
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Campo da Festa da Milagrosa en Carballo acolleu a celebración da 75ª edición da LaconNetwork, encontro que xuntou a ducias de profesionais e emprendedores do sector TIC galego, que desta volta aproveitaron a conxuntura para celebrar que a empresa anfitrioa, Abertal Network, cumpría 20 anos, aniversario digno de mencionar nun sector tan novo, e que xa conta con empresas cunha traxectoria tan longa e prolífica.
O encontro converteuse en toda unha romaría, comezando o evento cun acto inaugural a cargo de Manuel L. Pan, de Abertal, quen deu conta do aniversario da súa compañía e salientou o interese da organización de encontros deste tipo para facer networking entre os profesionais do sector, dando logo paso a Juan José Fernández García, presidente da asociación TADEGa, quen quixo aproveitar o encontro para anunciar aos presentes que entre os días 14 e 16 de outubro vai celebrarse no Centro Abanca Obra Social de Santiago de Compostela unha nova edición de Startup Weekend, que desta volta terá un obxectivo temático, destinándose a habitual creación de proxectos empresariais a través da colaboración dos asistentes repartidos en grupos ao desenvolvemento de proxectos educativos.
Temos así que o Startup Weekend Galicia EDU xuntará a profesorado, tecnoloxía e comunidade emprendedora para identificar oportunidades para os retos da educación.
Os equipos que se formen no encontro traballarán xuntos durante 54 horas para crear ferramentas de base tecnolóxica enfocadas a resolver un problema concreto na educación entre os estudantes de calquera nivel educativo. Poden participar nestas xornadas estudantes universitarios interesados no hacking, o deseño de interfaces de usuario ou que simplemente queiran mellorar a educación, profesores con ganas de compartir a súa visión e experiencia, membros da comunidade educativa, desenvolvedores informáticos, deseñadores, emprendedores... en definitiva, calquera persoa que queira colaborar nos obxectivos deste encontro.
GaliciaTIC, histórico evento galego sobre novas tecnoloxías da información, está a piques de chegar á súa 14 edición. A cita será o 22 de setembro na Cidade da Cultura de Santiago, baixo o lema Transformación dixital para unha competencia global. Entre as entidades colaboradoras deste ano atópase o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG, que vén de dar a coñecer o seu apoio na web de seu, engadindo que xa está aberto o prazo para realizarmos a inscrición no congreso (a través de Galiciatic.com ou descargando a aplicación específica para iOS e para Android) e que, en virtude da dita colaboración, os membros do colexio contarán cunha serie de vantaxes.
Segundo salienta a maiores o CPEIG, GaliciaTIC segue a ser un referente na “aposta polas tendencias máis actuais nas tecnoloxías do coñecemento, desde o punto de vista da oferta global e de man dos líderes tecnolóxicos globais”. Como lembraremos, o gran obxectivo desta edición 2016 é avaliar até que punto a revolución tecnolóxica que estamos a vivir pode mudar para sempre a sociedade e, por conseguinte, o tecido empresarial. GaliciaTIC 2016 centrarase neste proceso de cambio, co obxectivo de fomentar, en palabras dos organizadores, “a competitividade e innovación do sector TIC e a transformación de terceiros sectores, achegando a Galicia conferencias e charlas temáticas específicas das últimas tendencias tecnolóxicas mundiais”.Entre os patrocinadores confirmados do evento atópanse Banco Sabadell, Deloitte, Edisa, Emetel, Fujitsu, Imatia, Itelsis, Ayco, Qindel, Oracle e Televés. Haberá relatorios, mesas temáticas e actividades de achegamento ás últimas tendencias TIC mundiais, amais dunhas innovadoras xeiras de debate tecnolóxico con formato de ring de boxeo.
A inauguración do evento correrá a cargo (ás 9.30 horas do 22) de Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. A maiores dos ditos apoios nas xornadas pasadas sumáronse os de GoEmprende (Rede Business Angels de Castela A Mancha) e MyAngelTIC (rede de investidores de proxectos innovadores e tecnolóxicos).
O Concello de Cambre vén de presentar o seu programa de actividades formativas e culturais para os vindeiros meses (de outubro a decembro). Son preto de 100 propostas para todas as idades e cubrindo un abano amplo de tipoloxías: culturais, educativas e de conciliación, sociais e xuvenís. O programa tamén empresta especial atención ás novas tecnoloxías da información. Están programados cursos de informática para escolares de Primaria e Educación Secundaria, cursos de informática para mocidade e adultos (a partir dos 16 anos) e cursos de informática para maiores de 55 anos.
A maiores, haberá un obradoiro sobre como facer compras seguras en Internet (ao abeiro do Programa Trans-fórmate) a desenvolver o sábado 19 de novembro. As devanditas actividades desenvolveranse en tres emprazamentos diferentes co obxectivo de abranguer a máxima cifra de participantes: a OMIX de Cambre, o CSC Graxal (O Temple) e a aula informática de A Barcala. O Concello tamén lembra a dispoñibilidade da súa Aula Aberta, de acceso libre e cos recursos precisos para que os veciños se familiaricen coas TIC. Amais destes convites formativos tecnolóxicos o programa inclúe (entre outras moitas cousas) un festival de monicreques, obradoiros de pintura, ciclismo, xadrez ou unha escola de nais e pais para axudar a educar aos seus fillos. “De gran importancia son as actividades educativas e de conciliación familiar que axudan aos pais a compaxinar o seu traballo cos seus deberes paterno filiais”, informa o Concello, que lembra que a partir do vindeiro martes 6 de setembro poderanse obter os folletos explicativos do programa no consistorio así como en diversos centros sociais. Ademais, os interesados no programa poden obter dende xa a devandita relación de accións previstas na web do Concello de Cambre, en formato PDF.
As Feiras Maker, fenómeno global que se estendeu por máis de 190 cidades do planeta, terán en España un dos seus epicentros na segunda metade de 2016, na que se celebrarán un total de catro Maker Faires. Madrid en setembro, Santiago de Compostela e León en outubro e Bilbao en novembro realizarán as súas respectivas versións do festival de tecnoloxías creativas máis grande do mundo, a Maker Faire, un tipo de evento que congrega a fanáticos de tecnoloxías como as impresoras 3D, os drons, a moda interactiva, a robótica e a programación creativa para compartir os seus proxectos e coñecemento co gran público.
Este tipo de eventos son o principal escaparate da cultura ou movemento Maker, considerado como unha importante ferramenta para incrementar a innovación de base tecnolóxica entre a xente moza, polo que é todo un luxo que en Galicia podamos contar con encontros deste tipo que dinamicen industria e sociedade, instando á exploración da senda aberta pola cultura Maker.Nas Maker Faires pódense ver desde robots humanoides de tamaño real ata vestidos que integran luces controlables desde o móbil, submarinos, drons, impresoras 3D e todo tipo de instalacións interactivas serán compartidos co gran público. Todos teñen en común a filosofía Do-It-Yourself, ou faino-ti-mesmo, así como o uso de novas tecnoloxías de creación e fabricación dixital de vangarda que anticipan algunhas tendencias tecnolóxicas, en ocasións con anos de antelación.
O movemento Maker é o nome que reúne baixo un mesmo paraugas a un crecente número de persoas de distintos perfís que están usando técnicas Do-It-Yourself e Do-It-Together para desenvolver tecnoloxías únicas e solucións innovadoras. Europa é o continente que ten un maior número de Makerspaces e Fablabs, ademais de dar a luz a proxectos como Arduino, Raspberry Pi ou RepRap, todas ferramentas de código aberto que democratizaron o acceso a tecnoloxías como a electrónica, a programación e a impresión 3D. Cada ano celébranse máis de 50 Maker Faires e Mini Maker Faires no continente. A versión realizada en Roma é a principal de Europa, con máis de 100.000 visitantes na súa terceira edición en 2015. A Compostela Mini Maker Faire foi a terceira, detrás de París.
A cultura Maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está permitindo a creación de novos espazos de encontro e traballo (Hackerspaces, Fablabs, Makerspaces, Techshops) nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento desde a base da pirámide; novos traballos que non existían ata o de agora (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis); novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos e que son accesibles a todos a través de Internet; e novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas como as Maker Faire. Todas as feiras manteñen aberto o seu chamamento a proxectos, animando a tecnólogos, deseñadores, artesáns, artistas, profesionais, afeccionados, colectivos, empresas e todo tipo de organizacións a presentar o seu proxecto e darse a coñecer ante as decenas de miles de persoas que acoden a este novo tipo de festivais que combinan diversión para todos os públicos coas novas tecnoloxías.Poden presentarse a unha Maker Faire os seguintes tipos de proxectos: - Robótica e programación creativa - Drons - Submarinos DIY - Proxectos con Arduino - Artesanía dixital - Proxectos astronomía ou exploración espacial en xeral - Arte New Mediax - Deseño, impresión 3D e Fabricación Digital - Uso creativo de máquinas de control numérico (fresado, láser, plasma..etc.)- Crafting - E-Textís, wearables, moda e tecnoloxía. - Green Tech, tecnoloxía ao servizo da transición ecolóxica. - Radiocontrol - Tecnoloxía Vintage (videoxogos, ordenadores míticos, sibaritas do chip) - Electrónica - Vehículos eléctricos - Ciencia Cidadá - Biología-Biofabricación - Extreme making - Instalacións de gran formato - Refuxios, cúpulas, domos, inflablesInstrumentos musicais DIY - Máquinas imposibles - Repara-reutiliza-recicla-mellora. Upcicling & Tech - Tecnoloxía social. Proxectos que marcan a diferenza E actualmente a Maker Faire Galicia, que desenvolverase entre os días 1 e 2 de outubro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela, está aínda aberta á recepción de propostas argalleiras para enriquecer este importante evento.
Outórgalle 4 estrelas Reference Sites, distinción concedida como modelo de excelencia
A Comisión Europea concedeu a Euskadi a máxima cualificación posible, catro estrelas, como Reference Site polo seu labor exemplar na abordaxe integral do envellecemento activo e saudable baseado na innovación. Esta cualificación prodúcese tras a reacreditación dos Reference Sites do programa europeo European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing que acometeu a Comisión Europea para avaliar e apoiar o avance do programa.
A Comisión Europea sinala que os Reference Sites como Euskadi "demostraron a existencia de estratexias integrais para avanzar en innovación baseada nun modelo de "Cuádrupla Hélice" que inclúe axentes da industria, sociedade civil, academia e autoridades gobernamentais a niveis rexionais e locais". E engade que o status de Reference Sites concédese a quen "demostraron excelencia no desenvolvemento, adopción e escalado de prácticas innovadoras, en liña cos obxectivos estratéxicos da European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA) e en particular coa European Scaling Up Strategy for Innovation in Active and Healthy Ageing".
O European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing, EIP-AHA, é unha iniciativa piloto cuxo propósito é aumentar para 2020 a esperanza de vida saudable en dous anos, ademais de mellorar a competitividade europea. Na súa primeira edición en 2013, recoñeceu a Euskadi como Reference Site ou Área de Referencia con tres estrelas, a máxima puntuación outorgada nesa edición. As Áreas de Referencia son rexións ou cidades que destacaban entón polas súas boas prácticas á hora de afrontar o envellecemento activo e saudable desde a innovación.
Agora, en 2016, Euskadi obtivo a máxima puntuación posible -catro estrelas-, o que supón un dobre recoñecemento. Segundo o Conselleiro de Saúde, Jon Darpón este novo recoñecemento a Euskadi "por unha banda, representa a mellora no recoñecemento como 'modelo de excelencia', considerado referente para outras organizacións e administracións e por outra banda, constata a diferenciación con outras Reference Sites pola demostración do compromiso na abordaxe integral do envellecemento activo e saudable, a inclusión de novas actividades e, en xeral, os avances logrados".
Á fronte do País Vasco como Reference Site, no que participan numerosas organizacións -incluíndo como núcleo a Osakidetza, e a Kronikgune, o Centro de Investigación en Cronicidade, como coordinador da proposta vasca- atópanse os Departamentos de Saúde e de Emprego e Políticas Sociais, e precisamente a coordinación sociosanitaria foi unha dos elementos principais na obtención deste premio, en cuxa obtención colaboraron tamén o Departamento de Acción Social de Bizkaia e a Universidade de Deusto.
Segundo sinalaron o Conselleiro Angel Toña, "obter a máxima puntuación posible como Reference Site é o recoñecemento do traballo que ao longo destes últimos anos levou a situarnos na vangarda europea de excelencia, e unha confirmación das políticas que sitúan á persoa no centro de todas as nosas actuacións".
Euskadi é un dos só oito Reference Sites que conseguiron as catro estrelas, nunha convocatoria na que se recoñeceu a 74 candidaturas. O premio entregarase en Bruxelas a principios de Decembro, nunha cerimonia oficial dentro do foro European Summit on Innovation for Active and Healthy Ageing.