main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/01/201708:14
Adestramento Cerebral ONCE-Vodafone
Santiago de Compostela

Adestramento Cerebral, app accesible para exercitar as funcións cerebrais

A aplicación Adestramento Cerebral ONCE-Vodafone é un ximnasio cerebral virtual accesible que permite exercitar diversas funcións cerebrais. A ferramenta reúne unha serie de xogos deseñados por neuropsicólogos para manter en boa saúde capacidades cognitivas tales como a memoria, a atención ou a aprendizaxe.

Os xogos incluídos están pensados para todos os gustos e posibilidades e inclúe operacións matemáticas, combinación de letras ou habilidade e destrezas. A primeira versión terá dispoñibles cinco xogos. Todos os meses iranse incorporando máis xogos con cada actualización ata alcanzar os nove xogos que conformarán o paquete final.

Adestramento cerebral ONCE-Vodafone foi desenvolvida para dispositivos Android e iOS. Para acceder a ela, os usuarios deberán descargar a aplicación UNOBRAIN e activar as solucións de accesibilidade que requiran. Por exemplo, o lector de pantalla TalkBack en Android ou VoiceOver en iOS. A aplicación ofrecerá unha sesión diaria de adestramento de forma automática.

Descarga en iOS

Descarga en Android

Para máis información, visite a web do Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica (CIDAT) da ONCE ou da Fundación Vodafone España.

19/01/201707:57
Pantallazo da app
Madrid

Unha aplicación móbil informa sobre Accesibilidade no Metro de Madrid

As persoas con mobilidade reducida poden saber en tempo real a accesibilidade da rede de Metro de Madrid. Unha nova aplicación móbil informará do estado e a localización das escaleiras mecánicas e os ascensores nas estacións do suburbano.

Ademais de información sobre accesibilidade, a App (denominada Metro de Madrid Oficial) tamén ofrece datos actualizados sobre o horario de paso dos próximos trens en todas as plataformas das máis de 300 estacións de Metro.

Segundo explica a empresa pública do suburbano madrileño, é a primeira vez que unha aplicación para móbil facilita información en tempo real sobre o estado das instalacións da rede. Isto permite ás persoas con mobilidade reducida, aos pais e nais que vaian con carriños de bebés e a viaxeiros cargados con equipaxe, planificar mellor os seus traslados.

Poderán saber con antelación se o ascensor ou as escaleiras mecánicas de cada estación funcionan correctamente ou se hai algunha incidencia. No caso de que isto último ocorra, a aplicación informará sobre a causa da mesma e o tempo previsto para a súa resolución.

18/01/201708:18
'Eles ensínanche'
Santiago de Compostela

OCU e Google convocan 'Eles ensínanche', para que os mozos guíen aos seus pais no uso seguro da internet

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) e Google, coa colaboración da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN), o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e a Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA), convocaron o concurso 'Eles ensínanche', para que os mozos aprendan a navegar seguros por Internet e que ensinen aos seus pais a como facelo. Este concurso forma parte da campaña 'Vive un Internet seguro', organizada por OCU e Google, segundo informan ambas as entidades.

Esta iniciativa propón a estudantes da ESO ou do primeiro curso de FP que, coa axuda dos seus profesores, presenten un traballo creativo en forma de decálogo dirixido aos seus pais, no que poderán explicarlles a través de fotografías, redaccións, vídeos ou infografías de que maneira poden navegar por Internet de maneira segura.

Deste xeito, os alumnos poderán acreditar que posúen un grao suficiente de coñecemento sobre un uso adecuado, responsable e positivo da internet, á vez que axuda aos seus pais para avanzar no coñecemento dos beneficios do uso da rede, as ferramentas para facelo con seguridade e aquelas prácticas que melloran a protección dos menores e a súa privacidade.

Segundo a OCU, preto da metade dos pais de nenos menores de doce anos descoñecen o vocabulario que os seus fillos usan cando navegan por Internet, o cal fai moi difícil que poidan servirlles de guía para ensinarlles a navegar seguros.

A directora da AEPD, Mar España, considera a educación e o diálogo cos menores como "a base imprescindible" para aproveitar os "enormes" beneficios que lles ofrece a tecnoloxía, contribuíndo á vez a previr os riscos aos que poden enfrontarse por un uso inadecuado.

Pola súa banda, o director de INCIBE, Alberto Hernández Moreno, sinalou que o 93,6% dos menores utiliza Internet, e a gran maioría deles faino durante máis de dúas horas diarias, sen ser conscientes, en moitos casos, dos riscos que corren se non se toman as medidas adecuadas. Hernández engadiu que é importante introducir aos máis pequenos na cultura da ciberseguridade e inculcarlles pautas de conduta apropiadas para facer un uso responsable e seguro.

Doutra banda, o director de políticas e asuntos públicos de Google, Francisco Ruiz Antón, destacou que esta iniciativa é unha excelente maneira de inculcar a todos os actores o coñecemento sobre as amplas posibilidades que ofrece a tecnoloxía, do mesmo xeito que os seus retos, e xuntos aprender a convivir de maneira máis segura na contorna da internet.

Así mesmo, a directora de comunicación e de relacións institucionais da OCU, Ileana Izverniceanu, lembrou que o labor de concienciar aos máis novos sobre a necesidade de navegar seguros é "fundamental" para contar con consumidores ben informados e con capacidade para coñecer e exercer os seus dereitos de maneira efectiva.

O prazo para a presentación dos traballos permanecerá aberto ata o próximo 16 de marzo. Unha vez finalizado este prazo, o xurado, composto por representantes das institucións colaboradoras, elixirá un total de tres finalistas, que optarán aos premios que se entregarán nunha cerimonia o próximo mes de maio en Madrid.

Toda a información relativa ao concurso atópase na web www.ocu.org/viveinternetseguro.

18/01/201708:01
Logo Dico Summit
Santiago de Compostela

DICO Summit 2017 confirma relatores galegos e estatais de primeiro nivel

O evento DICO Summit 2017, que se celebra o 24 e o 25 de xaneiro en Santiago co obxectivo de afianzarnos no rumbo de converternos nunha potencia de contidos dixitais, contará coa presenza dalgúns dos principais expertos internacionais en materia de realidades virtuais e creación de novos mundos pero tamén con boa parte do máis representativo dos panoramas estatal e galego. Polo espazo adicado aos relatorios, un dos piares de DICO (xunto cos espazos para as demostracións, para o networking e para a visualización de propostas dixitais da mocidade galega) pasará xente como o cineasta Jorge Coira, o director de Ilux, Manuel Meijide, o director de Tecnoloxía de Nokia, Jaume Figueras ou o responsable de Servizo de Nagra, Xavier Cosculluela. O evento, como lembraremos, vén da man da axencia AMTEGA, do Clúster TIC de Galicia e do Clúster Audiovisual de Galicia (CLAG).

Na primeira das xornadas, a do 24, pola mañá, os relatorios, mesas e paneis levarán aos presentes ao miolo da xeración, desenvolvemento, produción e distribución actuais de contidos dixitais. Trataranse cuestións a metade de camiño entre o tecnolóxico-dixital e o audiovisual, abranguendo os dous mundos por ese amplo terreo onde se tocan, se mesturan e se enriquecen. Amais dos expertos internacionais dos que falamos onte reunidos na mesma Os contidos dixitais gañan a partida (Simon Smith de Studio Lidell, Steve Hanton de Studio Distract e Luca Conesa de MefistoFiles e Luigi Renna, integrante da Comunidade VRManchester, moderados polo director de Innovación Digital de Mardy Bug, Enrique Parga), xa está confirmada para a primeira hora da tarde, Construíndo a base para os contidos dixitais do futuro, que contará coa presenza de Danny Vossen, director de Estratexia de Technicolor, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC de Galicia, Xavier Cosculluela, responsable de Servizo de Nagra e o devandito Jaume Figueras, director de Tecnoloxía de Nokia. Máis tarde, ao fío das 17.30 horas, está previsto un encontro con Jorge Coira, director e escritor galego, ao abeiro do panel A produción audiovisual en plena era dixital.

Ao día seguinte, o 25, o programa tamén promete ser de primeira liña. Logo dunha mesa redonda con participantes por confirmar, está programado para as 12.15 horas unha intervención individual a cargo do galego Manuel Meijide, director de Ilux Visual Technologies. O seu panel desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: O turista dixital: viaxes, cultura e patrimonio a un clic de distancia. Un chisco máis tarde, ás 12.45 horas, será a quenda dunha mesa dupla integrada por José Domenech, xefe de Proxectos de Netex Knowledge Factory, e de Esteban Vázquez, co-fundador de Tesla Technologies & Software. Falarán de A Educación do futuro busca contidos.

18/01/201707:54
Igualdade Pontevedra
Pontevedra

Pontevedra crea unha web específica para axudar ás vítimas de violencia machista

Dende o Concello de Pontevedra achégase unha nova canle para emprestar axuda ás cada vez máis numerosas e visibles vítimas de violencia machista. Tomando conciencia deste problema tan grave que sofren as mulleres, xorde a nova páxina igualdade.pontevedra.gal que se inaugura co teléfono 016 de balde e sen pegada na factura. E que atopamos nesta web? Pois dende recursos para atención ás vítimas, os órganos de xestión da Concellaría (Consello da Muller ou a Mesa da violencia) e os programas educativos co material docente que se elabora, entre outros.

Este novo espazo do Servizo de Igualdade foi creado por vez primeira cunha meta específica: dar meirande relevancia á dita área de Igualdade e facer fincapé na solución da violencia machista entre a veciñanza de Pontevedra. Cómpre lembrar que esta ferramenta abre informando que o teléfono 016 (número gratuíto ao que pode chamar calquera muller maltratada) non deixa rastro na factura. Este slide será permanente na páxina e ao seu carón aparece o contacto do Centro de Información á Muller de Pontevedra cos diferentes servizos que empresta.

Asemade, achégase unha sección de novas e as imaxes da última campaña feita pola concellaría, neste caso é a do #prinacoso, do pasado 25 de novembro. Na parte final da páxina hai un formulario para enviar suxestións, preguntas… ao servizo de Igualdade así como o pase ás páxinas de Redeaxuda e Benestar Social (en construción). Emporiso, no menú de igualdade.pontevedra.gal explícase tamén que é o CIM (Centro de Información á Muller) e os servizos que empresta: xurídico, laboral, social e psicolóxico. En cada unha das pestanas pódense atopar recursos vinculados á denuncia da violencia machista, teléfonos de urxencias (Policía, Garda Civil, centros sanitarios…) e outros documentos como as memorias do CIM (a do pasado ano está en elaboración).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS