main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

24/10/201608:02
Logo Rapaciñ@s
A Coruña

Os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías e obradoiros para grandes e pequenos, na Coruña o día 24 da man de Rapaciñ@s

  • A xornada, organizada polo CPEIG e Amtega no Colexio Calasanz, é de balde e está dirixida a nais e pais para previr riscos na Internet
  • Nenos e nenas de entre 8 e 14 anos poderán participar en diferentes obradoiros

 

O día 24 de outubro, o Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña acollerá a xornada Rapaciñ@s, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O horario do evento, que é gratuíto, vai de 18:30 a 20:30 horas.

Nais, pais e docentes aprenderán as vantaxes das novas tecnoloxías e como previr os riscos que tamén presentan. Namentres os adultos asisten a unha charla dun colexiado do CPEIG, os nenos participan en obradoiros de programación e robótica educativa. Cómpre inscrición previa en: eventos@cpeig.gal.

Rapaciñ@s é un programa de charlas informativas que percorren Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

 

Límites e oportunidades

A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas ”Navega con Rumbo polo Ciberespazo”, impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" resultaron destacadas dúas temáticas: as redes sociais e menores,elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes. Destas preocupacións naceu a iniciativa Rapaciñ@s.

 

21/10/201608:55
Logo CCN Cert
Santiago de Compostela

Como usar o noso móbil de forma segura e evitar ciberataques

  • O CCN-CERT publica o seu informe de Boas Prácticas CCN-CERT BP-03/16 cun decálogo de seguridade cos principais puntos a ter en conta.
  • España, un dos países cunha maior penetración de teléfonos intelixentes, é un dos máis afectados polo crecente número de ataques, cada vez máis complexos e sofisticados.
  • O documento ofrece un conxunto de pautas e recomendacións para mitigar posibles ataques, dando a coñecer as técnicas e os recursos máis utilizados polos atacantes para conseguir infectar un dispositivo móbil ou obter información persoal da vítima.

Actualizar sempre o sistema operativo e as aplicacións do dispositivo móbil (que deberían descargarse sempre de fontes de confianza), realizar copias de seguridade periódicas do contido que se desexa protexer, evitar conectarse a redes Wi-Fi públicas abertas e rexeitar permisos innecesarios nas apps son algunhas das principais recomendacións que o Centro Criptolóxico Nacional (CCN) realiza no seu Informe CCN-CERT BP-03/16 Boas Prácticas en Dispositivo móbiles recentemente publicado.

O documento, o segundo dunha serie de informes destinados a un público xeral que busca concienciar e facilitar o uso seguro das tecnoloxías da información e as comunicacións, céntrase precisamente nun dos segmentos nos que se observa un maior incremento no número de ataques e de roubo de información e, pola contra, menor percepción de perigo teñen os seus usuarios. Máxime, tendo en conta que os dispositivos móbiles son utilizados tanto nas comunicacións persoais, como nas profesionais, privadas e relevantes, e para o almacenamento e intercambio de información sensible.

A maior parte dos exemplos do Informe fan referencia ás dúas plataformas máis utilizadas nestes momentos: Android (Google) e iOS (Apple) e nel pódense atopar epígrafes dedicados á pantalla de bloqueo, as comunicacións a través de USB, a actualización do sistema operativo e das aplicacións, o cifrado do dispositivo móbil, as copias de seguridade ou a xestión remota do dispositivo.

CCN-CERT BP-03/16 inclúe ademais un apartado sobre as capacidades de comunicación inalámbricas, as aplicacións móbiles (apps) ou outras recomendacións de seguridade de carácter xenérico (tanto desde o punto de vista corporativo como persoal) xunto cun decálogo de recomendacións.

Comunicado CCN-CERT (20-10-2016)

Acceso ao Informe

21/10/201608:34
Nenos ante unha pantalla de ordenador.
Santiago de Compostela

Seis de cada dez nenos menores de 5 anos utilizan a tablet para ver debuxos animados

  • O 61% dos nenos menores de 5 anos utilizan a tablet para ver debuxos animados, segundo se desprende dunha enquisa realizada por Hero Baby entre os seguidores da súa páxina de Facebook sobre o consumo de debuxos animados, que ofrece datos sobre os hábitos de 284 nenos menores de 5 anos.

En concreto, en canto á pantalla utilizada para ver os debuxos animados, os resultados desta enquisa poñen de manifesto que o 93% destes nenos veos a través da televisión, un 23% ve os debuxos a través de smartphones e un 10% utiliza o computador.

En relación ao grupo de nenos menores de 2 anos, os datos extraídos da enquisa mostran que o 88% veos na televisión, mentres que o 55% utiliza tamén a tableta e smartphone. En cambio, menos do 1% o fai a través do computador.

Sobre o tempo que pasan vendo debuxos animados, a enquisa desvela que o 64% dos menores de 5 anos ve máis dunha hora ao día este tipo de contidos audiovisuais; o 31% faino menos dunha hora ao día; o 54% faino entre unha e dúas horas; e o 12% faino máis de dúas horas ao día. O 4% dos nenos desta idade non adoita ver debuxos animados.

Preguntados por quen elixe os debuxos animados que consomen os nenos, o 31% dos enquisados asegura que os escollen os propios menores; o 32% afirma que na súa maioría elíxeos a nai; o 28% elíxenos entre o pai e a nai; e o 2% di que os elixe o pai.

"O uso de tablets e móbiles converteuse nun recurso para as familias con fillos, pois con eles contrólanse situacións difíciles, ademais a motivación dos nenos é altísima", explicou a psicóloga e coach especialista en procesos de axuda e crecemento a nenos e familias, Helena Figuerola.

Neste sentido, advertiu de que os pais deben controlar os tempos xa que "un neno non pode estar máis dunha hora e media ao día contando todas as pantallas"; coñecer e controlar os contidos que sexan adecuados á súa idade; e pasar algúns momentos con eles para evitar a introversión. 

21/10/201608:17
Muller usando móbil.
Santiago de Compostela

A USC impulsa un estudo para determinar o potencial dos móbiles como recursos de inclusión para desempregadas

A investigadora da USC Yolanda García vén de pór en marcha un estudo sobre o emprego de dispositivos móbiles como recursos de inclusión social para mulleres desempregadas de longa duración. A investigación, desenvolvida en colaboración coa School of Social Welfare da Universidade estadounidense de California (a UCBerkeley, na que se atopa traballando Yolanda cunha bolsa posdoutoral), levarase a cabo cunha base de dúas ducias de mulleres desempregadas de oito concellos galegos. Yolanda García é investigadora do grupo Gist-Idega da Universidade de Santiago.

Segundo informa a USC, a investigadora galega está a coordinar un grupo interdisciplinar no que participan xeógrafos, enxeñeiros informáticos, traballadores sociais e psicólogos, “que coa información acadada pretenden abrir unha reflexión sobre as vantaxes e limitacións deses instrumentos tecnolóxicos para as terapias psicosociais”. Na base do estudo sinálase que os móbiles “permiten superar os atrancos de comunicación” e con eles “podemos dar respostas inmediatas de atención psicoterapéutica a calquera persoa en calquera lugar, pero tamén a persoas con problemas sociais, de saúde mental, física u outras”, explica a investigadora. Malia estes e outros beneficios, a propia investigadora tivo ocasión de comprobar (xunto cos tamén investigadores A. Aguilera, da Universidade de California, Carlos Ferrás, da USC, e A. Rocha, da Universidade de Coimbra) a escaseza de investigacións con colectivos vulnerábeis coma os devanditos, coa excepción dos estudos desenvolvidos en Estados Unidos, onde se empregan estas tecnoloxías tanto no traballo social como no da psicoloxía clínica. Na investigación impulsada por Yolanda García colaboran tamén a Consellería de Familia e Benestar Social e os servizos sociais dos concellos de Brión, Ames, Teo, Rois, Santa Comba, Ordes, Cerceda e Padrón aos que pertencen as mulleres.

20/10/201608:46
Presentación dos cursos online.
Santiago de Compostela

Fundación ONCE presenta unha canle formativa de cursos online que abordan o deseño universal

  • O primeiro curso MOOC arrinca o 14 de novembro en UNED Aberta e trata sobre conceptos de accesibilidade universal aplicados á Enxeñería.

 

Fundación ONCE presenta unha canle formativa de cursos online que abordarán en primeira persoa a accesibilidade universal e a necesidade de incluír criterios de deseño para todos nos distintos proxectos.“Pretende formar profesionais capaces de construír unha sociedade inclusiva”, resumiu Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación de Fundación ONCE.

A canle Fundación ONCE presentouse onte mércores nun encontro celebrado en Servimedia. A iniciativa enmárcase no convenio que manteñen Fundación ONCE e o Real Padroado sobre Discapacidade e conta co apoio da UNED.

Á presentación acudiron Mercedes Jaraba, directora do Real Padroado sobre Discapacidade; Elena Jariod, xefa de Servizo da área de Programas e Actividades do Real Padroado sobre Discapacidade; Miguel Melendro, vicerreitor Adxunto de Transparencia da Investigación da UNED; Tomás Jiménez, secretario executivo de CRUE Tic, e David Zanoletty, xefe do Departamento de Tecnoloxías Accesibles da Fundación ONCE.

Segundo explicou Jesús Hernández, trátase da posta en marcha dunha canle formativa de cursos MOOC (Massive Online Open Courses) onde, con criterios de deseño para todas as persoas, publicaranse cursos con temas relacionados co deseño universal. O obxectivo é facer pedagoxía sobre esta materia.

Está dirixido a alumnos de enxeñerías, pero tamén a todos os profesionais en exercicio que precisan de formación nesta materia para “construír unha sociedade inclusiva”. “Para construír a sociedade que queremos, todas as titulacións e profesións contan”, aseverou Hernández.

Para Mercedes Jaraba a posta en marcha desta canle de formación coincide cun dos obxectivos do Real Padroado sobre Discapacidade como é a aposta pola formación de todas as persoas e, especialmente, pola formación superior e universitaria que, segundo recoñeceu, aínda adoece de falta de accesibilidade. “A integración plena”, subliñou, “vén polo emprego e, sen o nivel de formación adecuado, non se alcanzará”.

Na súa opinión, hai que apostar por esta tecnoloxía MOCC que pode ser unha achega fundamental para que un maior número de persoas con discapacidade poidan acceder á formación superior.

En representación da UNED, Miguel Melendro mostrou a súa satisfacción pola posta en marcha deste proxecto que, segundo dixo, encaixa á perfección coa filosofía desta universidade “aberta e inclusiva”. Explicou que estes cursos, abertos e de calidade, pretenden chegar non só ao profesorado, senón tamén a administracións, empresas e a todos os profesionais que queiran ser capaces de facer os seus deseños de actuación profesional accesibles para todos.

A canle, accesible a través de UNED Aberta incorpora recursos educativos abertos, gratuítos, de calidade e accesibles para todos. O estudante obtén, ademais, o recoñecemento ou acreditación polos méritos conseguidos.

A primeira convocatoria do curso MOOC, que arrinca o 14 de novembro cunha duración prevista de 4 semanas, leva por título ‘Enxeñería de Factores Humanos/Interacción Persoa-Computador: Necesidades do usuario e produtos de apoio'. Nel abordaranse conceptos de accesibilidade universal nas carreiras de Enxeñería.

Dentro do proxecto atópase tamén o compromiso de editar dous cursos adicionais. Un deles sobre a autoría de Documentos ‘Dixitais Accesibles' e un terceiro sobre ‘Accesibilidade de produtos e servizos TIC: Compras públicas. (UNE-301 549)'.

Por último, en nome da CRUE, Tomás Jiménez mostrou o seu apoio a esta iniciativa e sinalou que aínda queda moito camiño por facer en canto á accesibilidade dos contidos universitarios. “Toda iniciativa que sirva para acurtar esta distancia é ben recibida”. Segundo dixo, estes cursos MOOC rompen as barreiras de acceso físico e teñen vantaxes para a educación en xeral. “O noso papel fundamental agora é trasladar esta iniciativa ao profesorado”, recalcou.  

Para concluír, Jiménez referiuse a un informe de "Inserta Empleo" que confirma que as persoas con discapacidade terían as mesmas oportunidades laborais se accedesen ás mesmas oportunidades formativas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS