main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

25/01/201708:29
Imagen:ÁLVARO BALLESTEROS
Santiago de Compostela

Down Galicia favoreceu case 130 empregos o último ano, e Cogami 96 a través dunha serie de iniciativas de TIC

  • Down Galicia asegura que case o 70 % das persoas usuarias do seu programa tiveron unha oportunidade no ámbito laboral o ano pasado

O emprego con apoio, que ofrece acompañamento de persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual durante o seu proceso de integración socio-laboral, favoreceu que 127 persoas do colectivo de Down Galicia contasen o ano pasado con polo menos un contrato de traballo en empresas ordinarias. Foron 50 de Vigo, 16 de Pontevedra, 15 de Santiago e da Coruña, 12 de Ferrol e de Ourense, e 7 de Lugo.

«Este dato supón que case o 70 % das persoas usuarias do programa de Down Galicia tiveron unha oportunidade no ámbito laboral o pasado ano», destaca esta entidade.

Esta estratexia, que Down Galicia segue desde o 2002, permitiulles conseguir experiencia «en postos tan variados como presentador dun programa de televisión, auxiliar de masaxista, recepcionista, celador, técnico en educación infantil ou especialista na sección de electricidade dunha empresa de automoción, entre moitos outros», agrega.

Tamén a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e a Fundación Vodafone España conseguiron a inserción laboral de 96 das 150 persoas que participaron nunha iniciativa para favorecer o emprego a través das TIC (tecnoloxías da información e a comunicación). As actividades realizáronse nas sete maiores cidades de Galicia, e de onde procedían a maioría dos participantes era da Coruña (25) e Vigo (24). O 64 % de inserción alcanzada supera ao 48 % que se pretendía alcanzar, afirma Cogami.

25/01/201708:08
Portada do libro "Los nativos digitales no existen"
Santiago de Compostela

Sae á venda o libro "Los nativos digitales no existen"

Ante a crenza popular de que as persoas nacidas a partires da década dos 90 criáronse rodeadas de tecnoloxía como os ordenadores e os dispositivos móbiles dominan o uso das TIC non son poucos os que chegan a definilos como nativos dixitais para trazar unha fenda xeracional que consideran insuperable, por entender de que os coñecementos sobre a tecnoloxía dos máis novos nunca poden verse superados polos dos seus proxenitores e educadores, que chegan a entender que os rapaces nacen aprendidos, e non precisan que ninguén os forme axeitadamente en materias tecnolóxicas, o que claramente é unha falacia, e como tal Susana Lluna e Javier Pedreira Wicho decidiron xuntar a varios expertos e divulgadores para escribir un libro colaborativo co obxectivo desbotar o concepto de nativo dixital e así instar a acompañar aos máis novos na súa formación en tecnoloxías da información e a comunicación.

Os autores do libro, que hoxe mesmo chegou ás librarías españolas, sosteñen que as novas xeracións carecen de coñecementos, habilidades ou intereses especiais que os doten de certa superioridade no ámbito tecnolóxico, e na meirande parte dos casos podemos sorprendernos polo seu grao de descoñecemento máis aló de Instagram, Snapchat, YouTube ou o software para descargar contidos audiovisuais, non sendo raro atopar a moitos zoupóns coas TIC, xa que careceron da debida formación, de xeito que en vez de nativos dixitais, o máis correcto sería chamalos orfos dixitais.

Para abordar esta temática os colaboradores da obra (que publícase baixo licenza Creative Commons e doará os seus beneficios por dereitos de autor ao proxecto Mak3rs de Ayuda en Acción) achegan perspectivas moi diferentes, repartidas en dous grandes enfoques: o libro comeza explicando algúns conceptos básicos sobre o mundo que nos tocou vivir, e remata dando voz aos supostos nativos dixitais e a quen se encarga da súa formación nun sistema educativo que non sempre está preparado para tal desafío.

Os diferentes capítulos permiten que coñezamos máis afondo o que normalmente chamamos novas tecnoloxías (pese a non ser tan novas), desmontar a mentira da adicción á Internet, sexamos conscientes da importancia de estar presentes nas redes sociais ou incluso ter unha visión clara dos dereitos e deberes dos mozos na era dixital.

Este interesante e moi recomendable texto conta cunha grande participación galega, e así está coordinado polo mencionado Wicho, prologado por Enrique Dans e cun interesante capítulo sobre accesibilidade de Fátima García Doval, e precisamente a forte presenza galega nas páxinas de Los nativos digitales no existen levará a que o libro se presente en dúas ocasións diferentes na nosa terra: o 10 de febreiro no Airas Nunes de Santiago de Compostela e o 24 de febreiro no museo da Domus (A Coruña).

25/01/201707:55
Representantes das tres entidades organizadoras do Dico Summit
Santiago de Compostela

A Amtega, o Clúster Audiovisual e o Clúster TIC definirán unha estratexia conxunta para posicionar a Galicia no sector dos contidos dixitais

  • A directora da Axencia autonómica e os presidentes dos Clústers inauguraron hoxe o DICO Summit 2017, o primeiro evento internacional sobre contidos dixitais que se celebra en Galicia
  • O Foro enmárcase nas actuacións do Programa Viraxe TIC, subscrito polas tres entidades, que prevé unha liña de axudas con 3,7 millóns de euros para incentivar o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais
  • O hipersector TIC galego concentra máis de 3.200 empresas, dá emprego a preto de 20.000 persoas e achega o 2,3% do PIB

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o presidente do Clúster Audiovisual de Galicia (CLAG), Jorge Algora, e o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, lembraron que o DICO Summit é a primeira das actuacións do Programa Viraxe TIC, subscrito polas tres entidades o pasado mes de xullo para impulsar o sector dos contidos dixitais na Comunidade.

Mar Pereira sinalou que o seguinte fito do Viraxe TIC é a elaboración dun estudo para identificar as principais  oportunidades de negocio neste ámbito e analizar as perspectivas do sector ante as novas tendencias e os casos de referencia. Nunha segunda fase o Programa contempla a posta en marcha dunha liña de axudas dotada con 3.7 millóns de euros para incentivar o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais.

A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta lembrou que o hipersector TIC galego, que concentra máis de 3.200 empresas, dá emprego a preto de 20.000 persoas e achega o 2,3% do PIB, representa un sector de alto potencial, co que Galicia ten  posibilidade de posicionarse no sector dos contidos dixitais.

O presidente do CLAG, destacou que o contido en vídeo é o contido dixital que máis tráfico xera en España e o que máis crecerá ata 2020 só superado polo xogo online. Jorge Algora sinalou tamén que as novas plataformas dixitais achegan novas formas de distribución e, pola tanto, novas formas de amortizar as producións. Engadiu que agora toca explotar todas as novas posibilidades de negocio.

O presidente de Clúster TIC indicou que para a aproveitar as posibilidades que ofrece o sector dos contidos dixitais é preciso “pasar do técnico ao creativo, que son dous mundos que teñen que entenderse neste contexto”. Sinalou tamén que o papel dos tecnólogos neste ámbito é  dar soporte aos contadores de historias. Ademais, incidiu na importancia de apoiar o empendemento individual e de elaborar produtos pensando nun espectador global.

 

30 profesionais de referencia, showroom, networking e concurso de ideas

Ao longo de dúas xornadas, DICO Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por un lado, os paneis e intervencións de 30 entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.

A primeira das xornadas, que será inaugurada polo director do Igape, Juan Manuel Cividanes. centrase nos axentes implicados na creación, distribución e comercialización de contidos dixitais. O segundo día o foro abordará o impacto que os contidos dixitais están a ter noutros sectores produtivos. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, será o encargado de clausurar o evento.

Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.

 

25/01/201707:51
Emoplay Orange
Santiago de Compostela

Fundación Orange e CTIC presentan EmoPLAY

  • Unha solución tecnolóxica para axudar ás persoas con autismo a recoñecer e comprender emocións.

A Fundación Orange e CTIC presentaron EmoPLAY, unha solución dixital que axuda ás persoas con autismo a recoñecer expresións faciais e favorece a compresión das emocións. EmoPLAY é un programa de descarga gratuíta xa dispoñible para contorna Windows e proximamente estarao tamén para dispositivos con sistema operativo Android e iOS.

O proxecto, impulsado por a Fundación Orange, está desenvolvido por o CTIC Centro Tecnolóxico en colaboración, como Comité Científico, do Grupo de Investigación sobre Discapacidade (GID) da Universidade de Oviedo e a Doutora en Psicoloxía Pilar C. Zardaín.

Mediante unha webcam ou cámara integrada, EmoPLAY permite adestrar o recoñecemento de varias emocións a través das expresións faciais. Tras unha elección previa da emoción para traballar, e unha explicación tanto da expresión facial asociada como dunha situación onde aplicala, o usuario debe realizar os xestos que a determinan, por exemplo, sorrir para expresar alegría, e EmoPLAY analizará automaticamente a súa imaxe indicando se a expresión é adecuada ou non.

O programa permite traballar con distintas emocións como alegría, tristeza ou enfado, con configuracións personalizadas para, por exemplo, axustar a sensibilidade do algoritmo de recoñecemento (maior ou menor dificultade), asociar unha imaxe de contexto que axude a traballar a emoción ou modificar o reforzo dado ao usuario ou o tempo que se dispón para conseguir expresar a emoción, de 10 segundos a un minuto.

O traballo das emocións en moitas persoas con autismo é necesario, debido á súa dificultade na interpretación dos diferentes aspectos emocionais que interveñen na comunicación. Deste xeito, estas persoas presentan dificultades para poñerse no lugar dos demais e poder anticipar condutas, dada a dificultade para recoñecer as emocións a través das expresións faciais. EmoPLAY pretende contribuír, por tanto, a que poidan interpretar a correspondencia entre determinados xestos e a emoción asociada.

Durante o desenvolvemento do proxecto levouse a cabo un test-avaliación realizado por un total de 75 nenos e nenas con autismo, cuxa participación foi posible grazas á colaboración de asociacións e centros educativos tanto asturianos como nacionais e, mesmo, internacionais no caso dunha universidade arxentina. A validación realizada por estes nenos obtivo resultados amplamente satisfactorios, resaltando a súa facilidade de uso e o seu interese por seguir utilizándoa no futuro.

Por outra banda, os responsables das asociacións corroboraron o bo funcionamento do módulo de recoñecemento de emocións, cuxa eficacia fora xa comprobada previamente por máis de 185 nenos e nenas sen ningún trastorno do desenvolvemento diagnosticado.

25/01/201707:44
Accesibilidade TIC EEUU
EE.UU.

Estados Unidos actualiza a súa normativa de Accesibilidade das TIC

O Goberno de Estados Unidos publicou a modificación da súa normativa acerca dos requisitos de accesibilidade nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) recollida en dúas leis federais, co fin de actualizar o seu contido para satisfacer as necesidades de acceso ás persoas con algún tipo de discapacidade, ante os constantes cambios que se producen no sector das tecnoloxías.

O ‘Access Board' de Estados Unidos publica na súa web a actualización da normativa de Accesibilidade das TIC.

Os requisitos actualizados especifican as tecnoloxías ás que se refire e proporcionan requisitos técnicos e de rendemento para o hardware, o software e a documentación e os servizos de soporte. O acceso está dirixido a persoas con todo tipo de discapacidade, incluíndo aqueles relacionados con visión, audición, percepción de cor, fala, cognición, destreza manual e alcance.

Tal e como recolle o Portal da Administración Electrónica de España, a norma, que se publicará a finais deste mes no Rexistro Federal, reestrutura as disposicións para que se clasifiquen por funcionalidade en lugar de por tipo de produto debido ás capacidades cada vez máis multifuncionais dos produtos TIC. Tamén se realizan revisións para mellorar a usabilidade das TIC, incluída a interoperabilidade coas tecnoloxías de asistencia, e para aclarar os tipos de TIC cubertos, como os documentos electrónicos.

Harmonización coa Directiva sobre Accesibilidade das TIC en Europa

Esta actualización permite a harmonización dos requisitos de Estados Unidos coa normativa doutros países, entre elas, as da Comisión Europea, (a EN 301 509) e as Pautas de Accesibilidade para a Contido Web (WCAG) do World Wide Web Consortium (W3C), pautas recoñecidas internacionalmente, aínda que non de obrigado cumprimento.

A modificación reorganiza de maneira conxunta os requisitos de accesibilidade TIC recollidos na Sección 508 da Lei estadounidense de Rehabilitación e os recollidos na Sección 255 da Lei de Comunicacións.

A regra entrará en vigor nun ano, pero as normas da Sección 508, que se incorporan ás regulacións de adquisicións do goberno federal, aplícanse xa ás TIC adquiridas, desenvolvidas, mantidas ou utilizadas por Axencias Federais. As directrices da Lei de Comunicacións cobren teléfonos fixos e móbiles, buscapersoas, computadoras con módems, equipos de conmutación e outros equipos de telecomunicacións.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS