
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Mos creará un espazo dixital común para todas as asociacións do municipio interesadas, a través dunha ferramenta tecnolóxica mediante a que cada unha poderá participar individualmente cun blogue propio ou outra ferramenta nalgunha rede social.
Para informar sobre este proxecto, a concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe o edil Óscar Soto, o CeMIT-Innova, VOLDIX e a Rede Conecta organizarán unha reunión sobre innovación dixital para asociacións mosenses que terá lugar o luns 28 de novembro ás 19.00 horas no salón de actos da Axencia de Colocación de Mos.
A idea, segundo explican desde a propia concellería, "é que toda a información que se incorpore a esta plataforma teña un tratamento individualizado elaborado por cada asociación en cuestión" e que a ferramenta poida "aloxarse na propia web do Concello de Mos, de maneira que se complemente tamén a información sobre o municipio con datos actualizados de todas as asociacións veciñais, culturais e deportivas".
O edil Óscar Soto explica que "este proxecto naceu tras detectarse a necesidade de divulgación e difusión informativa das actividades levadas a cabo por parte de cada unha das asociacións".
A Sede Afundación Ferrol acolleu esta tarde unha xornada interxeracional na que mozas e maiores participaron nun flashmob e leron un manifesto de dez puntos cos que reivindicaron o orgullo de ser maior e o valor da experiencia. Con este acto simbólico, Afundación celebra a integración neste espazo das actividades de envellecemento activo que ata agora se desenvolvían na avenida de Vigo. A sede convértese desde hoxe nun centro multidisciplinar e interxeracional, co obxectivo de dar cabida a todos os proxectos e actividades que desenvolve actualmente a entidade nos seus tres ámbitos de actuación: a cultura, o envellecemento activo e a educación superior e o coñecemento. O novo espazo confórmase como un centro interxeracional, cuxa oferta, aínda que os maiores de 60 anos, concretamente os 1200 socios e socias rexistrados en Ferrol, sexan o seu público preferente, estará aberta a público doutras idades. Así mesmo, involucrarase ás persoas maiores, segundo os seus intereses, nas actividades culturais e educativas con mozas e escolares que leven a cabo na sede. Deste xeito, crearanse oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas.
Os espazos +60, como o que se inaugurou hoxe en Ferrol, presentan unha ampla e innovadora oferta de actuacións que contempla diferentes dimensións do envellecemento activo: o benestar psicolóxico, físico e social, a aprendizaxe ao longo de toda a vida, así como a participación e a inclusión social das persoas maiores, tendo en conta a pluralidade de intereses e expectativas deste sector da poboación. Esta oferta está estruturada a través de 5 programas: hábitos saudables, cultura e expresión artística, formación e coñecemento, TIC e lecer activo, aos que se suman tres proxectos estratéxicos de Afundación neste ámbito: o valor da experiencia, a difusión dunha imaxe social dos maiores afastada de estereotipos e o voluntariado social e profesional.
A estratexia de envellecemento activo
Afundación, dentro do seu proxecto de promoción do envellecemento activo, ten entre os seus obxectivos difundir unha imaxe positiva das persoas maiores que ofreza unha representación fiel e diversa da súa realidade, «desafiando estereotipos estendidos na sociedade sobre este grupo de poboación que non responden á realidade, que as persoas maiores son suxeitos activos, contribuíntes e beneficiarios do desenvolvemento, e que a vellez non é máis que unha etapa do proceso evolutivo do ser», subliña Concepción Martínez Lamigueiro, coordinadora do programa +60 de Afundación en Ferrol. Así, a reivindicación do «orgullo de ser maior» esténdese a todas as actuacións da entidade, co obxectivo de aceptar o envellecemento como un proceso natural, propiciando unha adaptación positiva a esta etapa vital.
O outro eixo de actuación prioritario da entidade neste ámbito é ampliar as oportunidades de participación e contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional en beneficio da comunidade. Así, a través do programa o valor da experiencia, Afundación promove que persoas de diferentes xeracións e, fóra do ámbito familiar, interaccionen, se coñezan e aprendan mutuamente, coa finalidade de aproveitar os coñecementos e capacidades dunhas e outras e superar a fragmentación por idades que prima na nosa sociedade. Un exemplo destas accións é o programa «Fálame da emigración», no que participaron o curso pasado 65 voluntarios e voluntarias maiores e 461 estudantes de 11 centros educativos galegos, entre eles, o IES Sofía Casanova de Ferrol.
O proxecto TELEA-Fogar Dixital do Servizo Galego de Saúde foi seleccionado como finalista nos premios europeos Procura+ Awards 2016, na categoría de Procedementos de compra pública de innovación do ano.
