main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/08/201608:26
O Papa e Mark Zuckerberg
Santiago de Compostela

Zuckerberg amosa ao Papa Francisco as súas iniciativas para achegar a Internet aos desfavorecidos

Dende Facebook levan anos traballando en varias iniciativas para levar o acceso á Internet a lugares afastados e con poboación con baixo poder adquisitivo, como unha medida para introducir ás sociedades en vías de desenvolvemento á tan necesaria Rede para poder acceder ás mesmas oportunidades que o resto do planeta, e entre as tecnoloxías teñen varios prototipos de dron, como Aquila, unha aeronave non tripulada froito do traballo do Connectivity Lab de Internet.org que é capaz de voar a máis de 18 mil metros de altitude, aproveitando a enerxía solar para manterse no aire durante meses e así poder achegar conexións á Internet dende o aire.

Esta solución tecnolóxica que podería resultar moito máis práctica que as conexións vía satélite (tanto en calidade das conexións como en custo económico) vén de gañar certa notoriedade, xa que na visita ao Vaticano de Mark e Priscilla Zuckerberg fixéronlle entrega ao Papa Francisco dunha maqueta do devandito dron, á vez que tamén comentaron co sumo pontífice tanto a necesidade de aumentar a dispoñibilidade do acceso á Rede como as achegas solidarias da Chan Zuckerberg Initiative, sendo a propia Priscilla Chan quen aproveitou os seus coñecementos de español para falar directamente co Papa sen precisar de intérprete.

29/08/201609:29
Logo Maker Faire Galicia
Santiago de Compostela

O programa de Voluntariado Dixital de Galicia publica unha nova convocatoria para colaborar na "Maker Faire Galicia"

  • Este escaparate para as invencións, a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos celebrarase os días 1 e 2 de outubro no Pazo de Congresos de Santiago
  • O pasado ano a Compostela Mini Maker Faire rexistrou máis de 18.000 visitantes e preto de 140 makers
  • O Movemento Maker promove encontros no que as persoas mostran ao mundo as súas creacións, comparten o seu coñecemento e fan contactos profesionais

Os días 1 e 2 de outubro celebrarase no Pazo de Congresos de Santiago a “Maker Faire Galicia” un encontro que serve de escaparate para as invencións, a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos co obxectivo final de potenciar unha Galicia innovadora e colaborativa.

Tras o éxito da “Compostela Mini Maker Faire” celebrada o pasado outubro de 2015, onde se rexistraron máis de 18.000 visitantes e 138 makers, este ano, o evento escala en tamaño e deixa para converterse nun evento anual que servirá de punto de encontro para os mellores creadores de Galicia.

 

Inscrición

Por segundo ano consecutivo, o Programa Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia colabora con este evento buscando impulsar e facilitar a participación das persoas voluntarias na preparación e desenvolvemento da Maker Faire Galicia.

As persoas con curiosidade, creatividade e gañas de axudar, poderán apoiar este evento dende días soltos en fins de semana de setembro para a preparación de material ou elaboración de paneis e elementos decorativos ata o apoio na montaxe e desmontaxe do evento, na información a visitantes ou no desenvolvemento das propias actividades da Maker Faire.

Se estás interesado en colaborar como voluntario na Maker Faire Galicia rexístrate en Voluntariado Dixital e apoia este evento inscribíndote aquí.

 

Maker e Maker Faire

Un maker é un creador; un curioso por natureza, que quere aprender, divertirse, mellorar, compartir, resolver un problema e trata de facelo realidade, non se queda só na idea. Ademais de realizar os seus proxectos, compártenos en liña con makers de todo o mundo, o que lles permite unha innovación máis áxil, dando lugar ao que hoxe coñecemos como o Movemento Maker.

As ferramentas de fabricación dixital democratizáronse grazas ao desenvolvemento de espazos creativos compartidos (FabLabs, HackerSpaces, MakerSpaces e espazos de Coworking) e ao intercambio de coñecementos e información que se xera nestas comunidades de profesionais.

No que respecta á Maker Faire é a maior feira de makers do mundo, un escaparate para as invencións, a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos. É un lugar no que as persoas mostran ao mundo as súas creacións, comparten o seu coñecemento con quen quere aprender e fan contactos profesionais.

O obxectivo da Maker Faire é divertir, informar e conectar ás persoas para que a comunidade medre.

 

Programa de Voluntariado Dixital - VOLDIX

O Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa, posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que conta xa con 700 aliad@s dixitais. Ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos (persoas maiores, persoas con discapacidade, etc).

A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas.

29/08/201609:23
FSC Inserta
Santiago de Compostela

A Asociación Inserta Empleo da Fundación ONCE e a Amtega ofrecen formación en ofimática a persoas con discapacidade en situación de desemprego

  • A entidade de formación e emprego da Fundación ONCE adhírese como aliado dixital ao Plan de Inclusión Dixital 2020 da Amtega
  • Colaborará coa Axencia para facilitar o acceso das persoas con discapacidade ao Certificado de Competencias Dixitais en Ofimática, CODIX

A Asociación Inserta Empleo, entidade de formación e emprego da Fundación ONCE vén de adherirse como aliado dixital aoPlan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). No marco desta colaboración ambas entidades veñen de poñer en marcha a iniciativa “Formación e CODIX para persoas con discapacidade” para ofrecer capacitación en ofimática a persoas en situación de desemprego con certificado de discapacidade igual ou superior ao 33%, co fin de garantir o seu acceso ao mercado laboral.

A Asociación Inserta Empleo xa realizou as primeiras actividades formativas de ofimática nas aulas da Rede CeMIT de A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Santiago e Lugo, nas que desenvolverá as 190 horas formativas do curso para a obtención da certificación en ofimática (CODIX). Unha vez rematado o período de formación, as persoas participantes poderán obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) mediante a superación dunha proba presencial de carácter voluntario baixo a supervisión tanto de Inserta Empleo como da Amtega.

Inserta Empleo colaborará tamén co Plan de Inclusión organizando outras actividades formativas, eventos ou iniciativas de divulgación e dinamización das TICs e na difusión da inclusión dixital en Galicia.

 

CODIX

En 2014 a Amtega habilitou ás aulas da Rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia para a obtención da certificación de competencias dixitais en ofimática (CODIX) pola cidadanía en xeral, garantíndose xa non só o acceso á formación necesaria senón tamén o acceso ás probas de avaliación que ata ese momento non existiran.

A certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) é o documento que acredita posuír a combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións que as persoas precisan para desenvolverse con eficacia e eficiencia no manexo de aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación.

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta xa con 700 aliados dixitais, aos que se vén de sumar á Asociación Inserta Empleo da Fundación ONCE.

O pasado 29 de abril publicouse a Resolución que permite que todas as entidades, empresas, asociacións, etc interesadas en colaborar co Plan adherise coma aliados dixitais

 

Inserta Empleo

A Asociación Inserta Empleo, é a entidade da Fundación ONCE para a formación e emprego de persoas con discapacidade que e busca posibilitar a súa integración plena na sociedade mellorando a súa cualificación profesional; promover a creación de emprego para persoas e apoiando a creación de prazas ocupacionais en colaboración coas entidades do movemento asociativo de persoas con discapacidade e as súas familias.

10/08/201610:12
App Ecatic vista nunha tablet.
Santiago de Compostela

ILUNION leva ‘EcaTIC’ ao IV Simposio Iberoamericano de Emprego con Apoio

Unha aplicación que facilita a incorporación laboral das persoas con discapacidade.

ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, do grupo de empresas sociais da ONCE e a súa Fundación, participou no "IV Simposio Iberoamericano de Emprego con Apoio. Boas prácticas. Novos retos", no que presentou EcaTIC, unha aplicación para a inclusión laboral e eficiente de distintos perfís de persoas con discapacidade.

Durante o simposio, que se celebrou os días 4 e 5 de agosto en Buenos Aires, Arxentina, a directora de Accesibilidade Tecnolóxica e Estudos de ILUNION, Verónica Martorell, explicou o funcionamento desta ferramenta no relatorio"EcaTIC, Emprego con Apoio e TIC, aplicacións sobre tableta" e realizou unha demostración práctica de como se utiliza no día a día.

Martorell sinalou que "EcaTIC é unha aplicación con distintas contornas de traballo; a do titor da empresa e o preparador, que deseñan conxuntamente a planificación laboral do empregado; e a do traballador, que a utiliza como ferramenta de consulta, organización e seguimento".

No caso de seguimento de tarefas, esta ferramenta facilita igualmente que o preparador non teña que estar presencialmente no lugar de traballo, co que lle aforra tempo e, nalgúns casos, diminúe a estigmatización social das persoas con discapacidade.

Pola súa banda, o empregado gaña seguridade e consegue eficacia e calidade no traballo. Esta aplicación móstralle a listaxe de tarefas programadas para o día, paso a paso e de forma adaptada á súa discapacidade. Ademais de dispor, entre outras funcionalidades, de calendario, materiais de apoio, mapas e apartado de axuda. Esta última, permite facer unha vídeo chamada por Face Time ou enviar un correo electrónico ao preparador en calquera momento.

O proxecto empezou a fraguarse en 2012. En 2013 fíxose unha primeira versión e en 2015 a Fundación ONCE puxo a aplicación a disposición das entidades da discapacidade.

Martorell destacou que "esta é unha aplicación de éxito porque se realizou cun modelo participativo, coñecido como Design thinking, no que colaboraron usuarios e preparadores desde o primeiro momento. Fíxose unha toma de requisitos das persoas con discapacidade e dos preparadores e sóubose combinar as necesidades que tiñan uns e outros".

ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade traballa para que a sociedade sexa cada vez máis inclusiva e achega o seu coñecemento e experiencia para que as institucións e empresas poidan ofrecer a súa información e servizos de forma adecuada a todo o mundo´

ILUNION

ILUNION é o grupo empresarial da ONCE e a súa Fundación, referente na creación de emprego de calidade para persoas con discapacidade en España. Cun persoal de máis de 32.000 traballadores, dos cales o 35% son persoas con discapacidade, é un proxecto empresarial socialmente responsable que desenvolve a súa actividade con criterios de rendibilidade económica e social.

10/08/201610:02
Cartel do concurso
Santiago de Compostela

A Guarda pon en marcha un concurso de selfies para a mocidade

O Concello da Guarda está a organizar un certame para fomentar a creatividade da xuventude a través dos móbiles e as redes sociais. Trátase do Concurso de Selfies Vive A Guarda, impulsado co obxectivo duplo de impulsar a visibilidade da vila galega nas comunidades de Internet e, tamén, de impulsar a vea creativa da mocidade. O certame, que ten aberto o prazo de presentación de fotos ate o 31 de agosto, vén da man do departamento de Xuventude do Concello. Segundo informa, vai dirixido a mozas e mozos de entre 14 e 30 anos. Para participaren no concurso, deberán facerse unha foto salientando algún lugar destacado e referencial do concello.

A actividade inclúe dúas modalidades, individual e en parella. En calquera das dúas os participantes deben ser os protagonistas da imaxe e só poderán presentar unha proposta.

Esta pode ser remitida en formato dixital a través de dúas redes sociais, Instagram ou Facebook. En ambos casos os concursantes subirán a imaxe ó seu perfil de dita rede social, acompañándoa coas etiquetas #viveaguarda e #concursoselfies. Nas bases do certame tamén se especifica que en Instagram cómpre etiquetar ao perfil @viveaguarda e no Facebook compartilo na páxina Xuventude A Guarda. Como dixemos, o prazo para presentar os selfies remata o vindeiro día 31 de agosto. A partir desa data tres xuíces deliberarán sobre cal das obras presentadas debe ser a elixida como vencedora, tendo en conta os criterios de calidade técnica e artística, a orixinalidade e a adaptación ós obxectivos e normas do concurso. Os traballos que resulten gañadores, e que se coñecerán o día 5 de setembro, ademais de ser premiados cunha cea ou xantar no Forte (A Guarda), tamén formarán parte da campaña de impulso local Vive A Guarda 2016, que está a desenvolver o Concello.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS