
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Ourense quere propagar a formación tecnolóxica entre o seu tecido comercial, todo co obxectivo de modernizar negocios, capacitar profesionais e incrementar competitividade, marxe de manobra, canles de venda, recursos de promoción e de comunicación con usuarios e clientes. Falamos do programa-plataforma Sé Dixital, que o Concello lanza a través dun convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e Orange España.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destacou positivamente as oportunidades que se abren coa iniciativa, unha plataforma de balde e aberta para toda a cidadanía e “para o desenvolvemento do tecido económico da cidade”.
Na presentación de Sé Dixital tamén participaron o concelleiro de Emprego e Promoción Económica, Jorge Pumar, a edil de Comercio, Belén Iglesias, o xerente de Relacións Institucionais da Zona Norte de Orange España, Óscar Aragón; e o xefe de Proxectos Estratéxicos da EOI, Javier Moreno. A proposta Sé Dixital, sinalouse, foi concibida para ser unha reposta útil e real ás demandas de formación TIC dos cidadáns, profesionais e comerciantes locais. Entre os contidos do programa, inclúense os seguintes: Oportunidades para os negocios desde a túa localidade; Tecnoloxía básica para os negocios e a promoción en canles dixitais; Posicionamento online da túa idea para que te atopen desde calquera parte do mundo; Novas formas de financiamento enInternet para poñer en marcha o teu negocio; Consideracións xurídicas básicas sobre propiedade intelectual e protección de datos (Que é legal, alegal ou ilegal en internet?) ou Novas tecnoloxías para mellorar procesos na túa empresa e axudala na súa transformación dixital.
Para formarmos parte de Sé Dixital podemos realizar a inscrición na mesma páxina de seu, sedigitalylanzate.es, ou a través da páxina municipal www.ourense.gal. Orange facilitará as titorías e material preciso, e ao final do curso expedirase un certificado oficial asinado pola EOI. O programa foi desenvolvido noutras cidades de España e xa capacitou dixitalmente a unhas 10.500 persoas.
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (o CNTG, con sede en Santiago) vai acoller este xoves 24 de novembro un foro de emprego organizado polas Lanzadeiras de Compostela, Redondela e Marín. Segundo informan, o evento desenvolverase baixo o epígrafe Sinerxías para o emprego e servirá, entre outras cousas, para conectar a setenta persoas desempregadas que participan no programa con empresarios e responsables de recursos humanos. Lembrar que as devanditas palestras laborais, xunto coas de Lugo, Ourense e Arteixo, forman parte da edición galega das Lanzadeiras de Emprego, unha iniciativa da Fundación Telefónica e a Fundación Santa María A Real para impulsar na nosa Comunidade (e no resto do ámbito estatal) a capacitación innovadora e tecnolóxica dos profesionais de cara ao mercado de contratación. A vertente galega do programa ten o apoio da Xunta.
Como recordaremos, as iniciativas de Santiago de Compostela, Redondela e Marín comezaron a funcionar a finais de xuño para axudar a 71 persoas desempregadas a adestrar unha innovadora procura de traballo (colectiva, solidaria, proactiva e con novas ferramentas) “acorde ás necesidades que presentan as empresas hoxe en día”. Tras varios meses de adestramento e na recta final do programa, os participantes das tres lanzadeiras quixeron sumar os seus esforzos para organizar este xoves o foro de emprego Sinerxias para ou Emprego, co que queren cumprir un triplo obxectivo: darse a coñecer como profesionais cun talento renovado; contactar de forma directa con empresarios e recrutadores; e acadar unha nova oportunidade laboral.
O encontro comezará ás 9:45 horas no auditorio do Centro de Novas Tecnoloxías, e continuará desde as 10 até as 11:30 horas cos relatorios de Galejobs, Corporación Noroeste e Programa Santander-Yuzz. Logo celebrarase un espazo de networking entre participantes de lanzadeiras, especialistas, empresarios e responsables de recursos humanos, “con obxecto de que poidan conversar e ampliar información sobre os procesos de selección que se organizan a día de hoxe, en que sectores, para que perfís, con que requirimentos e demandas, etc”.
De 12:30 a 13:30 horas, levarase a cabo a mesa redonda Sinerxías para o emprego, que contará coa intervención de varios participantes das lanzadeiras e empresarios locais, moderados por Carla Reyes Uschinsky, presidenta da Asociación de Executivas de Galicia.
O foro chegará ao seu remate a partir das 13:30 horas, coa proxección dos “mellores momentos vividos” e polos logros acadados polas Lanzadeiras de Emprego de Redondela, Marín e Santiago. Falamos de Re[d]lánzate, Red Marín e SCQ Adiante. Minutos despois será o intre da clausura institucional, con representantes da Fundación Telefónica, a Fundación Santa María A Real, o Concello de Marín e a Xunta de Galicia.
Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lanza esta semana un chamamento colectivo nas principais redes sociais para combater a devandita lacra social e “facer” comunicación nas franxas de idade que máis presenza teñen, precisamente, nas comunidades dixitais: a nosa xuventude. Pero, sobre todo, búscase pór de relevo a escasa “axuda” dos principais medios informativos á hora de combater a violencia.
A campaña, que se bota a camiñar en Twitter e máis en Facebook, difúndese baixo a seguinte etiqueta xenérica e identificativa: #NonDifundasMachismo. Con esta iniciativa o Colexio quere “concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nas informacións dos medios de comunicación”.
A campaña, que estará en marcha ao longo desta semana, consiste na publicación a través de Twitter e Facebook de titulares, informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e comportamentos que continúan a tinxir de sexismo a imaxe das mulleres nos medios de comunicación. Todos os exemplos irán acompañados dunha pequena explicación e da etiqueta #NonDifundasMachismo. Desde o Colexio de Xornalistas chámase “a compartir os distintos chíos para visualizar o problema da persistencia de tratamentos machistas nos medios, así como a compartir calquera outro tipo de exemplos destas prácticas sexistas usando o devandito cancelo #NonDifundasMachismo”.
Fomentar a creatividade, o traballo en equipo e achegar o mundo da enxeñaría e a tecnoloxía aos estudantes de último ano dos Institutos de Ensino Secundario galegos a través da construción e programación dun robot é a finalidade coa que xorde a primeira edición do concurso de robots do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña. Indo ao concurso en cuestión, cada instituto participante deberá traballar nas utilidades do robot: explicación, montaxe, programación, xincana e proposta do proxecto, para o que contarán coa axuda dun equipo técnico especializado do Campus Industrial.
Xa dende onte (día 22) e até o 28 de novembro, daba comezo o concurso, no que os alumnos terán que presentar nas redes sociais os seus proxectos a través dun pequeno vídeo, explicando o uso do robot e facendo unha demostración do mesmo. O voto do público, que se obterá a través dos likes nos respectivos vídeos, permitirá aos institutos obter as primeiras puntuacións dos seus proxectos, para presentalo despois perante un tribunal no propio Campus Industrial de Ferrol, encargado de outorgar a nota final xunto coas dúas valoracións (a pública e a do tribunal).
A fase final do concurso terá lugar o día 29 de novembro, data na que os participantes visitarán o Campus Industrial de Ferrol e aproveitarán para levar a cabo unha serie de actividades que lles achegarán a oferta docente do campus e o funcionamento dos grupos de investigación.
Telefónica Open Future, a plataforma de emprendemento dixital de Telefónica, investiu millóns de euros desde que se puxo en marcha o proxecto Women's Age hai un ano.
A compañía informou a través dun comunicado este sábado destas cifras de emprendemento feminino que arroxa o proxecto Women's Age, cuxo obxectivo é impulsar a aquelas mulleres emprendedoras, e do que se celebrou a II edición.
O 21% das startups de Open Future están lideradas e fundadas por emprendedoras e hai un 19% de media de mulleres no sector dixital europea fronte ao 33% en Estados Unidos.
A directora global de Telefónica Open Future, Ana Segurado, resaltou que na plataforma contan con 142 empresas fundadas e lideradas por mulleres dun total de case 700 empresas investidas e destacou que en Europa, o Reino Unido encabeza a lista seguido de España.
Respecto do investimento, Estados Unidos concentra a maior porcentaxe da cifra investida por Telefónica Open Future en startups femininas, segundo indicou Segurado, e aínda que considerou que son cifras importantes, non son suficientes, polo que a liña de acción da compañía para incrementar o número de emprendedoras debe pasar por "explicar o emprendemento dixital como unha saída válida para as mulleres".