
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Nesta sétima edición, CENTAC aposta por primeira vez por un ‘Speaker's Corner', un espazo onde os asistentes ao congreso poderán facerse eco das últimas propostas de solucións TIC que contribúan á transformación dixital da sociedade, a través dunha plataforma nova destinada á exposición de ideas.
Cada speaker dispoñerá de 15 minutos para expoñer a súa idea a través dunha presentación, unha demo, unha charla ou outros formatos, e debe presentar a súa proposta a través do formulario. Entre os principais requisitos que deben cumprir as propostas presentadas, destaca a accesibilidade e a mellora da calidade de vida das persoas.
Así, ata o vindeiro luns, 10 de outubro, todas as persoas interesadas en presentar os seus proxectos ou solucións en materia de accesibilidade, terán a oportunidade de participar no maior congreso de tecnoloxías accesibles de España. Un espazo único de networking que contará coa presenza de todos os actores implicados neste sector: grandes empresas tecnolóxicas como IBM, Microsoft ou Dell, representantes da Administración, universidades, emprendedores e organizacións do terceiro sector. Unha gran oportunidade para darse a coñecer.
7º Congreso Nacional CENTAC
Esta edición virará ao redor da “Transformación Dixital Accesible”, entendéndoa como unha transformación da sociedade, como un cambio do noso modo de vida, dun novo sistema de traballo e produción, da nosa forma de acceso e utilización de servizos públicos e privados. É a transformación da educación, a sanidade, a cultura ou a comunicación. Todo iso, baseado en tecnoloxías presentes ou emerxentes que sen os criterios de accesibilidade e usabilidade van deixar a millóns de cidadáns fose do círculo.
Con dúas salas de relatorios en paralelo a alto nivel sobre as tendencias tecnolóxicas máis innovadoras enfocadas á persoa; relatores da talla de Chema Alonso, o gurú da seguridade informática ou Silvia Leal, experta en Inno-liderado e Transformación Dixital; un speaker's corner con proxectos para a mellora da calidade de vida das persoas; e unha zona expositiva onde interactuar coa tecnoloxía; o 7º Congreso Nacional CENTAC é o lugar onde estar se estás interesado nas tecnoloxías ou traballas na contorna tecnolóxica.
CENTAC
O Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC) é unha fundación cuxo obxectivo é impulsar o desenvolvemento das tecnoloxías accesibles nos ámbitos empresarial, industrial e de servizos. É un exemplo de colaboración público-privada, ao contar no seu Padroado con entidades como o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade a través do Real Padroado sobre Discapacidade, O Corte Inglés, a Fundación ONCE, a Fundación Vodafone España, Telefónica, Red.es, pertencente ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, TÜV Rheinland, o Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (CEAPAT), o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), e o Centro de Referencia Estatal de Discapacidade e Dependencia (CRE).
En colaboración coa Deputación de Barcelona, presentouse o Informe “Discapacidade, Integración e o papel das TIC”, elaborado pola Fundación Vodafone España e Cocemfe Barcelona. Na presentación participaron o xerente da área de Benestar Social, Pep Muñoz; Pilar Díaz, directora do Observatorio da Discapacidade; e Joana Sánchez, manager de AAPP de Vodafone en Cataluña, ademais de Àngels Pons, directora de GESOP.
O estudo desenvolveu unha investigación cuantitativa para analizar a situación das persoas con discapacidade física, medir as dificultades coas que se atopan no día a día e determinar a axuda que as TIC lles achegan parar superalas.
Entre outras conclusións, o Informe pon de manifesto que dúas de cada tres persoas con discapacidade consideran que “o uso das novas tecnoloxías poden axudar a mellorar o seu benestar”; ou que unha de cada catro persoas con discapacidade considera que Internet lle proporciona autonomía e independencia,
O estudo completo, elaborado cunha mostra de máis de mil persoas con discapacidade, está dispoñible en www.observatoridiscapacitat.org.
Este sábado celébrase en Compostela unha xornada organizada pola Escola de Familias da Fundación MAPFRE, en colaboración con Down Compostela, que busca reflexionar sobre a necesidade de incorporar na vida cotiá das persoas con discapacidade o uso das TIC e analizar como estas contribúen a favorecer a súa autonomía e vida independente.
O director da Escola de Familias e Discapacidade da Fundación MAPFRE, Gonzalo Berzosa, aparte de impartir a primeira conferencia da xornada, tamén participará na mesa redonda sobre utilizar a tecnoloxía para fomentar a autonomía persoal e a vida independente, que estará coordinada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, e na que debaterase sobre o uso axeitado das TIC como ferramentas para o desenvolvemento persoal e a vida autónoma.
O programa da xornada desenvolverase entre as 9:00 e as 13:45 horas do sábado no Hostal dos Reis Católicos, sendo de entrada libra previa inscrición, que pode formalizarse en liña.
Quen pensara que a divulgación arredor do movemento Maker non ía ter continuidade logo do Galicia Maker Faire (a gran feira galega de argalleiras/os celebrada a pasada fin de semana en Santiago) vai descubrir que non só haberá continuidade, senón mesmo formación especializada e múltiple sobre a cuestión. Dende o Centro Municipal de Coñecemento La Molinera (Ourense) veñen de informar de que a súa programación de outubro xirará arredor deste espírito democrático e integrador da creatividade tecnolóxica. Son sete obradoiros a desenvolver baixo o epígrafe Outubro Maker. Con estas actividades, o Concello busca impulsar a cultura “de facer tecnoloxía e innovación coas nosas propias mans”.
Achéganse ao abeiro deste programa obradoiros de introdución á robótica, electrónica, e impresión 3D entre outras vertentes do Movemento Maker. Levaranse a cabo en horario de tarde ata novembro ou decembro. O prazo de inscrición xa está aberto.
A programación complétase cun obradoiro para os máis cativos, Youtuber para nenos, que achegará á rapazada (8 a 12 anos) ás vantaxes creativas de formaren parte da comunidade YouTube. As persoas interesadas poderán inscribirse a través da web do centro La Molinera, ou solicitar máis información no propio centro municipal, emprazado na rúa do Abrevadoiro, 1, Ourense, teléfono 988 374523.
Movemento Maker
A visión do Movemento Maker é a de non poñernos atrancos para facer calquera cousa que se nos antolle. Este é o espírito desta corrente: un movemento internacional de creadoras/es tecnolóxicos que reivindican a capacidade de todos e cada un de nós para facer tecnoloxía e contribuír a facer un mundo mellor a través dela. Trátase dunha vaga de creación e de activismo tecnolóxico que xunta, baixo un mesmo teito, un crecente número de persoas de distintos perfís que acreditan ao máximo na filosofía de traballar en mancomún cun mesmo obxectivo.
Este obxectivo adoita ser construír tecnoloxías únicas e innovadoras que soen ter un marcado compoñente social ou solidario, ou de utilidade para o común da xente, ou para colectivos en risco. A cultura Maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está a impulsar a posta en marcha de novos espazos de encontro e traballo (Hackerspaces, Fablabs, Makerspaces,Techshops) nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento.
En definitiva, o termo Maker está ligado ao desexo de facer cousas coas nosas propias mans, o concepto chamado “faino ti mesmo” (coñecido polas siglas “DIY”, do inglés “Do It Yourself”). O termo vén da man de Dale Dougherty de O'Reilly Media.
Estas novas metodoloxías tamén aceleran a posta en marcha de novos e prometedores perfís profesionais (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis), de novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos (e que son accesíbeis a todas e todos a través de Internet) e, tamén, de novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas.
O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e a AMTEGA seguen adiante co seu obradoiro de Scratch itinerante. Desta volta será en Ourense, na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI), onde teña lugar o dito obradoiro para programar videoxogos con Scratch e será este sábado 8 de outubro. A actividade en cuestión, que será de balde, está encamiñada a 15 escolares (de 7 a 15 anos) acompañados polos seus pais ou nais. Engadir que será preciso rexistrarse en liña para acudir ao evento.
Do mesmo xeito que aconteceu en Vigo (este venres 7 e tamén da man do dito Colexio), Ourense súmase á programación informática a través dos cursos de Scratch promovidos polo CPETIG, unha experiencia na que xa participaron en edicións anteriores 95 rapaces de Coruña e 60 de Santiago.
Indo á sesión ourensá, esta levarase a cabo de 9.30 a 14 horas nas instalacións da ESEI, está estruturada en dous niveis que se desenvolverán de xeito simultáneo: un para rapaces (acompañados de pais ou nais) e outro para docentes (profesorado non universitario, colexiados do CPETIG e do CPEIG), co obxectivo de difundir os valores da programación informática na comunidade escolar. En total, a sesión dará acubillo a 60 participantes, entre escolares e adultos.A participación no taller supón, tanto para docentes como para escolares, a aprendizaxe da utilización de Scratch como factor creativo e motivacional, utilizado con obxectivos didácticos. O Scratch é unha ferramenta baseada en pezas que se encaixan e que serven para construír pequenos programas que permiten iniciar ao alumnado na linguaxe de programación dun xeito doado.