
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Aula CeMIT de Celanova vén de realizar unha enquisa, difundida polas redes sociais (Facebook e Twitter), na que se tira como conclusión o desexo de que un 98,9% dos veciños deste municipio apostan pola posta en marcha dunha aplicación móbil, Celanova Viva, de cara a unificar a información administrativa, cultural, deportiva e social do Concello de Celanova para achegala aos usuarios (residentes ou non no municipio) co único requisito de contaren cun teléfono con acceso á internet e con posibilidades de descargar aplicacións.
Grazas a esta app, os veciños de Celanova coñecerán de primeira man: as actividades locais, o turismo, as ofertas de comercio da zona, os lugares de lecer e outros servizos administrativos, culturais e deportivos de utilidade, feito que contribuirá a que se poida dinamizar a actividade social, cultural e económica do termo municipal.
Detrás desta iniciativa atópase a empresa de tecnoloxías da información Evelb, elixida polo Concello de Celanova para xestionar a axuda precisa por parte da Xunta de Galicia para poder poñela en marcha durante o ano 2017. En canto a novidades, esta aplicación móbil salienta pola interacción entre comerciantes e clientes, facilitando a visualización dos produtos e permitindo que compradores e vendedores interactúen en tempo real. No sector da hostalería, poderanse publicar as propostas gastronómicas de balde, fomentando o turismo gastronómico, o comercio a distancia e promovendo a venda de produtos de Celanova a nivel autonómico. A Aula CeMIT de Celanova, no marco do proxecto CeMIT-Innova, é unha iniciativa da AMTEGA para o fomento da Innovación Social Dixital en Galicia, e da que a aula CeMIT de Celanova forma parte como proxecto piloto.
O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, presentou onte un programa piloto que mellorará a atención á parada cardiorrespiratoria fóra dos centros sanitarios mediante a coordinación dunha rede de voluntarios que a través dunha aplicación móbil enviará unha notificación cando se produza un suceso deste tipo nun lugar público da súa contorna. “Os voluntarios poderán auxiliar á persoa que sufre a parada mentres non chegan os servizos sanitarios”, sinalou Feijóo.
Este proxecto piloto comezará a desenvolverse en Santiago, en colaboración coa Sociedade Española de Cardioloxía e a Cruz Vermella de Galicia. Nun primeiro momento, os participantes no programa serán os membros da rede de voluntarios da Cruz Vermella, pero o obxectivo é crear un rexistro de persoas formadas en soporte vital básico, listas para seren activadas. Esta información cruzarase co Rexistro de desfibriladores externos de Galicia.
Mellor xestión das emerxencias sanitarias
“Este programa é un dos 11 que está a coordinar o 061 para mellorar a xestión das emerxencias sanitarias”, dixo Feijóo. Entre eles están a formación aos escolares galegos en técnicas de reanimación cardiopulmonar, a creación dun rexistro nacional da morte súbita a nivel prehospitalario e proxectos de investigación para determinar o xeito no que se deben ensinar manobras de soporte vital aos rapaces en idade escolar.
O presidente da Xunta en funcións lembrou que de entre todas as situacións de emerxencia, a parada cardiorrespiratoria é aquela onde unha atención rápida e eficaz pode marcar máis a diferenza. Neste tipo de situacións, a dispoñibilidade inmediata de desfibriladores e voluntarios, que é o que se quere mellorar con este programa, é imprescindible para salvar a vida e minimizar as secuelas.
Esta iniciativa enmárcase nas que se están levando a cabo a través dos programas Innova Saúde e Hospital 2050, que buscan seguir modernizando a Sanidade pública galega. Ademais deste proxecto, impúlsanse outros como a aplicación móbil de localización e guiado de pacientes que presentamos a semana pasada.
As medidas para frear a discriminación e a violencia de xénero nas novas xeracións (cousas como a crenza nas “bondades” da sobreprotección por parte dos rapaces, ou o suposto lado positivo dos roles tradicionais de masculinidade e feminidade) deberan ter unha aplicación contundente nas novas tecnoloxías, por ser estas canles de comunicación de uso común entre as novas xeracións, e polo seu carácter de “perpetuadoras” e “espalladoras” da información sexista. Esta actuación directa sobre mal uso das TIC está na base de Suprime o control, a iniciativa da Deputación da Coruña para frear a lacra da violencia de xénero dende a educación e a divulgación entre a mocidade. A medida vén da man da Área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero e este mes de novembro desenvólvese (estreándose) nos centros de ensino dos concellos de Trazo, Touro, Malpica, Cerceda, Ponteceso, Boimorto, Dodro, Tordoia, Arzúa, O Pino e Mesía.
Suprime o control vaise desenvolver ao longo deste primeiro curso académico en 14 centros educativos e terá continuidade nos cursos 2017-2018 e 2018-2019. Despois de se impartir en Frades, Cabana de Bergantiños e Vedra, será o mes de novembro, en que se conmemore o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o que concentre máis accións do programa que visitará os centros de ensino de once concellos.
O programa, sinala a Deputación, destínase ao alumnado de 3ª e 4ª da Educación Secundaria Obrigatoria, as súas familias e ao profesorado. Baséase en ofrecer ferramentas coas que “traballar pola construción de identidades igualitarias” facendo unha especial crítica ás violencias machistas na adolescencia e á súa reprodución na actualidade por medio das aplicacións móbiles ou as redes sociais. Segundo fixo saber os días pasados Ánxela Franco, responsábel da devandita Área, o programa adicará especial atención ao papel das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) como ferramentas de relación entre a mocidade “poñendo ao seu dispor unha asesoría en liña continuada para resolver dúbidas”. Na Rede, ademais, desenvolveranse accións diversas de divulgación, como por exemplo un concurso en Instagran, que se promoverá de cara ao 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero. Instagram sen machismo trasladará á esta rede social (segundo a Deputación “unha das comunidades en liña máis populares entre a poboación adolescente”) as conversas sobre violencias machistas dinamizadas nas aulas.
Por outra banda, de cara xa o 8 de marzo, desenvolverase un concurso de micro-relatos que abordará os distintos puntos de vista e preocupacións da mocidade sobre as violencias machistas.Estas iniciativas súmanse a outras que anualmente convoca a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero como o concurso Concepción Arenal de proxectos de igualdade e prevención de violencia de xénero para centros educativos ou o concurso de guións dirixido á poboación adolescente que ten como un dos premios a edición do proxecto coa axuda de profesionais.
Calendario do mes de novembro
Día 2- Concello de Trazo. Viaño Pequeno Día 3- Concello de Touro. CPI Plur. Fonte de Díaz Día 7- Concello de Malpica. IES Urbano Lugrís Día 8- Concello de Cerceda. CPI O Cruce. Día 9- Concello de Ponteceso. IES Ponteceso Día 9- Concello de Boimorto. CPI Armando Cotarelo. Día 11- Concello de Dodro. CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón. Día 15- Concello de Tordoia- CPI Pecalama Día 17- Concello de Arzúa- IES Arzúa. Día 18- Concello do Pino- CPI Camiño de Santiago. Día 24- Concello de Mesía- CPI de Xanceda.
As próximas semanas serán decisivas para que o Estándar Europeo de Accesibilidade, que establece os criterios legais que deben rexer na adquisición por parte das Administracións Públicas de servizos TIC, se transpoña definitivamente en España.
A norma EN 301 549, aprobada polo Parlamento Europeo por consenso e coa participación de todas as partes interesadas, obriga aos licitadores públicos a ter en conta a accesibilidade cando teñen que adquirir bens e servizos e debería entrar en vigor no noso país antes do 16 de abril pero a crise política e a situación de interinidade do Goberno deixouna en suspenso.
Os datos din que en España só o 5% dos contratos públicos de produtos TIC conteñen normas sobre accesibilidade. Cando se incorpore a norma EN 301 549 e se utilice o estándar europeo, as empresas que queiran obter algún contrato con organismos do Estado ou das diferentes autonomías estarán obrigadas a ter en conta criterios cualitativos de accesibilidade, e non só o prezo.
Os precedentes dispoñibles apuntan a que esta nova forma de proceder terá efectos multiplicadores. En EEUU, que ten regulado o seu propio estándar de accesibilidade desde o ano 2000, constatouse que, unha vez instituido, as empresas crearon Departamentos de Innovación e Accesibilidade para poder vender á Administración, un cliente demasiado importante para non telo en conta. Fabricáronse teléfonos móbiles, tabletas, portátiles accesibles… que cubriron unha demanda latente e chegaron aos consumidores finais. Pero houbo máis, grazas a esas novas ferramentas tecnolóxicas moitas persoas con discapacidade puideron acceder a un posto de traballo.
O que sucedeu en EEUU pode extrapolarse a Europa. A aplicación da norma EN 301 549 beneficiará a todos e non só aos preto de 80 millóns de persoas con discapacidade que hai na UE.
Desde o Foro Europeo de Discapacidade aseguran que o estándar ten gran potencial para potenciar as compras privadas, desde o comercio on-line aos servizos audiovisuais. Están convencidos de que cando se transpoña a directiva no conxunto dos países europeos todos os smartphones ou tabletas que saian ao mercado cumprirán uns criterios mínimos de accesibilidade.
A comezos desta semana o Concello de Oroso anunciaba a incorporación de 20 novos cursos de teleformación de diversos temas, todos eles de balde e cun eixo común: as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Cómpre informar que os cursos están dispoñíbeis a través da Aula CeMIT de Sigüeiro-Oroso, terán unha duración de entre 4 e 10 horas e poderán realizarse en calquera intre, sen que o Concello leve a cabo unha convocatoria para celebralos. Emporiso, a plataforma de teleformación local achegará cursos de temática variada e diferentes niveis: dende cursos para aprender a manexar a tableta, a cámara dixital, dispositivos electrónicos, o smartphone ou outros dispositivos electrónicos.
Asemade, haberá sesións para aprender cuestións de actualidade nas redes como a computación na nube, o comercio electrónico, a creación de blogs ou como manexarse na Administración Electrónica (factura electrónica, trámites económicos na Internet, xestión de documentación…).Para aqueles que rematen o curso e queiran facerse cun diploma de realización do curso asinado dixitalmente, terán a opción de realizar un exame presencial na aula CeMIT de Sigüeiro-Oroso para acadalo. Alén disto, tamén se realizarán xornadas presenciais relacionadas con algunha das temáticas dos cursos para axudar ás veciñas e veciños a superar dito exame. Para máis información ou para inscricibirse na Aula de Formación EducaOroso (rúa do Deporte 7, Sigüeiro), cómpre chamar por teléfono (981 688 950) ou facelo a través da web municipal.