
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Onte, 7 de febreiro, celebrouse unha data que nos colle de preto, o Día Internacional da Internet Segura (Safer Internet Day), e o noso Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) non quere deixar pasar a ocasión para lembrarnos a importancia de lograr as condicións máis axeitadas para que as novas xeración lles tiren o mellor proveito posible ás novas tecnoloxías da información. E faino lanzando a primeira convocatoria, xunto coa Consellería de Cultura e Educación, do Concurso Literario Infantil sobre Protección de Datos. O certame vai dirixido a rapazas e rapaces de 1º a 4º de ESO, ambos cursos inclusive, estudantes en centros escolares sostidos con fondos públicos de Galicia. O prazo para participar remata ás 15.00 horas do 28 de febreiro.
O obxectivo final do concurso é “contribuír a que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade”. Tanto a Xunta coma o CPEIG consideran que “cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.
Dentro dos requisitos da convocatoria, amais de estar cursando os estudos devanditos, o xénero literario será o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blog ou artigo de divulgación), conto ou relato curto. Como liñas condutoras destes traballos pódense considerar as seguintes, sen ficaren limitadas:
Segundo informa o CPEIG, o referente será o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
Galardóns
Ao abeiro deste certame, entregaranse dous premios: un para a categoría 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4ºde ESO: tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Asemade, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, deu a coñecer hoxe o novo deseño do portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. O acto, ao que asistiu tamén a responsable deste departamento autonómico Cecilia Vázquez Suárez, tivo lugar nas dependencias administrativas de San Lázaro.
Rey Varela explicou que a finalidade da renovación deste portal “é que esta ferramenta dixital siga a ser unha fonte referente de información sobre os distintos programas, recursos e servizos a disposición dos mozos e mozas de Galicia en particular e de calquera usuario en xeral”. Ao respecto, engadiu que a nova páxina web “é un instrumento áxil, adaptado ás tendencias de deseño actual e que pretendemos sexa un paso máis na mellora da interactividade da mocidade e na operatividade do portal”.
Ademais, o titular da carteira de Política Social manifestou que co redeseño da web da Dirección Xeral “pretendemos chegar máis e mellor aos rapaces e rapazas a través dun medio de traballo e comunicación como é internet, e que hoxe é común, cotián e prevalece nos hábitos da xente nova”. Neste sentido, apuntou que o estudo titulado ‘A mocidade e as TIC” `presentado o pasado mes de novembro pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) reflicte que o uso de internet entre os mozos e mozas con idades entre os 16 e os 34 é practicamente universal, situándose no 96%.
No que atinxe ás melloras no portal de Xuventude, unha das principais é a proposta responde a un deseño responsable, é dicir, que se adecúa a calquera dispositivo de acceso e atende aos cambios nas tendencias de navegación. De feito, no deseño se tivo en conta que un 27% dos usuarios conéctanse á plataforma dende un dispositivo móbil; un 5% dende unha tableta e un 68% dende un ordenador.
Outras novidades son que se reorganiza a información segundo as preferencias dos usuarios e os contidos máis vistos e se reforzan os criterios de busca, o que facilita a procura de información dun xeito máis áxil e doado. Así, as sección máis visitadas son, por esta orde: novas e anuncios, acción de verán, Carné xove, bolsas e axudas, e emprego. Así mesmo, o portal mantén como elemento central a información sobre os distintos programas e recursos da propia Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e ademais visualízase a actividade que levan a cabo os distintos axentes que traballan no eido da xuventude en Galicia: Espazos Xoves, Oficinas Municipais de Información Xuvenil, Correspondentes Xuvenís, etc.
En canto a potenciación dos criterios de busca, destacáronse tres: por franxa de idade, por localización xeográfica e por programas. Para isto tívose en conta que o acceso ao portal web por parte dos usuarios lévase a cabo nun 25% a través de buscadores –principalmente Google-; un 31% por redes sociais e un 38% mediante o acceso directo á web de Xuventude. Ademais as franxas horarias de mañá e de tarde durante as que se realizan máis visitas son: de 12:00 a 13:00 e de 20:00 a 23:00 horas. E, por outra banda,como cabe supoñer, o 78% do tráfico da web procede de Galicia.
E unha cuarta novidade fundamental do novo portal de Xuventude é a incorporación de twitter e a creación dun perfil en instagram, dúas redes sociais moi utilizadas pola mocidade.
Influencia das plataformas de Xuventude na rede
O responsable da área social do Goberno galego ofreceu datos sobre a cada vez maior influencia da páxina web e das plataformas sociais da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Así, dende o ano 2009 o portal ten un incremento anual de case o 9% no número de usuarios, e dun 4,5% anual de aumento de visitas.
De feito, durante o período que comprende do ano 2009 ao 2017, visitaron a páxina un total de 2.772.374 usuarios, que chegaron a realizar máis de 6,3 millóns de visitas a 15,2 millóns de páxinas. Soamente durante o pasado mes de xaneiro, a web recibiu un total de 35.252 visitas, realizadas por un total de 23.177 usuarios, un 61% deles novos con respecto ao período anterior. Ademais, estes mais de 23.000 usuarios chegaron a 95.216 páxinas dentro de www.xuventude.net, unha media de 2,7 páxinas por persoa que dedicaron sobre dous minutos e medio á súa navegacion.
Así mesmo, as publicacións da páxina oficial da Dirección Xeral de Xuventude en facebook (www.facebook.com/xuvetude.net) acadaron durante o mes de xaneiro un alcance de preto de 8.800 persoas cada día. A 31 de xaneiro, o facebook de Xuventude tiña 14.621 seguidores, 217 máis que ao comezo do mes.
E. por último, dende o perfil de Xuventude en twitter (@xuventude) publicáronse 345 novas mensaxes en xaneiro, ata chegar ós 31.172 tweets enviados, conseguindo captar 59 novos seguidores e acadando a cifra de 8.816 seguidores que ven e comparten as publicacións de Xuventude en twitter cada día.
Onte, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Internet Segura (Safer Internet Day), presentouse en Madrid unha ambiciosa iniciativa para protexer ás novas xeracións na Rede. Trátase do Centro de Seguridade en Internet para Menores, Internet Segura for Kids. Trátase, explicou o ministro Álvaro Nadal, dunha plataforma en liña xestionada polo INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade) que salienta por fornecer asesoramento e asistencia aos menores e as familias co fin de evitar os problemas (acoso, ameazas, abusos de calquera índole) derivados dun mal uso das novas tecnoloxías. Asemade, subministraranse recursos aos educadores e aos profesionais do eido do menor. Para facer o máis efectiva posíbel a plataforma habilitarase un servizo de denuncia e un sistema de traballo en estreita colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Segundo fixo fincapé o ministro de Industria, farase especial fincapé en loitar contra o abuso sexual infantil. O servizo de denuncia e a liña de asistencia telefónica que o complementa estarán operativos no primeiro semestre deste ano. O Centro de Seguridade en Internet para menores en España vén da man da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información, Red.es e o INCIBE. O obxectivo desta iniciativa conxunta: “Promover o uso seguro e responsábel en Internet e as novas tecnoloxías entre os menores e a súa contorna”. Trátase, como explicou o ministro Nadal, dun recurso público que “axudará a ampliar os dereitos dos cidadáns, especialmente dos cidadáns máis desprotexidos que son os menores de idade”. Nadal lembrou, para facernos unha idea dos riscos aos que nos enfrontamos, que en España o 95,2% dos menores de idade son internautas habituais e o 70% dispón de teléfono móbil propio.
A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) e Fundación Vodafone España asinaron esta mañá un convenio marco para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción socio-laboral, que redunden en mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade física e orgánica. O acordo foi asinado polo presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga, e o director xeral de Fundación Vodafone España, Santiago Moreno.
Ambas as entidades prestarán especial atención ao ámbito da vida independente, vinculado á innovación tecnolóxica a favor da accesibilidade e autonomía da persoa con discapacidade física e orgánica.
COCEMFE e Fundación Vodafone España poderán realizar diferentes accións como o desenvolvemento de proxectos de innovación, aplicacións móbiles e experiencias piloto; accións formativas en novas tecnoloxías dirixidas á mellora da capacitación para a inserción laboral ou a organización de sesións de información-difusión.
“Con este convenio damos continuidade á estreita colaboración que Fundación Vodafone España mantén con COCEMFE para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade física e orgánica a través do acceso ás tecnoloxías da comunicación e a formación, dous alicerces básicos hoxe en día para mellorar a empregabilidade, e que para o noso colectivo son fundamentais para conseguir unha inclusión total en todos os ámbitos da vida”, destacou Anxo Queiruga, presidente de COCEMFE, durante a firma do acordo.
Na mesma liña, Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone España, resaltou “a importancia de ir da man dun aliado como COCEMFE para asegurar que a tecnoloxía se pon directamente ao servizo das necesidades dos usuarios finais, de forma que todo o seu potencial se enfoque plenamente a mellorar o seu día a día. Estamos moi orgullosos de todos os proxectos que viñemos desenvolvendo xuntos e esperamos con esta renovación poder seguir sumando na formación e a innovación en novas tecnoloxías”.
A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) é unha Organización non Gobernamental sen ánimo de lucro que se constituíu en 1980. O seu obxectivo é aglutinar, fortalecer, formar e coordinar os esforzos e actividades das entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade física e orgánica, para defender os seus dereitos e mellorar a súa calidade de vida. A Entidade congrega a máis de 1.600 organizacións divididas en Confederacións Autonómicas, Entidades Estatais e Federacións Provinciais que á súa vez, agrupan ás diferentes asociacións locais.
A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente dos colectivos vulnerables. Desenvolve proxectos de innovación tecnolóxica que facilitan a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos. Promove programas de formación e accesibilidade con diversas Universidades españolas dirixidos á investigación en TIC, á excelencia docente e á integración dos alumnos con discapacidade. Outros obxectivos son a difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións, cursos e seminarios.
A Asociación Jovesolides e a Rede Creactiva presentaron hoxe aos medios o III Foro Internacional de Innovación Social que se celebrará na cidade de Valencia os próximos 30 e 31 de marzo. O Foro celebrarase na Universidade Politécnica. e contará coa presenza de preto de 30 relatores de distintos países da Unión Europea, África e América e reunirá a preto de 300 asistentes nun Foro que se converteu nun referente internacional da Innovación e o Emprendemento Social.
Baixo o lema "Descobre, comparte e reinventa”, o Foro chega avalado polo éxito das dúas anteriores edicións nas que máis de 500 persoas viviron a experiencia de dous intensos días dedicados a descubrir ideas para o cambio, compartilas e con elas reinventar a realidade social que nos envolve.
Nesta ocasión o III Foro Internacional de Innovación Social contará cun total de 10 relatorios, 1 Gigalab (espazo experimental no que se abordará un reto social a través dunha metodoloxía innovadora), 300 asistentes, 30 voluntarios e voluntarias, e 30 startups.
“Coa celebración deste Foro desexamos que a innovación social gañe en visibilidade fronte á cidadanía porque é unha ferramenta de empoderamento”, sinalou Lourdes Mirón, presidenta de Jovesolides. “E tamén queremos conseguir maior implicación por parte da Administración Pública no proceso da innovación social”.
Tres son os obxectivos principais do encontro. Por unha banda, mostraranse as novas tendencias no ámbito da innovación social e o emprendemento social a través dos relatorios e mini relatorios internacionais. Tamén se facilitará o networking entre as persoas asistentes co fin de conseguir un intercambio produtivo, e a posta en común de proxectos sociais innovadores. E por último favorecerase a inspiración colectiva.
Na presentación do Foro ante os medios interveu tamén a directora da Cátedra Cidade de Valencia, Julia Salom quen destacou que “a innovación social non é algo novo senón que nace para responder ás problemáticas sociais desde a creatividade e é importante incidir en que a innovación non é só innovación tecnolóxica ou empresarial”. Ademais, contouse co testemuño de Carolina Serrano, integrante da ‘Colmea que di si', unha iniciativa de consumo que facilita a venda directa entre produtores locais e comunidades de consumidores, chamadas Colmeas. Unha experiencia que comezou en 2011 en Francia e xa conta con 900 colmeas en países como Francia, España, Bélxica, Italia, Alemaña e o Reino Unido.