main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/10/201613:12
Persoa maior usando un móbil
Lugo

Comeza este luns o programa Alimentatic da Deputación de Lugo

Este luns comeza unha nova actividade da Deputación de Lugo enmarcada nos seus obxectivos de fomentar hábitos saudables entre os maiores da provincia a través do uso das novas tecnoloxías da información. Falamos de Alimentatic, un programa de conferencias e obradoiros (un total de 15) que se van desenvolver en diferentes comarcas e que inclúe, tamén, unha guía de alimentación saudable en formato dixital (co deseño dun menú semanal e consellos para comer ben a prezos económicos, entre outros aspectos). Alimentatic arrinca este luns cunha conferencia do nutricionista Antonio Botana sobre alimentación saudable. Será no salón de actos do InLugo ás 16.30 horas.

Segundo informa a Deputación, obxectivo de Alimentatic é “aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para chegar de maneira máis rápida e eficaz a un maior número de lucenses de máis de 55 anos”. Alimentatic forma parte da programación da iniciativa de divulgación InLugo (Deputación) para o último trimestre de 2016, que tamén inclúe 29 obradoiros gratuítos sobre o uso de novas tecnoloxías. Estas actividades formativas, segundo informa a entidade provincial, “teñen unha alta demanda”. De feito, engade, “as 393 prazas previstas quedaron cubertas ás seis horas de abrirse o prazo de inscrición”.

17/10/201609:00
O alumnado sénior foise incorporando paulatinamente ás aulas nas últimas semanas
Ourense

O Programa Universitario de Maiores conta este curso con 175 estudantes no campus

  • O alumnado sénior foise incorporando paulatinamente ás aulas nas últimas semanas
  • As mulleres representan o 68% das persoas matriculadas

 

Entre o alumnado que este curso realiza os seus estudos no campus de Ourense está o alumnado sénior, as persoas con máis de 55 anos de idade que están matriculadas no Programa Universitario de Maiores. Este curso 2016/2017 a súa cifra ascende a 175 persoas, 100 no primeiro ciclo, o intensivo, e 75 no segundo, o integrado. Un 68% destes estudantes, 118, son mulleres. Os estudantes sénior fóronse incorporando paulatinamente nas últimas semanas ás aulas ata estar hoxe en día “a pleno rendemento”, tal e como sinala Alberto Vaquero, coordinador do Programa Universitario de Maiores no campus ourensán.
 

Arredor de 90 materias

O primeiro ciclo, o intensivo, conta neste curso con 100 estudantes. “Esta cifra recolle un incremento moi importante desde o curso 2013/14, xa que se conta cun 25% máis de alumnos e alumnas, o que é sinal non só da consolidación senón tamén do crecemento do programa neste campus”, comenta Alberto Vaquero. Entre as claves deste maior interese, o seu coordinador salienta cuestións como contar cun programa formativo específico con máis de 30 materias de todas as ramas de coñecemento e o amplo abano de actividades culturais, deportivas e servizos que teñen dispoñibles nas instalacións universitarias ourensás.

Este curso, engade Vaquero, ademais de impartir moitas das materias que se viñan ofertando neste ciclo, como Informática,Idiomas, Alimentación saudable, Educación física para maiores ou Música, os matriculados e matriculadas teñen outras opcións como A importancia da saúde ou Como entender os impostos. “Ademais, impartimos a materia Aula social, que queremos sexa o lugar para desenvolver proxectos e actividades que propoña o alumnado, de forma que a súa participación sexa unha peza clave”, destaca o docente. O alumnado desta etapa tamén conta en determinadas materias con actividades complementarias, como talleres, conferencias ou visitas de estudos.

Polo que respecta ao seguinte ciclo, o integrado, Alberto Vaquero salienta que conta este curso con máis de 60 materias, materias de grao que son ofertadas polas diferentes facultades e escolas do campus e que posibilitan unha maior integración do alumnado sénior cos demais estudantes, sendo o obxectivo deste ciclo precisamente o fortalecemento das relacións interxeracionais. Por último, entre as características do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense, o seu coordinador tamén salienta aspectos como a existencia dun coro, dunha aula de teatro e dunha asociación de estudantes “moi activa, que anualmente realiza un completo programa de actividades, desde conferencias ata o acto de fin de curso”.

17/10/201608:53
Clases de informática para maiores no Espazo Caixa en Madrid
Santiago de Compostela

Reciclarse despois da xubilación

  • As xeneracións máis adultas teñen que facer un esforzo para estar ao día nos avances tecnolóxicos

 

A tecnoloxía está en todas partes. As novas xeracións enténdena como algo natural, pero ata non fai tanto tempo, prácticamente non existían. Os maiores, que viron como chegaban á casa as primeiras televisións con estupor e sorpresa teñen que facer un esforzo extra para estar ao día do que ocorre na súa contorna. Foron moitos cambios en moi pouco tempo, pero nunca é tarde para poñerse ao día. A pesar de que cada vez son mái os maiores que se atreven e se sumerxen nos reviravoltas das novas tecnoloxías, só o 33,9% dos españois de 65 a 74 anos utilizaron Internet no 2015, segundo o INE. Espazo Caixa, en Madrid, ofrece obradoiros de informática para que os xubilados de máis de 50 anos, superen esa barreira do descoñecemento que lles impide usar as novas tecnoloxías. 1.045 persoas pasarán polas súas aulas para cursar os 66 obradoiros que ofrece o centro en 2016. 

Seguir lendo na fonte da noticia.

17/10/201608:29
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

O CiTIUS amosou ás rapazas compostelás a importancia das profesións tecnolóxicas

A iniciativa de divulgación Unha enxeñeira en cada cole que consistiu nun itinerario de enxeñeiras por diferentes colexios de primaria de Santiago, contou coa presenza de dúas investigadoras do centro CiTIUS, emprazado no Campus Sur e centrado no desenvolvemento avanzado de solucións e achados informáticos. Máis polo miúdo, nesta iniciativa do Concello de Santiago e a USC (destinada a fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas) participaron as investigadoras do CiTIUS Paula López e Eva Cernadas.

Os obradoiros, como lembraremos, dirixíronse a visualizar e salientar o importante papel das mulleres na ciencia e a tecnoloxía, amosando o relevante (e interesante) do seu labor ao alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria mediante “a presentación de temas complexos desde unha perspectiva lúdica”.

Eva Cernadas, especializada en visión por computador e recoñecemento de patróns en imaxes, introduciu ás asistentes nos conceptos básicos das imaxes dixitais (que son os megapíxeles e como se almacenan). Para isto, tirou proveito dunha presentación con debuxos e imaxes cos que tentou demostrar como afecta a resolución (o número de pixeles) na calidade dunha imaxe. Logo, explicou ás alumnas os detalles da súa profesión, salientando a relevancia de ter claro como construír programas “e non limitarnos exclusivamente ao emprego de editores de texto ou Internet”. Entre outras cousas, amosou como exemplo o software Govocitos, que permite recoñecer de forma automática obxectos na imaxe, medilos e facer un gráfico de barras dos seus tamaños.

Paula López (cuxo traballo no CiTIUS abrangue o deseño de circuítos integrados para aplicacións de procesado de imaxes e o modelado físico de dispositivos electrónicos e sensores de imaxe) baseou a súa intervención nun obradoiro teórico-práctico titulado A programación é cousa de nenos. Durante o transcurso da súa intervención achegoulles aos presentes a importancia do labor de programación para o mundo no que estamos a vivir, inzado de elementos dixitais con gran potencial para mellorar a nosa comunicación e o noso xeito de producir. Para introducir aos estudantes de cheo nos segredos da programación programou unha actividade baseada na ferramenta Scratch.

17/10/201608:17
Pantallazos de YoTeCuido Alzhéimer
Santiago de Compostela

A app galega para os coidadores de persoas con alzhéimer xa está dispoñíble para iOS

YoTeCuido, a aplicación móbil galega para axudar ás persoas con alzhéimer e ás familias e aos coidadores, xa está dispoñíble para dispositivos con iOS. A ferramenta, que é de balde e foi desenvolvida pola firma coruñesa Lapisoft, foi presentada a finais do verán coincidindo coa celebración internacional do Día do Alzhéimer. Ao longo da súa andaina, obtivo máis de medio milleiro de descargas para sistemas Android. Trátase, sinalan os seus creadores, dunha aplicación de gran utilidade e potencial para subministrar información e apoio ás persoas acabadas de diagnosticar da dita doenza e aos seus coidadores.

A ferramenta, desenvolvida de xeito altruísta pola galega Lapisoft en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de A Coruña (AFACO), subministra respostas prácticas, “xurdidas da propia experiencia”, para problemas relacionados coa alimentación (que facer cando persoas con alzhéimer non queren comer? como facilitar que trague sen atragoarse?) ou coa saúde (medicación, coidados de enfermería básicos…). Tamén subministra claves básicas sobre comunicación e sobre recursos (sociais e legais) dispoñibles, exercicios físicos a desenvolver coa persoa doente e actividades de estimulación cognitiva destinadas a manter ao afectado activo a nivel físico e mental.

Ademais, conta cunha listaxe completa de asociacións de familiares de toda España e unha sección exclusiva para a persoa coidadora na que poden atoparse exercicios físicos pensados para ela, amais de consellos e información sobre o chamado “síndrome do coidador” (síntomas, como evitalo…), trastorno propio deste colectivo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS