main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

13/10/201610:37
Momento do seminario
Bruxelas

AMTEGA, GAIN e a Deputación da Coruña achegan ideas en Bruxelas para a construción das Cidades Intelixentes

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), GAIN e a Deputación da Coruña participan estes días en Bruxelas na Semana Europea das Rexións e das Cidades, celebrada en parte na oficina de representación galega na devandita cidade, a Fundación Galicia Europa (FGE). Desenvolvéronse nesta sede dous seminarios, o primeiro sobre as oportunidades das novas tecnoloxías para un envellecemento saudable e o outro sobre as estratexias de especialización intelixente.

Baixo o título Smart cities and communities for all: How to become smart and age-friendly , na primeira das sesións debulláronse os atrancos que impiden, hoxe en día, que as persoas maiores tiren meirande proveito das TIC para acadar maior calidade de vida. Participaron representantes de Amsterdam, Niza, Oslo e Udine en Italia, expoñendo as accións postas en marcha para procurar que os espazos urbanos se adapten ás necesidades das persoas de máis idade. En representación da nosa terra, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) presentou o proxecto Fogares intelixentes que, como lembrou a entidade galega, “utilizará as TIC para asistir á xente maior nos seus domicilios”, proporcionando a este colectivo (un amplo colectivo integrado pola cuarta parte da nosa sociedade) unha plataforma integral que, “mediante a análise da información da contorna dos maiores”, permita prestarlles servizos personalizados, tanto sanitarios como asistenciais. AMTEGA recordou que o Goberno galego “está a traballar na obtención de financiamento de innovación para empregar o procedemento de compra pública innovadora no seu desenvolvemento e posta en marcha”.

O segundo dos seminarios, celebrado baixo o epígrafe Smart Specialization Strategy: from planning to funding, contou coa presenza activa de representantes de Galicia e Norte de Portugal, ademais doutras 10 contornas xeográficas e concellos europeos. O eixe do debate foron as estratexias de Investigación e Innovación para unha Especialización Intelixente (RIS3 nas súas siglas en inglés) que estes territorios están a poñer en marcha como “requisito indispensábel” para a recepción de fondos europeos no actual período 2014-2020.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) explicou neste seminario os tres retos e as prioridades temáticas contempladas na RIS3 galega, deténdose nunha das ferramentas de apoio para axudar a empresas e centros de I+D+i a contribuír a ela: a compra pública innovadora. Con este instrumento, a Xunta estimula a implantación en Galicia de sectores de tecnoloxía avanzada. Norte de Portugal presentou, pola súa parte, a súa RIS3 transfronteriza con Galicia, a primeira deste tipo en toda a UE. As rexións italianas de Basilicata, Lazio e Veneto, a provincia croata de Istria ou a rexión sueca de Värmland foron outros dos exemplos mostrados sobre como están a executar as súas RIS3.

Deputación da Coruña
Amais de AMTEGA e GAIN, tamén está presente estes días na Semana Europea das Rexións e das Cidades (EWRC polas súas siglas en inglés) a Deputación da Coruña. Segundo puidemos saber, unha ampla representación de técnicos locais desta provincia (encabezados polo deputado provincial de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, e a responsábel de Europe Direct A Coruña, Cristina Couto) desprazouse a Bruxelas esta semana para asistir aos seminarios e debates organizados ao abeiro da devandita celebración, en primeira instancia na sede da Fundación Galicia – Europa (FGE).

Para comezar, os técnicos de Arteixo, Camariñas, Cerdido, Ponteceso e San Sadurniño recibiron unha formación sobre como desenvolver as cidades de modo intelixente, as Smart Cities, adaptándoas ás persoas maiores, da man da directora da FGE en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa. Ademais, ao abeiro da mostra Regiostars, persoal técnico de Curtis, Cabanas, Abegondo, Narón, Dumbría e San Sadurniño puido coñecer e votar os mellores proxectos europeos nos ámbitos do crecemento sustentábel, intelixente e inclusivo.

A Semana, que cumpre a súa décimo terceira edición, prosegue até hoxe, 13 de outubro, con charlas, obradoiros, debates, visitas e seminarios, centrados no crecemento económico sustentábel, a elaboración de políticas económicas inclusivas e os fondos ESI (Fondos Estruturais e de Investimento).

13/10/201609:57
Cartel do evento.
Santiago de Comspotela

Xeopesca recunca co seu obradoiro de iniciación a Arduino

Amais do obradoiro sobre FreeCAD, o Centro Matadoiro de Compostela tamén vai dar acubillo, os días vindeiros, a unha actividade formativa e divulgativa sobre Arduino, a plataforma de electrónica libre, accesible e cen por cen democrática (Arduino, que dá nome a unha placa de hardware aberto pero tamén a un software, ten o importante potencial de abrirlle a calquera persoa a porta da creación interactiva, robótica e informática).

Esta edición do obradoiro é a segunda entrega da cita celebrada en setembro. Celebrarase o 21 de outubro ás 19.00 horas no Matadoiro. Ámbalas dúas foron organizadas pola asociación Xeopesca en colaboración coa axencia AMTEGA.

O temario abranguerá cuestións como as estruturas e operadores en Arduino, as vertentes analóxicas e dixitais desta tecnoloxía e máis un achegamento a exercicios prácticos coa mesma. Segundo informa Xeopesca, para participarmos é preciso facer unha inscrición previa (hai prazas limitadas). Tamén é necesario que levemos o portátil co software Arduino instalado. Esta actividade insírese no programa de accións que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia.

13/10/201609:30
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O Centro Matadoiro de Compostela acolle o 22 un obradoiro de FreeCAD

O vindeiro sábado 22 de outubro vai haber unha cita con FreeCAD no recentemente reactivado Centro Matadoiro de Santiago de Compostela (a antiga Casa de Xuventude, salvada do derrube polo Concello actual e boa parte da veciñanza e o tecido asociativo local, e destinada agora a acubillar novas formas de desenvolvemento e participación colectiva, incluído o espírito Maker e o software libre). O obradoiro vén da man de Xeopesca e conta co patrocinio de AMTEGA e coa colaboración do propio espazo Matadoiro.

O temario inclúe introdución ao CAD, interface de FreeCAD, contornas de FreeCAD, exportación e importación de pezas, exercicios (creación de sólidos, modificación de sólidos e operacións), outras alternativas libres a FreeCAD, etc. A organización lembra aos participantes que é preciso que carrexen o seu portátil até o emprazamento do obradoiro, amais do cargador. Tamén deben levar instalada nos seus equipos a última versión estable de FreeCAD.

FreeCAD, como lembraremos, é un programa de deseño por computador en tres dimensións, de código libre e aberto. Segundo se sinala Galipedia, opera cun modelado paramétrico e ten unha arquitectura de software modular, pudendo engadir de xeito doado máis aplicacións e elementos sen trocar o núcleo do sistema.

Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia.

11/10/201613:14
Portada de Mellor Xuntos
Santiago de Compostela

A TVG estrea varios programas centrados nas TIC e o cooperativismo

A TVG estrea esta semana tres programas centrados en maior ou menor medida nas novas tecnoloxías da información. Os máis envorcados nas TIC dos tres espazos televisivos son sen dúbidaGalicia 4.0 e Desenredando a rede, nos que se falará de empresas punteiras, innovadoras ferramentas dixitais e Internet, e todo coa arela de achegar todos estes recursos ao público galego de calquera idade. A maiores, estréase Mellor xuntos, unha serie documental sobre cooperativas galegas que no primeiro programa achegará unha visita á empresa tecnolóxico dixital Tagen Ata e, tamén, a Parentes, Cestola na Cachola e LuscoFusco.

“Estes espazos”, sinala a TVG, “inician unha serie de seis programas que queren dar visibilidade a distintos colectivos, realidades, iniciativas sociais e proxectos empresariais que contribúen ao fomento dunha sociedade máis xusta e igualitaria”.

Mellor xuntos emitirase os martes. O xoves será a quenda de Galicia 4.0 (que ten o obxectivo de promover o tecido empresarial galego e que fala de produtos e servizos coa etiqueta galega) e os venres de Desenredando a rede. Este último consiste nun programa divulgativo sobre Internet e as novas tecnoloxías, que pretende achegar este medio a todo tipo de públicos. Ao longo da súa andaina, buscará empresas e emprendedores galegos que operen no ámbito das novas tecnoloxías, “ademais de achegar o mundo de Internet a calquera público, mesmo o menos especializado”.

11/10/201609:06
Cartel de Actúa
A Coruña

A Fundación María José Jove e la Asociación Participa formarán a mozos, pais e docentes no bo uso das redes sociais

  • O programa, pioneiro en España, iniciarase cunha xornada de formación para pais e profesores que contará coa participación de Guillermo Cánovas, director do Observatorio para a promoción do uso saludable da tecnoloxía: educalike
  • Crearán o site www.buentratoenlared.org con material didáctico específico para pais, docentes e mozos
  • De novembro a abril formarán a 700 menores de 7 centros educativos de A Coruña

 

A Fundación María José Jove e a Asociación Participa para a Inclusión Social presentaron esta mañá a IV edición de ACTÚA, Acción Xuvenil de Conciencia Social Positiva, un programa gratuíto pioneiro en España, dirixido a mozos de entre 12 e 16 anos. Baixo o título de enREDados, nesta nova edición os seus impulsores apostaron por levar a cabo un ambicioso programa para formar aos mozos, pero tamén aos pais e profesores, no coñecemento, bo uso e bo trato nas redes sociais.

Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, María Lemos, vicepresidenta da Asociación Participa e Belén Rey, directora de Comunicación da Fundación María José Jove e responsable deste proxecto explicaron esta mañá o programa, que consta de tres apartados principais: xornada divulgativa para pais e profesores, sesións socioformativas en centros educativos e creación do site www.buentratoenlared.org que estará operativo o 17 de outubro.

Xornada para pais e educadores
enREDados comezará cunha xornada divulgativa para pais de nenos de máis de 10 anos e profesores que terá lugar o 15 de outubro. Baixo o título de "Bo trato nas redes sociais" abordaranse as aplicacións, utilidades, riscos das redes sociais; identificarase o uso que fan os menores delas (protección, responsabilidade, legalidade, supervisión) e explicarase que poden facer os pais e os profesores.

Para iso, a Fundación María José Jove e a Asociación Participa para a Inclusión Social reunirá a expertos da talla de Guillermo Cánovas, director do Observatorio para a promoción do uso saudable da tecnoloxía: Educalike, que falará sobre prevención, identificación temperá de problemáticas, tecnoadiccións ou ciberbulling, entre outros temas. Así como a José Luis Rodríguez Arias, psicólogo clínico da Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil do CHUAC, que explicará estratexias de intervención familiar; e a Santiago Legaspi de Quérote+ Centro de Información e Asesoramento para a Mocidade da Xunta de Galicia.

A entrada é gratuíta previa inscrición na web da Fundación María José Jove, habendo dispoñibles 65 prazas para pais e 65 para docentes.

Sesións en centros educativos de primaria e secundaria
Estímase que nesta edición participen ao redor de 700 menores de 7 centros educativos da Coruña, seis dos cales xa participaron en anteriores edicións e outro incorpórase por primeira vez.

As sesións levaranse a cabo no propio centro educativo desde novembro a abril e constan de obraoidros prácticos de experimentación activa para sensibilizar, identificar, modificar relacións inadecuadas nas redes sociais como non legalidade, non respecto, invasión da intimidade, control, sexismo... e para fomentar relacións sas nas redes. Para iso, hai dúas primeiras fases que levan a cabo no centro: un primeiro bloque (outubro-decembro) que son sesións de Inmersión e Coñecemento Práctico e un segundo apartado de sesións Prácticas de Experimentación (xaneiro-marzo). Para rematar, hai unha sesión final de conclusión (abril) que se desenvolve na sede da Fundación María José Jove.

Site: www.buentratoenlared.org

Co obxectivo de facilitar a formación ao maior número de pais, profesores e mozos a Fundación María José Jove e a Asociación Participa para a Inclusión Social decidiron poñer a disposición de todos, os materiais orixinais que se crearon para este programa. En concreto, a partir do 17 de outubro estará operativa a páxina web www.buentratoenlared.org que reunirá datos, consellos, test, recomendacións, normas, etc. sobre as redes sociais.

A información estará organizada en tres bloques: Mozos, Pais e Familia e Profesores respondendo deste xeito os intereses de cada público, aínda que se repetirá a estrutura. O visitante poderá "radiografiarse" e realizar unha autoevaluación para reflexionar sobre o seu nivel coñecemento e definir o uso que fai das redes sociais. Ademais, atopará información sobre as principais redes sociais, a normativa, os riscos e as ameazas, consellos para un bo uso, prevención, etc.

Balance
O programa ACTÚA experimentou un crecemento exponencial desde que se puxo en marcha en 2013, crecemento que pon en valor o esforzo e os recursos que a Fundación María José Jove e a Asociación Participa para a Inclusión Social dedicaron a este proxecto, fortalecendo así a súa vocación de continuidade. Neste sentido, cabe destacar que o programa chegou no seu primeiro ano a 100 participantes, cifra que na súa segunda edición subiu a 400 e na terceira a 600 mozos. Agora, ambas as entidades dan un paso máis, ampliando os destinatarios a pais e profesores e creando un site aberto ao público para que todo o mundo poida traballar e consultar o material didáctico.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS