main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/11/201608:15
José Manuel Brandeiro (Viewnext) e José Manuel Baltar (Deputación de Ourense).
Ourense

A Deputación de Ourense e Viewnext (IBM) impulsarán o emprego no eido das novas tecnoloxías

Mozas e mozos desempregados da provincia de Ourense que teñan formación en Informática, sistemas e programación web son os destinatarios elixidos pola Deputación de Ourense e a compañía Viewnext (pertencente ao Grupo IBM) de cara a participar no primeiro Plan Piloto de Emprego Tecnolóxico en Ourense, que permitirá a preto de 20 desempregados acceder ao mercado laboral no eido tecnolóxico. Cómpre sinalar que o paso previo a este Plan Piloto será un curso de programación que a Deputación desenvolverá xunto ao Ministerio de Industria, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e no que poderán participar até 30 mozos e mozas desempregados, incluíndo axudas de até 5.000 euros para empresas que contraten a estes mozos.

A acción formativa, cofinanciada co Fondo Social Europeo de Garantía Xuvenil, abrangue 100 horas de formación tecnolóxica, especializada en programación web Java, centrándose en aspectos prácticos, co obxectivo de que o alumnado poida ser contratado axiña por empresas do sector. En canto á temática desta acción formativa constará de: Orientación de obxecto, Asignacións e operadores, Arquitectura de WebSphere e Commerce, etc. O curso, cunha duración de mes e medio, desenvolverase en clases teóricas e prácticas, todas presenciais e impartidas en Ourense.

Os interesados en asistir a este curso xa se poden inscribir dende hoxe a través da web da EOI, estando previsto o comezo do curso a mediados do vindeiro mes de decembro.

Segundo informaba o presidente da Deputación, Manuel Baltar, no seu encontro co director xeral de Viewnext, José Manuel Brandeiro, esta proposta forma parte do proxecto Provincia Intelixente, que está a desenvolver a Deputación de Ourense, "proxecto que inclúe ademais a creación en Ourense dun centro tecnolóxico para a innovación por parte das compañías IBM e Vodafone, que ten como obxectivo impulsar novas oportunidades de progreso económico e social na provincia da man da Deputación de Ourense". Deste xeito, a Deputación únese a IBM e Vodafone para desenvolver un proxecto que quere estar na vangarda da innovación tecnolóxica.

30/11/201608:05
Presentación da campaña.
Pontevedra

Pontevedra tirou partido das redes sociais para visualizar o berro das mulleres contra a violencia

O Concello de Pontevedra vén de tirar proveito das redes sociais para visualizar a problemática da discriminación e o maltrato e atallala facendo fincapé na sensibilización entre as novas xeracións, e tamén entre as non tan novas. Esta campaña materializouse con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o venres 25, saldándose até o de agora con máis de 5.000 comentarios en Twitter e Facebook, máis de 1,5 millóns de contas acadadas e arredor de 4,2 millóns de impactos.

Segundo informa o Concello de Pontevedra, os datos tirados das redes sociais empregadas conclúen que o perfil maioritario das persoas acadadas coa campaña é o de mulleres entre os 24 e 45 anos. Estes datos corresponden aos sete primeiro días de andaina da iniciativa #PrimAcoso. Para o Concello, “os obxectivos están xa acadados”. Segundo explicou hai uns días na presentación da campaña a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, a iniciativa arrincaba co fin de visualizar “a base da pirámide da violencia”, ou sexa “a longa listaxe de microacosos, pequenas agresións e leves humillacións” que ten que sufrir calquera muller, pertenza á cultura que pertenza e sexa da idade que sexa.

A idea foi trasladar á poboación feminina (e tamén á masculina) a idea de que “todas as mulleres están no mesmo barco e que todas senten e sofren nalgún intre”. O terceiro obxectivo foi comprobar cal era a resposta da sociedade (dos homes e tamén das mulleres) fronte ao acto de valentía que supón que as mulleres compartan experiencias persoais de acoso, humillación, discriminación… A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, engadiu entre outras as seguintes conclusións: “a importancia da reflexión que moitos e moitas fixeron arredor do debate xerado polas denuncias e comentarios en primeira persoa reflectidos nas redes” ou “a preocupación da violencia dos comentarios e respostas de certos homes e tamén mulleres fronte as denuncias do #PrimAcoso e a súa visualización”. Neste último senso, a concelleira lembrou que canta máis proxección social ou repercusión ten unha muller e unha campaña na que ela sexa protagonista, maior é a virulencia.

