main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

24/01/201708:39
Activage Grupo Galicia
Madrid

A Fundación Vodafone presente no Kickoff de ACTIVAGE, o proxecto europeo de envellecemento activo e saudable

  • O lanzamento do proxecto ACTIVAGE tivo lugar en Madrid do 18 ao 20 de xaneiro de 2017

Este proxecto europeo está financiado no marco do programa Horizonte 2020 e coordinado pola empresa Medtronic. Esta iniciativa que durará catro anos, conta con 50 socios, implicando a uns 7.200 usuarios e máis de 43.000 dispositivos da internet of Things (IoT).

O seu obxectivo é mellorar o empoderamiento dos maiores e aumentar a súa autonomía mediante a prolongación e soporte á vida independente nas súas contornas, ao mesmo tempo que responder ás necesidades de coidadores, provedores de servizos e institucións a través do desenvolvemento de 9 pilotos innovadores en 7 países europeos baseadas en tecnoloxías Internet of Things (IoT). Así, desenvolverase o primeiro ecosistema europeo aberto reutilizando aplicacións existentes que permitan desenvolver servizos para o envellecemento activo e saudable.

A Fundación Vodafone participa no piloto que se levará a cabo en Galicia, xunto con TELEVES, Cruz Vermella Española e o SERGAS (Servizo Galego de Saúde), cuxo obxectivo é validar os servizos universais de atención sociosanitaria para persoas maiores, reducindo a exclusión social e o cambio de estruturas e actitudes sociais. O papel da Fundación Vodafone dentro do piloto no que participan 700 usuarios, será garantir que a solución sexa accesible e cumpra cos Principios de Deseño para Todos e Accesibilidade Universal.

A actividade do proxecto pode seguirse nas seguintes ligazóns:

Twitter: @ACTIVAGEproject,   #ACTIVAGEproject

Facebook: https://www.facebook.com/activageproject

Web: activageproject.eu

24/01/201708:18
Youtubeir@s
Ourense

Arrinca Youtubeir@s en Ourense

As nosas universidades queren ser acubillos e palestras itinerantes de novos creadores de contidos auviosuais en galego (algo que entronca, directamente, co congreso que comeza hoxe en Santiago, DICO Summit 2017, onde se tentará premiar, impulsar e visualizar os traballos da nosa mocidade en materia de audiovisual, mundos dixitais e realidade virtual). Como lembraremos, a iniciativa dos campus galegos, o programa formativo Youtubeir@s, concurso de vídeos na Rede, comezou en decembro impulsada polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e dos concellos da Coruña, Ames, Baña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo. Agora, volve ser novidade polo inminente comezo das actividades en Ourense. O venres, sen ir máis lonxe, presentáronse na cidade das Burgas coa finalidade de “facilitar e fomentar a participación”.

No acto participaron José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense; Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo; Belén Iglesias, concelleira de Cultura, e Mónica Fernández, responsable do servizo de normalización lingüística municipal. Durante a presentación lembraron que “Youtubeir@s naceu co obxectivo de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes máis empregadas no mundo”. Entre as liñas de actuación que contempla o proxecto, dixeron, abránguese a celebración de obradoiros formativos impartidos pola produtora Illa Bufarda que teñen como obxectivo facer accesible o uso das redes sociais e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións, neste caso concreto en galego.

Na cidade de Ourense, os obradoiros, de carácter práctico, serán os días 7 e 14 de febreiro no salón de graos do Edificio de Ferro do campus e os días 10 e 17 de febreiro no Centro de Innovación Social Dixital La Molinera. Poden inscribirse de balde persoas maiores de 14 anos, establecéndose un máximo de 20 persoas en cada obradoiro. Na primeira sesión formativa de cada quenda, dunha hora de duración, afondarase nos consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara dos dispositivos móbiles e na mellor forma de transmitir os coñecementos. Na segunda sesión formativa, de dúas horas de duración, editarase o material e os participantes aprenderán a publicalo en YouTube. Youtubeir@s, concurso de vídeos na Rede, comezou o xoves 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril. Poderán presentarase persoas maiores de 14 anos que deberán formalizar a súa inscrición en liña. Os vídeos deberán ter unha duración aproximada de cinco minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñíbles na rede social YouTube.

O concurso atinxe dúas categorías en función dos contidos das pezas. Por unha banda, pódese concursar en Vídeo-facermos, con titorías nas que se amosen saberes e procesos de elaboración audiovisual. A outra alternativa é Vídeo-opinarmos, modalidade de vídeos nos que, de xeito argumentado, achégase unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese, por exemplo, sobre un libro, unha película, unha serie, temas de actualidade, moda ou tendencias.

En cada unha destas categorías outorgarase un galardón dotado de 1.000 euros e catro mencións honoríficas de 500 euros segundo os criterios dun xurado que estará composto por profesionais da comunicación audiovisual. Na súa valoración, o xurado terá en conta o enxeño e a creatividade, valorando a orixinalidade da peza a nivel visual, sonora e do propio contido; a calidade técnica da peza tanto a nivel visual como sonoro; a eficiencia comunicativa do vídeo na transmisión do contido tanto a nivel oral como visual e a calidade lingüística, valorando o uso coidado e correcto da lingua en todas as súas variantes dialectais.

24/01/201708:03
A alcaldesa Lara Méndez e o presidente da Deputación Darío Campos facéndose un selfie nun dos actos de InLugo
Lugo

A Deputación de Lugo anuncia 32 novos cursos TIC para maiores ao abeiro de InLugo

Para as/os maiores de idade da provincia de Lugo que queiran pórse ao día en materia de nova comunicación e novos xeitos de procurar e achegar coñecemento, dicirlles que a Deputación vai facer seu o lema de “non mudar o que funciona ben” e recunca un ano máis coas súas actividades formativas de envellecemento saudábel a través das novas tecnoloxías (as TIC). Falamos dos cursos de balde para maiores do programa InLugo. Segundo vén de informar a entidade que preside Darío Campos, ábrese ano (primeiro trimestre) con 32 destas actividades. En total, achéganse 555 prazas, a cubrir mediante inscrición en fundaciontic.org e máis deputacionlugo.gal. Os obradoiros foron dados a coñecer polo presidente destas dúas entidades (Deputación de Lugo e Fundación TIC), Darío Campos, e pola alcaldesa Lara Méndez.

Campos avanzou que a previsión deste ano é a de ampliar o número de accións, “atendendo así a alta demanda por parte dos usuarios”. Este éxito, dixo, fica reflectido no feito de que en 2016 as peticións de prazas triplicasen o número de vacantes dispoñíbeis nos cursos con inscrición. Campos Conde salientou tamén “o labor social que está a desenvolver a Fundación TIC da Deputación, a través do InLugo”, que o ano pasado tivo uns 1.500 usuarios, sumando todas actividades, “coma o NutreTIC ou Memoria Dixital”. Por estas e outras razóns, sinalou, “o Goberno provincial seguirá apostando por achegar as novas tecnoloxías aos maiores da nosa provincia como unha ferramenta moi útil para mellorar a súa calidade de vida”. No primeiro trimestre de 2017 impartiranse 32 cursos e obradoiros na sede do InLugo. Para 23 deles, que suman un total de 330 prazas, requírese inscrición. O prazo para apuntarse ábrese este luns, precisamente. Os interesados xa poden inscribirse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 225 186. Os outros 9 obradoiros serán de asistencia libre, cun máximo de 225 prazas en total, 25 por actividade. Son actividades encamiñadas sobre todo a usuarios que xa asistiron a algún curso. Neste senso, o presidente da Fundación TIC dixo que o obxectivo é, “por unha banda, que repasen o aprendido e, por outra, dar cabida nos cursos con inscrición a novos usuarios que nunca participaron nas actividades do InLugo”.

Entre as novidades deste primeiro trimestre tamén se inclúe a celebración dunha actividade TIC específica de divulgación para todas aquelas que queiran “actualizar” os seus coñecementos tecnolóxico-dixitais. Trátase da Semana Tecnolóxica, que se desenvolverá do 27 ao 30 de marzo en horario de mañá e tarde. Campos anunciou que “un dos obxectivos desta Semana é axudar aos usuarios do InLugo que precisen repasar contidos, pero tamén se realizarán actividades máis avanzadas e específicas, como buscar e descargar aplicacións relacionadas coa saúde, antivirus para ordenador ou móbil ou buscas avanzadas en Internet”. Poderán apuntarse un total de 50 persoas, 25 en cada quenda. Campos, a maiores, fixo reconto do xerado ao abeiro de InLugo en 2016. O saldo, sinalou, é claramente positivo, posto en que se conseguiu dar servizo a 1.500 usuarios nas diferentes actividades organizadas. Nun plano máis concreto, na sede de InLugo na cidade da Muralla impartíronse 69 cursos e obradoiros con 896 prazas para as que houbo 2.486 solicitudes, “case o triplo das prazas convocadas”, recordou o presidente, que engadiu a todas estas cifras a alta porcentaxe de participación nos obradoiros que se levaron a cabo por toda a provincia, tocando temas como a nutrición saudábel, o emprego do móbil e a divulgación e recollida de testemuños para a web de Memoria Dixital Lugo.

24/01/201707:54
Logo CODIX
Santiago de Compostela

Ábrese o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Xunta

A AMTEGA abre hoxe o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática tal e como recolle a convocatoria publicada onte no DOG, con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar no mes de xuño.

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

O prazo de inscrición será de cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días desde a data da súa notificación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

 

Plan formativo ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.

 

Vindeiras convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2017, que terá a súa continuación cun novo curso de teleformación titorizada previsto para o segundo semestre (no mes de setembro).

Ademais destes cursos preparatorios, realizaranse ao longo deste ano dúas novas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios (ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa), até chegar a un número superior ás 1.100 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 1.200 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e 2.438 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas diferentes edicións das probas presenciais convocadas e que se realizaron en diversas aulas da rede CeMIT.

23/01/201708:34
e-health
Santiago de Compostela

Medicamento e tecnoloxía, presente e futuro

Segundo un recente informe da Organización Mundial da Saúde (OMS), entre os anos 2000 e 2015 a esperanza de vida media no mundo aumentou cinco anos, e segundo as predicións do Instituto Nacional de Estatística (INE) en 2050 a cifra de persoas maiores duplicarase ata os 16 millóns en España, a metade serán maiores de 80 anos e case 200.000 persoas superarán os 100 anos.

Faise evidente a necesidade de recursos tanto estruturais como materiais e humanos, e faise necesaria a incorporación de tecnoloxía ao medicamento e asistencia, acuñando novos termos como telemediciña e teleasistencia, tanto para os diagnósticos a distancia (telehealth: telecardioloxía, teleoftalmoloxía, teledermatoloxía) como para a monitoraxe remota de pacientes, que actualmente están a ser atendidos e monitorizados tanto en unidades de urxencias dos hospitais como en centros de saúde.

 

e-Health: aplicacións para todos, para todo

Dentro do apartado de xestión podemos atopar diversas solucións, algunhas máis orientadas á xestión interna dun centro médico, a sistemas de información xerais, todas elas partindo dun sistema completo integrado e centrado no paciente.

Dentro do apartado de aplicacións para prevención atopamos grandes avances na mHealth e en uHealth (saúde ubícua), onde a nanotecnoloxía e a Intelixencia Ambiental xogan un papel fundamental. Podemos coñecer en calquera momento, en calquera lugar e en tempo real o estado biomédico do paciente na súa contorna habitual. Estes datos ben tratados poden permitir tanto ao médico de Atención Primaria como ao Especialista toda a información diagnóstica de interese, permitindo debuxar un escenario de hospital virtual na propia contorna do paciente.

Non pasará moito tempo en que teñamos dispositivos persoais e no noso domicilio con sensores que informen en tempo real a un centro de datos médicos, que xerará automaticamente alertas a médicos especialistas e recibiremos asistencia case baixo a súa propia demanda e non a do paciente como actualmente ocorre. Xa se están definindo novos termos relacionados coa rede de datos da nosa contorna, tales como BAN (Body Area Network), PAN (Persoal Area Network) e HAN (Home Area Network).

Ao acudir ao médico este coñecerá perfectamente os nosos datos biomédicos, o noso expediente médico, os nosos hábitos alimenticios, deportivos, etc. e desta forma poderá diagnosticar e tratar cada problema moito mellor.

E con máis tempo de madurez atopamos os tratamentos, con moitas innovacións en forma de novas patentes, produtos e servizos, avanzando cada día. Grazas ás TIC existe un auxe da cirurxía minimamente invasiva (CMI) laparoscópica, e da Cirurxía Robótica, cirurxías menos agresivas e de maior precisión con posibilidade de realización das mesmas a distancia, próteses fabricadas en 3D, materiais especiais para fins médicos ou aparellos electrónicos de todo tipo (auditivo, visual). Así mesmo as TIC potencian o desenvolvemento da biotecnoloxía, novos fármacos e a terapia xénica.

En definitiva, as TIC, ademais de mellorar a calidade asistencial xogan un papel moi importante na seguridade do paciente e van supoñer un aforro no consumo de recursos sanitarios (evitando duplicidades de probas diagnósticas) con redución dos erros médicos, evitando morbilidades asociadas a tratamentos non adecuados, e mellorando a asistencia mediante un medicamento baseado na evidencia (MBE).

 

É Internet un problema para os pacientes?

Segundo algúns informes, preto do 40% das consultas realizadas nos buscadores online en Estados Unidos, están relacionadas con temas de saúde. E esta tendencia repítese ao longo do mundo: Internet é a principal fonte de consulta en temas de saúde para os pacientes. De forma xeral, os pacientes interésanse nas prescricións médicas e os efectos colaterais, síntomas, diagnósticos, terapias e centros médicos.

Con todo, isto non pode confundirnos como pacientes. Na internet non todo é real, non todo é certo, e non podemos xogar cun tema tan delicado como a saúde nesta contorna. Ben utilizado mellora a información con que podemos contar, pero os profesionais son os médicos, e non se debe substituír a súa función.

Outro aspecto importante é a privacidade dos datos dos pacientes. As empresas de tecnoloxía enfróntanse a un problema serio: os datos médicos dos pacientes. Ata agora a solución pasa por utilizar en certos dispositivos a frase "non se trata dun dispositivo médico", mentres a lexislación actual o regula ou modifica.

Por Miguel Ángel García Cumbreras. Escola Politécnica Superior da Universidade de Xaén e autor do informe eHealth (tecnoloxía e medicamento) editado por CODDII.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS