
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O proxecto de saúde dixital Recarga, iniciativa galega destinada a tirar proveito das novas tecnoloxías para a recuperación de doentes cardíacos, vén de recibir un importante pulo do Goberno, máis polo miúdo do Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO), que vén de conceder un dos seus proxectos de innovación a Juan Carlos Vidal, investigador posdoutoral do centro CiTIUS, emprazado no Campus Vida de Santiago. A axuda en cuestión (Programa Estatal de I+D+i Orientada a Retos da Sociedade) financiará con máis de 200.000 euros a actividade de Recarga ao longo dos tres anos vindeiros.
Esta iniciativa foi unha das catro candidaturas de todo o ámbito estatal distinguidas coa devandita axuda. Recarga preséntase baixo o seguinte epígrafe: Soft Computing para analíticas de gamificación en rehabilitación cardíaca. O seu obxectivo é botar man de tecnoloxías e metodoloxías baseadas no lecer dixital (videoxogos) para pórlle freo a un dos grandes males do noso tempo: as doenzas cardiovasculares, hoxe en día a primeira causa de morte en Occidente.
Segundo explica o CiTIUS, Recarga proponse “utilizar técnicas de gamificación para facilitar a execución dos plans de Rehabilitación Cardíaca (RC), destinados a pacientes vítimas dun episodio cardiovascular grave”. Máis en detalle, a finalidade do proxecto é aplicar este tipo de técnicas tratando de promover “un estilo de vida saudábel nos pacientes, favorecendo o seu benestar”.
Outra das bases do proxecto, amais da gamificación, é a personalización. Así, cada paciente terá a través de Recarga, por así dicilo, o seu propio plan de rehabilitación, acaido ás súas características e todo co “gallo de aumentar a motivación e a prolongación no tempo do uso das ditas técnicas”. Para lograr este nivel de personalización, ao abeiro do proxecto desenvolveranse algoritmos baseados en técnicas de soft computing para “facer viábel a toma de decisións na adaptación a cada doente dos plans gamificados de RC, adaptándoa ás características de cada paciente”.
Estes algoritmos encamiñaranse a permitir o achado automático do fluxo real de actividades seguido polos pacientes, a estimación dos tempos de execución das devanditas actividades e a predición de excepcións e problemas no progreso dos doentes durante a realización dos plans gamificados”. Ademais, tanto estes algoritmos coma a aplicación móbil que abrollará de Recarga acabarán sendo integrados con Procardia, a plataforma de xestión do programa de RC que na actualidade está xa a implantarse no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS).
A Deputación de Lugo organizou este mércores unha actividade dirixida a celebrar o Nadal dende as novas tecnoloxías da información, e viceversa. E todo facendo fincapé nos nos nosos maiores: festexando estas datas á vez que se fomentan a formación e os bos e saudables usos TIC. NadalTIC, así se chama a proposta, celebrouse o mércores no Centro InLugo, da man da Fundación TIC e a Deputación. Segundo fan saber estas entidades, unha chea de lucenses de máis de 55 anos participaron na xornada, que incluíu un cumprido feixe de actividades lúdicas relacionadas coas novas tecnoloxías, como un mannequin challenge no que houbo que botar man dos novos aparellos e plataformas para facer neles o que os participantes levan anos facendo no plano tradicional: enviaren felicitacións de Nadal e Aninovo. Neste “desafío” tamén participou o presidente da Deputación, Darío Campos.
Campos Conde salientou que “máis de 1.000 maiores de toda a provincia participan ao ano nas actividades de balde sobre novas tecnoloxías do InLugo”, actividades que os axudan a facer cousas como tirar proveito das redes sociais para comunicárense e estar, tamén, ao tanto das máis recentes novidades relativas ás redes. Campos avanzou que en 2017 InLugo seguirá con máis actividades nos 67 concellos da provincia. O NadalTIC incluíu unha manchea de actividades ligadas ás novas tecnoloxías. “Os participantes”, sinala a Deputación, “poden crear música e sons con diversas aplicacións, ser os protagonistas dun calendario de 2017 e recibir consellos sobre os mellores hábitos de alimentación, especialmente nesta época de excesos na mesa”. A xornada, que foi aberta a todos os maiores interesados, continuou pola tarde en horario de 16:30 a 19:30 horas.
Tres innovadores proxectos para mellorar a integración laboral de persoas con discapacidade intelectual, auditiva e visual foron elixidos na I Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles, lanzada por Indra e Fundación Universia o pasado mes de outubro, co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.
En concreto, recibirán o apoio de Indra e Fundación Universia os proxectos de I+D+i audiSmart, unha App para mellorar a audición, proposta pola Universidade Carlos III; Smile@work, unha solución para mellorar a formación profesional das persoas con discapacidade intelectual mediante 'xogos serios' que simulen en 3D contornas e situacións laborais cotiás, ideada pola Universidade Politécnica de Catalunya; e Graces, unha ferramenta para mellorar o acceso das persoas cegas a postos de traballo de alta cualificación no desenvolvemento de software, proposta pola Universidade Politécnica de Madrid.
Os proxectos foron elixidos pola innovación e excelencia tecnolóxica da solución exposta, a súa viabilidade para converterse nun produto ou servizo real que aínda non exista no mercado, a súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral e o alcance do seu impacto, tendo en conta o número de posibles beneficiarios e a posibilidade de internacionalizar a iniciativa. Tamén se tivo en conta que as tres soluciones resultantes serían gratuítas para os usuarios finais e que para o seu desenvolvemento e validación está previsto involucrar a persoas con discapacidade, ao contar coa colaboración de asociacións e empresas que traballan con este colectivo.
Preto dun centenar de grupos de investigación de universidades públicas e privadas de todo o país participaron nesta convocatoria. O xurado está formado por personalidades do mundo da discapacidade que formaron parte do xurado: Natalia Gómez, responsable de Acción Social de Indra; Ramón Capdevila, director xeral de Fundación Universia; Gabriel Barroso, investigador da Universidade Carlos III Madrid; Jesús Celadas, subdirector xeral de Participación e Entidades Tuteladas, da Dirección Xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; Jesús Hernández, director de Accesibilidade da Fundación ONCE; Javier Luengo, director de Plena Inclusión Madrid; e Miguel Valero, director do CEAPAT (Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas).
A Deputación de Lugo entregou o sábado uns galardóns directamente encamiñados a salientar e visualizar o importante traballo tecnolóxico-innovador desenvolvido polos emprendedores e PEME da provincia. Falamos dos Premios #InLugo, concedidos no marco do cuarto congreso do mesmo nome e entregados persoalmente polo presidente da entidade provincial, Darío Campos, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro. Os recoñecementos foron dar finalmente á Queixería do Campo, a Enfermera Saturada e a Funil.gal. En palabras de Campos e Piñeiro, con estes premios distínguense cada ano iniciativas, persoas e organizacións da provincia que fan “bo uso da Internet, as novas tecnoloxías e as redes sociais”. Na edición deste ano presentáronse case corenta candidaturas repartidas en tres categorías.
A Queixería do Campo foi a iniciativa gañadora dentro da categoría Comercio, Ocio e Restauración. Segundo fixo saber a Deputación, a queixería resultou gañadora nesta modalidade “polo bo uso das distintas redes sociais que xestiona (Facebook, Twitter, Instagram, Pinterest e Youtube)” e tamén polo denominador común de todos os seus produtos e servizos: “A calidade”. A queixería está situada na Praza do Campo, 6, en Lugo. As iniciativas finalistas nesta categoría foron Faragulla.com (web adicada á venda de obxectos especiais de cociña) e UVE Laboratorio de Deseño (estudo de deseño que crea espazos totalmente personalizados ao cliente).
Polo que se refire á categoría Deportes, Cultura e Acción Social, a proposta gañadora resultou ser Enfermera saturada. Detrás desta iniciativa atópase Héctor Castiñeira, creador da personaxe do mesmo nome, un achegamento divulgativo e humorístico ao mundo da enfermaría e os hospitais que abrolla directamente dos universos creados polo libro A vida é Soro, autopublicado en primeira instancia polo propio Héctor Castiñeira e logo transformado en obra de éxito (Plaza & Janes). Os finalistas nesta modalidade foron Lugoslavia (web adicada á actualidade do CD Lugo e cunha forte pegada nas redes sociais Facebook, Twitter, Instagram, Flickr e Youtube) e o CB Breogán (entidade premiada polo seu labor de difusión nas redes sociais e na web da actualidade do club de baloncesto).
Por último, no apartado Tecnoloxía, recoñeceuse o traballo ben feito de Funil.gal, un proxecto nado a Facultade de Ciencias do Campus de Lugo que destaca entre outras cuestións por ser de acceso aberto e gratuíto e por achegar un laboratorio virtual de química que ofrece novas ferramentas multimedia para o ámbito científico. Entre estes recursos atópase un libro electrónico de prácticas de laboratorio de química e unha serie de vídeos onde se visualizan dun xeito ameno os procedementos, as técnicas e o desenvolvemento práctico no laboratorio de química xeral. As ferramentas están dispoñibles na Rede, conseguindo unha ampla difusión nacional e internacional grazas á súa canle de Youtube. Os finalistas nesta modalidade de Tecnoloxía foron Mar Castro, a iniciativa dixital da doutora en comunicación do mesmo nome, experta lucense en protocolo de prestixio nacional e moi centrada en difundir o seu traballo e publicacións a través da súas redes sociais, web e blog. Tamén foi finalista Nudoss.com, proxecto local que nace da empresa Miramar Cruises co obxectivo de dar forma á primeira rede social de cruceiros de Europa.
Concurso de fotografía
No marco da cuarta edición do congreso tamén se deu a coñecer o gañador do concurso de fotografía #Inlugo16, Saritísima (@srvQueen), co que se buscaba premiar á mellor imaxe da cidade (podendo estar tamén relacionada co congreso) que os asistentes publicaran nas redes sociais coa etiqueta #InLugo16. A vencedora recibiu un smartphone última xeración.
Fundación ONCE convocou a IV Edición dos Premios Discapnet ás Tecnoloxías Accesibles, uns galardóns que recoñecen as mellores iniciativas e accións no campo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, así como ás empresas, entidades ou organizacións que desenvolvesen un labor continuado no campo da accesibilidade TIC.
Na súa IV edición, os Premios Discapnet estrutúranse en tres categorías: a primeira delas, a A, galardoará ao mellor produto ou servizo baseado en tecnoloxías da información e a comunicación para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade que xa estean dispoñibles ou para os que se conte cun plan de implantación a curto prazo.
Na categoría B, o premio será para a persoa, empresa, entidade ou organización que máis destacase pola súa traxectoria continuada en materia de mellora da accesibilidade TIC.
Finalmente, o apartado C recoñecerá ao proxecto de emprendemento que destaque por potenciar a accesibilidade TIC. Neste caso, premiarase ao produto ou servizo cuxa idea, proxecto e metodoloxía para levala a cabo dispoña ademais dun plan de negocio con xustificada viabilidade e sustentabilidade no tempo.
Os interesados en presentar candidaturas ás categorías A e B deberán cumprimentar un formulario online dispoñible no portal dos Premios Discapnet (http://premios.discapnet.es), mentres que os que desexen optar ao galardón do apartado C, o proxecto de emprendemento, terán que darse de alta no portal Uninnova (http://www.uninnova.es).
En canto á dotación dos premios, consistirá na entrega dunha obra orixinal dun prestixioso artista con discapacidade a cada persoa ou entidade galardoadas dentro das categorías A e B, e nun cheque de 5.000 euros para o premiado no apartado C, que deberá destinar integramente ao desenvolvemento do proxecto de emprendemento polo que se lle recoñeceu.
As bases completas dos premios Discapnet poden consultarse en http://premios.discapnet.es/.