Imos ter máis Lanzadeiras de Emprego de Galicia, unha iniciativa de formación e cooperación contra o desemprego posta en marcha pola Fundación Telefónica xunto coa Fundación Santa María A Real e, para a nosa terra, a Consellería de Economía e Industria. Máis polo miúdo, a ampliación destas palestras formativas abeiradas ás novas tecnoloxías materializarase a finais de ano con seis novos puntos de “lanzamento” en territorio galego. Así nolo contaron este luns os principais impulsores do programa reunidos en Compostela, na Cidade da Cultura, ao abeiro da celebración do Encontro en Lanzadeiras de Galicia 2016.

Participaron na xeira de hoxe o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca; a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez; o director de Coordinación Territorial de Fundación Telefónica, Joan Cruz; e máis a técnica de Comunicación do Programa Lanzadeiras na Fundación Santa María A Real, Marta Prieto.

Ademais, fixeron acto de presenza na cita celebrada na Cidade da Cultura as 150 persoas que se benefician arestora do devandito programa formativo-colaborativo na nosa terra. A convocatoria actualmente en activo abrangue lanzadeiras nas seguintes localidades galegas: Marín, Redondela, Arteixo, Lugo e Santiago (en colaboración coa Xunta) e Ourense (co Concello). A elas, como dixemos, engadiráselles na recta final de ano seis novos emprazamentos máis.
Na xuntanza do Gaiás os representantes das devanditas entidades coincidiron en animar ao centenar e medio de mozas e mozos presentes no acto a proseguir con valentía co camiño iniciado ao abeiro das lanzadeiras, apostando por desenvolver a súa capacidade innovadora e laboral, “que sen dúbida é moita” e que, segundo sinalou o conselleiro de Economía no remate da xornada, “está presente en todos e cada un de nós, o único que é preciso é termos oportunidades para que este potencial abrolle en calquera das súas manifestacións”.

Conde salientou que este programa mellora “a empregabilidade da mocidade e a súa cualificación a través dunha formación que busca a especialización dos participantes que se atopaban en situación de desemprego ao inicio da iniciativa en xuño”. O conselleiro defendeu que a aposta pola formación “permite á mocidade aumentar as súas oportunidades para atopar un emprego de calidade, ao tempo que contribúe a mellorar a competitividade do tecido empresarial e industrial galego ao contar con persoal máis cualificado”. Ademais, dixo, “estas lanzadeiras en concreto ofrecen novas oportunidades para os mozos e mozas dos cinco concellos participantes”.
Ao seu xuízo, estes centros de formación e colaboración afrontan “un problema moi serio”, que é o de contribuír a achegar solucións para o desemprego. Conde salientou tamén o feito de que se afronte este problema do noso tempo con respostas do noso tempo. “Dende un punto de vista económico, somos testemuñas dunha forte irrupción das novas tecnoloxías, que chegaron a todos os eidos da economía e ante as cales as empresas están a reaccionar”, destacou, engadindo que boa parte desta reacción emprega a mesma fórmula da que se tira proveito para as lanzadeiras: “Reaccionan mediante a cooperación”.

A edición en curso
Respecto da convocatoria en curso, o pasado mes de xuño confirmamos a posta en marcha de cinco lanzadeiras: a de Arteixo, a de Lugo, a de Marín, a de Redondela e a de Santiago. A estas cómpre engadir a de Ourense, impulsada co respaldo do Concello. Cada palestra formativa, como sinalamos, está integrada por 25 persoas desempregadas: mulleres e homes con idades comprendidas entre os 18 e os 59 anos. Durante estes meses os participantes das cinco Lanzadeiras de Emprego (150 en total) xuntáronse varios días á semana e nestas xeiras de traballo e formación puideron participar en sesións de adestramento e intelixencia emocional, en dinámicas de comunicación, de marca persoal e de procura de emprego 2.0, en prácticas de entrevistas persoais, en elaboración de mapas de laborabilidade, en visitas a empresas, en reunións con emprendedores e, tamén, en procesos de intermediación laboral con responsábeis de recursos humanos.

As palestras de Arteixo, Lugo, Marín, Redondela, Santiago e Ourense están incluídas nas 145 lanzadeiras que a Fundación Santa María A Real e Fundación Telefónica puxeron en marcha este ano por todo o ámbito estatal, para o que se contou (e se conta) tamén coa colaboración do Fondo Social Europeo.

Segundo informaron daquela os impulsores desta iniciativa laboral, durante 2014 e 2015 as lanzadeiras foron “unha demostración dun proxecto que responde con efectividade ao problema do desemprego” e cuxos resultados de inserción laboral, superiores ao 60%, “convidan a seguir loitando contra esta secuela social do desemprego”.

06/09/201610:44
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

CENTAC fomenta a participación e a innovación no seu 7º Congreso Nacional

  • Un ‘speaker’s corner’ servirá para que emprendedores, empresas ou asociación expoñan proxectos TIC que fomenten a accesibilidade e a usabilidade
  • Na zona expositiva mostrarase tecnoloxía innovadora para a mellora da vida das personas con discapacidade, con limitacións ou as persoas maiores

A sétima edición do Congreso Nacional CENTAC de Tecnoloxías da Accesibilidade, que se celebrará en Zaragoza os días 14 e 15 de novembro, contará con dúas plataformas de exposición pública: unha zona expositiva e un "speaker's corner", que poderán ser utilizadas polos participantes para mostrar as súas ideas e proxectos.

Co obxectivo de dar visibilidade á tecnoloxía accesible desenvolvida en España, e fomentar a participación no congreso, que este ano se centrará na transformación dixital accesible, o Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC) puxo en marcha estes dous espazos nos que os proxectos e as tecnoloxías poderán ser expostos e explicados ao público asistente.

 

‘Speaker’s corner’

Responde á necesidade de fomentar a comunicación e a participación entre os asistentes ao congreso. O intercambio de coñecemento é un dos obxectivos desta cita que reunirá a ao redor de 40 relatores procedentes do mundo da empresa, centros tecnolóxicos, universidades, Startups ou asociacións. Por este motivo, esta área será un espazo aberto no que os participantes exporán e mostrarán os seus proxectos e desenvolvementos TIC. É condición imprescindible para presentarse que os proxectos destaquen polas súas características de accesibilidade e usabilidade e que melloren a calidade de vida das persoas.

Cada speaker disporá de 15 minutos para contar a súa idea a través dunha presentación, unha demo, unha charla ou outros formatos, e debe presentar a súa proposta antes do 10 de outubro a través deste formulario. Trala súa valoración por parte da organización, a partir do 17 de outubro notificarase que ideas foron seleccionadas para a súa exposición.

 

Zona expositiva

Será unha área destinada a que os asistentes coñezan de primeira man e interactúen coa tecnoloxía social que existe no noso país para a mellora da vida das persoas. Os proxectos presentados deberán estar baseados nun alto contido hardware, ter unha gran carga innovadora, e acharse en fase funcional de prototipo. Falamos de robótica, drons, impresión 3D, wearables, realidade virtual, etc.

Así mesmo, cabe destacar que a data límite de presentación é o 30 de setembro e a súa selección comunicarase a partir do 7 de outubro. Para participar, os interesados deben encher este formulario.

Por último, é importante destacar que os Congresos Nacionais CENTAC de Tecnoloxías da Accesibilidade son eventos gratuitos e sen ánimo de lucro, nos que todos os recursos económicos dispoñibles destínanse a dar visibilidade e potenciar as boas prácticas en accesibilidade. O rexistro gratuíto está aberto.

05/09/201615:31
Cartel de "Connecting for Good Galicia"
Santiago de Compostela

A Fundación Vodafone España e a Xunta lanzan a primeira convocatoria do programa ‘Connecting for Good Galicia’

  • Promove o desenvolvemento de solucións innovadoras con tecnoloxías accesibles para persoas con discapacidade e persoas maiores
  • Os emprendedores poden presentar as súas candidaturas desde o 5 de setembro e ata o 30 deste mesmo mes
  • As seis iniciativas seleccionadas accederán, durante seis meses, a sesións de formación e mentoring
  • Contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha e optarán a unha axuda de 25.000 euros á mellor iniciativa de cada convocatoria concedido pola Xunta
  • Ademais, a Fundación Vodafone outorgará o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, dotado con 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorpore os principios de accesibilidade universal

A Fundación Vodafone España abre a primeira convocatoria de ‘Connecting for Good Galicia’, o programa impulsado en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital.

A finalidade de ‘Connecting for Good Galicia’ é apoiar a emprendedores e/ou pemes de recente creación cuxos proxectos de negocio contribúan á innovación social, en concreto, aqueles que resolvan algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara os colectivos de persoas con discapacidade e de persoas maiores. O obxectivo do programa é conseguir que estas iniciativas empresariais se convertan en negocios reais e os seus produtos ou servizos despeguen coas maiores garantías de éxito.

 

Principais características do programa
Nesta convocatoria seleccionaranse ata un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas por Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con discapacidade para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, a Fundación Vodafone outorgará o Premio “Conectados pola Accesibilidade” de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

Os proxectos incorporados ao Programa beneficiaranse de sesións de formación e mentoring e accederán a un conxunto de ferramentas e recursos a través dun traballo personalizado e dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación. Todas as iniciativas disporán dun espazo de traballo na sede de ‘Vodafone Connecting for Good’, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para facilitar a coordinación e xestión das propostas.

 

A convocatoria
O prazo para a presentación de proxectos comeza hoxe, 5 de setembro, e finalizará o 30 deste mes. O fallo do xurado notificarase antes do 7 de novembro. A fase de formación dos proxectos seleccionados terá unha duración de seis meses, desde o 14 de novembro 2016 ata o 14 de maio 2017.

Poderán solicitar a súa participación no programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ todas aquelas empresas e emprendedores maiores de 18 anos que, desde Galicia, conten cun modelo de negocio innovador/novo e claras vantaxes competitivas para un produto e/ou servizo que resolva algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, e valorarase especialmente o enfoque inclusivo á hora de ter en conta a persoas con discapacidade e persoas maiores.

Para a valoración dos proxectos, deberase completar o formulario descargable desde www.fundacionvodafone.es. Poderanse anexar ata dous arquivos con información complementaria, cun máximo de extensión de 10 páxinas Word ó 10 diapositivas PowerPoint cada un.

A documentación debidamente cumprimentada remitiranse a Fundación Vodafone España, exclusivamente por correo electrónico á dirección infofve@corp.vodafone.es, indicando a referencia “Vodafone Connecting for Good Galicia”.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases. Nunha primeira fase valoraranse todas as solicitudes en base á documentación achegada, nunha segunda fase os proxectos que sexan seleccionados terán que presentar documentación adicional, e nunha terceira fase convocaranse entrevistas persoais aos solicitantes que superasen as dúas primeiras fases, co fin de coñecer todos os detalles do seu proxecto.

Máis información: http://www.fundacionvodafone.es/premios

05/09/201609:21
OpenSpain
Santiago de Compostela

Telefónica lanza OpenSpain, a primeira web para facilitar a inserción dos refuxiados en España

O proxecto OpenSpain, desenvolvido por un dos LABs da iniciativa Join de Telefónica, contou cun equipo de nove mozos profesionais de distintas nacionalidades, algúns deles refuxiados.

A web OpenSpain (www.openspain.es), a primeira ferramenta dixital de axuda aos refuxiados que chegan a España, xa está dispoñible en español, inglés e árabe. O proxecto, posto en marcha por Telefónica a través da iniciativa Join, informa a estas persoas dos pasos a seguir para acometer as primeiras xestións cando chegan ao noso país.

O proxecto é resultado do traballo realizado por un dos grupos de traballo  -LABs- de Join, denominado tamén OpenSpain e integrado por nove estudantes e profesionais, de entre 23 e 29 anos, e de diferentes nacionalidades - española, siria, iraquí, iraniana, saharauí ou venezolana- que durante seis meses deseñaron e desenvolveron a web co apoio e asesoramento de tres mentores expertos nas instalacións do Madrid International LAB.

A web é a primeira destas características e está dirixida tanto a refuxiados como a ONGs. A iniciativa contou co apoio de Rede.es, o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, ACCEM e Madrid International LAB.

OpenSpain inclúe información para facilitar unha primeira fase de acollida aos refuxiados que chegan a España en situacións desfavorecidas: aloxamento -programas de acollida e vivendas en réxime de aluguer-; documentación -trámites necesarios, dereitos, obrigacións, etc.-; traballo, educación, asistencia médica - diferentes tipos de centros sanitarios-, e transporte -opcións de transporte público en cidades como Madrid, Barcelona, Sevilla ou Valencia-.

OpenSpain LAB forma parte da iniciativa Join de Telefónica, desde a que os mozos con talento apoian a transformación dixital, impulsando as novas capacidades dixitais, a través de proxectos comprometidos coa sociedade e coa economía dixital. Neste LAB os mozos integrantes desenvolveron unha solución tecnolóxica que supón unha axuda real para os estranxeiros que chegan a España en situacións desfavorecidas. A iniciativa en si mesma é un exemplo de integración, xa que está formada por mozas con talento e comprometidos que proceden de diferentes países.

05/09/201608:30
Santiago de Compostela

A Xunta recibiu 37 solicitudes de voto en Braille para persoas con discapacidade visual

  • Por provincias, a que recibiu máis solicitudes foi A Coruña, con 17; seguida de Pontevedra, con 15; e Lugo e Ourense, con 3 e 2; respectivamente
  • Os solicitantes deberán coñecer o sistema de lecto-escritura Braille, ter recoñecido un grao de minusvalía igual ou superior ao 33% ou ser afiliados á ONCE
  • Para obter máis información, recomendase consultar o Teléfono do Elector, 900 82 09 16, e a páxina web das Eleccións:http://www.eleccionsgalicia2016.gal/

A Xunta de Galicia recibiu 37 solicitudes de voto accesible en Braille para persoas con discapacidade visual que queren participar nas eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro 25 de setembro.

O procedemento de voto accesible está previsto para persoas con discapacidade visual que coñezan o sistema de lecto-escritura Braille e que teñan recoñecido un grao de minusvalía igual ou superior ao 33 por cento ou sexan afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE).

A utilización deste procedemento é voluntaria, polo que aquelas persoas que o desexen poderán seguir sendo asistidas por unha persoa da súa confianza, tal e como prevé a Lei orgánica do réxime electoral xeral.

Unha vez finalizado o prazo de solicitude deste tipo de voto, o 29 de agosto, o Goberno galego ten recibido 27 solicitudes remitidas pola ONCE e 10 a través do Teléfono do Elector. Por provincias, a que recibiu máis solicitudes foi A Coruña, con 17; seguida de Pontevedra, con 15; e Lugo e Ourense, con 3 e 2; respectivamente.

A Xunta comunicará por escrito aos solicitantes que o vindeiro 25 de setembro terán a caixa de voto accesible dispoñible na súa mesa electoral, e porase en contacto cos concellos nos que se atoparán as ditas mesas por si é necesario realizar algunha adaptación de accesibilidade no local electoral.

Procedemento

O procedemento de voto accesible para as persoas con discapacidade visual consiste na utilización de papeletas normalizadas, xunto cunha documentación específica en sistema Braille que se atopará baixo a custodia do presidente da mesa electoral na que lle corresponde exercer o dereito de voto.

As persoas que soliciten esta modalidade de voto atoparán nas mesas electorais a seguinte documentación: instrucións explicativas sobre a utilización da documentación, impresos en sistema Braille; sobre de votación normalizado; e sobre por cada unha das candidaturas coa indicación desta en tinta e en sistema Braille. Dentro dos sobres, o electorado atopará a papeleta de votación normalizada correspondente á candidatura indicada no exterior.

O día da votación, o/a presidente/a da mesa ou, no seu caso, algún dos vogais, fará entrega da documentación que integra o procedemento de voto accesible e indicará o espazo do colexio electoral habilitado para a súa manipulación.

Unha vez identificada a opción de voto e introducida a papeleta no sobre de votación, o/a elector/a dirixirase de novo á mesa electoral e fará entrega do seu voto ao/á presidente/a para a súa introdución na urna electoral.

Para obter máis información sobre o voto accesible, ademais do teléfono gratuíto de información ao elector (900 82 09 16), pódese consultar a páxina web das Eleccións galegas dentro do apartado “Métodos de votación”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS