main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/12/201608:40
Google Maps para iOS.
Santiago de Compostela

Google Maps mostrará se os lugares son accesibles en cadeira de rodas

Google Maps segue recibindo funcionalidades, e é que o servizo de cartografía e navegación de Google converteuse nun indispensable na vida cotiá de máis dun, sobre todo porque conta coa potencia e o coñecemento do seu buscador, o que enriquece sen igual ao sistema de navegación, aínda que tamén ten os seus fallos, como todo neste mundo que nos rodea. Con todo, a última novidade de Google Maps encántanos a todos, e é que marcará se un lugar é accesible en cadeira de rodas, o que facilitará os plans aos usuarios con dificultades de mobilidade, ou mobilidade reducida.

Esta función que parece tan simple, pode ser vital no día a día destes usuarios aos que nos referimos. E é que estamos nunha época na que todos os lugares deberían ser accesibles para os usuarios con mobilidades reducidas, polo menos na medida do posible. Con todo, a realidade é bastante distinta, xa que nin tan sequera Metro Madrid é na súa totalidade accesible para os usuarios con mobilidade reducida, sendo un servizo de transporte público, pouco máis podemos esperar do resto de recintos privados.

Por agora esta función está a expandirse por Estados Unidos de América, onde está a ser realmente benvida. Google é unha empresa comprometida coa accesibilidade, sobre todo grazas ás súas políticas de integración de persoas con capacidades diversas na súa empresa. Mentres tanto, estas funcións que se atopan en desenvolvemento, iranse expandindo polo resto de lugares onde Google Maps teña posicionamento, facendo a vida máis fácil, non só a quen sofre de mobilidade reducida, senón tamén a familias con membros discapacitados e mesmo a pais e nais que teñen de portar o clásico carro para bebés, todo serán facilidades con estas novas funcións de Google Maps.

19/12/201608:15
Premiados dos Concurso de Proxectos Tecnolóxicos.
Ourense

Expourense e a ESEI premian tres proxectos tecnolóxicos smart

O 15 de decembro tiña lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense a entrega de premios da 16ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, proposta de Expourense e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense que quer galardoar os mellores traballos fin de estudos presentados por alumnado do eido tecnolóxico de Galicia e Portugal, salientando a transferencia dos resultados ao tecido produtivo. Desta volta os premiados foron os traballos fin de grao de tres egresados da Universidade de Vigo (graos de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e de Enxeñaría Informática): un dron para a medida da temperatura no perímetro de zonas afectadas por incendios forestais, unha aplicación para o seguimento cardíaco perante estímulos multimedia e un portal para a xestión de viñedos.

Ao acto de entrega de premios asistían: Francisco Javier Rodríguez (director da Escola Superior de Enxeñaría Informática); Jorge Pumar (vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense) e Cristina Álvarez (directora de Administración de Expourense). Indo aos traballos galardoados, o primeiro premio (300 euros) foi para o traballo fin de grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación de Alberto Novoa, de definición e construción dun RPAS ou dron, para a medida da temperatura no perímetro de zonas afectadas por incendios forestais e a avaliación da súa utilidade para a prevención de posibles reproducións. Con este sistema, nun escenario de por exemplo dez hectáreas o dron faría o percorrido do perímetro en 9 minutos e 40 segundos cun custo de 2,95 euros mentres unha persoa polo método tradicional faríao en 70 minutos e cun custo de 43 euros. O segundo premio (150 euros) foi para Javier Villalobos polo seu traballo fin de grao en Enxeñaría Informática Herba. Trátase, explicou, dunha “aplicación Android de monitorización cardíaca de persoas perante estímulos multimedia, como imaxes ou vídeos, ou mentres están realizando algunha acción ou estado”. A súa vantaxe é que, apuntou Villalobos, “ademais de obter información cardíaca ten en conta outro tipo de estímulos que xa achega a propia aplicación”.

O Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia Intelixente (400 euros), foi para Alba Nogueira polo seu traballo fin de grao Portal de xestión de viñedos. Un sistema para rexistrar as actividades dunha explotación vitícola, consultar datos meteorolóxicos próximos ao viñedo e xestionar a vendima e as ofertas de traballo vinculadas a el, entre outras cuestións.

16/12/201613:30
Hora do código.
Santiago de Compostela

O CPEIG, a ESEI e a FIC celebran este sábado a Hora do Código

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), a ESEI e a FIC lembráronnos hoxe as máis que completas actividades que teñen preparadas para celebrar a Hora do Código (Hour of Code), unha iniciativa que abrolla da entidade estadounidense Code.org e que ten como obxectivo ensinar á rapazada programación e as bases da Informática. E todo partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. O miolo das devanditas actividades celébrase este sábado, en Ourense da man do CPEIG e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) e na Coruña (da man da Facultade de Informática da Coruña e o CPEIG). En ámbolos casos haberá obradoiros dunha hora de duración para abordar diversos eidos relativos á construción das tecnoloxías.
 

En Ourense
En horario de mañá, celebraranse no dito centro de Ourense estes obradoiros: unha hora de código para os máis pequenos, robótica para o alumnado de ESO e Bacharelato, impresión 3D para todas as idades e obradoiros de drons para alumnado de Bacharelato. A previsión é que asistan 143 nenas e nenos ás diversas actividades, máis 60 acompañantes adultos.

A benvida institucional e os sorteos de kits de robótica, robots Zowi e lapiseiros 3D está prevista para as 11.50 horas, no salón de graos da ESEI. Asistirán Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense da UVigo, Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da ESEI, e Juan Otero Pombo, vicepresidente do CPEIG. Segundo lembra o colexio, as actividades da Hora do Código programadas polo CPEIG e a ESEI están deseñadas para un amplo abano de idades: dos 6 aos 17 anos. O obxectivo da iniciativa é estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación.Na

Coruña
A Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC) acolle este sábado 17 de decembro, de 11:30 a 13:30h, as súas celebracións da Hora do Código. Segundo informa a Universidade, uns cen escolares inscribíronse de balde para participar nesta actividade que ten como obxectivo “aprender conceptos fundamentais de programación, dispoñendo para iso de bloques lóxicos que, amoreándose nunha orde axeitada, poidan realizar unha acción concreta, como mover un personaxe nunha escena ou debuxar unha forma”.

Segundo engade a UDC, os participantes deberán acudir en compañía dun adulto serán distribuídos en grupos asistidos por un monitor que dirixirá e orientará as actividades. A Universidade tamén lles recorda a aqueles que non poidan acudir presencialmente que poderán participar a distancia a través de Code.org e probando algún dos titoriais dispoñíbeis: Minecraft, Star Wars, Frozen, e Flappy entre outros.

O evento da Universidade da Coruña está organizado polas facultades de Informática e Ciencias de Educación e a ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e os colexios profesionais de Enxeñaría en Informática de Galicia, de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia e de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia.

A Hora do Código
A Hora do Código a nivel internacional está organizada por Code.org, unha organización pública sen fins de lucro dedicada a promover as ciencias da computación en escolas e institutos, cunha especial atención en incrementar o número de mulleres e estudantes de colectivos minoritarios que aprenden a programar. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg.
Code.org é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.

16/12/201609:58
Momento da xornada.
Arteixo

Unha xornada abordou a innovación formativa que achegan as TIC

O mércores por a mañá no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre Telefónica e La Voz de Galicia organizaron unha xornada sobre innovación formativa no contorno dixital co que buscaban salientar o potencial dos MOOC (cursos en liña masivos en aberto) para a educación do futuro, repasando tanto o estado actual do e-learning como dando conta das oportunidades que aínda poden abrir estas tecnoloxías, especialmente en linguas distintas do inglés, onde queda moito por facer.

Abriu o encontro Manuel Alonso, director de Administracións Públicas Norte de Telefónica, a quen seguiu o consultor de formación da UOC, Toni Ramos, que foi o encargado de introducir aos presentes no concepto dos MOOC e no aproveitamento destas plataformas que fan dende a Universitat Oberta de Catalunya como unha fiestra ao mundo con contidos de balde que poden atraer a futuros alumnos a mestrados, de xeito que é un investimento que xustifica que numerosas entidades educativas de todo o mundo faciliten a formación en liña de balde na procura de rendementos económicos posteriores comercializando outros produtos ou, simplemente, mediante a oferta de certificacións da formación recibida.

Aínda que as plataformas de MOOC máis populares a nivel mundial son Coursera e EdX, Alonso asegurou que o idioma pode ser un atranco, de aí que escollesen como solución tecnolóxica a de Miríada X, que actualmente é líder mundial en fala non inglesa, o que confirmou Ángel González de la Fuente, responsable desta iniciativa promovida por Telefónica Educación Digital e Universia, que actualmente conta con máis de 3 millóns de alumnos, 2.300 profesores, 95 universidades, 580 cursos e máis de 12.000 horas de aprendizaxe dispoñibles, confiando en que estas cantidades medren de xeito importante nos vindeiros anos ante a popularidade que está a conseguir a formación en liña.

Motivar aos alumnos para completar os cursos en plataformas como Miríada X pode ser todo un reto, pero Ángel González considera que os resultados que están a acadar son moi bos, e destaca que este tipo de solucións educativas están mellor axustadas ás demandas do mercado que a formación regrada tradicional, para o que destacou o caso de Udacity, que consegue dar formación especializada en pouco tempo, de xeito que as empresas xa atopan a profesionais listos para traballar nos ámbitos que demandan, en vez de enxeñeiros que precisan de longos tempos de adaptación tras a súa formación académica. Amais, estas tecnoloxías facilitan a reciclaxe constante, de xeito que prevén que mude o xeito de enfocar a educación no futuro. González adiantou que dende Miríada X teñen previsto ofrecer certificacións oficiais dos seus cursos en liña a partires do ano que vén, para o que sería preciso superar certas probas, o que podería dar un importante empurrón a este modelo educativo, xa que os alumnos terán un xeito fiable de demostrar os coñecementos adquiridos, e en moitos casos incluso poderían convalidalos con, por exemplo, parte dos créditos dun mestrado presencial.

Para rematar a quenda de relatorios a especialistas en e-learning da USC, Carmen Fernández Morante, fixo un repaso do ensino electrónico, salientando as súa vantaxes (como a democratización do acceso ao coñecemento) e insistindo nas súas eivas, que parten en boa medida das inercia que teñen as entidades educativas actuais. Considera así que é preciso pasar dunha formación pasiva a unha interactiva, e subliña que o coñecemento non só hai que transmitilo, senón que hai que experimentalo mediante a colaboración. Non esqueceu facer un repaso de casos de éxito galegos, como Aula CESGA ou Netex.

Tras as charlas, celebrouse unha mesa redonda cos tres relatores, moderada polo director de La Voz de Galcia, Xosé Luís Vilela, quen rematou dando paso á clausura da xornada, que correu da man da directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, e do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González.

16/12/201609:50
Fotografía de María Carreira do encontro
Santiago de Compostela

Unha mesa de debate reflexionou sobre a falta de mulleres no ámbito das TIC

López Abella moderou onte por a tarde unha mesa de debate baixo o título Moi poucas mulleres en TIC: causas e consecuencias, que contou coa participación de Mar Pereira, directora da AMTEGA, Amparo Alonso, presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, Íñigo Cuíñas, director da escola de enxeñaría de Telecomunicación da Uvigo e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

A secretaria xeral de Igualdade asegurou que o crecemento intelixente precisa do aproveitamento do talento e a capacidade innovadora das mulleres novas mediante a súa incorporación aos estudos e profesións relativos ás TIC, salientando na súa introdución ao debate que hoxe en día, aínda que o acceso á tecnoloxía e o uso das súas aplicacións é cada vez máis doado e intuitivo, segue existindo unha fenda dixital de sexo que é «un problema» xa que a habilidade para utilizar Internet é cada día máis necesaria, tanto para obter mellores resultados académicos coma para conseguir mellores postos de traballo e realizar mellor a nosa actividade laboral. Por iso é fundamental ter unha motivación e un interese para achegarse ás TIC.

As razóns polas que o porcentaxe de rapazas estudantes nas TIC é baixo son múltiples: destaca a falta de coñecemento das opcións dispoñibles no mundo das TIC, a falta de modelos próximos e de proxectos divertidos e interesantes no ámbito escolar, que teñan unha compoñente de xénero.Pola súa banda, a directora da AMTEGA indicou que a proporción de emprego entre homes e mulleres no sector TIC galego é de dous homes por cada muller traballadora, unha tendencia que se vén mantendo nos últimos anos, ao igual que no resto de Europa, e que se percibe xa desde o bacharelato. Fronte ao 46% dos mozos que optan polo Bacharelato Científico-Tecnolóxico, unicamente un 33% das rapazas o elixen, segundo datos do Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia, presentado o ano pasado.

Mar Pereira sinalou que cambiar estas tendencias non depende de accións puntuais senón do esforzo moitos axentes implicados, desde o ámbito educativo, familiar, da Administración ou do propio sector. Ademais, a responsable autonómica fixo fincapé na necesidade de incrementar as vocacións tecnolóxicas en Galicia. Na Comunidade só 8,5% dos alumnos matriculados no sistema universitario galego cursa carreiras do ámbito científico tecnolóxico. Algo que contrasta co alto índice de empregabilidade e a alta demanda destes perfís profesionais. A Unión Europea prevé a creación de preto de 900.000 empregos tecnolóxicos de aquí a 2020.

Esta mesa de debate pon fin ao ciclo de conferencias e mesas de debate sobre Tecnoloxías da Información e das comunicacións: o futuro xa chegou, organizada pola Real Academia das Ciencias e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS