main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

23/01/201708:09
Logo Dico Summit
Santiago de Compostela

History Channel, Viacom e a canle educativa Unicoos abrirán as dúas xornadas do DICO Summit 2017

  • A directora xeral de History Channel Iberia, Carolina Godayol, e o director de Afiliados, Medios Dixitais e Investigación de Viacom, Daniel Muñoz, inaugurarán o foro o día 24
  • O creador de Unicoos e finalista do Global Teacher Prize 2017, David Calle, será o encargado de ofrecer a conferencia de apertura da xornada do 25 de xaneiro

 

O evento DICO Summit, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Cluster TIC e o Clúster Audiovisual galego, abre as súas portas o vindeiro 24 de xaneiro con dúas xornadas nas que se tratarán as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos.

A directora xeral de History Channel Iberia, Carolina Godayol, e o director de Afiliados, Medios Dixitais e Investigación de Viacom, Daniel Muñoz, inauguran o evento, o día 24, co relatorio “Contidos Dixitais nun mundo conectado”. O creador de Unicoos e finalista do Global Teacher Prize 2017, David Calle, será o encargado de ofrecer a conferencia de apertura da xornada do 25 de xaneiro.

 

Carolina Godayol e Daniel Muñoz

Desde o ano 2011 Carolina Godayol é a Directora Xeral de The History Channel Iberia, empresa que produce e distribúe en España, Portugal e os países Africanos de fala portuguesa, as canles de televisión HISTORIA, A&E e Crime&Investigación.  Previo a esta experiencia foi Directora Xeral de NBC Universal Global Networks, e Showtime Networks.   Conta con máis de 20 anos de experiencia liderando equipos na contorna da televisión de pago, con ampla traxectoria en áreas de márketing e creatividade, produción cinematográfica ou televisiva e programación.

Daniel Muñoz é director de Afiliados, Medios Dixitais e Investigación de Viacom, un dos maiores  maiores grupos de medios e contidos do mundo, que  integra medios como MTV, Nickelodeon, Comedy Central e VH1, entre outros, así como a produción e distribución de contidos a través de Paramount Pictures. É un profesional cunha ampla traxectoria no mundo tecnolóxico e dos contidos, traballando para entidades coma PWC, IBM, FOX, Eurosport ou Discovery Network Entertaiment. Ademais, ten experiencia en innovación e transformación de negocio. Con máis de 15 anos de experiencia é un executivo internacional que ven de traballar en grandes compañías tecnolóxicas e de comunicación.

 

Educación a través de Youtube

A segunda xornada, centrada na influencia dos contidos dixitais nos distintos sectores produtivos, arrancará coa experiencia do CEO de Unicoos, David Calle. finalista del galardón Global Teacher Prize 2017 que premia ao mellor profesor do mundo.

Unicoos é  unha canle de matemáticas, física, química e tecnoloxía en youtube, orientada á formación STEM de millóns de estudantes en todo o mundo. Na actualidade é a primeira canle educativa do mundo en fala hispana da súa categoría, con case 700.000 subscriptores e 92 millóns de visitas.

 

Showroom, Networking e Concurso de ideas

Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.

20/01/201710:07
Cartel do concurso
Ourense

Convócase o I Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

  • Pode participar alumnado de Primaria e Secundaria da provincia de Ourense
  • O seu obxectivo é contribuír a potenciar a igualdade de xénero na educación

 

O día 11 de febreiro está declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Sumándose a este compromiso, as facultades e escolas da área científico-tecnolóxica do campus de Ourense co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo veñen de convocar o I Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Pode participar nel alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria da provincia de Ourense.

Segundo explica Nieves Lorenzo, promotora do certame, a idea nace ao coñecer a iniciativa 11defebrero.org, que busca fomentar a celebración de actividades co gallo desta data. “Vendo a involución que se está dando da presenza da muller nas carreiras científicas e tecnolóxicas, sobre todo nas enxeñarías, pensamos que debiamos tamén nós pór o noso gran de area para loitar contra esta situación”, sinala a profesora e investigadora da Universidades de Vigo. Deste xeito, engade, optouse polo formato de concurso para escolares coa idea de que “é desde abaixo, desde a educación máis temperá, onde temos que comezar a mudar a situación fomentando unha educación en igualdade de xénero”.

O certame, que conta coa implicación da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, ten como obxectivos “promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e que reflicta como son vistas pola sociedade e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna”. O galardón conta con dúas categorías para participar, unha para alumnado de quinto e sexto curso de Educación Primaria e outra para alumnado de terceiro e cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria.
 

Primeira selección por parte dos centros

O tema dos traballos, sexa debuxo ou redacción, ten que tratar sobre a visión do alumnado do papel das mulleres na ciencia, con temas como "Que sabes dos descubrimentos das científicas pioneiras? Anímaste a debuxar unha científica? Que científicas coñeces? Como teñen contribuído as mulleres ao desenvolvemento da enxeñaría? Presentas a unha enxeñeira ou científica?”. Cada centro escolar será quen realice unha primeira selección de traballos, presentando como máximo seis (sumando debuxos e redaccións). A selección final dos traballos gañadores realizarase por proposta dun xurado. Os criterios de avaliación no caso do debuxo serán a calidade técnica, orixinalidade, creatividade e tratamento da temática do certame e no caso da redacción a orde, capacidade de razoamento, orixinalidade e tratamento da temática do concurso. A data límite para presentarse ao certame é o 3 de febreiro ás 14.30 h.

O nome das premiadas e premiados farase público na entrega de premios que se celebrará o día 11 de febreiro, nun evento especial que terá lugar no Edificio Politécnico do campus de Ourense. Ese día exporanse todos os debuxos e entregarase diploma acreditativo a todas as persoas participantes. Ademais entregaranse tres premios para a modalidade de debuxo e tres para a de redacción, sendo en ambos caso o primeiro premio unha tableta, un libro, un USB e un diploma e o segundo e terceiro un libro, un USB e un diploma. 

20/01/201709:58
Exoesqueleto lixeiro
Santiago de Compostela

Este exoesqueleto lixeiro axuda a camiñar a enfermos e anciáns

  • Na investigación, que contou coa participación de sete persoas sas, o equipo puido comprobar que o prototipo do aparello ofrece unha redución do 23% no esforzo para camiñar.

 

Científicos da Universidade de Harvard traballan nun exoesqueleto lixeiro que se engancha á cadeira e ao nocello co fin de alixeirar o esforzo para camiñar. Este avance podería beneficiar a enfermos e anciáns e, ademais, previr a perda de mobilidade.

Na investigación, que contou coa participación de sete persoas sas, o equipo puido comprobar que o prototipo do aparello ofrece unha redución do 23% no esforzo para camiñar. Segundo Connor Walsh, director do Instituto Wyss e da investigación, trátase de "a maior redución de enerxía observada ata a data cun exoesqueleto" deste tipo. Os resultados da investigación publicáronse este mércores na revista 'Science Robotics'.

O sistema que se empregou no estudo consta dunha funda que se coloca sobre os nocellos e outra na cadeira, unidas por un armazón de correas que transmiten o movemento, todo iso conectado ao dispositivo que xestiona o exoesqueleto. Trátase dun modelo distinto aos aparellos habituais deste tipo, xa que utiliza materiais lixeiros, fronte aos exoesqueletos con materiais ríxidos e pesadas baterías.

Este descubrimento carrexa importantes implicacións que poderían beneficiar a unha ampla variedade de persoas con problemas motrices como enfermos de Parkinson, anciáns con mobilidade reducida ou mesmo aqueles que traballan cargando obxectos pesados. Aínda que a cuestión aínda está apenas avanzada, mediante o aforro de esforzo para o corpo, sistemas como este poderían mesmo conseguir retardar a perda de facultades asociada á idade.

20/01/201708:57
“COGAMI integra a través das TIC”
Santiago de Compostela

Fundación Vodafone España e COGAMI, xuntos para favorecer a empregabilidade a través das TIC

  • “COGAMI integra a través das TIC” é unha unha iniciativa da Fundación Vodafone España e COGAMI. Das 150 persoas participantes no proxecto, o 64% logrou inserirse laboralmente, un 36% superior ao obxectivo exposto inicialmente

 

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e a Fundación Vodafone España desenvolveron durante o ano 2016 o proxecto “COGAMI integra a través das TIC”, unha oportunidade para 150 persoas con discapacidade procedentes de distintas localidades galegas, que aprenderon a buscar traballo a través do uso das novas tecnoloxías.

As dúas entidades puxeron en marcha esta iniciativa co obxectivo de mellorar a empregabilidade de persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral recoñecida, sobre todo mulleres que viven en zonas rurais e que no últimos seis meses careceron dun contrato laboral.

O programa, iniciado a principios de 2016, ofrece ás persoas participantes un servizo de asesoramento, información, formación e capacitación en TIC co propósito de facilitar a procura de emprego e o acceso ao mercado laboral. Para lograr este acceso, valoráronse as capacidades das persoas e trazóuselles un itinerario persoal de integración laboral adaptado ás súas necesidades e intereses.

A eficacia no manexo das TIC traballouse a través da impartición de cursos formativos e tamén a través de sesións sobre o manexo dos portais de emprego 2.0 máis novos e a gravación de 14 vídeocurriculums, onde as propias persoas participantes no proxecto son as que presentan o seu perfil profesional en formato vídeo.

“Proxectos como este permiten que persoas que están apuntadas nos nosos Servizos de Intermediación Laboral, poidan adquirir as competencias que necesitan dunha maneira personalizada e integral para poder incorporarse ao mercado laboral,” explica a coordinadora do servizo de emprego de COGAMI, Mari Ínsua Fabeiro.

Das 150 persoas que participaron no programa (75 mulleres e 75 homes), 25 son da Coruña, 19 de Ferrol,  22 de Santiago, 18 de Lugo, 21 de Ourense, 21 de Pontevedra e 24 de Vigo. En canto a idade, a maioría son maiores de 31 anos e, segundo o nivel de estudos, o 34% teñen graduado en ESO, seguido do 28,6% con estudos en formación profesional e o 14,6% con estudos primarios.

Grazas a este proxecto, 96 persoas conseguiron inserirse laboralmente durante o desenvolvemento deste programa Vodafone, o que sería un 64%, unha porcentaxe que supera o propósito inicial que se pretendía cubrir, sendo este o 48%.

Este proxecto tamén é importante para COGAMI porque lle permite contactar con empresas ás que se lles presenta o servizo de emprego da entidade e rompen os falsos mitos que poidan existir sobre a discapacidade e a inserción laboral. Un total de 748 foron contactadas que finalmente orixinaron a contratación de 96 persoas con discapacidade.

Non todas estas empresas contactadas lanzaron ofertas de emprego, pero si colaboraron cedendo tempo e instalacións para que persoas integrantes do programa puidesen realizar prácticas non laborables nunha empresa. Un total de 34 empresas tutorizaron a estas persoas.

Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas e da súa motivación. Para iso, trazan un itinerario o máis axustado posible aos intereses e posibilidades da persoa, ademais de proporcionarlles formación sobre uso de ferramentas TIC, portais de emprego e vídeocurriculums.

19/01/201708:48
María Pita DefCon
A Coruña

O CPEIG coorganizará o María Pita DefCon, congreso sobre seguridade informática e visibilización da muller

  • Terá lugar na cidade da Coruña do 6 ao 12 de marzo cuns 500 asistentes

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é coorganizador, Xunto coa Facultade de Informática da Coruña (FIC), do María Pita DefCon, un evento centrado na seguridade informática e a visibilización da muller no eido das TIC. O congreso terá lugar na FIC do 6 ao 12 de marzo.

O encontro reunirá os mellores relatores da seguridade informática, tanto a nivel local como nacional. Cunha participación estimada de 500 visitantes únicos, María Pita DefCon contará cun gran número de charlas, mesas redondas, obradoiros e concursos ao longo da semana.

A organización do evento, que conta co apoio de múltiples entidades, agarda que sexa o encontro máis importante a nivel galego sobre seguridade informática e visibilización e integración da muller no ámbito das TIC.

Motivación
A desaparición por falla de financiamento dun congreso de temática similar que se viña celebrando ata agora na mesma localización, a alta demanda de perfís de seguridade informática dentro do sector e o interese mostrado por diversas entidades, tanto públicas como privadas, na celebración dun novo evento de similares características motivaron a creación da María Pita DefCon.

Toda a información do encontro pode consultarse no seu sitio web http://www.mariapitadefcon.es e na conta de Twitter (@mariapitadefcon).

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS