main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

11/10/201608:31
App innovadora
Santiago de Compostela

Indra e a Fundación Universia convocan axudas para proxectos de tecnoloxía accesible para discapacitados

Indra e Fundación Universia lanzaron a I Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles, dirixida a entidades pertencentes ao sistema universitario español, co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

Indra e Fundación Universia lanzaron a I Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles, dirixida a entidades pertencentes ao sistema universitario español, co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

Os proxectos de innovación aplicada, cunha duración máxima de 12 meses, deben estar dirixidos ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas, desde software a dispositivos, instrumentos ou equipos, que poidan ser utilizados por ou para persoas con discapacidade. As solucións propostas poden centrarse en diferentes aspectos, como facilitar a actividade e participación destas persoas na sociedade, previndo limitacións ou reducindo as existentes; protexer, apoiar, adestrar, medir ou substituír funcións/estruturas corporais; e/ou favorecer o acceso, mantemento e mellora do emprego das persoas con discapacidade.

O prazo para participar na convocatoria está aberto desde o luns 10 de outubro ata o próximo 15 de novembro e as bases e o formulario de solicitude están xa dispoñibles na páxina web de Indra e no portal dedicado a esta convocatoria. Unha comisión de adxudicación designada por Indra e Fundación Universia elixirá os tres proxectos que recibirán financiamento nesta primeira edición e que se darán a coñecer o 12 de decembro, tras a valoración das propostas recibidas.

A innovación e excelencia tecnolóxica da solución exposta, a súa viabilidade e transferencia real a produtos ou servizos que aínda non existan no mercado, a súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral e o alcance do seu impacto, tendo en conta o número de posibles beneficiarios e a posibilidade de internacionalizar a idea, serán algúns dos criterios para a valoración dos proxectos. Tamén se terá en conta que o produto ou servizo ideado sexa gratuíto ou teña un custo reducido para os usuarios finais, así como que a solución sexa open source, é dicir, que utilice código de programación aberto, de forma que facilite a súa modificación e adaptación posterior.

Para garantir que as tecnoloxías desenvolvidas dean resposta a necesidades reais e para facilitar unha correcta execución, tamén se considerará de forma positiva a participación nos proxectos de investigadores/alumnos con discapacidade, a colaboración de asociacións e fundacións vinculadas ao mundo da discapacidade, así como a proximidade á rede de software labs da compañía en España. Tamén se buscará potenciar as sinerxias con outros proxectos de Tecnoloxías Accesibles apoiados ou desenvolvidos xa por Indra.

11/10/201608:00
Centro Cultural A Senra de Bergondo
Bergondo

Bergondo introduce á veciñanza na informática

O Concello de Bergondo organiza dende finais de outubro e até finais de decembro unha actividade formativa para introducirnos nos principais usos e vantaxes das novas tecnoloxías da información. O Curso de informática básica, de 25 horas de duración, desenvolverase na aula informática da Senra (edificio de Servizos Sociais). A finalidade da iniciativa, segundo informa a organización, é achegar as TIC á veciñanza non familiarizada cos computadores, “co obxectivo de dotar aos asistentes de competencias e coñecementos aplicábeis en calquera ámbito profesional e persoal”.

O curso vai dirixido a persoas con nivel formativo baixo en materia tecnolóxica. Desenvolverase os luns e os xoves en horario de 20.00 a 21.30 horas. O prazo de inscrición remata o vindeiro 17 de outubro. A actividade é de balde e para recadarmos máis información dela cómpre poñernos en contacto co Concello a través do teléfono 981 79 12 52, ext. 3 ou ben a través da conta alberto.rilo@bergondo.es.

10/10/201617:23
Chave365
Santiago de Compostela

Os cidadáns poderán solicitar o servizo Chave 365 en centros de saúde e hospitais do Sergas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que habilita aos centros de saúde e hospitais do Sergas como centros acreditadores do servizo Chave 365, que permite, entre outras funcionalidades, a consulta e xestión de datos clínicos e persoais no teléfono móbil ou na tablet a través da plataforma É-Saúde (https://esaude.sergas.es). É unha alternativa ao uso de certificados electrónicos para as xestións on line coa Administración, coa vantaxe de que pode utilizarse dende dispositivos móbiles (teléfonos, táblets).

  • O DOG publica hoxe a resolución que acorda a súa habilitación como centros acreditadores deste servizo, que constitúe unha alternativa ao uso dos certificados electrónicos para as xestións online coa Administración
  • O usuario só precisa darse de alta no servizo e recibe no seu móbil unha clave que empregará xunto co seu NIF para acceder a calquera funcionalidade dispoñible da sede electrónica da Xunta ou á plataforma É-Saúde nun dispositivo tanto fixo como móbil

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que habilita aos centros de saúde e hospitais do Sergas como centros acreditadores do servizo Chave 365, que permite, entre outras funcionalidades, a consulta e xestión de datos clínicos e persoais no teléfono móbil ou na tablet a través da plataforma É-Saúde (https://esaude.sergas.es). É unha alternativa ao uso de certificados electrónicos para as xestións on line coa Administración, coa vantaxe de que pode utilizarse dende dispositivos móbiles (teléfonos, táblets).

 

É-Saúde

Trátase dunha ferramenta tecnolóxica de servizos sanitarios que posibilita que o paciente poida acceder dende o seu móbil, ordenador ou tablet, a servizos e contidos personalizados, e, deste xeito, consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, os informes de alta e de probas diagnósticas radiolóxicas ou de laboratorio rexistradas na súa historia clínica electrónica, entre outras prestacións.

Tamén permite acceder á axenda de citas en atención primaria ou especializada actualizada, posibilitando completala con eventos persoais de maneira que o paciente, dende o propio móbil, poida consultar cando ten que recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica, ou facer as actividades de promoción da saúde que houbera programado.

A Plataforma posibilita, ademais, o acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e dos cursos desenvolvidos polas asociacións de pacientes. Así mesmo, poderá consultar servizos ou participar nas comunidades entre o seu persoal médico e de enfermería e outros pacientes, e nas asociacións de pacientes que lle permitan contactar con outros doentes cos que comparta dúbidas ou recomendacións de hábitos de vida.

 

Chave 365

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta, puxo en marcha o pasado ano o Servizo Chave 365, ante a dificultades de uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos electrónicos. Este servizo dota aos cidadáns e as empresas dun mecanismo de identificación e sinatura electrónica sinxelo que ofrece garantías de seguridade similares case tan altas como as do certificado electrónico.

Para empregar Chave 365 o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben a través da sede electrónica ou de forma presencial en diferentes rexistros da Xunta e, a partir de agora, tamén poderá solicitarse en centros de saúde e hospitais, que se incorporarán de xeito progresivo como centros acreditadores. O listado de centros irase actualizando progresivamente no seguinte enlace https://sede.xunta.es/chave365.

Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibirá no seu móbil unha clave de acceso e unhas instrucións para confirmala. A partir de aí, o usuario poderá acceder a É-saúde introducindo a súa clave e NIF, dende calquera dispositivo fixo ou móbil.

A incorporación de Chave365 permite avanzar nos proceso da administración electrónica, facilitando o acceso dende dispositivos móbiles ou tablets a algunhas funcionalidades como a consulta do estado dos expedientes na carpeta do cidadán na sede electrónica da Xunta de Galicia ou, a partir de agora, á historia clínica electrónica do Sergas a través da Plataforma É-saude.

Cómpre destacar que a tramitación online supón un aforro mínimo de 75 euros por solicitude, fronte á modalidade presencial.

 

Plan de Administración e Goberno Dixital 2020

O servizo Chave 365 é unha das iniciativas do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, que busca culminar o traballo realizado nos últimos catro anos en materia de administración electrónica e conseguir unha Administración que funcione integramente de xeito dixital.

 

10/10/201609:08
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

Rematou o programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’

Seis colexios de Compostela participaron estas últimas semanas no programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’, organizada pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC e na que colabora co Concello de Santiago. A actividade ten como finalidade visibilizar as enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

Este venres desenvolveuse no CEIP Pío XII o último obradoiro, Buscando estrelas, impartido pola profesora de Astronomía da USC Josefina Ling. A el asistiron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez Pérez, e a concelleira de Igualdade de Santiago de Compostela, Marta Lois González.

19 obradoiros
O programa consistiu en obradoiros didácticos destinados ao alumnado de 5º e 6º de primaria de seis colexios públicos nos que se amosou a relación da ciencia e da tecnoloxía coa nosa vida cotiá e serviron para achegar o alumnado a estas disciplinas dun xeito lúdico. As encargadas de impartilos foron científicas e enxeñeiras da USC e do CESGA, referentes femininos que sirvan de modelos a nenas e adolescentes para motivalas nos estudos relacionados con estas disciplinas e caracterizados por unha baixa porcentaxe de alumnas.

Desde o 26 de setembro desenvolvéronse un total de 19 obradoiros nos CEIP Lamas de Abade, López Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rodríguez Xixirei, Pío XII e Vite I. As temáticas foron moi variadas: programación, superordenadores, física divertida, xogando coa luz, informática visual aplicada á bioloxía, astronomía, pegada ecolóxica, realidade virtual e aumentada ou intelixencia artificial, entre outras cuestións.

 

07/10/201611:40
José Antonio Hernández y Belén Gómez
Santiago de Compostela

A impresión 3D permite crear adaptacións para as persoas con lesión medular

  • A Fundación Lesionado Medular (FLM) incorporou unha impresora 3D para crear adaptacións para actividades da vida diaria (AVD), tales como alimentación, hixiene, vestido, etc.

 

A Fundación do Lesionado Medular (FLM) incorporou unha impresora 3D co obxectivo de fomentar a autonomía e a independencia dos seus usuarios a través da fabricación de produtos de apoio e adaptacións.

Esta incorporación é froito do traballo de José Antonio Hernández Porras, responsable da Escola TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) da FLM, creador do proxecto ‘Teclado  Accesible', a través do cal se obtén o financiamento da impresora 3D por parte de "En Acción Bankia" no seu programa especial de axudas ao desenvolvemento. “O proxecto supoñía aproveitar un teclado vello para xerar un adaptado a persoas con lesión medular, con outra textura e teclas máis grandes, ou un punzón no joystick para facilitar o seu uso”, comentou.

A impresora, que emprega principalmente os materiais PLA e Filaflex para fabricar as figuras prediseñadas, permitirá xerar todo este tipo de adaptacións para posibilitar que os usuarios da FLM desenvolver todas as actividades da vida diaria de forma autónoma. “Aínda estamos en fase de deseño e creación de produtos de apoio; estamos a avaliar todas as necesidades que temos en terapia ocupacional, e aspiramos a fabricar adaptacións para que os usuarios poidan lavarse os dentes, maquillarse ou coller un vaso, entre outras actividades da vida diaria”, destacou Belén Gómez, coordinadora do departamento de Terapia Ocupacional na área de Rehabilitación da FLM.

Segundo Gómez, a incorporación desta impresora é un gran avance en terapia. “Grazas á impresora 3D imos facer posible que os usuarios realicen actividades que non podían facer por si mesmos”, explicou. “Podemos deseñar todo o que queiramos, de forma personalizada, e reproducilo tantas veces como sexa necesario”, engadiu.

“De forma moi especial querémonos poñer ao día con todos os avances que existen en férulas. Esta impresora permitiranos fabricalas con condicións máis precisas para que sexan tamén transpirables e máis flexibles, adaptándoas de forma directa á man do usuario”, remarcou.

Doutra banda, grazas á Escola TIC, a FLM tamén garante que os usuarios participen de forma activa no proceso de creación de instrumentos. “Na escola, a través dun programa sinxelo, os usuarios poden fabricar figuras xeométricas e poderemos saber cales son as súas necesidades de forma máis directa”, asegurou José Antonio Hernández.

“O límite do que podemos crear coa impresora 3D está na nosa imaxinación”, asegura Hernández. “Imos fabricar todo aquilo que creamos que é útil para os usuarios de forma personalizada e en serie”, destacou. “Existen necesidades que non están satisfeitas no mercado e que, ademais, a súa solución sería moi cara, pero os materiais utilizados na impresión 3D son moito máis baratos e isto baixaría moito o custo ao usuario”, engadiu Belén Gómez.

Polo momento, a FLM vai centrar en fabricar aquelas adaptacións que favorezan a autonomía e a independencia dos usuarios nas actividades de vida diaria. Así, férulas, utensilios para comer e beber por si mesmos, instrumentos para as cadeiras de rodas eléctricas, ou mesmo botóns para lavarse os dentes sen necesidade de apoio están entre os principais obxectivos da Escola TIC e dos responsables de terapia ocupacional.

Grazas a esta nova incorporación, a FLM sitúase na vangarda no que respecta a dar resposta a necesidades de persoas con lesión medular, apoiando o desenvolvemento e a autonomía dos seus residentes e apostando tamén por un método máis preciso, máis barato e máis útil que outros xa existentes.

“O noso obxectivo agora é incorporar un escáner 3D para introducir deseños máis complexos e satisfacer así outras necesidades máis sofisticadas”, concluíu Hernández.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS