main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/02/201712:32
Bastón co-robótico.
Santiago de Compostela

Innovacións que permiten mobilidade aos cegos

  • Estas innovacións teñen como obxectivo axudar ás persoas con perda de visión a realizar tarefas diarias máis facilmente, desde percorrer un edificio de oficinas ata cruzar unha rúa, moitas das cales aproveitan a tecnoloxía que permite aos computadores recoñecer e interpretar o complexo fornecido de imaxes, obxectos e comportamentos da contorna.

 

Ter pouca visión significa que, mesmo con anteollos, lentes de contacto, medicamento ou cirurxía, as persoas atopan que as tarefas diarias e que aparentemente son sinxelas, resúltanlles difíciles e ata imposibles de realizar.

Pode afectar a moitos aspectos da vida, desde camiñar en lugares concorridos ata ler ou preparar unha comida. Estas son algunhas tecnoloxías en desenvolvemento que apuntan a diminuír o impacto da baixa visión e a cegueira.

Bastón co-robótico

Aínda que os dispositivos de asistencia baseados ​​en GPS poden guiar a alguén ata unha localización xeral como un edificio determinado ou unha dirección, o GPS non axuda a atopar unha oficina específica; con todo, este bastón co-robótico pode proporcionar retroalimentación sobre o ambiente circundante do seu usuario para guialo con precisión.

O prototipo ten unha cámara computarizada 3-D para "ver" en nome do usuario. Tamén ten unha punta de rodete motorizada que pode propulsalo cara unha localización desexada, permitíndolle seguir a dirección do bastón.

Ao longo do camiño, o usuario pode falar por un micrófono e un sistema de recoñecemento de voz interpreta comandos verbais e guíao empregando un auricular inalámbrico. O computador analiza a información tridimensional en tempo real e alerta dos corredores e as escaleiras.

Tamén calibra a localización dunha persoa no edificio medindo o movemento da cámara, usando un método de visión por computadora, que extrae detalles dunha imaxe actual capturada pola cámara e compáraos cos das imaxes de anteriores visitas que garda na memoria.

Luva robótica

As portas pechadas representan outro reto para as persoas con baixa visión e cegueira. Para axudar a alguén con baixa visión a localizar e agarrar obxectos pequenos máis rapidamente existe un dispositivo espacial: unha luva cunha cámara e un sistema de recoñecemento de voz, que permite ao usuario usar comandos de voz. Ao dicir "picaporte", "cunca", ou "botella de auga", a luva guía a man do usuario a través de mensaxes táctiles ao obxecto desexado.

Luva electrotáctil

Este sistema táctil híbrido comprende unha serie de pasadores cilíndricos que envían un estímulo mecánico ou eléctrico. O estímulo eléctrico excita os nervios na pel da man para simular o sentido do tacto, mentres os catro pasadores cilíndricos alíñanse á lonxitude do dedo índice. Un por un estes pulsan o dedo nun patrón determinado que indica cara a onde debe moverse a man.

08/02/201709:47
Cartel da xornada.
Vigo

O CDTIC da Amtega celebra este xoves en Vigo unha xornada sobre a xestión dunha tenda en liña con Wordpress e Woocommerce

  • A sesión desenvolverase o 9 de febreiro na aula CeMIT de Vigo
  • A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do Centro Demostrador TIC

 

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza o xoves, 9 de febreiro, unha sesión demostradora que leva por título “Xestiona o teu negocio en liña con WooCommerce e WordPress” (https://cdtic.xunta.gal/woocommerce-vigo) e que terá lugar na aula CeMIT de Vigo en horario de 16.15 a 19.15 horas.

Esta actividade mostraralles aos asistentes as vantaxes que ofrece WooCommerce para xestionar as vendas en liña fronte a outras ferramentas, así como inicialas nas funcións principais da aplicación. Así, ao longo da sesión ofreceranse indicacións sobre a súa instalación, sobre a xestión de produtos, sobre os módulos de envío ou sobre os métodos de pagamento, entre outros aspectos.

Esta sesión está destinada principalmente a pequenas empresas, autónomos e comerciantes que queiran manexar de forma individual o seu catálogo de produtos en internet. Encargarase de impartila Hacce Conversion&Design, unha empresa especializada en desenvolvementos web de comercio electrónico e presenza en liña, e deseño de interacción.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/woocommerce-vigo). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

 

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda o resto dos sectores empresariais galegos.

O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrar ás empresas e profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecer ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC ofrece ao sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos, servizos.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciada con fondos Feder.

07/02/201714:22
Logo Profesionais Dixitais Emprego Xove.
Online

Programa Profesionais Dixitais Emprego Xove

Dotado dun orzamento de 20 millóns de euros en axudas, está dirixido a entidades que desenvolvan proxectos integrais de emprego para mozos no ámbito das TIC e da Economía Dixital.

O obxectivo do Programa é ofrecer aos mozos desempregados do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, unha formación orientada á industria dixital e aos novos modelos de negocio, para facilitar o seu acceso a postos de traballo que impulsen a transformación dixital das empresas.

Os interesados teñen ata o día 9 de marzo para presentar a súa solicitude a través da sede electrónica de red.es.

O importe mínimo da axuda é de 100.000€ por cada beneficiario e proxecto subvencionable asociado a cada grupo de rexións. O importe máximo da axuda é de 2.000.000€ por beneficiario en total.

Subvencionaranse proxectos de formación que ademais inclúan un compromiso de contratación de polo menos seis meses, para un mínimo do 30% dos alumnos que conclúan os programas formativos.

Para máis información sobre os requisitos das entidades beneficiarias, modalidades de axudas, proceso de selección ou prazos de solicitude:

Tamén podes poñerte en contacto connosco no teléfono 901 900 333 ou se o prefires a través do correo electrónico: convocatorias@red.es

 

Xornada Informativa

Mañá 8 de febreiro ás 10:30h, Red.es organiza unha Xornada Informativa sobre este programa de axudas que poderá seguirse a través de Twitter en @redpuntoes e cos hashtag:

#profesionalesdigitales

#empleojoven

07/02/201709:11
Cartel Uninnova.
Santiago de Compostela

Os Premios Uninnova da Fundación ONCE buscan a innovadores sociais en accesibilidade

A Fundación ONCE convocou a II edición dos Premios Uninnova, que pretenden fomentar e apoiar aos innovadores sociais que xeran proxectos en materia de accesibilidade para mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade. 

 

En función das bases do concurso, poden participar nesta convocatoria todas as persoas pertencentes á comunidade universitaria, ademais de emprendedores con ideas novas. 

 

Xunto á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, o xurado dos galardóns valorará aspectos tales como o grao de innovación da idea, ou a viabilidade, sustentabilidade e alcance do proxecto, que entre outras temáticas haberá de abordar as relacionadas coa accesibilidade na mobilidade, os edificios e o seu equipamento, o mobiliario urbano ou o márketing e o deseño universal.

 

A II edición dos Premios Uninnova conta con tres categorías: Idea, Proxecto e Produto ou Servizo. Na primeira delas encasillarase aos traballos cunha idea sobre un produto, ben ou servizo en materia de accesibilidade para mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade. 

 

Dentro do apartado Proxecto, englobaranse as propostas que ademais dunha idea inclúan un soporte en forma de proxecto e metodoloxía para levalas a cabo. E, finalmente, no denominado Produto ou Servizo terán cabida os traballos que describan unha idea, conten cun proxecto e metodoloxía para levala a cabo e cun plan de negocio “con xustificada viabilidade e sustentabilidade no tempo”.

 

Con respecto ao proceso de selección das candidaturas, realizarase en tres fases: Ideación, Validación de Ideas e Fallo do Xurado. Na de Ideación, os participantes, unha vez rexistrados, deberán promocionar a súa idea a través do Muro de Ideación, dispoñible en http://uninova.es.

 

Durante a fase de Validación de Ideas levarase a cabo unha preselección de tres propostas por categoría, que se analizarán na posterior, de Fallo do Xurado, onde se elixirá a unha das preseleccionadas para os apartados Idea e Proxecto. En canto á adxudicación do premio ao traballo gañador na categoría de Produto ou Servizo, farao o xurado dos Premios Discapnet, a partir dos preseleccionados.

 

Premios

Os traballos gañadores nas categorías Idea e Proxecto terán un certificado de recoñecemento por parte das entidades promotoras do concurso, a promoción e difusión do proxecto co soporte da Fundación ONCE e Uninnova e, no caso da proposta do apartado de Proxecto, a súa validación con usuarios finais.

 

A proposta gañadora na categoría de Produto ou Servizo será galardoada co Premio ao Proxecto de Emprendemento de Accesibilidade (TIC Categoría C dos Premios Discapnet da Fundación ONCE ás Tecnoloxías Accesibles), que contará cunha dotación económica de 5.000 euros, que deberá destinarse integramente ao desenvolvemento do proxecto de emprendemento co que participou en Uninnova. 

 

Prazos

Os interesados en participar nestes premios, dentro da categoría de Ideas, teñen de prazo para inscribirse e promocionar a súa proposta ata o 31 de marzo de 2017, data a partir da que se revisarán as candidaturas como paso previo ao fallo do xurado, que deberá producirse antes do dos Premios Discapnet.

07/02/201708:52
Logo ProFuturo.
Santiago de Compostela

Preséntase o proxecto ProFuturo ante a ONU

  • César Alierta, que foi nomeado o pasado 12 de decembro Asesor Global da ONU para promover a educación dixital, presentou ProFuturo na sede de Nacións Unidas e asegurou unha educación dixital de calidade.

 

Tras o seu recente nomeamento como Asesor Global do Fondo ODS da ONU en Educación Dixital e Desenvolvemento Sustentable, César Alierta visitou este venres 3 de febreiro a sede de Nacións Unidas en Nova York. O directivo e líder do mundo empresarial tecnolóxico, quen ata 2016 foi presidente executivo de Telefónica, asesorará ao Fondo para os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU sobre como o uso de tecnoloxías da información pode contribuír a incrementar o acceso á educación para millóns de nenos e nenas. Esta colaboración enmárcase no proxecto ProFuturo, unha iniciativa da Fundación Telefónica e a Fundación Bancaria “La Caixa” que aspira a mellorar a educación de máis de 10 millóns de nenos e nenas en 2020 en África, América Latina e Asia, co obxectivo de reducir a desigualdade no mundo.

A visita coincide coa Comisión de Desenvolvemento Social da ONU, que se reúne esta semana en Nova York, e que está a revisar estratexias para a redución de desigualdades. Nun almorzo con representantes de gobernos, sector privado e Axencias da ONU no Instituto para a Paz Internacional organizado polo Fondo ODS, Alierta explicou precisamente que a educación e a tecnoloxía son unha “panca de transformación e mellora das oportunidades de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade”. Lembrou que o 65% de nenos e nenas que inician hoxe a educación primaria, ocuparán postos que aínda non se crearon, e que terán que ver coa adquisición de competencias dixitais. O acceso a unha educación de calidade é o Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 4 e foi aprobado en Nacións Unidas como parte da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable para o período 2016-2030. Así mesmo, Alierta recalcou a necesidade de que institucións públicas e empresas privadas se unan co fin de acabar coas desigualdades, reducir a fenda educativa e conseguir así erradicar a pobreza no mundo.

Tecnoloxías da educación para a inclusión social

Nun mundo no que se estima que máis de 50 millóns de nenos non están escolarizados, e que 24 millóns nunca pasarán por unha escola, a educación dixital, entendida como o uso das tecnoloxías da información para ofrecer contidos de calidade dun modo accesible, pode permitir avanzar os niveis educativos nos lugares máis remotos e nos contextos máis vulnerables. Este é o caso por exemplo de zonas en conflito, onde vive a maior parte da poboación infantil non escolarizada.

Como exemplo, César Alierta, describiu a experiencia de ProFuturo en campos de refuxiados, onde a través dun piloto e o uso de tecnoloxía sinxela, o proxecto está a permitir que familias poidan continuar coa súa educación e adaptala ao contexto e experiencia específica de persoas refuxiadas. “O proxecto permitiu adaptar o currículo, formar a docentes e afrontar os problemas de infraestruturas“, aclarou.

Así mesmo, Alierta recalcou que a tecnoloxía asegura o acceso a unha educación de calidade a calquera persoa en calquera lugar do mundo porque “incrementa a motivación dos alumnos, reduce a taxa de abandono, proporciona ferramentas aos profesores e prepara aos estudantes nas competencias e habilidades do Século XXI”.

Por este motivo, ProFuturo nace coa misión de proporcionar “as mesmas oportunidades a nenos e nenas en contornas vulnerables a través dunha educación de calidade, personalizada e innovadora que logre transformar a súa aprendizaxe e proporcionarlle ferramentas para o futuro”. “Estamos convencidos de que temos a mellor oportunidade de usar a tecnoloxía para acelerar o desenvolvemento e o benestar social dos cidadáns a través da educación dixital”.

 

Un proxecto presente en dez países de América Latina e África

ProFuturo nace coa vocación de transformar a educación de 10 millóns de nenos en 2020 e actualmente conta con proxectos activos en dez países, entre os que se atopan Angola, Uganda, Colombia, Perú, Kenia, Tanzania e Guatemala. Ademais, xa son 326 escolas e preto de 1.500 profesores os que están a implantar o modelo educativo dixital e personalizado de ProFuturo e ao redor de 3 millóns de nenos os que recibiron unha educación dixital de calidade a través dos programas de educación da Fundación Telefónica.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS