
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Na actualidade todas as empresas teñen claro que o bo deseño capacita e que o mal deseño discapacita, "co cal é unha oportunidade de negocio para todas as compañías".
O encontro, celebrado na sede da Fundación ONCE, foi inaugurado polo presidente de eVIA, Jesús Hernández, e o director de Innovación, Emprendemento e Internacionalización de Ametic, Juan Gascón, e contou coa participación de María Ángeles Ferre, xefa da Subdivisión de Programas Temáticos Científico-Técnicos da Axencia Estatal de Investigación.
No acto de inauguración, Juan Gascón sinalou que un dos obxectivos para o próximo ano será seguir potenciando as redes sociais e a tecnoloxía. "A sociedade é dixital e o cidadán é dixital, polo que é imprescindible que as tecnoloxías sexan accesibles: esa segue sendo nosa misión", aseverou. Así mesmo, defendeu un modelo "aberto ao exterior" e que favoreza "a chegada ao mercado de solucións para todos".
A xornada, dirixida a responsables de centros de investigación, empresas, investidores, administracións e usuarios, abordou en diferentes sesións formativas as oportunidades no ámbito da Compra Pública Innovadora que se poñerán en marcha no ámbito das TIC aplicadas á Saúde, a Accesibilidade e a Vida Activa e Independente.
En canto ao plan de traballo para 2017, puxéronse sobre a mesa as novidades nos bloques relacionados co ámbito eVIA dentro do Programa Horizonte 2020, fundamentalmente no Reto 1, referido á Saúde, Cambio Demográfico e Benestar, e o Reto 6, sobre Sociedades inclusivas, innovadoras e reflexivas.
A piques de cumprir 10 anos, Hernández lembrou como a plataforma naceu para cohesionar a institucións como as administracións públicas, as empresas, as universidades e entidades como a Fundación ONCE, para traballar conxuntamente en proxectos de mellora da calidade de vida das persoas, moi especialmente das persoas con discapacidade e persoas maiores.
Hoxe, aseverou, é unha plataforma aberta, que traballa de forma transversal e que está a mellorar a accesibilidade de solucións tecnolóxicas. Con máis de 400 membros, engadiu, é unha das plataformas tecnolóxicas máis potentes que hai en España, "e iso é froito do esforzo e do firme apoio que a Fundación ONCE está a prestar á plataforma a través de Ametic, que é a patronal das empresas do sector TIC".
A empresa galega Primux Tech, emprazada na Tecnópole de Ourense e centrada no deseño e desenvolvemento de trebellos electrónicos, vén de lanzar unha aplicación móbil de balde que é quen de crear unha interface nos smartphones que os fai (de maneira automática) accesibles para as persoas con problemas de visión. Segundo salienta Primux Tech, trátase da primeira ferramenta destas características que aparece no mercado. Podemos descargala xa plataforma Google Play para sistemas con Android.
O seu deseño é obra do departamento de I+D+i da compañía, instalado no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense), grazas á iniciativa e á colaboración dun usuario con dificultades de visión. “A aplicación”, sinalan fontes da compañía e da Tecnópole, “non só adapta a contorna gráfica dos teléfonos intelixentes e engade novas funcionalidades orientadas a este público, senón que conta cun asistente de voz que lle facilita toda a información ao usuario”. Polo tanto, a idea era facer doado e real o que para algunhas persoas con certas características de visión, en relación aos novos terminais, era case imposible.
Segundo explica Daniel Rodríguez, director executivo da firma galega, cousas como “saber canta batería ten o móbil, que hora é ou se hai conexión Wi-Fi e mesmo facer unha chamada pódese converter nun auténtico pesadelo para as persoas con dificultades de visión, pero con Primux Blind, só desprazando o dedo pola pantalla, salta un asistente de voz que facilita todas estas tarefas”. A creación de accesos directos é outra das características da aplicación, “coa posibilidade de crear listas cos contactos máis habituais ou coas apps que máis se usan”. Por outra banda, os textos aparecen nun tamaño moito maior e os usuarios poden elixir o contraste de pantalla que se adapta mellor ás súas capacidades. A intención última dos responsables desta aplicación é evitar o desembolso que supón adquirir un terminal específico.
Segundo explica Primux, o desenvolvemento da aplicación é “froito dun proceso de innovación aberta”, un proceso que “naceu da demanda que un usuario con problemas de visión lle trasladou á empresa e que logo colaborou estreitamente co equipo de I+D de Primux axudándolle a enfocar adecuadamente as prestacións da nova app”. A empresa salienta que apenas é posible hoxe en día, a nivel europeo, atopar algunha outra ferramenta que xurdise directamente desta marcada vontade social, incluíndo un achegamento tan próximo á realidade do colectivo ao que vai destinada, “e moito menos de balde”.
A intención da compañía con Primux Blind foi aumentar a oferta de aplicacións móbiles gratuítas orientadas a facilitar a accesibilidade e a seguridade no emprego de smartphones “por parte de públicos especialmente vulnerables”. A firma ourensá lembra tamén que a finais de 2014 lanzaba Help Launcher, deseñada para facilitar o uso dos teléfonos intelixentes aos maiores, e no verán de 2015 Help Launcher Kids, unha ferramenta de control parental para garantir a seguridade dos máis pequenos á hora de utilizar os seus móbiles.
A iniciativa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia', promovida por a Fundación Vodafone España, ten como finalidade apoiar a emprendedores e PEMES de recente creación, cuxos proxectos de negocio contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia.
Os seis emprendedores seleccionados nesta primeira convocatoria na que colaboran Vodafone e a Xunta de Galicia, comezaron onte a formación na que se imparten sesións sobre modelo e plan de negocio, e terá unha duración de polo menos seis meses.
Onte tamén comezou a fase de mentorización, que se basea na asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade, cun plan personalizado para cada proxecto.
A responsable de Desenvolvemento de Negocio e Coñecemento de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, Lourdes González Perea, explicará o día 29 de novembro, ás 18.00 horas, como crear unha web ou un blogue para que sexan accesibles ás persoas con discapacidade.
Farao na xornada ‘Accesibilidade á información dixital: Web, redes sociais e aplicacións móbiles', organizada pola Asociación Española de Responsables de Comunidades Online e Profesionais de Social Media (AERCO-PSM), con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o 3 de decembro.
Os asistentes a esta cita, que terá lugar en Madrid Internacional Lab, situado no número 41 da rúa Bailén, coñecerán como navega unha persoa con discapacidade pola web e as redes sociais. Así mesmo, descubrirán como os dispositivos móbiles potencian o acceso das persoas con discapacidade a plataformas como Twitter ou WhatsApp.
Ademais de responsable de Desenvolvemento de Negocio e Coñecemento en ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, Lourdes González Perea é codirectora do Máster en Tecnoloxías Accesibles da Universidade Internacional da Rioxa (UNIR) e experta en Tecnoloxías Accesibles e I+D+i.
O compromiso social de AERCO-PSM
AERCO-PSM aglutina aos profesionais de Social Media, especializados en sensibilizar e formar a empresas e organizacións sobre as vantaxes e beneficios que achega ás marcas a súa correcta presenza en medios sociais.
Dentro do seu obxectivo de concienciar aos distintos profesionais das bondades do uso dos medios sociais nas súas áreas de actuación, especialmente en Márketing, Comunicación, Atención ao Cliente, RRHH e/ou Responsabilidade Social Corporativa, sempre ten presente o seu compromiso social e a súa responsabilidade como asociación líder en márketing dixital.
Especialistas
Os profesionais de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade están especializados na avaliación da accesibilidade de infraestruturas de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), arquitectónicas, urbanísticas, do transporte e do turismo.
Así mesmo, desenvolve actividades de I+D+i, non só no campo tecnolóxico senón tamén no da investigación social. Desde 2003 certifica a accesibilidade en diversas tecnoloxías (web, aplicacións móbiles, etc.).
ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade traballa para que a sociedade sexa cada vez máis inclusiva e achega o seu coñecemento e experiencia para que as institucións e empresas poidan ofrecer a súa información e servizos de forma adecuada a todo o mundo.
O ‘Adestramento cerebral ONCE-VODAFONE' está composto por unha serie de nove xogos, recompilados na aplicación Unobrain, dispoñibles para ser descargados en Apple Store e Google Play. Os xogos están pensados para todos os gustos e posibilidades, desde propostas de operacións matemáticas, como “Super Aforro” ou “Maiormente”; combinación de letras, como “Esta Palabra sóame”; ou de habilidade e destreza como “De pesca”, “Osiños”, “Semáforo” ou “Sónar”; entre outros.
Para acceder ao adestramento ONCE debemos descargar a aplicación UNOBRAIN e activar as solucións de accesibilidade, por exemplo o lector de pantalla Talkback en Android, ou VoiceOver en iOS. Ao acceder con estes servizos de accesibilidade activados, de forma automática a aplicación ofrécelle unha sesión diaria de adestramento composta dos tres xogos que máis se adecúen ás capacidades cognitivas nas que o usuario mostre menos destreza, en función do seu historial rexistrado.
Ademais, o usuario ten a opción de acceder ao menú xeral e complementar a súa sesión diaria de adestramento cos xogos que el mesmo elixa e tantas veces como queira en cada momento. Tamén se inclúe a posibilidade de acceder a estatísticas da evolución de cada usuario nas facetas cognitivas que traballan os distintos xogos.