Nesta modalidade valórase a innovación nos devanditos procedementos e que a autoridade pública actúe como cliente de referencia. TELEA-Fogar Dixital é o único proxecto de innovación seleccionado de España, e compite na súa categoría contra o sistema de eficiencia enerxética do transporte público de Londres.
O proxecto TELEA - Fogar Dixital é unha solución innovadora para teleseguimento de pacientes con enfermidades crónicas, consistente nunha plataforma de asistencia domiciliaria que foi resultado dun proceso de Compra Pública de Innovación (CPI).
O Sergas é unha das seis entidades finalistas -das doce preseleccionadas- para estes galardóns, promovidos pola Comisión Europea e organizados por Procura+ Network, unha rede de rexións e autoridades públicas europeas que conectan, intercambian e actúan sobre os procedementos de compras sostibles e innovadoras.
Aplicación en pacientes de EPOC
A modalidade asistencial que permite esta iniciativa, que xa foi aplicada para persoas con enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), obtivo excelentes resultados que amosan unha alta contribución á sostibilidade do sistema de saúde. Ao utilizar TELEA, un profesional pode realizar o seguimento de varias persoas simultaneamente, aumentando ademais a calidade da atención.
No que atinxe ao seu funcionamento, os pacientes, antes da alta, reciben unha primeira formación na aparataxe que van utilizar, que se complementa xa no seu fogar cando se lles facilitan nel os materiais necesarios para o seu seguimento (no caso da EPOC, un pulsioxímetro e unha tablet). Os resultados envíanse de xeito automático e o persoal de enfermería recólleos e inclúeos diariamente na historia clínica electrónica. O sistema ofrece tamén a posibilidade de realizar entrevistas telefónicas e teleconferencias.
Beneficios do proxecto
O proxecto, que foi respaldado tanto por profesionais como por pacientes, achega numerosos beneficios para o cidadán e a organización, xa que axiliza os trámites sanitarios recurrentes, evita desprazamentos innecesarios, mellora a accesibilidade á atención primaria e hospitalaria e prevén complicacións da enfermidade.
Neste sentido, o 97% dos pacientes consideraron que o sistema mellorou o acceso á asistencia sanitaria; a diminución da taxa de mortalidade foi dun 13%; e reducíronse de media en 3,1 as visitas de atención primaria por persoa, diminuíndose tamén as emisións de CO2 asociadas cos desprazamentos evitados.
A plataforma TELEA-Fogar Dixital forma parte do plan de innovación denominado Innova Saúde, financiado a través dun convenio co Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO) entre os anos 2012 e 2015 a través de Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
A cerimonia de entrega de premios Procura+ Awards terá lugar o día 30 de novembro en Malmö (Suecia), no marco do evento Sustainable City Development 2016. Nas outras dúas modalidades foron elixidos para optar aos galardóns o Concello danés de Copenhage -pola súa promoción do consumo de froitas e verduras orgánicas- e o Concello holandés de Wegeningen -polo seu proxecto de reforma da Casa Consistorial-, que compiten na categoría de Procedemento sostible do ano; e o Concello de Londres -polo seu servizo de limpeza- e o departamento holandés de Obras Públicas -pola reconstrución sostible dunha autopista-, que o fan na modalidade de Procedemento de licitación do ano.
A nosa terra vai acoller a cuarta edición da que sen dúbida é, hoxe por hoxe, unha das xuntanzas máis referenciais de todo o ámbito estatal en materia de información dixital, novas formas de comunicación (blogs, comunidades, aplicacións) e recursos tecnolóxicos para mellorar o noso xeito de falar cos demais, a nosa calidade de vida e, tamén, o noso currículo. Falamos do #InLugo, o Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais. O evento, que foi presentado este luns 21 de novembro polo deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón, celebrarase os días 16 e 17 de decembro no Pazo de San Marcos de Lugo (sede da Deputación). O obxectivo, segundo fixo saber Rivera Capón, é “fomentar o uso da Rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación e reflexionar sobre o papel das mesmas na sociedade actual”. Contará con preto de 20 profesionais referentes no eido TIC galego e estatal. Organiza a Deputación de Lugo.
Segundo salientou Pablo Rivera, trátase dun evento que por unha banda vai a máis e que pola outra foi quen de converterse en todo un acontecemento no ámbito da reflexión e o debate arredor da Sociedade do Coñecemento. De feito, engadiu, o congreso vén conseguindo en cada edición ser trending topic en Twitter, “o que supón unha gran proxección da provincia e do talento lucense”.
O evento, explicou, contará cunha ampla programación, con actividades como relatorios, debates e exposicións breves “nas que personalidades e reputados expertos avaliarán os cambios de hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade dos nosos días dende puntos de vista como os novos medios, a mercadotecnia, a comunicación ou a fotografía”. Como nas anteriores entregas, por #InLugo pasarán algúns dos máis renomeados especialistas TIC da actualidade. A idea é favorecer o escenario máis acaido posible para que o coñecemento, os recursos e as respostas destes relatores flúa cara a todos os asistentes. Pablo Rivera salientou, entre outros, a presenza de Phil González, responsable de New Media AMC Networks para a península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile, amais de creador da que se considera a maior comunidade de usuarios da coñecida rede social de fotografía, Instagramers.com, con presenza en centos de cidades do mundo e en continuo espellamento.
Asemade, no congreso intervirán Bárbara Yuste, xornalista e profesora na Universidade Carlos III e Camilo José Cela de Madrid e directora de bez.es; Javier Pedreira, autor do blog Microsiervos e especialista en cultura dixital; Juan García, director de Escuela Bitácoras; Daniel Basteiro, xornalista e cofundador de El Español; Sebas Mouret, estudante e youtuber de éxito ou Miguel Ángel Lureña, doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do afamado blog divulgativo gominolasdepetroleo.com, entre outros.
Segundo fixo saber o deputado de Innovación, o evento irá aos poucos complementando o programa de actividades e achegando novidades sobre o mesmo. Máis polio miúdo, dixo, “o cadro de relatores irase ampliando até completar unha listaxe de preto de vinte nomes, cuxo perfil e traxectoria irase debullando nos vindeiros días na páxina web oficial, inlugo.com, e as redes sociais do evento, Facebook (facebook.com/CongresoInLugo) e Twitter (twitter.com/in_lugo)”.
Sobre a pegada galega do acontecemento, a Deputación salienta que terá “un marcado acento lucense”. De feito, entre os intres clave do programa atópanse as presentacións de diversos servizos e proxectos TIC que se están a desenvolver na provincia. Así, a mañá do sábado estará reservada ao espazo Lugo na Rede onde se contará, entre outros, coa presenza de Simón Cabarcos, director de Blindaxe Sport e até un total de catro iniciativas que teñen as redes sociais e Internet como “principais impulsores”.
Os premios
Amais de todo o devandito o congreso dará acollida a unha nova edición dos Premios InLugo, uns recoñecementos que teñen o obxectivo de “salientar o labor das empresas e proxectos lucenses no ámbito dixital”. Os galardóns veñen este ano con tres modalidades: Comercio, Lecer e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía. A partir do 22 de novembro ás 10:00 horas poderanse presentar as diferentes candidaturas a través do formulario habilitado en inlugo.com, un prazo que se prolongará até o luns 12 de decembro ás 20:00. Segundo fai saber a Deputación, logo de rematar o prazo, un xurado formado por membros da entidade provincial será o encargado de valorar as candidaturas e elixir os finalistas, que se darán a coñecer o 14 de decembro ás 11 horas. A cerimonia de entrega será a partir das 20 horas no marco do IV Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo16.
Respecto da metodoloxía a seguir para inscribirnos no congreso, será unha vez máis de balde e moi sinxela. O prazo para facelo arrincará o día 23 de novembro ás 10:00 horas. Todos os interesados poderán conseguir a súa entrada en www.inlugo.com ou www.deputacionlugo.gal. O aforo está limitado a 200 persoas, “polo que as entradas formalizaranse por rigorosa orde de inscrición”. O desenvolvemento destas xornadas tamén poderá ser seguido, ao igual que nas anteriores edicións, a través das redes sociais coa etiqueta #inlugo16 e en directo, vía streaming, grazas ao traballo dos alumnos da Fundación TIC.
A Fundación Vodafone España colabora con distintas organizacións que estiveron presentes no Congreso Anual mostrando o resultado de proxectos e programas sobre soluciones TIC accesibles. Este ano quíxose impulsar o concepto da “Transformación Dixital Accesible”. Se a “transformación dixital” supón a introdución de tecnoloxía en todos os procesos e servizos do sector público e privado, enténdese que é un proceso que afecta a toda a sociedade e por tanto debe ser accesible.
Os proxectos da Fundación Vodafone estiveron presentes no Congreso en diferentes relatorios, mesas redondas e zonas expositivas:
No espazo de relatorios “SPEAKER'S CORNER”, presentáronse os seguintes proxectos dunha forma máis aberta e dinámica. Todos eles destacan pola súa accesibilidade e usabilidade, e inciden directamente na mellora da calidade de vida das persoas.