
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A casa intelixente, accesible e sustentable posta en marcha por a Fundación ONCE percorrerá outras 16 cidades españolas durante os próximos meses para demostrar a técnicos e á sociedade en xeral, que a accesibilidade é positiva para todos e que, ademais, non está rifada co bo gusto.
Trátase da segunda parte dun proxecto que en 2016 percorreu un total de 15 cidades. Agora a vivenda, aloxada nun tráiler, viaxará durante os meses de febreiro a xuño. O percorrido arrincará o venres 10 de febreiro en Palma de Mallorca e está previsto que conclúa o 1 de xullo en Vigo.
A vivenda, de máis de 100 metros cadrados, é unha iniciativa da Fundación ONCE posta en marcha no marco dun convenio subscrito co Real Padroado sobre Discapacidade, que pretende mostrar aos seus visitantes as posibilidades de construción e dotación de mobiliario nunha casa intelixente, accesible e sustentable, á vez que ofrecer solucións técnicas e tecnolóxicas a problemas de accesibilidade.
Para José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, o obxectivo da iniciativa é demostrar a técnicos e cidadáns en xeral que a eliminación de barreiras e o deseño para todos son dúas realidades posibles ás que debe tender a sociedade para contribuír á consecución da plena cidadanía de todas as persoas.
A estancia está pensada para que a visiten profesionais do sector da edificación, escolas de deseño industrial, empresas relacionadas coa construción, o urbanismo, a accesibilidade e a domótica, administracións públicas, asociacións de persoas con discapacidade e sociedade en xeral.
Dotada de salón, cociña/comedor, dormitorio, baño e hall de entrada, a casa concibiuse baixo os criterios de confort, adaptación ás necesidades dos seus habitantes, facilidade de uso, seguridade, sustentabilidade e, por suposto, o da estética.
En 2016 preto de 30.000 persoas visitaron a casa ao seu paso por Madrid, Pamplona, Logroño, Bilbao, Santander, Xixón, A Coruña, Valladolid, Badaxoz, Sevilla, Murcia, Albacete, Valencia, Zaragoza e Barcelona. Nesta segunda fase do proxecto -que fará de novo parada en Madrid, Valencia e Barcelona- poderán vela en Palma de Mallorca, Málaga, Santa Cruz de Tenerife, As Palmas de Gran Canaria, Xerez, Cáceres, Salamanca, Toledo, Granada, Cartaxena, Alacante, Lleida, San Sebastián, Oviedo, Santiago de Compostela e Vigo.
Celestino García, vicepresidente corporativo de Samsung España, foi o encargado de entregar o cheque a Toñy Gimón, representante da Federación Española de Cancro de Mama (FECMA). “Aproveitando a familiaridade das mozas novas cos dispositivos móbiles, o noso propósito foi apoiar que unha app proporcione información útil e práctica sobre hábitos saudables, avalada polos expertos na loita contra o cancro de mama, e contribuír á detección precoz da enfermidade”, declarou Celestino García.
Co apoio de Samsung e a colaboración da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), FECMA desenvolveu a aplicación móbil informativa cuidAPPlas, avalada polo Grupo GEICAM de Investigación en Cancro de Mama, cuxo obxectivo é achegar ás mulleres os hábitos de vida saudables e as principais recomendacións para a detección precoz do cancro de mama. A app cuidAPPlas permite ás usuarias seguir e rexistrar as súas citas xinecolóxicas, os resultados das revisións e mamografías, as datas do período menstrual, etc.
A actriz Miriam Giovanelli, unha das protagonistas do proxecto SMARTgirl by Samsung, exerceu como madriña da app para axudar a incrementar as descargas e concienciar ao público feminino sobre a prevención e a detección precoz do cancro de mama. O modelo rosa de Samsung Galaxy S7 edge foi así mesmo o smartphone imaxe da iniciativa.
CuidAPPlas está dispoñible para a súa descarga en Google Play, Galaxy Apps e App Store.
Segundo informou a compañía, a web trata temas relativos á Sustentabilidade (Ecoeficiencia, Economía creativa ou Responsabilidade social); Innovación (Internet das cousas, Novas tecnoloxías e Tendencias dixitais); Entretemento (Películas, series, videoxogos, libros e música); Identidade Dixital (Menores na Rede, familias conectadas, educación e competencia dixital); Comportamento (ciberbullying, relacións online, saúde, sexualidade e cidadanía dixital); e Seguridade (contidos inapropiados, cibercrímes, dereitos de autor, protección na internet e privacidade).
Neste sentido, sinalou que dialogando.com é un portal global de contidos, no que os seus usuarios acharán "opinións, argumentos e consellos acerca de numerosas temáticas de actualidade como o móbil ao volante, a privacidade na internet, o lecer dixital, a relación dos menores coa tecnoloxía, ou as novas ferramentas dixitais".
Deste xeito, a compañía indicou que un comité de expertos discutirá e analizará mediante artigos de opinión, reflexións, resultados de informes e outros textos e contidos audiovisuais, as cuestións como o ciberacoso, a ciberseguridade, a hiperconexión ou o lixo electrónico, entre outras.
Respecto dos colaboradores, avanzou que contará con Diana González, especialista en educación e TIC da Escola de Tecnoloxía do Planetario de Pamplona; María Zabala, xornalista e especialista en familia, menores e tecnoloxía; Ofelia Tejerina, avogada TIC e doutora en Dereito Constitucional; e Urko Fernández, director de proxectos de PantallasAmigas.
"Con esta iniciativa, Movistar quere promover o bo uso da tecnoloxía en todos os usuarios, desde os máis pequenos, ata as persoas maiores, e conseguir que Dialogando sexa a web de referencia sobre contidos de uso responsable TIC", asegurou.
Doutra banda, aclarou que é un portal accesible para persoas con discapacidade audiovisual e auditiva e está xa dispoñible en portugués e español, coas adaptacións locais para algúns países de Latinoamérica.
Dialogando é un proxecto desenvolvido por Telefónica S.A. e VIVO Brasil (www.dialogando.com.br) e España é o segundo país no que se lanza, despois do país carioca, aínda que o site implantarase en Venezuela e Colombia nos próximos días e de maneira progresiva noutros once países do Grupo: Arxentina, Chile, Costa Rica, Ecuador, O Salvador, Guatemala, México, Nicaragua, Panamá, Perú e Uruguai.
Onte presentáronse na Casa das Campás de Pontevedra os obradoiros dunha iniciativa da que falamos os días pasados, salientando o seu importante obxectivo de fortalecer o galego nas redes sociais e entre as novas xeracións e destacando, tamén, o feito de ser unha proposta impulsada por múltiples entidades (as nosas tres universidades e unha manchea de concellos). Trátase dos cursos de Youtubeir@s, o concurso de vídeos galegos e en galego, destinado a facer que a Rede sexa un pouco como a nosa casa e unha xanela para que os demais nos vexan. Segundo fixeron saber onte o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, dúas das entidades co-impulsoras, trátase de facer fincapé na xuventude, a futura depositaria do galego.
Na presentación da media ducia de obradoiros, que comezan esta semana, participaron Alberto Oubiña Piai, concelleiro de Normalización Lingüística en Pontevedra e Manuel Morquecho, director da área de Extensión Cultural do Campus de Pontevedra. Segundo recalcaron, o reto consiste en “encher a Rede de vídeos en galego”. E non dun xeito calquera, senón de maneira “dinámica e entretida”. Oubiña e Morquecho tamén lembraron que ao abeiro do dito concurso existen dúas categorías, Vídeo-facermos e Vídeo-opinarmos, dotados con premios de 1000 euros, así como catro mencións honoríficas de 500 euros. Toda esta información, recordaron, está na páxina web da iniciativa, youtubeiras.gal.
Polo que atinxe aos obradoiros, achegan vinte prazas e artéllanse en dúas sesións. Na primeira sesión formativa, dunha hora de duración, abordaranse os consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara dos dispositivos móbiles e consellos para transmitir as mensaxes no vídeo (guión). Na segunda sesión formativa, de dúas horas de duración, editarase o material e aprenderase a subilo a YouTube. “Entre ambas as dúas sesións”, dixeron, “hai unha semana durante a que o alumnado poderá traballar nos seus vídeos, con asistencia en liña para calquera dúbida que poda xurdir ata antes da segunda sesión formativa”. En Pontevedra haberá seis obradoiros formativos organizados pola área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. O primeiro, o 8 e o 15 de febreiro, será na Facultade de Ciencias da Comunicación. O segundo, o 8 e o 15 de marzo, será na Casa das Campás. O terceiro desenvólvese os días 13 e 20 de marzo, no Centro Social do Gorgullón (colabora a Asociación de Veciños Eduardo Pombal). O cuarto, o xoves 30 de marzo e o 6 de abril, é na Casa da Cultura de Lérez (colabora a Asociación San Bieito de Lérez). Os obradoiros quinto e sexto serán actividades dirixidas ao alumnado dos IES de Pontevedra: o 15 e 22 de febreiro para o IES Sánchez Cantón e os días 16 e 23 de febreiro para o IES Torrente Ballester. As accións formativas estarán impartidas pola produtora audiovisual Illa Bufarda. Con elas, díxose na presentación de onte, “búscase achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesíbel o uso das redes socias e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións”.
Como deben ser os vídeos
Os vídeos deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons (licencia aberta, feita para produtos que se queren compartir e co requisito de acreditar de autoría), producidos en galego e estar habilitados na rede social YouTube. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos (para videotitoriais que amosen como facer cousas) e Vídeo-opinarmos (para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema.
Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.
Youtubeir@s”, fixeron saber os organizadores do certame a respecto dos seus obxectivos, “ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo, a segunda con meirande nivel de uso despois de Facebook, e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos”. Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
O pasado mes de xuño o espazo de coworking Sende en Lobeira (Ourense) acolleu o primeiro Hackathon For Refugees organizado por Impact Hub Vigo e Espazo Arroelo para achegar ideas de impacto que dean resposta ás necesidades dos refuxiados e das organizacións que os axudan. Os proxectos nos que traballaron na primeira edición estaban Game for Change (unha plataforma tipo chat para conectar refuxiados con voluntarios, establecendo vencellos a través de xogos colaborativos), GPS Barcos (un sistema de xeolocalización baseado en dispositivos móbiles para monitorizar o seguimento de barcos) e Apoyo a Red Alert (un protocolo de coordinación de voluntarios).
En vista do éxito da primeira edición os seus organizadores preparan unha segunda, polo que convocan para os días 4 e 5 de marzo na sede do Impact Hub Vigo (na rúa Policarpo Sanz 21, 2ª), onde preténdese construír un ambiente de debate e intercambio de ideas no que crear sinerxías que permitan desenvolver solucións prácticas a problemas reais. A inscrición ao Hackthon for refugees está aberta a través de Ticketea e pretende congregar a programadores informáticos, activistas, xornalistas, creativos, avogados, estudantes, voluntarios e profesionais de ONG no desenvolvemento de solucións a favor dos refuxiados.
Quen desexe máis información sobre este encontro de participación altruísta pode visitar a súa páxina web oficial, na que detallan a iniciativa que ten marcado como obxectivo xuntar a 50 desenvolvedores para levar a bo porto 8 proxectos.