main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

10/11/201612:20
Curso do InLugo.
Lugo

Máis de 400 maiores concorreron nos cursos de InLugo no cuarto trimestre de 2016

A Deputación de Lugo vén de facer reconto da cifra de asistentes ás actividades desenvolvidas ao longo deste cuarto trimestre ao abeiro da iniciativa InLugo. Segundo fai saber a entidade provincial, máis de 400 maiores de toda a provincia participaron nas distintas accións encamiñadas a introducir ás persoas da idade nas moitas utilidades e funcionalidades (e recursos saudables) das tecnoloxías da información. Estas novas cifras de seguimento de InLugo, programa xestionado pola Fundación TIC da Deputación, foron dadas a coñecer polo vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, que visitou os días pasados un dos cursos gratuítos que se imparten na sede da Fundación, en concreto, o titulado: Escribe no ordenador empregando un editor de texto. Como o seu nome indica, trátase dun obradoiro para introducir aos participantes (neste caso un total de 15) no manexo do teclado do computador e os aspectos máis básicos dos procesadores de texto.

“Con este curso de balde”, sinala a Deputación, “xa son 19 os cursos impartidos na sede de InLugo, dos 29 programados para os tres últimos meses do ano, nos que houbo máis de 200 participantes”. A entidade provincial tamén salientou que as prazas para os outros 10 “xa están cubertas desde o mesmo día que se abriu o prazo de inscrición”. De feito, “para as 354 prazas previstas houbo 575 inscricións en tan só seis horas”, engadiu.
 

AlimentaTIC
AlimentaTIC, o programa de obradoiros da Deputación que bota man das novas tecnoloxías para favorecer e impulsar hábitos alimenticios saudables entre os maiores da provincia, tivo no mes de outubro un amplo seguimento. De feito, no mes de outubro participaron arredor de 200 persoas nos cursos que houbo en Láncara, O Corgo, Guitiriz, A Pontenova e Trabada e na conferencia do especialista en nutrición, Manuel Antonio Botana. Lembrar que o luns 7 de novembro AlimentaTIC chegou a Burela, achegando un obradoiro sobre novas ferramentas dixitais e nutrición que contou coa presenza da deputada de Economía, Mayra García, e o alcalde da localidade mariñá, Alfredo Llano. Neste mes de novembro o programa de alimentación saudable tamén chegará a Paradela, Pol e Ourol.

 

Recordos a través do móbil
Por outra banda, a Deputación de Lugo tamén recordou na visita ao curso sobre procesadores de texto que no último trimestre de 2016 a Fundación TIC desprazarase por toda a provincia para impartir 15 obradoiros sobre o uso do móbil coa finalidade de gravar recordos dos lucenses participantes que formarán parte do arquivo Memoria Dixital Lugo. “Trátase”, sinalou a entidade provincial, “dun programa pioneiro na nosa provincia, especialmente dirixido aos maiores, pero aberto a todos os lucenses interesados en contar os seus testemuños”. Memoria Dixital Lugo(www.memoriadixitallugo.es) inclúe vídeos, audios, fotografías antigas e diversos documentos “que axudarán a coñecer mellor a historia recente da nosa provincia, especialmente a da primeira metade do século XX”. Todas estas actuacións desenvólvense no marco do programa de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia, que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación.

10/11/201609:41
mBot Makeblock
Santiago de Compostela

mBot Makeblock: un mini-robot con Arduino para ensinar a programar aos máis peques

Aínda que de nacemento recente, o robot educativo mBot de Makeblock xa se fixo un oco nun mercado au auxe, como é o da tecnoloxía educativa. As súas virtudes: fácil, sinxelo, versátil e, sobre todo, económico.

Hoxe analizamos o mBot de Makeblock, e falamos da súa montaxe, dos primeiros pasos e das posibilidades que ofrece como ferramenta educativa para o aprendizaxe da programación a través da robótica. Que pode ofrecernos un robot de menos de 90 euros? Imos a velo a continuación.

mBot: o xoguete

A gama de robots mBot de Makeblock son unha serie de xoguetes, con todas as da lei. Ou alomenos así se presenta: creado por makeblock tras unha exitosa campaña en Kickstarter en 2012, a compañía continuou deseñando, desenvolvendo e poñendo á venda diferentes modelos de robots.

De todos eles, mBot é o máis sinxelo e o mellor posicionado para a educación, sendo ademais o máis parecido a unha especie de vehículo simple. Sinxelo: rodas, motores e un pequeno mecanismo de xiro, aderezado con uns cuantos sensores (distancia, luz, son) para ampliar a súas posibilidades.

Seguir lendo na fonte da noticia

 

10/11/201608:05
Un momento da charla.
Vigo

Unha xornada salientou en Vigo a necesidade de impulsar referentes tecnolóxicos femininos

Existen estereotipos de xénero á hora de elixir unha carreira universitaria? Por desgraza si, así o demostran as matrículas universitarias, que reflicten que aínda hai profesións masculinizadas e viceversa. Para falar sobre este tema, reuníanse onte na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo varias expertas e expertos nunha xornada titulada A muller tecnóloga na Universidade, unha iniciativa organizada polo grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal. Entre os asistentes estaba Fátima Otero, investigadora deste grupo e impulsora da xornada que xorde parella ao desenvolvemento dun proxecto piloto sobre o emprendemento da muller tecnóloga no rural.

A finalidade deste encontro era fomentar a visibilidade do papel e do traballo da muller con formación tecnolóxica e científica no eido académico, investigador e empresarial. As participantes deste encontro coincidiron en salientar a necesidade de crear referentes femininos nestes eidos para promover as vocacións entre as estudantes de ensino secundario. Para facérmonos unha idea da magnitude do problema: a porcentaxe de alumnas na Universidade de Vigo é do 51%, no eido tecnolóxico redúcese ao 23% e na Enxeñaría Informática limítase ao 17%.Unha das relatoras da xornada, Milagros Sáinz (directora do Grupo de Investigación Xénero e TIC da Universitat Oberta de Catalunya) indicaba que a presenza de mulleres nos ámbitos tecnolóxicos é baixa, particularmente na Informática (14%). Tamén son eidos con moi pouca presenza feminina as Telecomunicacións, a Enxeñaría Electrónica ou a Enxeñaría de Minas; mentres a Enxeñaría forestal está arredor do 32% ou a Enxeñaría Química que está case equiparada. O apartado das ciencias ten a menor presenza de mulleres e as matemáticas e a física están fortemente masculinizadas. Pola contra, bioloxía ou medicina son xa titulacións feminizadas (máis do 70%).

Outro aspecto que inflúe neste senso é a falta de referentes femininos entre o profesorado de secundaria, xa que os docentes das materias relacionadas coa tecnoloxía son maioritariamente homes (95%). O mesmo acontece na educación formal, con pouca presenza feminina salientada nos libros de texto, o que se traduce na invisibilización de mulleres e das súas contribucións aos ámbitos tecnolóxicos. A xornada da EE de Telecomunicación completouse cun relatorio de Carmen Iglesias Escudero (directora xeral do Centro Tecnolóxico EnergyLab) e coa presentación de casos profesionais e académicos por mulleres tecnólogas na que participaron Beatriz Novoa (científica do Instituto de Investigacións Mariñas), Coral del Río (catedrática do Departamento de Economía Aplicada) e Ana Mª Ulla (profesora da Área de Astronomía e Astrofísica), ambas da Universidade de Vigo.

10/11/201608:01
Cartel do evento.
A Coruña

Manolo Rodríguez analizará as tendencias tecnolóxicas nunha charla en Espacio Coruña

Ao longo do presente ano o Espacio Working_ no primeiro andar do Centro Comercial Espacio Coruña acolleu varias edicións dos relatorios #charlasdigitalesEC impartidos polo xornalista e blogueiro Manolo Rodríguez, cos que pretende atender a unha clara demanda de formación sobre o aproveitamento persoal e profesional das redes sociais, e que o vindeiro sábado ás 11:30 horas celebrarán a súa derradeira edición co tema Tendencias tecnolóxicas: o futuro é agora.

O encontro de acceso libre estará composto por unha intervención de 45 minutos seguida dunha quenda de preguntas de 15 minutos, e abordará o futuro das redes sociais, repasará o presente e o futuro dos dispositivos móbiles e incluso achegarase a tecnoloxías que tanta visibilidade teñen ultimamente como os wearables, o Big Data e a Internet das Cousas.

10/11/201607:55
Premiados Cluster TIC
Santiago de Compostela

O Clúster TIC Galicia convoca nova edición dos seus galardóns

O Clúster TIC Galicia vén de convocar novamente os seus galardóns, uns recoñecementos destinados a visualizar, impulsar e distinguir o labor de “todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información”. En palabras dos responsables da plataforma, os Premios Clúster TIC Galicia “poñen de relevo ante a sociedade o traballo das empresas, profesionais ou entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser”. As distincións artéllanse nas seguintes categorías: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-ups e Software Libre. Ás devanditas úneselles unha modalidade nova: a de Márketing Dixital.

O requisito fundamental para aspirar a estes premios é que a candidatura veña da man dunha empresa que realice proxectos no eido das novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), “ben sexa como provedora ou como entidade usuaria de produtos e servizos TIC galegos”. O Clúster, para elixir as entidades finalmente premiadas, dará forma a un comité avaliador experto. Os nomes das gañadoras daranse a coñecer na gala de entrega de premios, logo da votación do xurado e de que se publique unha listaxe con tres finalistas por categoría. Por seren galardóns de honra que distinguen a calidade, os premios non comportan dotación económica, pero tanto os gañadores como os finalistas recibirán trofeos representativos e exclusivos. Os interesados en presentar unha candidatura deberán facelo de maneira exclusiva a través da web www.clustertic.gal, cubrindo o formulario en liña e axuntando a documentación que consideren oportuna. O prazo remata o vindeiro domingo 20 de novembro ás 23.59 horas.
 

Anterior edición
As entidades Avansig (Innovación), Quobis (Internacionalización), Altia (Liderado TIC), Brookesia Design and Technologies (Start-ups) e Igalia (Software Libre) foron as gañadoras dos Premios Clúster TIC Galicia 2015. Os representantes das cinco devanditas empresas recolleron os seus galardóns nunha gala que se desenvolveu o 29 de outubro de 2015 no marco do evento LibreCon, na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Segundo lembra o Clúster, as iniciativas distinguidas abranguían iniciativas de internacionalización e desenvolvementos tecnolóxicos nos eidos dos drons, as aplicacións móbiles para vehículos, os trebellos multifunción e as plataformas para set-top-boxes de operadoras. Dun total de 34 candidaturas presentadas, o comité avaliador experto seleccionou 15 finalistas, tres por cada unha das categorías desa primeira edición: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-up e Software Libre.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS