
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Microsoft uniuse un ano máis á Hora do Código, unha iniciativa promovida por Code.org, que se celebra en todo o mundo coincidindo coa Semana Educativa das Ciencias da Computación -do 5 ao 11 de decembro próximo- e que busca difundir entre os nenos e nenas coñecementos básicos de programación e informática.
Este ano, Microsoft promoverá máis dun milleiro de obradoiros gratuítos de formación en programación para nenos en máis de 60 países, que se impartirán nas tendas da compañía (Microsoft Stores), as súas oficinas e centros de innovación repartidos por todo o mundo, así como nas sedes de distintas Ong coas que Microsoft mantén acordos de colaboración. Nestes eventos, os nenos poderán comprobar que programar é algo divertido e moi útil para o seu futuro laboral. Todo iso será posible grazas á implicación dos empregados de Microsoft, á súa comunidade de socios no sector educativo e tecnolóxico (incluíndo empresas privadas, centros escolares e Ong) e ás comunidades de estudantes Microsoft Student Partners, e profesionais MVPs, que compartirán a súa paixón e coñecemento en computación e programación cos nenos e nenas.
En España, Microsoft impulsará durante a Semana Educativa das Ciencias da Computación, a celebración de máis de corenta obradoiros en centros educativos de toda España, co obxectivo de animar a dous mil nenos e nenas a iniciarse na programación.
A Comisión Europea calcula que no ano 2020 existirán ao redor de 900.000 postos vacantes no ámbito da tecnoloxía en Europa que necesitarán ser cubertos; unha realidade laboral que demanda a introdución nos plans de estudos actuais do ensino da programación. A consultora McKinsey publicou o pasado ano un estudo que evidenciaba que máis dun terzo das empresas non é capaz de atopar traballadores coas habilidades tecnolóxicas apropiadas.
“A educación ten que evolucionar de acordo aos requirimentos da sociedade e debe transformarse e adaptarse a contornas cada vez máis dixitalizados. Os nosos escolares desempeñarán traballos que nin sequera se inventaron. Por iso, é imprescindible unha formación de calidade para os nenos en materia de programación e informática desde a educación primaria. Desta forma, estarémoslos a preparar para responder adecuadamente aos requirimentos laborais que implica a economía dixital”, comenta Pilar López, presidenta de Microsoft Ibérica.
O pistoletazo de saída a todas estas actividades deuno o evento que se celebrou en Madrid, no Global Sports Innovation Center, centro de innovación no deporte impulsado por Microsoft e pioneiro en Europa. Esta xornada foi o punto de arranque dos máis de mil obradoiros de programación que Microsoft impulsará en todo o mundo con motivo da iniciativa mundial “A Hora do Código”
Nenos e nenas de entre 11 e 14 anos deron os seus primeiros pasos no mundo da programación a través dun completo tutorial: Minecraft Hour of Code Designer que está dispoñible en preto de cincuenta idiomas, incluíndo español, catalán, eúscaro e galego. Esta divertida experiencia foi creada especialmente para a Hora do Código polos deseñadores do videoxogo Minecraft de Mojang e Microsoft, en colaboración con Code.org.
Os tutoriais sobre Minecraft que levaron a cabo o ano pasado durante as actividades da Hora do Código, bateron récords ao alcanzar máis de 30 millóns de estudantes en todo o mundo. Este ano, o obxectivo de Microsoft é mellorar estes resultados e achegar a tecnoloxía e a programación ao maior número de nenos posible en todo o mundo.
A Fundación Real Madrid tamén se apunta á Hora do Código
O primeiro evento da Hora do Código en España contou coa participación de 150 nenos pertencentes a diferentes centros educativos de España (SEK International Schools), Portugal (Agrupamento de Escolas de Freixo) e Colombia (ESD da Fundación Real Madrid no Departamento do Val do Cauca) que se conectaron para compartir esta sesión especial de formación impartida por profesores de Fundación Crear e voluntarios de Microsoft Ibérica.
Ademais, a xornada contou coa participación especial da Fundación Real Madrid, coa que Microsoft mantén un acordo de colaboración para fomentar o achegamento de nenos e mozos á tecnoloxía e o acceso a formación sobre computación e programación.
Os xogadores do Real Madrid, Sergio Ramos, Isco e Marcelo puideron compartir cos nenos e nenas participantes esta xornada especial, e conectáronse a través de Skype cos alumnos de Freixo, en Portugal, que tamén participaban nesta Hora do Código conxunta.
"As Ciencias da Computación son fundamentais para a educación: preparan aos estudantes para todas as carreiras e dálles unha mellor comprensión do mundo no século vinte e un. Encántame ver a Fundación Real de Madrid apoiando a hora do código. Este equipo ten un lugar especial no meu corazón porque pasei un ano vivindo en Madrid, e ao apoiar a educación hoxe mostraron o seu verdadeiro corazón tamén. ¡Ala Madrid!" asegura Ali Partovi, cofundador, Code.org
Lenovo anuncia un acordo de colaboración con Save the Children, a organización independente líder na defensa dos dereitos da infancia en todo o mundo, que traballa en máis de 120 países salvando vidas, proporcionando seguridade e protección aos nenos. Este acordo, que se puxo en marcha o 25 de novembro, ten como obxectivo proporcionar axuda a nenos con poucos recursos e/ou risco de exclusión social. A compañía puxo en marcha esta iniciativa de Responsabilidade Social Corporativa xunto con United Way para achegar o seu grao de area e crear un mundo mellor.
No marco desta acción, Lenovo asistirá a un dos centros de apoio extraescolar que Save the Children ten en Madrid, no barrio de Vallecas, onde axudan a nenos con problemas de pobreza ou risco de exclusión social. Ademais, como parte da campaña, Lenovo doará 56 dispositivos para centros en Madrid, Barcelona, Sevilla, Vitoria e Melilla e, nesta primeira acción, Lenovo dará unha sesión formativa sobre computadores e ciberseguridade aos nenos de entre 12 e 18 anos para que coñezan, entre outros aspectos, como deben usar a súa información persoal na rede.
Aproveitando esta primeira convocatoria, e coa intención de que non se converta nunha mera doazón de dispositivos, Lenovo creou un grupo de voluntarios para participar tanto nesta como en futuras actividades con Save the Children. A acción foi acollida con éxito pola gran maioría dos traballadores de Lenovo, que irán participando consecutivamente en cada unha das sesións de axuda que se van a realizar nos próximos meses polas diferentes provincias de España.
Alberto Ruano, Director Xeral de Lenovo en Iberia, afirma que “se trata dunha iniciativa marabillosa, que poñemos en marcha con moito entusiasmo, por ter a oportunidade como empresa especializada en innovación de achegar a tecnoloxía aos sectores menos favorecidos. Para nós é importante crecer como empresa, pero moito máis é facelo como persoas, comprometidas coa sociedade e cos problemas que nos rodean, por iso non podemos deixar de buscar a forma de axudar e contribuír a conseguir un mundo mellor”.
Só faltan uns días para que #GivingTuesday, a campaña global da solidariedade, teña lugar. O vindeiro martes, 29 de novembro celébrase en 71 países a alternativa solidaria ao #BlackFriday, e en España suma xa máis de 300 proxectos que se uniron na plataforma www.givingtuesday.es.
O apoio de 19 ONG e fundacións, ademais do de tres empresas que se uniron como promotoras posibilitou que entidades sociais de todo o territorio nacional teñan cabida para reclamar un espazo para a solidariedade ante a onda de consumismo que se esperta coas campañas comerciais que teñen lugar antes do período do Nadal.
Eixos como a saúde, a tecnoloxía, a discapacidade ou a cooperación internacional son catro dos grandes destacados no conxunto de proxectos solidarios que as entidades puxeron a disposición da poboación para fomentar a concienciación e a colaboración con problemas como a loita contra o cancro, o acceso a unha vivenda digna ou a loita contra o cambio climático. Así, #GivingTuesday quere fomentar a cooperación como un valor engadido para impulsar unha cultura solidaria en España tendo en conta a participación do tecido social e empresarial.
#GivingTuesday tamén se celebrará noutros países como Reino Unido ou Estados Unidos, onde conta co apoio explícito de entidades como a Fundación Bill & Melinda Gates, Facebook ou Paypal, entre outras. Este ano, #GivingTuesday, sumou a participación de Eslovenia e Croacia, co que xa son 71 países os que decidiron intervir nesta alternativa solidaria que se iniciou en Estados Unidos fai catro anos e que recadou en 2015 máis de 113 millóns de dólares.
A Deputación da Coruña é unha das entidades galegas que máis está a traballar arestora na loita contra a violencia de xénero ao abeiro das novas tecnoloxías. Froito deste compromiso, que entronca directamente coa celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, é a iniciativa Suprime o control, posta en marcha pola Área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero. Este mes de novembro Suprime o Control estase a desenvolver nos centros de ensino dos concellos de Trazo, Touro, Malpica, Cerceda, Ponteceso, Boimorto, Dodro, Tordoia, Arzúa, O Pino e Mesía.
A iniciativa vai chegar ao longo deste primeiro curso académico a 14 centros educativos e terá continuidade nos cursos 2017-2018 e 2018-2019. Despois de se impartir en Frades, Cabana de Bergantiños e Vedra, chegou este mes de novembro (con motivo do dito Día Internacional) a un importante repunte de actividade que incluíu a visita aos centros de ensino de once concellos.
Segundo lembrou esta semana Ánxela Franco (responsable da dita Área de Benestar Social e Educación), o programa ofrece ferramentas “coas que traballar para a construción da igualdade con especial atención á violencia machista na adolescencia e a súa reprodución na actualidade por medio das aplicacións móbiles ou as redes sociais”. Para máis información pódese consultar a súa web, suprimeocontrol.com.
Co obxectivo de promover as vantaxes que ofrecen os teléfonos intelixentes ou “Smartphones” para as persoas maiores, a Fundación Vodafone España lanzou a cuarta edición da Guía: "Como utilizar os novos teléfonos móbiles? Manual de uso fácil para maiores".
Como se sabe, o uso que fan os maiores dos mesmos é bastante básico de maneira que aproveitan moi poucos dos servizos que ofrecen os devanditos dispositivos, especialmente en aspectos relacionados coa saúde, participación social e seguridade.
O fin do manual é facilitar o uso pleno destes dispositivos aos nosos maiores, en tanto que son instrumentos facilitadores dun envellecemento activo, máis satisfactorio e participativo, que axudan a reducir a súa soidade e incrementan os seus sentimentos de seguridade. E todo iso dunha maneira fácil e atractiva.
A guía, moi sistemática, está estruturada en breves capítulos onde se mostra como acender o Smartphone, a utilizar as iconas de pantalla, chamar, recibir chamadas, gardar números na axenda de contactos, escribir mensaxes, facer fotos e vídeos, conectarse e acceder a internet, descargar e instalar aplicacións desde google play e termina mostrando un elenco de aplicacións recomendadas que poden usar segundo os seus gustos e preferencias.
Con esta nova edición da guía, a cuarta, e desde que se publicou a primeira no ano 2013, alcanzáronse xa as 300.000 copias, distribuídas por todo o territorio do estado e en todas as súas linguas oficiais. Os PDF accesibles das mesmas pódense descargar desde a web da Fundación Vodafone España.