main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

09/11/201608:30
iQ-Brain
Santiago de Compostela

A galega Qubiotech crea un software para a detección temperá de doenzas neurodexenerativas

A iniciativa de crowdworking que Telefónica impulsa na nosa terra, o centro de emprendementoGalicia Open Future, segue a ser fonte de achegas innovadoras e revolucionarias, de gran potencial para loitar contra problemas sociais, atrancos comunicativos ou doenzas concretas. Un exemplo disto é o proxecto iQ-Brain, un software de axuda ao diagnóstico médico, encamiñado á detección temperá de doenzas neurodexenerativas: demencia, alzhéimer ou párkinson. O dito software levouse a cabo na empresa da Coruña Qubiotech, creada como unha spin-off dun grupo de investigadores do Servizo de Medicamento Nuclear e Imaxe Molecular do CHUS, apoiado pola Fundación Ramón Domínguez.

Volvendo a iQ-Brain, cómpre dicir que foi deseñado para complementar a análise visual de imaxes e contribuír á realización de diagnósticos máis exactos. Automatiza a cuantificación de imaxes PET (Tomografía por Emisión de Positróns, en inglés Positron Emission Tomography) e a fusión de PET con RM (Resonancia Magnética), “facendo máis doado o labor do médico nuclear”.

En canto ao seu manexo, os seus creadores fan fincapé “na súa sinxeleza”. De feito, explican, ao ser unha plataforma web, o médico só ten que subir a imaxe PET/RM (coma un Dropbox), a ferramenta analízaa e localiza as diferenzas entre o doente a valorar e unha base de datos de pacientes sans, e en arredor de 6 minutos, emite un informe cos resultados, no que se amosa información visual e cuantitativa. Unha das súas vantaxes é que iQ-Brain só emite a información que o médico precisa, podendo así encaixar o seu uso cotián, amais de dispor dunha validación clínica exhaustiva. Arestora, IQ-Brain estase a empregar no Complexo Universitario de Santiago de Compostela. Con máis de 400 pacientes analizados, os resultados indican unha mellora no diagnóstico no 20% dos casos.

De cara a súa expansión, dicir que nunhas semanas o software IQ-Brain será probado noutros hospitais españois para melloralo e adaptarse á normativa europea, pensando xa en comezar a súa andaina comercial por España e nun futuro dar o pulo internacional.

08/11/201609:51
Logo do curso.
Santiago de Compostela

Interacción Persoa-Computador. Deseño para Todos e Produtos de Apoio da UNED e Fundación ONCE

  • Curso, de carácter introductorio que permite comprender e aplicar os principios do Deseño para Todos e os Produtos de Apoio nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).

 

Pertencente á Canle Fundación ONCE en UNED Aberta, colabora o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Este curso, de carácter introdutorio, permite comprender e aplicar os principios do Deseño para Todos e os Produtos de Apoio nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), tomando como basee fundamentos da Interacción Persoa-Computador. Os contidos do curso son accesibles con nivel AA segundo as WCAG 2.0 de WAI.

Dirixido a calquera persoa interesada en coñecer que son o Deseño para Todos e os Produtos de Apoio, e a súa relación coas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), tales como traballadores sociais, profesores de estudantes con discapacidade, asistentes persoais, profesionais da comunicación, enxeñeiros, programadores, etc.

O curso iníciase en novembro e dura 4 semanas, non se requiren coñecementos previos, e cada estudante ten a posiblilidade de obter o recoñecemento ou a acreditación polos méritos conseguidos.

 

Obxectivos

Adquisición de competencias e habilidades para que no exercicio diario da profesión se teñan en conta os principios da Accesibilidade Universal e os Produtos de Apoio.

  • Tomar conciencia da discriminación que parte da poboación sofre desde o punto de vista do acceso real á Sociedade da Información.
  • Comprender que é unha interface de usuario, a súa relación cos conceptos de accesibilidade e usabilidade TIC e o reto que supón a constante innovación tecnolóxica.
  • Coñecer as estratexias fundamentais para garantir a accesibilidade e usabilidade TIC de maneira sustentable, incluíndo as perspectivas de negocio, lexislación e normativa.
  • Coñecer e aplicar as necesidades que expón a discapacidade e diversidade funcional desde o punto de vista do Deseño para Todos nas TIC.
  • Coñecer e aplicar as características principais dos Produtos de Apoio aplicados ás TIC.

Temario

1.- Sociedade da Información, para todos?
2.- Accesibilidade e usabilidade TIC
3.- Interface de usuario
4.- Retos e estratexias para mellorar a accesibilidade das TIC: Deseño para Todos
5.- Produtos de Apoio, valor de negocio da accesibilidade, leis e normativa
6.- Interfaces de usuario, Deseño para Todos e produtos de apoio
7.- Exemplos de Produtos de Apoio TIC

Máis información do curso e acceso á súa inscrición e ligazón ao vídeo de presentación da canle.

