
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O pasado mes de abril o Concello de Pontevedra abría unha canle para conectar dous mundos mediante un proxecto ben interesante: Memoria en rede, unha idea que unificaba a tecnoloxía e a memoria. Dito doutro xeito, servíase das novas novas tecnoloxías para ir á procura da memoria perdida, entendendo por isto último: historias, lendas, vivencias, en definitiva, vidas… Memoria en rede botaba a andar na parroquia de Mourente e agora volta cun “proxecto redeseñado e adaptado” segundo anunciaba o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña. Nesta segunda quenda aMemoria en rede, que comezará en setembro, chegará á parroquia de Lérez.
Así, desta volta a Memoria en rede terá unha dupla versión: Cerdeiras e Carballos. AsCerdeiras, para aqueles con menos coñecementos (ou ningúns) dispostos a aprender e a tentar participar no proxecto. E osCarballos, para persoas con algúns coñecementos informáticos que farán un pequeno repaso ao comezo do curso para ir ao miolo do proxecto: recuperar a memoria.
Con esta Memoria en rede perséguese, amais de achegar as persoas á informática, que todas as historias contadas polos participantes fiquen á disposición do público xeral nun blog no que se poderán ler e engadir comentarios de experiencias partilladas ou impresións persoais.Memoria en rede comezará os días 19 de setembro en Lérez e o 20 de setembro en Mourente.
Para aquelas persoas interesadas, os horarios serán os seguintes: luns e mércores, en Lérez; e martes e xoves en Mourente. De 16:15 a 18:15 horas, curso básico (Cerdeiras) e de 18:30 a 20:30 horas, o curso intermedio (Carballos). A distribución horaria das Cerdeiras será de 40 horas aprendendo e 10 horas de práctica. E nos Carballos, xustamente á inversa: 10 horas repasando e 40 horas recuperando (con voz gravada, textos, imaxes escaneadas, vídeos…).
Para inscribirse é preciso chamar en horario de mañá ao teléfono do Concello 986 80 43 00 e premer a extensión 7107. Aí, indicarase o nome e apelidos e o teléfono de contacto. Ou ben, acudindo pola alcaldía do Concello. Hai 15 prazas por curso.
A vivienda, de máis de 100 metros cadrados, pretende mostrar que a accesibilidade e a estética non están enfrontadas
Unha casa intelixente, accesible e sustentable percorrerá España durante os próximos meses para demostrar a técnicos profesionais, e á sociedade en xeral, que a accesibilidade é positiva para todos e que, ademais, non está enfrontada co bo gusto.
A vivenda, de máis de 100 metros cadrados, é unha iniciativa da Fundación ONCE posta en marcha no marco dun convenio subscrito co Real Padroado sobre Discapacidade, que pretende mostrar aos seus visitantes as posibilidades de construción e dotación de mobiliario nunha casa intelixente, accesible e sustentable, á vez que ofrecer solucións técnicas e tecnolóxicas a problemas de accesibilidade.
A este respecto, José Luís Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, explicou que o obxectivo da iniciativa é demostrar a técnicos e cidadáns en xeral que a eliminación de barreiras e o deseño para todos son dúas realidades posibles ás que debe tender a sociedade para contribuír á consecución da plena cidadanía de todas as persoas.
Partindo desta base, a estancia está pensada para que a visiten profesionais do sector da edificación, escolas de deseño industrial, empresas relacionadas coa construción, o urbanismo, a accesibilidade e a domótica, administracións públicas, asociacións de persoas con discapacidade e sociedade en xeral.
Dotada de salón, cociña/comedor, dormitorio, baño e hall de entrada, a casa concibiuse baixo os criterios de confort, adaptación ás necesidades dos seus habitantes, facilidade de uso, seguridade, sustentabilidade e, por suposto, o da estética.
Está previsto que a vivenda, aloxada nun tráiler, inicie o seu percorrido a finais do próximo mes de setembro e que visite as distintas comunidades autónomas para demostrar á sociedade que a accesibilidade e o bo gusto son conceptos que poden ir da man.
Segundo datos do observatorio Odismet, cofinanciado por o FSE
En España hai rexistrados 78.900 mozos con discapacidade, con idades comprendidas entre os 16 e os 24 anos, dos cales un 11,1% non ten formación, fronte aos mozos sen discapacidade, entre os cales a falta de formación é case inexistente, segundo datos de Odismet, o Observatorio sobre Discapacidade e Mercado de Traballo en España da Fundación ONCE. En canto á formación superior, só o 2% dos mozos con discapacidade cursou nela.
As razóns que explicarían esta realidade hai que buscalas, por unha banda, no tipo de discapacidade xa que, do total de mozos, o 64,9% (51.200), presentan discapacidade psíquica ou enfermidade mental, que polas súas características dificultan o desenvolvemento de formacións de elevado nivel. Doutra banda, aínda son frecuentes os obstáculos derivados da falta de accesibilidade en centros, transportes, materiais, etc., que limitan o acceso e continuidade do proceso formativo.
Eses menores niveis formativos lastran a incorporación dos mozos con discapacidade ao mercado laboral. Os datos indican que, do total de contratos realizados en 2014 a mozos, exclusivamente o 0,43% foron destinados ao colectivo. Así mesmo, do total de contratos realizados en 2014 a persoas con discapacidade, só o 5,83% foron subscritos con mozos.
A este contexto, hai que engadir a precariedade das súas condicións laborais xa que, en termos salariais, os mozos con discapacidade reciben menores contías que o resto de persoas con discapacidade, cunha diferenza de máis de 10.000 euros brutos ao ano. Do mesmo xeito, os seus salarios tamén son inferiores aos do resto de mozos da poboación xeral.
En canto á xornada parcial, esta aplícase ao 51,90% dos mozos con discapacidade, dato moi superior ao doutros segmentos e grupos.
A Asociación Vontade, centrada na integración de persoas con diversidades funcionais e cognitivas e integrada na Confederación Galega de persoas con Discapacidade (COGAMI), vén de anunciar un curso de alfabetización dixital para o vindeiro mes de setembro. A actividade comezará o 20 de setembro, abordándose temas como Internet, uso do correo electrónico, o manexo da tableta e máis do teléfono intelixente. A Asociación Vontade está emprazada no concello de Tomiño e o seu obxectivo fundamental é fomentar capacidades dos ditos colectivos e loitar pola súa integración social. Neste mesmo ámbito insírese o devandito curso tecnolóxico.
Enmarcada no programa Depo en Marcha que financia a Deputación de Pontevedra, a actividade formativa impartirase os martes e xoves de 10 a 12 horas, cunha previsión de fin a data de 10 de novembro. Está dirixida a persoas coas ditas diversidades e características, aínda que non é excluínte con respecto a outros colectivos. A formación ten un custo de 6 euros por persoa. Para máis información, ou reserva de praza, contactar coa asociación Vontade no teléfono 986 62 30 44 ou a través da seguinte dirección de correo electrónico: tsocial@vontade.org.
O Concello das Pontes anunciou a semana pasada a vindeira celebración do curso Aprende a usar o teu teléfono móbil, unha actividade formativa orientada sobre todo ás persoas maiores e que se dirixe a achegar este colectivo ao funcionamento básico e ás principais vantaxes e posibilidades dos nosos dispositivos, facendo fincapé nos coñecidos como smartphones (teléfonos intelixentes). O curso desenvolverase a partir do 5 de setembro na Aula CeMIT das Pontes, emprazada no soto da Casa Dopeso.
Segundo apunta a organización da actividade, ao longo da mesma abordaranse aspectos básicos como gardar contactos na axenda, poñer alarmas, manexo de Whatsapp ou uso da cámara de fotos. O curso terá unha duración de oito días, de luns a venres de 10:00 a 12:00. A inscrición é totalmente gratuíta. Para formalizala, teremos que acudir á Aula CeMIT das Pontes (Rosalía de Castro Nº 28), chamar ó teléfono 637 900 975 ou enviar un correo electrónico a cemit.aspontes@xunta.es.