
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Un grupo de 13 escolares de Santiago, con idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos, participaron o sábado, acompañados polos seus pais ou nais, nun taller práctico de aprendizaxe para programar videoxogos con Scratch que tivo lugar na Biblioteca da Cidade da Cultura, organizado polo Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática, CPETIG, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O obxectivo desta iniciativa, posta en marcha polo CPETIG e Amtega hai dous anos, é ampliar progresivamente o número de escolares de Galicia que acceden de forma lúdica e divertida ao coñecemento da programación informática como ferramenta didáctica, tomando conciencia da súa potencia como medio de expresión creativa.
A implicación das familias é determinante como apoio para que a rapazada se sinta atraída pola programación informática, de xeito que esta experiencia didáctica e divertida sexa un labor a continuar na casa.
A participación no taller, impartido por Código Octopus, supón a aprendizaxe da utilización de Scratch como factor creativo e motivacional, utilizado con obxectivos didácticos. O Scratch é unha ferramenta baseada en pezas encaixables que serven para construír pequenos programas que permiten iniciar ao alumnado na linguaxe de programación dun xeito simple e intuitivo, pero eficiente.
A rede 2btube, comunidade dixital hispanofalante de formatos audiovisuais para os máis novos segue a medrar e desta volta anuncia a creación de 2bkids, unha división especializada en contidos infantís e familiares en YouTube. Emporiso, 2bkids é a primeira tentativa da network de cara a espallarse fóra do mercado hispanofalante, co apoio dos 60 profesionais de 2btube dende as súas oficinas en Madrid, Miami e Cidade de México.
Indo a 2btube, salientar que achegará os mesmos servizos que 2btube mais encamiñándose a unha audiencia internacional en todos os idiomas, formada por nenos de até 10 anos e as súas familias. O proxecto está liderado por Juan Baixeras, quen se incorpora á empresa como director xeral de 2bkids. Juan Baixeras conta cunha ampla traxectoria no mundo do lecer e a educación infantil, foi director xeral Zinkia (Pocoyó) e é o fundador de Little Smart Planet, unha plataforma de videoxogos educativos 2bkids xa conta con 30 canles de YouTube que suman máis de 80 millóns de visualizacións ao mes. A estes talentos 2btube ofrécelles un asesoramento personalizado enfocado en acadar dous obxectivos: aumentar a súa audiencia (mellorando a súa canle grazas aos seus expertos e ás súas ferramentas premium) e aumentar os seus ingresos (mediante as accións con marcas e o incremento en visualizacións). Para achegarnos un pouco a 2btube, abonda con dicir que esta network ten só 2 anos de vida e dende a súa posta en marcha conta con máis de 600 canles de YouTube que suman máis de 500 millóns de visualizacións ao mes e 50 millóns de subscritores. Arestora, 2btube ocupa a posición número 23 da listaxe mundial de networks segundo SocialBlade.
Lugo acolle o vindeiro 18 de outubro o novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital. O encontro centrarase na robótica e desenvolverase na aula CeMIT da cidade, situada na Praza do Castiñeiro, de 10.00 a 14.00 horas.
Tras a benvida institucional, a cargo dun representante do CPEIG, intervirá o profesor titular da Universidade de Vigo, José Ignacio Armesto; o xerente e director comercial de Unimate Robótica, Cástor González, e Hugo Barreiro, coordinador de ASIME 4.0 (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia). Un debate aberto ao público pechará este faladoiro dixital ao redor da robótica.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa de balde no enderezo eventos@cpeig.gal e a través da web www.profesionsdixitais.org, onde tamén atoparán información do programa e dos relatores.
1 mes, 1 profesión dixital
A campaña 1 mes, 1 profesión dixital desenvolve xa a súa segunda edición, abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado este ano entre o CPEIG e a Amtega.
A idade media coa que os menores españois se inician no uso de Internet sitúase ao redor dos nove anos, segundo datos publicados e recollidos pola empresa española do sector das novas tecnoloxías e redes intelixentes Monsan.
Así mesmo, o 41% dos nenos de once anos xa conta cun teléfono móbil e un 40% dos menores de entre nove e trece anos de idade conta con perfís nestas plataformas sociais, a pesar de que existe un límite de idade para rexistrarse nelas, segundo lembra a compañía.
Tal e como sinala Monsan, son os máis novos quen dominan as redes sociais á perfección e saben sacarlle o máximo partido. Con todo, Monsan advirte de que un uso inapropiado de instrumentos como o móbil ou a tablet para acceder ás redes sociais expón a adultos e sobre todo a menores, os máis vulnerables, a certos riscos.
Segundo explica a compañía responsable do estudo, actualmente existe non só un aumento exponencial de delitos e fraudes a través de dispositivos móbiles, senón tamén un incremento do 'grooming', termo co que se fai referencia ao acoso dixital dun adulto a un menor.
"Os depredadores sexuais achéganse aos menores creando perfís falsos en distintas redes sociais nos que finxen e falsean ser un adolescente como eles --explican desde a compañía--. Unha vez se produciu o achegamento é cando empeza o acoso e a coacción".
A resposta que propón Monsan a esta situación e, así, evitar a desprotección dos menores na rede, atópase na educación. Por este motivo, a compañía insta a pais e profesores a colaborar xuntos para que os menores fagan un bo uso destas tecnoloxías e sexan conscientes dos perigos que corren se fan o contrario.
Para iso, é importante segundo Monsan, que se teñan en conta algunhas medidas como, por exemplo, non revelar datos persoais nin claves a persoas descoñecidas, ou que os pais teñan acceso ás contas de Internet dos seus fillos menores de idade.
Os móbiles están feitos a proba de nenos, pero o contido ás veces non tanto. Os pais preocúpanse cada vez que o seu fillo pequeno agarra o móbil polas consecuencias que pode ter. Chamadas aleatorias, fotos enviadas aos contactos de WhatsApp, aplicacións borradas, páxinas non aptas para a súa idade...
Algúns pais debátense entre non deixarlle o móbil ou estar á beira do menor para vixiar que uso fai do mesmo. Pero adoita ser unha batalla perdida ante os pequenos tecnolóxicos da casa.
Existen unha serie de apps que axudan a limitar o uso do dispositivo por parte dos pequenos, para deixar só aquelas aplicacións que os proxenitores consideren seguras e bloquear o resto do teléfono. O obxectivo destas aplicacións é desde evitar que os pequenos desenvolvan unha adicción ao aparello, ata que visiten páxinas con contido inapropiado ou que fagan travesuras chamando a calquera.