08/11/201608:38
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

Seleccionados os seis proxectos emprendedores da primeira edición do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’

  • Con esta iniciativa, a Fundación Vodafone España e a Xunta de Galicia fomentan o desenvolvemento de solucións innovadoras con tecnoloxías accesibles na Comunidade
  • Os distintos proxectos seleccionados están orientados a mellorar a calidade de vida de persoas con diabetes, a educación nas aulas, os coidados de enfermos de Alzheimer, a alfabetización das persoas maiores, o tratamento de fobias e a xestión do traballo das confrarías de mariscadores galegas
  • Os seleccionados accederán a sesións de formación, mentoring, axudas económicas e a un espazo de coworking na Cidade da Cultura

 

O xurado do programa ‘Connecting for Good Galicia’ vén de seleccionar os seis proxectos emprendedores de innovación social que formarán parte da primeira edición do programa impulsado pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

‘Connecting for Good Galicia’ ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia. Desta forma, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020.

 

Proxectos premiados

Nesta primeira convocatoria, o xurado -formado por membros de Amtega, GAIN, IGAPE, Vodafone España e a Fundación Vodafone España- fallou por unanimidade a selección dos seis mellores proxectos de emprendemento de entre as máis de 40 candidaturas recibidas:

  • Insulclock: un dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena automaticamente toda información relativa á súa administración: hora e día, dose e tipo de insulina. Esta solución mellora a calidade de vida das persoas con diabetes, evitando esquecementos e equivocacións grazas ao sistema de alarmas e avisos.
  • Robobo: unha ferramenta educativa que facilita a utilización de robots na aula, promovendo a adquisición de competencias básicas (ej: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Matemáticas) por parte do alumno.
  • MyKeeper: un proxecto que integra dous dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de Alzheimer ou outra demencia: un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador.
  • Phottic: un proxecto de alfabetización de maiores que recupera as historias do mundo a través da fotografía, onde os mozos achegan o coñecemento tecnolóxico e os maiores a historia das imaxes.
  • PsicoVR: un software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico.
  • Xesmar: unha aplicación web que permite mellorar a xestión, organización do traballo e acceso á información no colectivo de mariscadores das confrarías de Galicia.

 

Beneficios de formar parte do programa

Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’ situado na Cidade da Cultura.

Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos os seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.

Ademais, os seis proxectos poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros, outorgada por GAIN, e un préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia, ao seleccionado como mellor dos seis proxectos, para a súa execución e posta en marcha.

Vodafone outorgará o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, cunha dotación de 10.000€ ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

08/11/201608:09
Rapaza explicando o seu proxecto nun expositor en Galiciencia.
Ourense

A Galiciencia 2016 exhibirá 75 enxeños smart

A Galiciencia deste ano (edición 11) promete ser máis que nunca unha feira de coñecemento e innovación con vistas ao futuro. Co engadido extra de que esta innovación vén da man de quen, por forza e por lóxica, é de por si innovadora: a nosa rapazada. Segundo informa a organización da feira, a Tecnópole, nesta convocatoria en curso amosaranse até 75 proxectos procedentes de centros de Galicia, Asturias, Catalunya e Euskadi. Celebrarase entre o 16 e o 18 de novembro no devandito Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense). Entre os enxeños que poderemos ver atópanse moitos exemplos desas tecnoloxías que cando chegan desencadean por norma a seguinte pregunta: “Por que non se me ocorrería a min antes?”. Poderemos ver un pastilleiro smart para pacientes crónicos, unha aplicación móbil de alerta de avespa asiática, un espantallo 2.0 ou toalliñas húmidas ecolóxicas feitas com material téxtil desbotado.

O nexo común destes enxeños é a vontade dos seus creadores para achegar ao mundo algo de utilidade e con potencial para emendar problemas concretos.

Segundo informa a Tecnópole, este ano en curso recibiuse a “cifra récord” de máis de cen propostas candidatas. Delas seleccionáronse finalmente medio centenar de Secundaria e dúas ducias de Primaria. Os enxeños, como dixemos, serán expostos entre o mércores 16 e o venres 18 de novembro no recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense). Polo que se refire aos premios, atinxirán unicamente aos proxectos de Secundaria, sendo disputados por equipos procedentes de toda Galicia, Catalunya, Euskadi e, por primeira vez, Asturias. No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na que está considerada a meirande feira científica a nivel estatal, Exporecerca 2017.

04/11/201614:05
Apps de Google
Ponteareas

Ponteareas achega á veciñanza ao retoque fotográfico e ás aplicacións de Google

A Concellería de Ensino do Concello de Ponteareas vén de informar do comezo dun curso sobre retoque fotográfico para nais e pais de alumnado local. A esta actividade formativa, que se desenvolve dende o 2 de novembro (até o 23) na Aula CeMIT (Centro Social da rúa Oriente) cómpre sumar outro obradoiro sobre aplicacións de Google, a celebrar no mesmo espazo de divulgación e dinamización tecnolóxica. Este curso sobre ferramentas de Google comezará o mércores 30 de novembro, seguirá o 14 e rematará o 21 de decembro.

A primeira das achegas formativas tenta achegar aos participantes ao retoque fotográfico con actividades como a creación dun logotipo, dun fondo de pantalla e dunha fotomontaxe, técnicas de enfoque e desenfoque e metodoloxías para a coloración ou para aplicación de filtros básicos, entre outros temas. Ao remate entregarase un diploma da Xunta de Galicia que certifica o tipo de curso e número de horas realizadas e que servirá para ampliar o currículo das persoas que accedan ao mesmo. Segundo fixo saber na inauguración do primeiro obradoiro a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, “esta é unha boa oportunidade para actualizar os coñecementos informáticos, que poden servir para uso persoal e incluso poder ampliar os currículos das persoas que realizan o curso de cara a poder entrar no mundo laboral”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS