
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Un dos agasallos máis interesantes para este Nadal son os Smart Toys: xoguetes intelixentes cos que os nenos non só xogan, tamén aprenden programación, xeografía ou astronomía.
Se antes se dicía que os nenos nacían cun pan debaixo do brazo, agora poderiamos dicir que o fan cun chip electrónico. E se cambian os tempos, tamén o fai a forma de xogar dos máis pequenos. Así nacen os Smart Toys, xoguetes que contan con certa autonomía grazas á electrónica que incorporan no seu interior.
Estes dispositivos son capaces de responder a todo tipo de estímulos ambientais, adaptar as súas respostas ás accións do neno ou ser configurado de acordo ás necesidades ou gustos do propio usuario.
Recompilamos algunhas alternativas destes xoguetes para este nadal, organizadas por idades recomendadas. E é que os Smart Toys son un agasallo ideal que combina educación e diversión a partes iguais.
De 3 a 6 anos: Fisher-Price Smart Toy Bear
Este adorable osiño de peluche de Fisher-Price esconde no seu interior todo un universo conectado para facer as delicias dos máis pequenos da casa. Así, o xoguete conta con tecnoloxías de recoñecemento de voz (fala, escoita e lembra o que din os nenos, podendo manter conversacións reais) ou de imaxes (escanea varios cartóns intelixentes para comezar determinadas actividades, como xogos ou contacontos).
O osiño tamén pode aprender as actividades favoritas de cada neno ou adiviñar cando é lanzado ao aire (con algo de axuda do seu acelerómetro) ou a hora do día e o clima da localización no que se atopa.
De 6 a 8 anos: Smart Anatomy
Do mesmo xeito que outras xeracións aprenderon as distintas partes do corpo humano con vídeos e coleccionables, os nenos de hoxe en día poden facelo de forma dixital. E é que, grazas a xoguetes como Smart Anatomy, a aprendizaxe sobre o corpo humano faise divertida e fácil: trátase dunha figura humana composta de 16 partes desmontables que, á súa vez, conteñen 150 puntos de interese que poden ser descubertos cun Smart Pen, que lerá cada elemento e reproducirá un audio explicando a función que desempeña esa zona no noso organismo.
Smart Anatomy conta con máis de 20 actividades a elixir entre os 5 modos de xogo dispoñibles, incluíndo a procura dun órgano concreto, exercicios de memoria e, mesmo, deletreando os (complicados) nomes dalgúns dos nosos ósos ou músculos.
De 8 a 14 anos: Zowi, o robot de Clan
Zowi, o robot de Clan, é un gracioso xoguete que permite aos máis pequenos aprender programación mentres se divirten con este robot capaz de camiñar, bailar, evitar obstáculos, entender e emitir sons e facer xestos coa boca. Os nenos poderán programalo e ademais abrilo, desmontalo e estudar o que hai no seu interior. Ademais, vai acompañado dunha app, desde a que se pode manexar o robot, e que ademais se pode utilizar tanto en smartphone como en tablet, e que inclúe multitude de minixogos e retos para complementar esta aventura.
Por todas estas posibilidades, Zowi, o robot de Clan, foi elixido Mellor Xoguete Conectado de 2016 polo xurado experto da Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes.
Este robot é fabricado por BQ nas súas instalacións de Navarra, firma coñecida pola súa popular gama de smartphones e impresoras 3D, e que tamén está a consolidarse como un referente de robótica educativa que busca democratizar a educación en tecnoloxía.
Para adolescentes: Gemio Bracelets
A realidade é que é complicado acertar cun xoguete educativo para adolescentes que se atopan en plena ‘idade do pavo'. Con todo, Gemio Bracelets parece dar coa tecla ao combinar moda, deseño, personalización e programación nunha serie de brazaletes coloridos que poden configurarse para iluminarse de mil e unha maneiras en función das preferencias dos mozos.
Aínda que de momento non están á venda, pode que pronto vexamos estas pulseiras nos brazos dos adolescentes da nosa cidade. ¡E apenas se darán conta de que están a aprender mentres presumen dos seus deseños cos amigos!
A Fundación ONCE e Irisbond subscribiron este martes un convenio de colaboración polo que a empresa de sistemas de comunicación baseados en tecnoloxía ‘Eye Tracking' cederá unha das súas solucións a empregados da entidade da ONCE durante un tempo para que poidan probar a súa eficacia no posto de traballo.
O convenio asinárono José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, e Eduardo Jáuregui Torrecilla, fundador e conselleiro delegado de Irisbond, co obxectivo de desenvolver un proxecto sobre a empregabilidade dos cidadáns con discapacidade, tendo en conta as condicións de accesibilidade na contorna e no posto de traballo.
Tras a rúbrica do acordo, Donoso sinalou que a Fundación ONCE confía en que as ‘startup' melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade, polo que non poden deixarse de lado á hora de promocionar a inserción laboral deste colectivo. “A Fundación ONCE sempre se dedicou a fomentar a integración laboral das persoas con discapacidade e é consciente de que para que sexa efectiva debe apoiarse nas tecnoloxías”, concluíu o seu director xeral.
Pola súa banda, Jáuregui afirmou que “a firma deste convenio é unha gran satisfacción xa que supón colaborar, de modo moi próximo e intenso, cunha das institucións que máis experiencia ten e máis traballa no ámbito da discapacidade”.
En concreto, o acordo establece que Irisbond habilitará o posto de traballo dun profesional da Fundación ONCE afectado por limitacións motoras para que poida desempeñar o seu labor grazas á tecnoloxía Irisbond accedendo e controlando o computador mediante o movemento dos seus ollos. Durante un período de proba, a Fundación ONCE e Irisbond traballarán conxuntamente para validar a solución e extrapolar os resultados no marco dun proxecto máis ambicioso que pretende impactar positivamente na empregabilidade das persoas con algún tipo de discapacidade.
Esta tecnoloxía é de especial utilidade para persoas con dificultades na fala e/ou mobilidade nas extremidades superiores, xa que lles posibilita levar unha comunicación autónoma a través do computador.
Na actualidade, máis de 500 usuarios, en media ducia de países, utilizan a tecnoloxía de Irisbond para comunicarse e para controlar as funcións habituais dun computador (escribir e enviar correos electrónicos ou whatsapp, ler, ver unha película ou escoitar música, participar en redes sociais, etc.) a través do movemento dos seus ollos.
Pola súa banda, Fundación ONCE comprométese a informar a Irisbond dos resultados técnicos deste sistema e a incluílos no seu proxecto de investigación para a mellora da empregabilidade de persoas con discapacidade tendo en conta as condicións de accesibilidade.
O proxecto ‘investigación para a mellora da empregabilidade de persoas con discapacidade tendo en conta as condicións de accesibilidade' que está a levar a cabo a Fundación ONCE pretende identificar solucións que melloren as condicións de accesibilidade, tanto do posto como da contorna laboral, de persoas con discapacidade que teñen grandes limitacións para o desempeño do seu posto de traballo ou para incorporarse nun medio laboral ordinario.
A Fundación Vodafone España celebrou onte en Córdoba a cerimonia de entrega dos seus premios anuais Connecting for Good á Innovación de Telecomunicacións. Nesta décima edición, o xurado concedeu catro galardóns, dotados con 15.000 euros cada un, a catro proxectos accesibles que innovan no ámbito das TIC para mellorar a calidade de vida dos colectivos vulnerables.
O acto de entrega tivo lugar no Centro de Recepción de Visitantes da capital cordobesa e contou coa presenza de Isabel Ambrosio Palos, Alcaldesa de Córdoba; José Sánchez Maldonado, Conselleiro de Emprego, Empresa e Comercio da Junta de Andalucía; e Francisco Román, Presidente de Vodafone España e da Fundación Vodafone España.
A alcaldesa quixo agradecer á Fundación Vodafone o elixir a Córdoba para a entrega destes galardóns que “poñen en valor a aposta de diferentes empresas, por traducir a tecnoloxía ao idioma dos colectivos que máis a necesitan. Con iniciativas como estas, demóstrase que o binomio entre a responsabilidade social de empresas como Vodafone e a innovación, pode facer moito máis fácil a vida a aqueles que a teñen máis difícil.”
O conselleiro de Emprego, José Sánchez Maldonado, encomiou o traballo desenvolvido por todos os participantes na décima edición dos premios, aos que agradeceu que “nos ensinen o camiño: están a demostrarnos que a accesibilidade é un acicate para a innovación, e ademais xera mercado e emprego”. Neste sentido, Sánchez Maldonado lembrou que o Goberno andaluz aposta tamén por mellorar o acceso ás novas tecnoloxías dos colectivos máis vulnerables, con programas como Guadalinfo e a súa rede de telecentros en colaboración coas deputacións, ou a iniciativa Andalucía Compromiso Dixital, un proxecto no que administracións, empresas, universidades e organizacións do voluntariado suman esforzos para promover as competencias dixitais en persoas con especiais dificultades para o acceso ao mundo dixital.
Para Francisco Román, Presidente de Vodafone España e da Fundación Vodafone España, os premiados “son catro claros exemplos de que o futuro pasa pola transformación dixital e a innovación continua. Cremos que apoiar estes proxectos é fundamental para afrontar os retos sociais que nos esperan e para contribuír a desenvolver sociedades máis sustentables, intelixentes e inclusivas”.
As catro solucións galardoadas nesta edición foron:
Xurado da X Edición
Os gañadores foron seleccionados por un xurado formado por Francisco Marín, Director Xeral do CDTI; Aleix Valls, Director Xeral da Fundación Barcelona Mobile World Capital; Miguel Ángel Valero, Director Xeral de CEAPAT; Ricardo Gabarró, Director de I+D+i do Grupo Eulen; Rodrigo Hilario, Director de Estratexia de RENFE; Mar Pereira, Directora de AMTEGA; José Manuel Sedes, Director de Sustentabilidade de Vodafone España; Branca Echániz, Directora de Servizos Particulares de Vodafone España; Enrique Martín, Director de Innovación de Vodafone España; e Mari Satur Torre, Directora de Innovación da Fundación Vodafone España.
Descrición dos proxectos gañadores
Movistar vén de anunciar que comeza a clasificar os seus dispositivos móbiles en España por criterios de accesibilidade. Este proceso, que forma parte dun proceso máis amplo (a súa transformación cara a “unha compañía de telecomunicacións sen barreiras”), será efectivo a partir deste 1 de decembro. Isto significa que os aparellos móbiles incluídos na oferta de Movistar van comezar a dispoñerse tendo en conta sete tipos de interaccións. Estes son: visión baixa ou nula, audición baixa ou nula, dificultade moderada ou severa para a manipulación e dificultade para a comprensión. A compañía pretende “achegar a revolución dixital a toda a sociedade e contribuír a que as tecnoloxías melloren a vida de todos, dotándolles da autonomía necesaria para realizarse plenamente como persoas”.
Segundo salienta Movistar, a idea foi ordenar en base a conceptos e parámetros de utilidade o extremadamente diverso panorama actual de móbiles, “con todo tipo smartphones e tabletas con distintos sistemas operativos”. Estes aparellos, por mor das súas semellanzas evidentes poden levar aos usuarios á idea de crer que comparten todas as súas funcionalidades, pero a verdade é que “inclúen diferenzas que poden supor importantes atrancos para algunhas persoas”, sinala Movistar. Por esta razón, a operadora quere achandar e simplificar a busca do smartphone e a tableta máis axeitados para un cliente cunhas demandas determinadas. Deste xeito, Movistar identifica cunha icona doada de interpretar cada un do sete casos de uso máis habituais, “de tal maneira que calquera persoa que queira mercar un móbil pode atopar con facilidade o máis acaido para as súas características e demandas”. O único que teremos que facer é irmos á canle online da oferta de Movistar e seleccionarmos a icona ou iconas correspondentes. De contado, obteremos a relación de dispositivos que máis se axusta ás nosas necesidades.
Movistar, que anuncia esta iniciativa en vésperas do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (o 3 de decembro), xa incluíu esta información no 50% do seu catálogo. Para isto, contou coa axuda de Fundación ONCE, socio de referencia de Telefónica, que realizou o labor de asesoramento na experiencia de uso de cada dispositivo, así como coa colaboración dos fabricantes (Huawei, LG, Samsung e TCL Communication), que cederon os seus terminais para que o ONCE fixese o seu traballo. Ademais, Telefónica seguirá traballando cos fabricantes e provedores de sistemas operativos para mellorar a accesibilidade dos seus terminais.
A Fundación Vodafone España e o Concello de Baiona presentaron, o pasado venres 25 de novembro, os obradoiros formativos sobre o uso do Smartphone dirixido a maiores, que serán impartidos na devandita localidade por ATEGAL (Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos), durante os días 29 e 30 de novembro o primeiro deles e 13 e 14 de decembro o segundo. O obxectivo dos obradoiros será achegar ás persoas maiores os novos dispositivos móbiles intelixentes -smartphones e tablets- para diminuír a fenda dixital entre xeracións nas contornas rurais e para que os nosos maiores poidan acceder a novos camiños de oportunidades na mellora da súa calidade de vida.
A presentación foi realizada por, Mª Carmen Paredes, Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Comercio, Jesús Sueiro, Responsable de Administracións Públicas de Vodafone en Galicia, en representación da Fundación Vodafone España e a Directora Xerente de Ategal, Paula de Sande.
Segundo Jesús Sueiro “a aparición dos dispositivos móbiles avanzados, por unha banda, e a eclosión da banda ancha móbil, por outra, xeraron unha nova contorna de comunicación que as persoas maiores han de asimilar para poder beneficiarse de novos servizos que lles axudarán a vivir cunha maior autonomía persoal e independencia. De aí a importancia do obradoiro formativo, que formará a 30 maiores facilitándolles o acceso aos beneficios que proporcionan as novas tecnoloxías para potenciar e favorecer o envellecemento activo”.
Pola súa banda, Mª Carmen Paredes sinalou que os obradoiros “complementan a aposta realizada polo Concello de Baiona por incorporar as TIC no día a día, para favorecer o envellecemento activo e diminuír a vulnerabilidade no colectivo de persoas maiores”.
Para Paula de Sande, “os obradoiros son unha magnífica oportunidade para achegar as novas tecnoloxías aos maiores, especialmente do medio rural. O uso os dispositivos móbiles axuda aos maiores para incrementar a súa autoestima, conectividade social e seguridade mellorando, por tanto, a súa calidade de vida.”
Os maiores verán as enormes posibilidades que lles brindan os smartphones e as tablets en aspectos tales como seguridade, saúde, participación, acceder a internet e ao mundo que os rodea doutra maneira moito máis accesible e a aplicacións que poden usar segundo os seus gustos e preferencias, especialmente para o contacto con familiares e amigos.