
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Mos inicia a segunda edición do seu obradoiro Coñece o teu móbil, dirixido, como o seu propio nome indica, a introducir a veciñanza (facendo fincapé na xente maior) nas principais vantaxes e utilidades duns aparellos que, cos novos modelos intelixentes (smartphones) do mercado a prezos máis ou menos accesibles, van moito máis alá da tradicional funcionalidade de facer e recibir chamadas. Como principal novidade con respecto da primeira achega (que se saldou cun importante éxito de participación), esta segunda convocatoria achega dous grupos formativos: un para iniciar aos participantes e outro de perfeccionamento. Segundo lembra o Concello, trátase dunha iniciativa de balde e directamente encamiñada a persoas maiores de 65 anos residentes en Mos (ou pensionistas maiores de 55 anos).
O grupo de iniciación recibirá clases ata o día 20 de decembro. En horario de martes e xoves de 11.30 horas a 13.00 horas. Neste grupo participan un total de 15 alumnos/as.
O grupo de perfeccionamento, formado por 15 veciñas e veciños, terá clase ata o 21 de decembro, en horario de luns e mércores de 11.30 horas a 13.00 horas. A iniciativa Coñece o teu móbildesenvolverase nas instalacións do centro Multiusos das Pozas. Vén da man da Concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón.
Pos obxectivos, como dixemos, é incrementar a marxe de uso dos dispositivos entre os maiores de Mos, facendo fincapé nas súas vantaxes comunicativas (cousas como estreitar as ligazóns con familiares, amigos, coidadores ou persoal médico) e nas posibilidades informativas e creativas (conexión á Rede, uso de aplicacións de gran utilidade, acceso a redes sociais e comunidades en xeral, emprego da cámara, etc). Segundo informa o Concello, a idea é desbotar a falsa crenza de que a telefonía móbil é complexa, excluínte e só está ao alcance dos nativos dixitais. O que se busca, polo tanto, é amosar a manchea de prestacións que fornecen os terminais, “cada vez máis doados de empregar”. O obradoiro, por estas e outras razóns, insírese por dereito propio no que se coñece como envellecemento activo (a aplicación de diversas metodoloxías, incluído o uso das novas tecnoloxías da información, para incrementar a calidade de vida das persoas de idade e loitar contra a incomunicación, a desatención ou a soidade).
A convocatoria da II edición do ciclo de cursos Concello de Cee na Rede, organizados pola Concellería de Presidencia, Benestar Social, Igualdade e Emprego (dirixida por Pilar Iglesias), xa está aberta. A finalidade destes cursos é achegar á poboación os coñecementos básicos no uso da Rede e amosar as vantaxes que pode ter o uso da tecnoloxía en situacións cotiás.
Desta volta, os obradoiros virán marcados polo tipo de poboación á que se dirixen e polos seus coñecementos previos no uso de Internet. Dito doutro xeito: haberá formación encamiñada ao público xeral non iniciado, mais tamén a desempregados que non coñecen o manexo da Rede nin o que pode supor de cara á súa busca de emprego.
En canto ás persoas maiores, logo do éxito acadado na edición anterior, este ano tamén haberá un curso de iniciación específico para eles no que se pretenderá acadar un bo desenvolvemento co computador realizando buscas en Internet e cun achegamento ao uso do correo electrónico e ás redes sociais. A xeito de novidade, aqueles que xa se desenvolven mellor terán a oportunidade de seguir aprendendo e avanzando no seus coñecementos (uso dosmartphone e as súas posibilidades, etc).
Os interesados en asistir aos cursos deberán apuntarse nas Oficinas de Orientación Laboral do Concello de Cee até que se completen o número de prazas dispoñibles.
Durante a celebración de SIMO Educación, os días 19, 20 e 21 de outubro, Appvise presentará a súa app para previr o bullying nos colexios e impartirá charlas sobre este problema. Disporá dun recuncho de realidade virtual onde os visitantes poderán experimentar, en primeira persoa, que senten as vítimas de bullying.
O equipo de Appvise está composto por psicólogos, docentes, deseñadores e desenvolvedores - entre outros perfís-, cunha particularidade común: a maioría deles tamén son pais. Por iso é polo que os seus esforzos se centran en converter a app nunha poderosa ferramenta de comunicación de uso habitual entre profesores e pais para ofrecer, aos fillos e/ou alumnos, unha formación extra que satisfaga as necesidades educativas de hoxe en día. Neste sentido inclúense programas de desenvolvemento da intelixencia emocional, de habilidades sociais ou de aprendizaxe cooperativa, etc.
Appvise ten múltiples utilidades baixo unha contorna segura e non intrusiva. O seu funcionamento, intuitivo e sinxelo, é similar ao do Whatsapp, pero introduce substanciais melloras para os profesores como a privacidade do seu número de teléfono, a restrición do horario para a recepción de mensaxes ou a imposibilidade de facer "círculos dixitais" entre pais.
Outros servizos que ofrece esta aplicación son: que un profesor poida mandar unha autorización aos pais dos seus alumnos tan só enviando unha mensaxe desde a app do seu móbil ou por a disposición dos alumnos material de estudo complementario a través de ligazóns a páxinas web educativas, vídeo-tutoriais ou presentacións. Tamén, grazas a esta ferramenta, o profesor nunca máis terá que estar pendente da tradicional axenda de papel, xa que conta cunha axenda dixital incorporada.
Temas como fabricación personalizada, intelixencia artificial, realidade virtual e Fintech son exemplos de áreas de actividade nas que a tecnoloxía ten un importante impacto social. Por este motivo, a súa achega á accesibilidade será tratada en profundidade no congreso.
Unha mesa moderada por Ángel García Castillejo, conselleiro da Comisión Nacional do Mercado das Telecomunicacións, analizará como axuda a intelixencia artificial á autonomía das persoas e como se adapta ás diversidades funcionais da sociedade. Para iso, contará coa participación de dúas compañías á vangarda no ámbito da realidade virtual: IBM e Microsoft.
O uso da realidade virtual en aplicacións de lecer, educación e rehabilitación ten un enorme potencial para mellorar a vida das persoas con discapacidade. Antonio Vargas, senior Policy Analyst para España e Portugal de Google, e Diego Romero San Martín, responsable de Proxectos en Tecnoloxías TIC do Instituto Tecnolóxico de Aragón; José Luis Farias de Paramotion, e Darío Reques de Dobra Tus Crifras profundarán neste campo.
Outra mesa de debate estará dedicada á fabricación personalizada. Expertos como Julián Carabaña, técnico especialista do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (Ceapat); Miguel Ángel Brun, de Informática El Corte Inglés, ou Jesús García Tello, director adxunto de Sistemas de Información de Red.es, explicarán cal é a súa aplicación no campo da accesibilidade a través dos seus proxectos.
Por último, Deloitte e Ibercaja tratarán de explicar como as empresas do sector financeiro están a tomar en consideración criterios de accesibilidade na importante transformación dixital que están a levar a cabo nas súas estruturas.
O Concello de Ponteareas anunciou a semana pasada a organización de dúas actividades formativas para nais e pais relacionadas directamente coas tecnoloxías da información. Trátase dun curso sobre retoque fotográfico e outro sobre aplicacións de balde. Os obradoiros, que serán de balde, abren hoxe o mesmo cadanseu prazo de inscrición (até o día 25). Cada unha das actividades achegará un total de dez prazas.
Ambos os dous cursos desenvolveranse na aula CeMIT situada no Centro Social da rúa Oriente de 16.00 a 18.00 horas. O curso de retoque fotográfico comezará o mércores 2 de novembro, continuará o 9 e 16 do mesmo mes e rematará o 23. Deseguido, o curso de aplicacións de Google empezará o mércores 30 de novembro, seguirá o 14 e rematará o 21 de decembro.
Segundo informa o Concello, a primeira das actividades será un achegamento ao retoque fotográfico a través de procesos como a creación dun logotipo e fondo de pantalla, unha fotomontaxe, o enfoque e desenfoque, a coloración ou filtros básicos, entre outros temas. O segundo obradoiro, centrado en aplicacións de Google, introducirá aos asistentes na configuración de aplicacións de Google a través do correo, de Google Maps, Gmail, Google Docs, Google Drive ou Hangout, entre outros.