30/11/201607:48
Presentación dos proxectos.
Santiago de Compostela

Presentados dous proxectos TIC galegos para axudar aos doentes cardiovasculares e con deterioro cognitivo

A Aula da Innovación do CHUS acolleu este luns a presentación de dúas tecnoloxías galegas destinadas a favorecer o envellecemento activo e, nun plano máis concreto, a loitar contra os estragos na nosa calidade de vida que desencadean dúas doenzas de forte presenza na nosa terra: o proxecto PREBENCAR, destinado a pór en práctica medidas para evitarmos doenzas cardiovasculares, e o proxecto RISING, dirixida a mellorar o día a día das persoas con deterioro cognitivo leve (xeralmente fallos de memoria que non impiden a autonomía diaria). Na presentación ante os medios participou parte do equipo da empresa Balidea, co-desensolvedora de ámbalas tecnoloxías. Tamén concorreron profesionais de ImaGames (co-desenvolvedora de PREBENCAR) e de FrutoDS e Atendo (co-desenvolvedoras de RISING). Igualmente, interviñeron representantes do CHUS, salientando as importantes vantaxes e oportunidades que se abren coas dúas tecnoloxías, e máis para un territorio coma o noso, galego, fortemente envellecido (agora e, sobre todo, nas seguintes décadas).

Segundo coincidiron, favorecer que as persoas maiores nos anos vindeiros estean mellor atendidas e teñan máis calidade de vida non é só unha responsabilidade social, humana e tecnolóxica, “é tamén unha oportunidade para xerarmos innovación e emprego e evitar así que os nosos profesionais das TIC e da saúde teñan que buscar traballo fóra”. No acto de prensa deuse a coñecer que PREBENCAR e RISING estarán prontas para empregarse pola poboación a mediados de 2018. En ámbolos proxectos participan, amais das empresas devanditas artelladas en consorcios, a Fundación Ramón Domínguez, o Centro de Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS, no primeiro dos casos) e o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI, no segundo dos casos). Ademais do devandito e de pertencer ao ámbito da eSaúde e do envellecemento activo comparten a seguinte razón de ser: xorden das necesidades asistencias detectadas por profesionais sanitarios e céntranse, de diferente maneira, en favorecer o “empoderamento” dos pacientes (cardiovasculares no caso de PREBENCAR e de doenzas de deterioro cognitivo, tipo alzhéimer ou demencia, no caso de RISING). Ou sexa, céntranse en impulsar a capacidade dos doentes para seren autónomos e, tamén, de constituírense eles mesmos en elementos dinámicos e activos da súa saúde e dos seus procesos de mellora. A maiores do devandito, os dous proxectos comparten o seguinte: están co-financiados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) co apoio da Consellería de Economía a través do programa Conecta PEME (que conta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER, da UE).

PREBENCAR
O proxecto PREBENCAR, polas súas siglas Asesor Virtual Intelixente para a Prevención e o Benestar Cardiovascular, foi presentado en primeira instancia polos médicos do CHUS José Ramón González-Juanatey (xefe do Servizo de Cardioloxía) e Carlos Peña (cardiólogo do CHUS). Ambos fixeron fincapé na necesidade de habilitar canles de información efectivas e eficaces coa cidadanía, canles que favorezan nela un papel activo na prevención e no benestar. Segundo fixeron saber, os hábitos saudables reducen nun 80% o risco de doenzas cardiovasculares. “Malia isto e malia que practicamente toda a poboación coñeza a natureza destes hábitos”, sinalaron, “non só non se detecta unha freada da incidencia destas doenzas, senón máis ben o contrario”.

Polo tanto, son precisas ferramentas para animar á cidadanía no seu papel de activo de prevención (no caso de non sufrirmos este tipo de enfermidades) e de benestar (no caso de que térmolas xa). Logo da intervención de González-Juanatey e Peña foi a quenda do director executivo de Balidea, Lorenzo Rodríguez Currais, que sinalou que dende o comezo un dos obxectivos de PREBENCAR foi o de ser o escenario comunicativo real e eficaz que faltaba na devandita preza de prevención. Trátase, sinalou, dunha tecnoloxía que ten moito de intelixente, de fogar dixital, de minaría de datos e, tamén, de gamificación (a práctica de trasladar ao mundo real metodoloxías propias, de probada eficacia, do mundo dos videoxogos e as aventuras gráficas).

Nun plano máis concreto, sinalaron que se trata dun asesor virtual intelixente para a prevención e o benestar cardiovasculares. Busca achegar unha aplicación móbil que lles permita aos pacientes autoxestionar a súa saúde cardiovascular, promovendo a actividade física, o descanso suficiente e a alimentación cardiosaudable, evitando ademais o sedentarismo e adiando a dependencia. En definitiva, búscase facilitarlles aos cidadáns, aos profesionais da saúde e aos servizos sanitarios a promoción de actividades de prevención cardiovascular primaria a nivel poboación, procurando un cambio en costumes e hábitos sociais, e dando resposta a un reto na sociedade actual: acadar unha cultura cardiosaudable a través dun cambio de rol nas propias persoas. Segundo se fixo saber na presentación, un dos principais avances de PREBENCAR é “o seu alto nivel de personalización”.

A tecnoloxía RISING
A tecnoloxía RISING, pola súa banda, é un asistente para persoas con deterioro cognitivo leve que propón terapias neurolóxicas baseadas na actividade diaria. Segundo lembrou na presentación Luis Barros, director de Innovación de Atendo, un dos grandes obxectivos do proxecto é dar forma a unha “neta virtual” que achegue apoio ás persoas maiores que viven soas, que teñen miúdos problemas de memoria (que non lles impiden levar unha vida normal) e que precisan, porén, unha axuda diaria para as súas actividades cotiás. Unha axuda, por outra banda, que non lles supoña unha molestia e lles sexa comprensible e asimilable.

Para Barros o envellecemento da poboación galega é de feito motivo de preocupación, pero tamén pode ser unha oportunidade para innovar, para dar o mellor de nós mesmos a nivel de desenvolvementos sociais e, tamén, para crear unha industria que evite a fuga de profesionais lonxe da nosa terra. “Neste ámbito podemos facer cousas moi interesantes”, sinalou, “asistindo tecnolóxica pero tamén emocionalmente aos nosos maiores, empoderándoos e facilitándolles unha oportunidade clara de envellecemento activo”.

A un nivel máis concreto, RISING (Rich Stimulation Daily Living) é un asistente para persoas con deterioro cognitivo leve que propón terapias baseadas na actividade diaria. Para facernos unha idea do seu potencial, lémbranos facer cousas como tomar a medicación ou levar a cabo do mellor xeito as nosas obrigas diarias. Igual que faría un familiar de menor idade ou outra persoa maior que non tivese problemas de deterioro cognitivo. De maneira significativa a solución que vai aplicar o proxecto chámase NETA. De feito, o seu obxectivo é reproducir no plano tecnolóxico a familiaridade entre avós e netos.

28/11/201610:35
Entrega dos diplomas do curso.
Santiago de Compostela

Fundación ONCE forma a persoas con discapacidade en Big Data

A Fundación ONCE e o Banco Popular uniron as súas forzas no marco do programa ‘EmprendeTIC' para formar a persoas con discapacidade, que tiñan un perfil tecnolóxico, no campo de traballo do Big Data. En total foron 21 persoas as que recibiron un curso de 160 horas lectivas.

O programa ‘EmprendeTIC' ten como obxectivo fomentar o emprendemento entre persoas con discapacidade en profesións do sector da tecnoloxía e empregos emerxentes. Neste sentido, realizouse un estudo xunto con KPMG no que se mostra como o desenvolvemento do Big Data supón unha oportunidade para a inclusión laboral das persoas con discapacidade.

De acordo con este estudo, os postos máis operativos son Administrador, Desenvolvedor e Arquitecto Big Data. Cun nivel medio de operatividade atópanse os perfís de Visualización de datos, Avogado e Seguridade Big Data e Analista de datos. Por último, os postos menos operativos e con menor oportunidade de ocupación son Data Scientist e Chief Data Officer. 

O curso impartiuse en Madrid e Barcelona, e neles participaron persoas con discapacidade en situación de desemprego que contan con estudos de Formación Profesional en informática ou con coñecementos básicos de programación ou experiencia laboral neste campo.

Todas elas recibiron formación sobre Java, base de datos relacionaies e programación SQL, Coñecemento Linux, Hadoop, conceptos de Machine Learning e R, e Visualización, a través de varios módulos.

Ao termo da formación, os alumnos que pasaron o nivel de coñecemento mínimo e que son considerados aptos teñen a posibilidade de realizar prácticas laborais en empresas do sector, facilitadas pola empresa datahack.

A este respecto, durante o tempo que durou o curso traballouse tamén cos participantes en obradoiros de orientación laboral e titorías individuais, co obxectivo de detectar as súas capacidades, intereses e enfoque da súa traxectoria profesional.

28/11/201609:59
Logo App Pormi
Santiago de Compostela

App Pormi

  • O reto da app é concienciar, informar e facilitar as canles de denuncia para mulleres, especialmente aquelas con algunha discapacidade, que sofren ou sufriron violencia de xénero

 

Pormi ten como obxectivo facilitar o coñecemento e detección da violencia de xénero sufrida por mulleres, especialmente por aquelas con discapacidade. Ademais ofrécese información sobre os dereitos que lles asisten, ofrecendo os distintos itinerarios dispoñibles, tales como acceso directo aos recursos telefónicos e servizos específicos para estas situacións, canles de denuncia, asistencia pedagóxica, asesoramento legal e resto de información que poida ser de utilidade para identificar situacións de violencia que poida sufrir a usuaria da aplicación.

Tamén pode ser usada por quen, sen ser vítima directa da violencia, coñeza algún caso e queira informarse ou denunciar este tipo de situacións. A aplicación inclúe testemuños de casos de mulleres con discapacidade que estiveron inmersas en situacións de violencia de xénero.

Pormi contou co asesoramento técnico da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Policía Nacional, Cruz Vermella e das entidades membros do CERMI.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS