main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/01/201712:16
Grupo de traballo "Asubíos da Bola".
A Bola

Tecnoloxía ao servizo do tradicional

  • Un proxecto teatral e audiovisual da a coñecer as lendas de A Bola nos CeMIT

Os usuarios do CeMIT (Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica) da Bola implicáronse de cheo na realización dun proxecto piloto que tiña o obxectivo de unir temáticas tradicionais e tecnolóxicas. De aí xurdiu Asubíos da Bola, unha idea que se fixo realidade materializando en imaxes historias e lendas do municipio recollidas por Hilario Ansón. Os usuarios do CeMIT convertéronse en actores, gravaron escenas para unha pequena película, O arqueólogo na Bola, e fixeron unha xira para presentala en diversas aulas tecnolóxicas de Galicia despois de estreala no CeMIT bolés. O último lugar no que o presentaron foi Celanova, pero antes pasaron por Carballedo, Padrón, Cuntis ou Valga. «A recepción foi moi boa e positiva e a acollida aos actores foi magnífica», explica Félix González, coordinador do proxecto e responsable do CeMIT da Bola.

Nas presentacións da película, os actores inclúen unha escenificación en vivo, unha pequena peza teatral que resulta sorprendente e divertida para os asistentes ao interactuar co público. González relata que os contidos da historia elixida para mostrar A Bola nas aulas CeMIT baséanse nas procuras que realizou Hilario Ansón, entón de 92 anos e xa falecido, consciente de que se non se escribían ou contaban esas lendas perderíanse.

«Este proxecto está baseado nunha lenda adaptada sobre a Fonte dos Leóns, en Sorga. Hai moitas lendas sobre fontes e minas, que se facían como covas que comunicaban coas casas importantes. A lenda conta que apareceu un señor de Castela ben vestido e tratábaselle con moito respecto. Pero roubou na casa dos Sotelo, entrando pola mina da fonte. Ao saír caéronlle obxectos de valor e deu en dicirse que na fonte había ondas de ouro porque non pensaban que o fora o ladrón», conta o coordinador. A partir desta lenda, a directora, Elena Seijo, escribiu a historia de O Arqueólogo na Bola, utilizando o cinema e o teatro como medios para transmitir «ideas e experiencias», segundo González.

O coordinador do CeMIT da Bola propúxoo no ano 2016 como proxecto de Innovación Social Dixital e como tal foi elixido e desenvolvido. Sobre se será unha idea con continuidade, Félix González contesta: «Non é un proxecto pechado. Queremos demostrar que se poden facer cousas tradicionais e antigas e que a tecnoloxía pódese usar para que non se perda o tradicional». Se non ten continuidade neste momento actual, si pode ter secuelas no futuro.

No desenvolvemento do proxecto participaron dez persoas. O elenco está composto por José Domelo, María Álvarez, Rosa Lorenzo, Maricarmen Fernández, Concepción Torres, Manuela Pérez, Isabel Fernández, Esteban Rodríguez, Roberto Ravelo e Silvia Álvarez. Segundo sinala Félix González a maior parte do traballo consistiu na recompilación das historias tradicionais, ese labor que fixo conxuntamente co veciño Hilario Ansón. A recuperación dese material incluíu a recollida de fotos antigas do municipio da Bola. Logo houbo que coordinar os horarios para que puidesen coincidir os actores en función dos seus quefaceres cotiáns.

«Ou máis importante é a experiencia que tiveron os propios actores. Nunca pensaran en facer teatro», sostén González. Pero tamén que as historias da Bola, un municipio moi pequeno, poidan chegar a través das aulas CeMIT a moitos recunchos de Galicia, onde hai máis de cen aulas tecnolóxicas deste tipo. O que empezou como un proxecto piloto desenvolveuse até facerse realidade e materializado con éxito. «É unha marabilla que alcance o resultado buscado», subliña o coordinador e responsable do CeMIT.

 

17/01/201708:58
Global Robot Expo
Madrid

Altran, ONCE, Philips, Tharsus Group e Ferrovial no Global Robot Expo

  • Global Robot Expo a feira internacional sobre robótica, tecnoloxías afíns, sistemas intelixentes e innovación, ten a firme intención de volver traer a Madrid as tecnoloxías máis punteiras do sector.

 

Durante os días 2, 3 e 4 de febreiro, máis dun cento de compañías presentarán os seus produtos máis innovadores no Pavillón de Cristal da Casa de Campo, que, por segundo ano consecutivo, será testemuña dos importantes avances realizados en campos como os da intelixencia artificial, o Internet das cousas, a robótica industrial e de consumo, ou a asistencial e de rehabilitación.

Por exemplo, Altran --consultora líder en tecnoloxía e innovación-- presentará as súas últimas aplicacións de Realidade Virtual en Industria 4.0 e algunhas sorpresas como os robots de tele-presencia controlados mediante Interfaces Cerebro Máquina (BMI), que se poden mover coa mente. Tamén ofrecerá demostracións de chatbots implementados sobre Boto/Alexa e sistemas de Visión Artificial para robots sociais. Así mesmo, os visitantes poderán facer un percorrido virtual na súa caseta a través da Realidade Aumentada.

Pola súa banda, Fundación ONCE patrocinará toda a área destinada á robótica asistencial e de rehabilitación, onde se poderán ver exoesqueletos como os de Technaid e darase a coñecer, entre outros proxectos, o denominado como Biomot, liderado polo investigador xaponés Shingo Shimoda e coordinado en España polo Xefe de Laboratorio de Locomoción Humana do Instituto Cajal do CSIC, Juan Camilo Moreno.

Grazas aos avances robóticos desenvolvidos por este equipo de investigación, están a crearse exoesqueletos moi flexibles desde o punto de vista mecánico e que, a través de sinais bioeléctricas, permiten rehabilitar a marcha humana tras unha lesión grave do sistema nervioso. Isto permite ás persoas camiñar dunha forma máis natural.

De especial interese neste ámbito será tamén a conferencia que protagonizará o Xefe do Departamento de Investigación de aplicacións clínicas en Hocoma AG e profesor do prestixioso ETH de Zúric, Clemens Müller, sobre a rehabilitación do futuro e o uso de tecnoloxías avanzadas nesta área. Será o venres 3 de febreiro ás 15,15 horas.

17/01/201708:46
Mesa da Fundación DOWN Compostela
Santiago de Compostela

DOWN COMPOSTELA e a Fundación Vodafone España presentan un ambicioso proxecto de formación en TIC para a inserción laboral das persoas con síndrome de Down

  • En 2016 recibiron formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 24 persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual da FUNDACIÓN DOWN COMPOSTELA (entre a II e III edición do Programa)

 

A Fundación DOWN COMPOSTELA e Fundación Vodafone España presentaron ‘Enreda2', unha iniciativa cuxo obxectivo é poñer en contacto a empresarios da zona e mozos con síndrome de Down co obxectivo de que dialoguen e intercambien opinións sobre os beneficios que ten a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual, tanto para este colectivo como para o ámbito empresarial.

Esta acción de networking, que xorde a partir do programa de formación prelaboral ‘Yo me prep@ro' impulsado por ambas as entidades, permite que os empresarios poidan coñecer de preto a persoas con esta discapacidade intelectual candidatas a incorporarse como traballadores nas súas empresas. A interacción entre empregadores e posibles empregados serve para que o sector empresarial derrube prexuízos e falsos estereotipos que historicamente se relacionaron coa síndrome de Down.

A pesar de contar coa formación adecuada e ser traballadores constantes, metódicos e organizados, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down puideron demostrar a súa valía; por iso é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial. Así, grazas a Enreda2', ‘a conversación e a formulación de diversos xogos, os empresarios puideron coñecer de primeira man as calidades que estes mozos atesouran, ademais de apreciar os seus valores e as capacidades para o traballo que posúen.

Para presentar esta iniciativa estiveron presentes a Secretaria Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; a Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela, Concepción Fernández; a Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, María Dores Álvarez; o Presidente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey; o Director Xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno; o Presidente da Fundación DOWN COMPOSTELA e Tesoureiro de DOWN ESPAÑA, Juan Jesús Martínez. Tamén se contou cos empresarios Ramón Salgado, de Limpezas ‘Salgado', e Chelo Suárez, de Multiusos ‘Fontes do Sar'.

Na súa intervención, a Secretaria Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, indicou que "a inserción laboral é un traballo de colaboración entre todos", polo que “para mellorar neste aspecto, na Xunta de Galicia contamos coa iniciativa Axenda 20, que consta con tres retos: emprego de calidade, formación e capacitación e orientación laboral". Toca concluíu sinalando que "desde a Xunta animamos aos empresarios para ofrecer oportunidades laborais ás persoas con discapacidade".

En opinión da Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela, Concepción Fernández, "debemos traballar en sensibilizar á sociedade contra os prexuízos e as barreiras interpostas á inserción sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual". Para Fernández "o investimento social debe ir orientada á formación e a capacitación dos cidadáns; necesitamos persoas que poidan achegar desde a diversidade á sociedade na que vivimos e conseguir así que sexa máis plural, máis xusta e máis diversa".

A Vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, María Dores Álvarez, instou a abordar “a baixa taxa de inserción laboral no colectivo con iniciativas como esta", xa que “a sociedade ignora a valía das persoas con síndrome de Down. Contan con ganas e merécense unha oportunidade".

Pola súa banda, o Presidente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey, felicitou ao colectivo “polo seu esforzo” e deu as grazas aos “que fan posible que esteamos hoxe aquí, posto que este tipo de iniciativas son indispensables na nosa sociedade”.

Na súa quenda, o Director Xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, comentou que “é necesario que a Administración Pública, a industria e as empresas impulsen o emprego e asuman riscos". Ademais, mencionou que ”están moi orgullosos e agradecidos de colaborar con DOWN ESPAÑA neste proxecto".

O Presidente da Fundación DOWN COMPOSTELA e Tesoureiro de DOWN ESPAÑA, Juan Jesús Martínez, destacou que "os obxectivos deste proxecto cumpríronse con fartura polo alto índice de insercións conseguido", e mostrouse "agradecido á Fundación Vodafone España por este tipo de iniciativas tan necesarias".

Por último, os empresarios Ramón Salgado, de Limpezas ‘Salgado', e Chelo Suárez, de Multiusos ‘Fontes do Sar', animaron a todos os empresarios a que fagan un esforzo para contratar a persoas con síndrome de Down: "Cumpren no traballo con motivación e ganas, e de feito houbo algún cliente que nos felicitou por ter contratadas a dúas persoas con esta discapacidade". Tamén comentaron que contar con traballadores con síndrome de Down “está a ser moi gratificante, son perfectamente capaces de levar a cabo as súas tarefas e achegan moitas cousas á empresa ademais do seu bo facer: a súa actitude ante o traballo, a súa puntualidade, ou a súa activa colaboración no bo ambiente laboral"

 

O programa ‘Yo me prep@ro'

O obxectivo do proxecto ‘Yo me prep@ro' é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudarlles a salvar a fenda dixital que lles pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo, as súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

No ano 2016 recibiron formación en novas tecnoloxías a través deste programa 240 persoas con discapacidade intelectual, que adquiren as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado.

Estes alumnos de Santiago de Compostela sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 240 mozos que recibirán esta formación en toda España. En total serán 10.500 horas formativas apoiadas en sete novos vídeo-tutoriais que, cunha linguaxe sinxela e accesible, detallarán os pasos e instrucións para que os alumnos coñezan a fondo o uso da internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn, entre outras habilidades.

Tras o éxito de anteriores edicións, o proxecto afronta este ano a súa terceira edición a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas. Desde a súa posta en marcha en 2014, e a pesar das complicadas condicións do mercado de traballo, este programa conseguiu 150 contratos para alumnos con síndrome de Down.

Como complemento a esta edición, os 480 mozos que participaron nas dúas edicións anteriores do proxecto recibirán un curso de refresco dos seus coñecementos para que actualicen as destrezas adquiridas en novas tecnoloxías aplicadas á vida laboral.

17/01/201708:33
Firma do convenio entre a Fundación ONCE e Samsung.
Madrid

Samsung e a Fundación ONCE asinan un convenio para favorecer a inclusión das persoas con discapacidade a través da tecnoloxía

Como continuación da estreita relación que manteñen ambas as organizacións para o impulso da accesibilidade universal, Samsung e a Fundación ONCE asinaron un convenio de colaboración destinado a favorecer a inclusión de persoas con discapacidade a través de proxectos, produtos e servizos innovadores no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións.

 

O obxectivo do acordo é impulsar o uso das TIC como ferramentas de apoio para a autonomía e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. Entre as accións concretas que abarcará o acordo figuran desde programas de formación sobre deseño accesible, ata iniciativas de divulgación, publicación de manuais e guías e convocatoria de premios e concursos relacionados coa inclusión das persoas con discapacidade a través da tecnoloxía.

 

“Como compañía innovadora en electrónica de consumo, un dos principios nos que se basea a filosofía de Samsung é garantir a accesibilidade universal, en igualdade de condicións para todas as persoas, aos nosos produtos e servizos tecnolóxicos”, afirmou Celestino García, vicepresidente Corporativo de Samsung España.

 

Na súa opinión, “o convenio asinado hoxe coa Fundación ONCE supón un gran paso adiante neste camiño cara á inclusión das persoas con discapacidade, tentando mellorar as súas condicións de vida e experiencias diarias cunha tecnoloxía deseñada para todos”. 

 

“Isto supón”, proseguiu o representante de Samsung España, “unha condición imprescindible para a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, posto que lles permite acceder aos mesmos produtos e servizos dispoñibles no mercado, sen que supoñan ningunha limitación e que poidan ser utilizados por todas as persoas dentro do mesmo fogar, independentemente da condición de cada un”.

 

Pola súa banda, José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, puxo de relevo que a principal misión desta entidade é a integración social das persoas con discapacidade, “para o que é necesario establecer alianzas como a establecida con Samsung a través do convenio asinado hoxe”. “As novas tecnoloxías”, engadiu, “poden axudar a ser un facilitador da devandita integración se se teñen en conta as necesidades de quen compón este colectivo, pero en caso contrario, poden converterse nunha gran barreira”.

 

 

A tecnoloxía e a innovación ao servizo da accesibilidade

En liña co seu compromiso social, Samsung esfórzase porque a súa tecnoloxía sexa accesible e contribúa a mellorar a vida de todas as persoas. O acordo alcanzado coa Fundación ONCE materializa a colaboración levada a cabo por ambas as organizacións en distintas actividades conxuntas, como o proxecto da Casa intelixente, accesible e sustentable, un roadshow que percorreu 15 cidades españolas ao longo de tres meses para mostrar as solucións domésticas de accesibilidade máis avanzadas que facilitan ás familias as tarefas cotiás.

 

Así mesmo, o portal Amóvil vinculado á Fundación ONCE levou a cabo diferentes avaliacións de produto nas que expertos técnicos en accesibilidade avalían os modelos de dispositivos móbiles de Samsung, certifican as súas funcionalidades accesibles para persoas con discapacidade visual, auditiva e/ou motriz e axudan a Samsung a mellorar os seus dispositivos para adaptarse ás necesidades de todos.

 

Finalmente, a tecnoloxía de Samsung estivo tamén presente en diversas actividades culturais realizadas pola Fundación ONCE, como a Bienal de Arte Contemporánea 2016, e diferentes cursos formativos dedicados ás novas tecnoloxías accesibles.

16/01/201712:57
Logo Dico Summit
Santiago de Compostela

O encontro “DICO Summit 2017” premiará a creatividade dos máis novos co concurso de ideas “na busca do talento dixital”

  • Recoñecerá ideas orixinais sobre un produto ou servizo innovador no eido dos contidos dixitais, tanto no ámbito estudantil como no profesional
  • Poden participar mozos de entre 18 e 30 anos, na categoría de mozo adulto, e rapaces de entre 14 e 18 anos, na categoría de mozo
  • O prazo de presentación de ideas remata o 23 de xaneiro e os premios entregaranse o 25 de xaneiro na clausura do encontro

 

DICO Summit 17 reunirá na Cidade da Cultura a profesionais e representantes de empresas de referencia como Technicolor e Nokia, para abordar as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio

O encontro DICO Summit 2017 premiará a creatividade e a orixinalidade de propostas de novos produtos e servizos vinculados aos contidos dixitais co concurso de ideas “Na busca do talento dixital”. Está dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos, na categoría de “mozo adulto”, e a rapaces de entre 14 e 18 anos na categoría de “mozo”.

Ata o día 23 de xaneiro ás 17.00 hs. calquera mozo nese rango de idade poderá presentar a súa proposta de ideas, aplicable aos contidos dixitais en calquera ámbito co requisito de que sexan orixinais e se diferencien doutros produtos ou servizos comerciais que poidan existir na actualidade e sexan de dominio público.  A proposta pódese presentar de xeito individual ou en grupo, integrado por un máximo de 3 persoas. A documentación, que deberá incluír  a descrición xeral de idea, a tecnoloxía necesaria, as principais vantaxes que supón, os posibles clientes ou consumidores, ademais dos datos de contacto, remitirase á dirección de correo electrónico info@dicosummit.gal.

Haberá dous premios por categoría, primeiro premio e mención especial, que consistirán en dispositivos electrónicos, libros, material promocional ou subscricións relacionadas co campo dos contidos dixitais. O nome dos premiados e a entrega de galardóns terá lugar o día 25 de xaneiro antes da clausura do DICO Summit 2017. As bases do concurso poden consultarse na web dicosummit.gal.

 

#dicosummitgal

O evento DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017 reunirá, os días 24 e 25 de xaneiro na Cidade da Cultura, a profesionais e representantes de empresas de referencia como Technicolor e Nokia, entre outros, para abordar as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos. O encontro, promovido pola  Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia, ten aberto o prazo de inscrición través do enlace http://dicosummit.eventbrite.com.

Ao longo de dúas xornadas, DICO Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por un lado, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.

 

Showroom, Networking e Concurso de ideas

Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.

A web da iniciativa, dicosummit.gal, irase actualizando coas novas sobre as entidades e profesionais que terán presenza no evento, que tamén se publicarán nas redes sociais das tres entidades organizadores. As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico info@dicosummit.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS