main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

11/01/201712:32
Logo 1 mes 1 profesión dixital.
Santiago de Compostela

A recompilación dos Faladoiros Dixitais 2016 xa está dispoñible na web www.profesionsdixitais.org

  • A publicación recolle artigos dos relatores que participaron na segunda edición da campaña 1 mes, 1 profesión dixital

 

A recompilación dos Faladoiros Dixitais 2016 xa pode consultarse na web www.profesionsdixitais.org, nun libro que recolle artigos dos relatores que participaron na segunda edición da campaña 1 mes, 1 profesión dixital. Deste xeito, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), promotores da iniciativa, queren favorecer o acceso permanente aos contidos dos seis encontros desenvolvidos o pasado ano. 

Prologada pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a publicación inclúe textos arredor de temas tan actuais como o big data, o cloud computing, a creatividade dixital, a ciberseguridade, a Internet das cousas (IoT) e a robótica. Os autores son, ademais, recoñecidos expertos nestas materias.

O libro mantén o deseño e a estrutura da recompilación de artigos dos relatores da primeira edición de 1 mes, 1 profesión dixital, que segue a estar dispoñible no botón correspondente ás xornadas de 2015 da web profesionsdixitais.org, creada para informar dos obxectivos e contidos da campaña.

 

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital arrincou en 2015 co obxectivo xeral de crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego.

Tras un primeiro ciclo de seis xornadas, o interese da iniciativa levou á súa continuidade en 2016, con seis novos faladoiros dixitais que percorreron as cidades da Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Lugo entre os pasados abril e outubro.

 

04/01/201712:41
Logo App Sigue
Santiago de Compostela

A App do Sergas para guíar aos pacientes polos centros sanitarios, xa dispoñible para a súa descarga gratuíta

  • Permite que os cidadáns poidan atopar de xeito rápido e sinxelo as instalacións de acceso público do edificio: consultas, habitacións, cafetería, etc.
  • Posibilitará obter automaticamente cita ao chegar ao centro, sen necesidade de empregar os quioscos nin os mostradores
  • Actualmente funciona xa no HULA e no HAC, e nos próximos meses estenderase a unha vintena de centros de saúde

 

O Servizo Galego de Saúde vén de poñer en marcha SIGUE (Sistema Intelixente de Xeolocalización de Usuarios en Edificios), un sistema pioneiro para a localización e guiado de pacientes no interior de varios dos seus centros. Deste xeito, a través dunha aplicación (app) móbil, os pacientes poderán orientarse dentro do Hospital Lucus Augusti e do Hospital Álvaro Cunqueiro do mesmo xeito que habitualmente se utiliza en exteriores mediante o sistema GPS.

A aplicación, xa dispoñible para a súa descarga gratuíta na App Store de Apple e en Google Play, permite ofrecer un servizo de localización no interior de edificios onde non existe cobertura suficiente dos sinais de satélite utilizado polo GPS. A súa precisión ten unha marxe de erro inferior a 1 metro.

A app permite tamén consultar as citas programadas no sistema público de saúde, tanto en hospitais como en centros de saúde, ofrecendo a posibilidade de iniciar a navegación ata o centro no que está programada a cita.

Ademais, ao sistema téñenselle incorporado funcionalidades como a asignación das quendas de consulta mediante a propia app, unha vez que o paciente estea no centro -xunto co guiado ata a sala de espera correspondente-, sen necesidade de empregar os quioscos habilitados para isto nin de acudir aos mostradores de cita.

Tamén inclúe a proposta de rutas no exterior ata o centro en que está programada a cita médica; a suxestión de rutas internas ata o punto público do hospital que se elixa; información sobre servizos non sanitarios do edificio (cafetería, prensa, etc.) e da súa contorna; e a comunicación dunha posición dentro do centro a outros usuarios da app que figuren como contactos.

Para o funcionamento desta aplicación móbil tense creado un sistema de cartografía de edificios para incorporar os mapas internos dos centros nos que funciona o sistema de guiado. Así mesmo, permitirá utilizar realidade aumentada -igual que nos xogos de última xeración- para orientarse, tanto en exteriores como en interiores.

O Hospital Lucus Augusti de Lugo, cunha superficie de 166.000 m2, dá servizo a unha área poboacional de máis de 300.000 persoas; mentres que o Álvaro Cunqueiro de Vigo, cunha superficie de 280.000 m2, dá servizo a unha área poboacional de máis de 600.000 persoas. Neste centro, a navegación interna tamén funciona dentro do aparcadoiro.

Nos próximos meses está previsto que o sistema se estenda ao Hospital Comarcal de Verín, a unha vintena de centros de saúde correspondentes á Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ourense e ao edificio administrativo da Consellería de Sanidade e do Sergas, en Santiago.

03/01/201712:32
Web rapacinos.gal
Santiago de Compostela

A Amtega e o CPEIG lanzan rapacinos.gal para difundir o uso seguro das tecnoloxía e as profesións dixitais entre os máis novos

  • O espazo web completa o programa Rapaciñ@s, que este ano chegou xa á súa segunda edición
  • Inclúe un apartado dirixido a superar a fenda de xénero nas profesións TIC a través da divulgación do labor de mulleres na informática

 

A iniciativa “Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura”, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para achegar as tecnoloxías da información a nenas e nenos, estrea unha nova web: www.rapacinos.gal e www.rapacinas.gal.

O novo espazo web, accesible a xente sen coñecementos técnicos, inclúe os seguintes contidos: personaxes fundamentais na historia da informática, 10 razóns para estudar informática, saídas profesionais, onde realizar os estudos, consellos de navegación segura e o xogo “A quen te pareces?”.

 

A quen te pareces?

Dentro de todos os apartados, cómpre destacar "A quen te pareces?", un xogo que difunde casos de éxito cuxo coñecemento busca fomentar a incorporación das mozas ás novas profesións dixitais e contribuír á desaparición da fenda de xénero existente no acceso aos estudos tecnolóxicos.

Deste xeito, céntrase na divulgación da vida de mulleres e homes que xogaron un papel destacado no desenvolvemento da informática e as ciencias da computación. Persoas dotadas de talento, imaxinación, capacidade de emprendemento e creatividade que fixeron achegas decisivas na creación de software, na ideación de Internet, na popularización das redes sociais, na creación de novas aplicacións, na procura de ferramentas dixitais máis libres e accesibles...

Houbo e hai avances, pero segue a imporse a idea que sitúa aos homes como creadores das innovacións dixitais e informáticas e as mulleres como usuarias. Corrixir esa desigualdade é moi importante e desde este espazo web búscase contribuír a isto difundindo o labor de creadoras tecnolóxicas, enxeñeiras e mulleres de empresa como Ada Lovelace, Margaret Hamilton, Marissa Mayer, Anita Borg, Ana María Prieto, Mitchell Baker, Ángela Ruiz, Radia Perlman ou Carol Shaw.

En “A quen te pareces?” —de acordo cunha serie de preferencias, gustos e valores— cada usuaria poderá identificar con que personaxe do mundo da informática ten máis cousas en común.

 

Segunda edición

O programa “Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura” no que se insire o novo espazo web percorreu xa durante dous anos toda Galicia con charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas para que se divirtan e aprendan. Alén destas charlas, organizáronse diferentes eventos na Cidade da Cultura con obradoiros tecnolóxicos para os cativos e conferencias de expertos en novas tecnoloxías dirixidas a pais e nais.

30/12/201609:49
Logo Dico Summit
Santiago de Compostela

A Amtega e os clusters TIC e do audiovisual galego celebran en xaneiro “DICO Summit 2017”

  • Entidades e profesionais de ámbito nacional e europeo abordarán as oportunidades de negocio que ofrecen os contidos dixitais e o seu papel como dinamizador dos sectores económicos
  • DICO Summit ofrecerá tamén un Showroom coas últimas novidades tecnolóxicas aplicadas aos contidos dixitais e espazos de Networking
  • Profesionais e emprendedores da área tecnolóxica e doutros sectores económicos, estudantes e calquera persoa interesada no mundo dixital teñen unha cita os días 24 e 25 do mes que vén na Cidade da Cultura
  • Todas as novidades do encontro publicaranse na web dicosummit.gal

 

A difusión das últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos son dous dos obxectivos de DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, un evento promovido pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia no marco do programa Viraxe TIC.

Os días 24 e 25 de xaneiro o Edificio CINC da Cidade da Cultura acollerá este encontro, que ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por un lado, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.

 

Showroom, Networking e Concurso de ideas

Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través dun concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.

A web da iniciativa, dicosummit.gal, irase actualizando coas novas sobre as entidades e profesionais que terán presenza no evento, que tamén se publicarán nas redes sociais das tres entidades organizadores. A inscrición poderá formalizarse a través da web a principios de xaneiro.

As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico info@dicosummit.gal.

23/12/201610:34
Asistentes ao evento.
Santiago de Compostela

Voluntarios do CPEIG difunden con éxito a “Hora do Código” en centros escolares e na Universidade

  • Levaron a programación informática a máis de 600 rapaces e rapazas desde os 3 ata os 17 anos de idade

Voluntarios do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) difundiron, cun sobresaínte éxito de participación, a iniciativa “Hora do Código”. Durante as últimas semanas organizáronse actividades de programación informática coa colaboración e apoio da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, Campus de Ourense, e da Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña. Nos obradoiros participaron de balde rapaces e rapazas de entre 3 e 17 anos de idade.

O CPEIG fai un balance moi positivo das actividades desenvolvidas, do número de asistentes e da boa acollida por parte das cativas e cativos. En total, a organización estima que uns 622 nenos e nenas asistiron ás charlas e obradoiros nos centros de ensino e nas dúas facultades durante estas semanas de difusión da “Hora do Código”.

En canto aos centros escolares, os voluntarios do CPEIG visitaron os seguintes: CEIP Curros Enríquez de Celanova; CPR Sagrado Corazón de Celanova; CEIP Virxe da Pena da Sela do Irixo; IES San Mamede, Maceda; EIP de Vistahermosa, en Ourense, e CEP de Ventín, Milladoiro-Ames. Uns 400 rapaces asistiron a estas xornadas programadas polo CPEIG.   

O obxectivo da iniciativa foi estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñecesen os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación. 

Actividades na ESEI

Con ese mesmo obxectivo, a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense organizou o día 17 de decembro, en colaboración co CPEIG e en horario de mañá, distintos talleres que resultaron ser un éxito de organización e afluencia: unha hora de código para os máis pequenos, robótica para o alumnado de ESO e Bacharelato, impresión 3D para todas as idades e obradoiros de drons para alumnado de Bacharelato.  Asistiron 142 nenas e nenos de entre 6 e 17 anos de idade, máis 60 acompañantes adultos. 

No acto de benvida aos asistentes participaron Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo; Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da ESEI e tesoureiro do CPEIG; e Juan Otero Pombo, vicepresidente do CPEIG.

A Hora do Código UDC

Tamén o pasado sábado, celebrouse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña a segunda edición do evento "A Hora do Código UDC".   

Uns 80 nenos e nenas de entre 8 e 14 anos deron os seus primeiros pasos na ciencia da computación nun ambiente distendido e lúdico, axudados por voluntarios de distintos centros da UDC e do CPEIG. Os adultos que os acompañaban tamén puideron coñecer de primeira man o divertida que pode ser a programación e algunhas ferramentas gratuítas para poder continuar a aprendizaxe durante o tempo libre dos novos estudantes. 

Ao final da xornada cada un dos participantes recibiu un diploma acreditando o seu esforzo, ante a atenta mirada dun robot NAO. 

Code.org

A “Hora do Código” está promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. 

Code.org® é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación. Para obter máis información, visita: code.org.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS