main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/11/201609:00
I Hackathon Big Data & Analytics HPE
Santiago de Compostela

A Amtega e HPE celebran o I Hackathon Big Data & Analytics os días 25 e 26 de novembro no Gaiás

  • O reto do encontro é formular solucións dixitais que permitan ao negocio dun centro comercial adaptar a súa oferta aos perfís dos clientes en base a unha análise previa de datos dos seus movementos
  • A iniciativa enmárcase nos compromisos do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise de potenciar e desenvolver o sector TIC galego
  • Os participantes asistirán a unha comida networking con persoal do CEIN e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por HPE

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise (CEIN) en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Situm Technologies, convoca a primeira edición do Hackathon Big Data & Analytics HPE, que terá lugar os días 25 e 26 de novembro de 2016 na sede das súas oficinas na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

Este Hackathon nace do compromiso do CEIN de potenciar e desenvolver o sector TIC galego, involucrando a un equipo de analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e todo tipo de persoas con inquietudes tecnolóxicas en Big Data & Analytics para que compitan durante dous días no desenvolvemento de solucións dixitais a partir dos datos de localización da traxectoria de clientes nun centro comercial.

As solucións desenvolvidas polos participantes deberán permitir analizar e comprender o comportamento dos clientes, facendo dispoñibles as conclusións da análise aos negocios situados no centro comercial para que poidan adaptar a súa oferta de produtos e servizos e explorar novas vías de atracción de clientes.

Os integrantes dos equipos inscritos no I Hackathon Big Data & Analytics HPE participarán nunha comida networking con persoal do CEIN o sábado 26 na cantina da Cidade da Cultura e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por HPE.

Ao peche do evento, cada equipo presentará a súa solución e un xurado experto avaliará e seleccionará aos gañadores nas seguintes categorías:

  • Mellor solución global
  • Iniciativa máis innovadora
  • Mellor proposta de valor

Os gañadores serán elixidos por un xurado multidisciplinar formado por colaboradores do CEIN e profesionais doutros sectores afíns á finalidade da convocatoria.O horario do Hackathon será de 18:00 a 20:00 horas o primeiro día e de 9:00 a 20:00 horas o segundo.

Todos os interesados en participar no evento poden atopar información detallada sobre o mesmo, así co formulario de inscrición en http://hackathon-cein.com/.

Pacto Dixital de Galicia

Hewlett Packard Enterpriese é unha das 13 empresas asinantes do Pacto Dixital de Galicia, no que asumiron o compromiso de colaborar coa Administración autonómica para situar á Comunidade como un referente tecnolóxico na atracción de investimentos, o desenvolvemento de proxectos con potencial tractor e a internacionalización das pemes.

 

11/11/201613:45
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

A D3Mobile do Campus Terra da USC participa este domingo na YouWin de Los 40 Principales en Santiago

  • O director do campionato internacional ‘D3Mobile Metrology World League’, Juan Ortiz, guiará unha masterclass sobre modelado 3D con móbil

O profesor da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra e director do campionato mundial de modelado 3D de precisión con teléfono móbil ‘D3Mobile Metrology World League’, Juan Ortiz Sanz, guiará o próximo domingo 13 de novembro, na Cidade da Cultura de Santiago, unha masterclass sobre modelado 3D no marco da YouWin de Los 40 Principales, a feira de videoxogos e música que se está desenvolver este fin de semana na capital galega.

A sesión impartida por Ortiz Sanz no marco na YouWin desenvolverase baixo o título ‘Queres ser modelo 3D? Unhas fotos e o teu equipo abondan!’. Na súa intervención, este profesor da USC explicará ao público asistente as claves da elaboración e deseño de modelos 3D de precisión con teléfono móbil cun software gratuíto, ao tempo que informará sobre a súa edición e publicación na web.

 

11/11/201610:36
Sede do Ministerio de Defensa
Santiago de Compostela

O Ministerio de Defensa impulsa a contratación de bens e servizos TIC accesibles

  • Aposta por facer compatible a mellor xestión técnica e económica coa inclusión de cláusulas sociais.

"O noso obxectivo é potenciar a contratación pública socialmente responsable na maior cantidade de áreas posibles". Así se explica desde o Ministerio de Defensa a súa decidida aposta por impulsar a adquisición de produtos e servizos TIC accesibles no marco do Plan Integral de Apoio á Discapacidade nas Forzas Armadas, que acaba de cumprir o seu primeiro aniversario.

Segundo asegurou o subdirector de Custos de Recursos Humáns do Ministerio de Defensa, Enrique Cortés, en declaracións a Servimedia, para iso Defensa está a tentar "facer compatible a mellor xestión desde o punto de vista económico e técnico coa introdución de cláusulas sociais nos contratos".

O resultado deste novo enfoque na contratación conseguiu, en palabras do alto funcionario do departamento, "que o Ministerio dese un forte impulso nos últimos anos á adquisición de proxectos e servizos TIC accesibles", un fenómeno que se produciu nun contexto dunha maior preocupación xeral polos temas de accesibilidade.

Nestas datas cúmprese o primeiro aniversario da aprobación do primeiro Plan Integral de Apoio á Discapacidade nas Forzas Armadas, que ata agora tivo como principal fito a apertura da Oficina de Atención á Discapacidade das Forzas Armadas.

"Estamos contentos cos resultados obtidos ata a data", subliñou o subdirector de Custos de Recursos Humáns do Ministerio de Defensa. "O Plan Integral leva a unificación de todas as políticas relativas á discapacidade no noso ámbito de actuación e, ademais, ofreceu unha referencia clara a todo o persoal militar con discapacidade", engadiu.

A día de hoxe, o Ministerio de Defensa é un dos órganos da estrutura do Estado mellor adaptado aos parámetros establecidos polo novo Estándar Europeo de Accesibilidade (EN 301 549), que o Goberno debe transpor nos próximos meses -o prazo para facelo venceu o pasado 16 de abril- e que, entre outras cuestións, obriga a que todos os portais web das administracións públicas sexan accesibles.

Algo que non será un problema para o Ministerio de Defensa, cuxa web xa ten unha cualificación AA (unha especie de notable alto) en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade e utiliza ferramentas de seguimento que teñen en conta a experiencia de usuario para garantir que, en efecto, todos os contidos sexan accesibles.

11/11/201608:42
Un micrófono profesional e un portátil sobre unha mesa.
Santiago de Compostela

Escolas nas Ondas impulsará o uso das radios dixitais no ámbito educativo galego-luso

A asociación Ponte nas ondas! está a impulsar nos centros escolares a formación avanzada en radio dixital, amais dun portal que sexa o alicerce divulgativo dos centros con vertente comunicativa a través destas canles. A iniciativa Escolas nas Ondas ten ademais o obxectivo de ligar as nosas radios dixitais escolares coa comunidade galego-portuguesa internacional, o que se coñece como lusofonía. Segundo puidemos saber, a intención é abranguer 34 centros de ámbalas beiras da raia. As rapazas e rapaces terán oportunidade de iniciarse no xornalismo radiofónico e nas ferramentas tecnolóxicas que o fan posible na actualidade.

Máis en detalle, haberá obradoiros de formación arredor de podcasts e de metodoloxías para difundir estes arquivos nas redes. Tamén se impartirán contidos sobre (por exemplo) as utilidades da nube, o potencial das redes sociais para distribuír e espallar contidos ou como subir á Rede un podcast ou un audioblog. En total, serán 34 accións formativas.

O portal será dado a coñecer no mes de febreiro, coincidindo co Día Mundial da Radio. A asociación Ponte nas ondas!, en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, será a encargada de desenvolver estes obradoiros. Máis en detalle, a comezos de 2017 arrincará o segundo curso de formación para profesorado sobre a creación de podcasts e a posta en marcha de radios dixitais. Este curso será impartido por un profesional da radio a través de Internet.

Os obxectivos que se perseguen, sinalan dende Ponte nas ondas!, son fundamentalmente “o fomento de radios dixitais realizadas polo alumnado e a integración en plataformas sociais de comunicación para a difusión dos contidos”.

10/11/201613:10
Man dun coidador collendo a man dunha persoa maior.
Santiago de Compostela

Televés crea Smart Assist, unha tecnoloxía para axudar ás persoas dependentes e os seus coidadores

A empresa galega Televés, centrada en achegar servizos de telecomunicacións, vén de participar no proxecto Smart Assist, unha solución para emprestar apoio a persoas con discapacidade, maiores que precisan coidados ou persoas con necesidades especiais, sen esquecerse dos seus coidadores. Cómpre dicir que nesta aposta tamén están implicadas outras tres entidades relacionadas coa asistencia socio-sanitaria: Fundación Tecsos, Fundación Vodafone España e Universitat Politècnica de València.

Indo ao proxecto, Smart Assist parte de tecnoloxías como a Internet das Cousas (IoT) e a análise de datos masivos (Big Data Analytics) para desenvolver solucións intelixentes que permiten personalizar a atención creando unha contorna que integra teleasistencia móbil e domiciliaria, favorecendo ao máximo a seguridade e accesibilidade, á vez que respecta e promove a autonomía e intimidade das persoas. Nesta iniciativa tamén se conta coa axuda de desenvolvementos como CareLife, a solución de teleasistencia ubicua desenvolvida por Televés, Cruz Vermella Española, Fundación Vodafone e Fundación Tecsos.

Cómpre salientar deste proxecto a integración da solución coas plataformas de IoT máis senlleiras, como FIWARE, SOFIA2 ou UniversAAL, de maneira que se estenda o alcance e a interoperabilidade dos servizos achegados. Smart Assist conta cun orzamento de case un millón de euros e un prazo de execución que vai dende setembro de 2016 a decembro de 2018.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS