main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/10/201607:54
Santiago de Compostela

Samsung está a desenvolver unha tinta especial para ler en braille

  • Nos plans de innovación de Samsung teñen cabida os proxectos destinados a mellorar a calidade de vida das persoas con algún tipo de diversidade funcional. Nestes momentos atópanse desenvolvendo unha tinta especial para invidentes destinada a impresoras láser.

 

O xigante tecnolóxico Samsung, en colaboración coa Asociación de Cegos de Tailandia, a axencia de publicidade J Walter Thompson (JWT) e a Universidade de Thammasat, atópase desenvolvendo un tipo de tinta en relevo para impresoras láser que permitirá imprimir en braille.

Este innovador invento consiste nun pigmento especial que, en contacto cunha fonte de calor, ínchase e faise tanxible, permitindo ler aos invidentes. Na seguinte ligazón podes consultar máis información sobre o proxecto.

 

Unha tinta máis económica para invidentes

Polo momento, na Asociación de Cegos de Tailandia xa realizaron as primeiras probas e o 90 % dos voluntarios confirmaron que os documentos impresos con esta tinta lense con facilidade e que o resultado é moi similar ao que pode obterse cunha impresora especial de braille, que en contrapartida ten un custo económico moito maior.

Cada vez con máis frecuencia, as compañías tecnolóxicas incrementan os seus esforzos para facilitar o acceso aos invidentes. Recentemente, a rede social Facebook habilitou unha ferramenta para describir as fotografías con lectores de pantalla. Pola súa banda Apple, incluíu nos iPhone a función VoiceOver, que axuda ás persoas cegas a navegar por Internet e mesmo a situarse pola rúa.

Pola súa banda, pronto poderiamos asistir ao lanzamento dun Kindle específico para invidentes, xa que un equipo de investigadores da Universidade de Michigan leva varios meses traballando nunha nova tableta que permitirá mellorar a lectura de textos e gráficos escritos na linguaxe braille. 

Esta tecnoloxía estaría baseada nun sistema pneumático que emprega pequenas burbullas de aire ou de auga para crear os bloques de puntos que conforman os caracteres en braille sobre a superficie do dispositivo, segundo explican os seus responsables.

05/10/201609:10
Presentación dos resultados dos proxectos sociais do programa "Connecting for Good Galicia"
Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia apoia o uso das novas tecnoloxías para a integración e a igualdade de oportunidades das persoas con necesidades específicas

  • O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, participou hoxe na presentación dos resultados dos proxectos sociais do programa “Connecting for Good Galicia” realizado pola Fundación Vodafone España en colaboración con entidades do CERMI
  • A directora da AMTEGA, Mar Pereira, lembrou a colaboración deste departamento do goberno autonómico en actividades formativas e de difusión das novas tecnoloxías con empresas do sector

 

O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, subliñou hoxe o importante papel que teñen as novas tecnoloxías na mellora da calidade vida e o benestar das persoas con necesidades específicas de atención. Así o dixo durante a presentación dos resultados dos catro proxectos sociais do programa “Connecting for Good Galicia”, levado a cabo pola Fundación Vodafone España en colaboración con nove asociacións que forman parte do Comité de Entidades de persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI).

Na súa intervención, Rey Varela destacou a importancia de que a Fundación Vodafone España, se implique no pleno desenvolvemento e integración das persoas con diversidade, xa que “é unha responsabilidade e un obxectivo que debe ser compartido polo conxunto da sociedade: administracións, organizacións, axentes sociais e iniciativa privada”. Neste sentido, asegurou que a Xunta de Galicia “sempre apoiará todas aquelas accións que aposten pola mellora da calidade de vida das persoas que máis precisan do noso apoio”.

Neste contexto, o titular en funcións de Política Social incidiu en que “as novas tecnoloxías son de vital importancia tanto para conseguir a integración plena como para facilitar a igualdade de oportunidades ás persoas con diversidade; sexa esta física, sensorial, intelectual ou mental”. Así mesmo, apuntou que ao facilitar o acceso ás TIC “evitamos a fenda dixital, favorecemos a participación das persoas máis vulnerables na sociedade da información, apoiamos a autonomía persoal e aportamos solucións innovadoras que melloran a calidade de vida e a integración social”, concluíu.

Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que o seu departamento colabora estreitamente con empresas do sector tecnolóxico de ámbito autonómico, nacional e internacional, tanto para impulsar actividades de difusión e formación en TIC para cidadanía, como para promover proxectos de transformación dixital na Comunidade.

Neste sentido, Mar Pereira destacou a colaboración de Vodafone en ambas liñas. Por unha banda, como aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, que ten entre os seus obxectivos incrementar a porcentaxe da poboación galega que accede a Internet habitualmente, especialmente entre as persoas maiores e as persoas con discapacidade, que representan o 30% da poboación galega. Por outra banda, Pereira lembrou que Vodafone abrirá, en novembro no Gaiás, o Centro Conecting for Good Galicia, que impulsará iniciativas emprendedoras de innovación social dixital con selo galego.

Finalmente, Santiago Moreno, Director General da Fundación Vodafone España, explicou que “para a Fundación, Connecting for Good é unha aposta polo desenvolvemento das TIC para o benestar da sociedade, en especial dos colectivos vulnerables. É especialmente importante seguir apoiando a innovación social dixital e a formación en ferramentas TIC dirixidas ás persoas maiores e ás persoas con discapacidade”.

 

3.578 maiores formados no último ano no uso de smartphones e tablets

Entre abril de 2015 e marzo de 2016, un total de 3.758 persoas maiores recibiron en Galicia formación no uso dos novos dispositivos móbiles avanzados (smartphones e tablets), a través de cursos organizados pola Fundación Vodafone en colaboración con varias entidades galegas entre as que se inclúen AMTEGA, ATEGAL, FEGAUS, CEOMA, CAUMAS, FASUNEX e a Fundación Esplai.

Para este ano, están programados con AMTEGA diferentes talleres que chegarán a 19 aulas da rede CEMIT, que ofertan preto de 300 prazas en toda Galicia. Pola súa banda, con ATEGAL formarase a outros 900 maiores no uso dos dispositivos móbiles avanzados (uns cursos que se presentaron no evento desta mañá). A estas dúas iniciativas súmanse as continuacións das colaboracións coa Cruz Vermella Española en contornas rurais; Fundación Esplai, con 16 talleres en Vigo; e talleres presenciais e semipresenciais organizados por FEGAUS que se imparten en aulas CeMIT, nas súas propias sedes e en sedes doutras entidades colaboradoras como COGAVE e COGAMA, cos que se ademais coordinarán diferentes accións formativas online.

 

Formación en TIC para a inserción laboral de persoas con discapacidade

A Fundación Vodafone España e DOWN España organizan o proxecto “Eu me prep@ro”, que busca proporcionar aos mozos e mozas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias para facilitarlles o acceso ao emprego, a través as diferentes tecnoloxías de uso común.

Grazas a este programa, un total de 64 usuarios de Vigo, Santiago de Compostela e Pontevedra recibiron o ano pasado formación prelaboral en novas tecnoloxías, a través destes cursos en Galicia.

Na terceira edición do programa, iniciada en abril deste ano e que se prolongará ata xuño de 2017, outros 40 alumnos de Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ourense recibirán formación en TIC dirixida a facilitar a súa inserción laboral.

 

Programa de inserción laboral en colaboración con COGAMI

Doutra banda, a Fundación Vodafone España colabora con COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) para potenciar o uso das novas tecnoloxías e o seu desenvolvemento na procura de emprego para persoas residentes no ámbito rural con discapacidade, incapacidade laboral ou dificultades de inserción.

Un total de 150 galegos están a recibir unha formación que se estenderá por 12 meses ata finais deste ano e que incluirá talleres presenciais e prácticas laborais en empresas.

 

#conecta2Xaccesibilidad

A Fundación Vodafone promove a innovación no uso das novas tecnoloxías dentro da Comunidade “Conectados pola Accesibilidade”. En Galicia, participan 8 entidades (BATA, DOWN CORUÑA, Fogar e Clínica San Rafael en Vigo, SARELA, FADEMGA, ASPRONAGA, ASPACE A Coruña e APAMP Vigo), con máis 100 usuarios entre persoas con discapacidade e profesionais. BATA presentou a súa experiencia destacando como a ferramenta Mefacilyta, desenvolvida pola Fundación Vodafone España axuda no día a día ás persoas con discapacidade intelectual. Este tipo de solucións contribúen ao proceso de Transformación Dixital que lles permite participar dunha forma máis activa na nosa sociedade.

A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente dos colectivos vulnerables. Desenvolve proxectos de innovación tecnolóxica que facilitan a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos. Promove programas de formación e accesibilidade con diversas Universidades españolas dirixidos á investigación en TIC, a excelencia docente e a integración dos alumnos con discapacidade. Outros obxectivos son a difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións, cursos e seminarios.

 

05/10/201608:34
UxíaNet 2016
Ribeira

UxíaNet 2016 converterá Ribeira nun foro de coñecemento informático avanzado

A sétima edición do encontro de Ribeira para seareiras/os da informática, UxíaNet, xa ten datas de seu. Será entre os días 13 e 16 deste mes de outubro, unha vez máis na Casa da Xuventude local. A nova edición do encontro incluirá como de costume obradoiros, charlas, certames e concursos do máis variado pero co nexo común de celebrar todas estas actividades as moitas facetas comunicativas e creativas das novas tecnoloxías da información. O prazo de inscrición abriuse este sábado.

As persoas interesadas en participar na festa poden achegar os seus datos a través dun formulario aberto na páxina web do encontro, uxianet.eu. Segundo sinala a organización do certame (a asociación local Birus), en caso de querermos participar, cómpre non adiar o proceso de inscrición. De feito, este luns xa se fixo saber que estaban a piques de esgotarse as prazas.

Como dixemos, a party acollerá charlas e obradoiros. Tocaranse temas novos e innovadores, como por exemplo os recursos máis axeitados para converternos en programadores avanzados ou como crear aplicacións móbiles e computadores. Tamén haberá charlas sobre as diferentes linguaxes de programación, a seguridade na Rede, o hardware libre ou as vantaxes do traballo en rede en materia de desenvolvemento.

O encontro, a un nivel técnico, disporá de varios servidores de rede que farán posible que a conexión sexa cen por cen estable e “cun ping mínimo”, sinalan os organizadores. Ademais, a rede interna achegará 1.000 Mbps. “Durante máis de sesenta horas”, explican, “disporemos dun acceso a Internet con moito máis ancho de banda do habitual, totalmente balanceado mediante servidores locais adicados”.

05/10/201608:26
Nena usando un portátil.
Sanxenxo

O IES de Sanxenxo acolle un obradoiro de gamificación para converter os alumnos en emprendedores

A Asociación de Nais e Pais de Alumnado do IES de Sanxenxo vén de dar comezo na biblioteca do devandito centro a un obradoiro de gamificación destinado a amosar ao detalle (e dun xeito divertido á par que didáctico) como poñer en marcha unha empresa e facer que medre no mercado. A actividade, levada a cabo con persoal da ANPA como docente, achega recursos a 15 participantes. Estes asistirán ao obradoiro todos os martes do presente ano lectivo. A metodoloxía, segundo nos conta de primeira man a asociación, é conseguir que cada alumno desenvolva e detente unha tarefa concreta ao abeiro do obxectivo común e cooperativa: crear unha empresa.

“Isto”, sinalan, “permitiralles coñecer e desenvolver habilidades que nun futuro abran camiño a propoñerse unha iniciativa empresarial dende un coñecemento previo”. Coñecemento, indican, que é relativo a cousas como a busca de clientes, a comunicación dixital, o comercio electrónico, a produción, a contabilidade, o financiamento e, por suposto, “a introdución das novas tecnoloxías en todos os ámbitos de produción”. A actividade desenvolverase baixo o seguinte epígrafe:Xogando a crear futuro. Fagamos a nosa empresas!

Segundo informan os responsables do curso, outro dos obxectivos é permitir que os participantes gañen competencias de valor para a súa vida futura, non só laborais senón tamén sociais. A idea, de feito, vai máis alá de ensinar como se fai unha empresa e como se usan as TIC para facelo: encamíñase a aprender como se distribúe o traballo, como se vende un produto, como se inviste o que se gaña e como os integrantes dun grupo empresarial deciden que facer cos cartos obtidos.

04/10/201609:18
Rails Girls Galicia
Pontevedra

Pontevedra acollerá o primeiro Rails Girls Galicia

O Espacio Arroelo de Pontevedra vai acoller os días 21 e 22 de outubro un encontro organizado polo Google Developers Group Vigo para divulgar a tecnoloxía Ruby on Rails, empregada como base para moitos servizos web, buscando en boa medida derrubar os prexuízos de sexo que existen no contorno da enxeñaría en informática e así, esta iniciativa sería o primeiro Rails Girls Galicia (aínda que cómpre salientar que este obradoiro non está dirixido exclusivamente ao público feminino, senón que só busca visibilizalo).

O Rails Girls Galicia quere xuntar a 20 participantes repartidos en 2 grupos para que cada un desenvolva unha aplicación en Ruby on Rails baixo a supervisión dunha experta nesta tecnoloxía. O encontro botará a andar o vindeiro día 21 ás 19:30 horas, cunha setup party na que os asistentes poderán instalar o software necesario para o obradoiro que se desenvolverá durante o sábado, ao que seguirá unha charla inspiradora sobre a historia de programadores españolas con traballos moi interesantes.

O groso das actividades desenvolveranse o día 22 a partires das 9:00 horas, con sesións de programación nas que os participantes poderán crear a aplicación web proposta baixo supervisión, para poder presentar os seus resultados ás 20:00 horas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS