
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Fene está a organizar actividades para favorecer durante o ano en curso o que se coñece como envellecemento activo a través das novas tecnoloxías da información. Trátase do programa de accións Tardes Activas, un variado feixe de propostas que inclúe entre os seus bloques temáticos a introdución e o manexo das novas ferramentas, co fin de contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e, tamén, a ampliar a súa formación e os seus xeitos de empregar o tempo de lecer. Tardes Activas, que é un programa itinerante, vén da man da Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Fene. Prolongarase dende este mes de febreiro até decembro.
As Tardes Activas están estruturadas en catro obradoiros distintos. A veciñanza poderá participar neles de maneira indistinta, “mesmo aínda que non pertenzan á parroquia onde se impartan cando se trate de actividades itinerantes”. Un dos obradoiros trata sobre activación da memoria (“recomendable para persoas que teñen esquecementos cotiáns”, outro tratará sobre lembranzas (“traballando diferentes funcións cognitivas a través de recordar vivencias”) e outro xirará arredor dos recursos para manter a raia a aparición de demencias. A última actividade para a veciñanza da terceira idade é un obradoiro para aprender a empregar os teléfonos móbiles intelixentes, cos que, segundo sinala o Concello, “ademais de falar tamén se pode navegar por Internet, acceder ás redes sociais e mesmo dispor de aplicacións moi útiles a partir de certas idades”. O Concello, que lembra que neste caso é necesario que cada persoa leve o seu propio teléfono, sinala que este obradoiro desenvolverase nas mañás dos venres entre as 11 e as 13.00h. a partir do 24 de febreiro. O curso impartirase na aula de formación municipal situada na avenida Naturais de Fene nº 44, entresollado.
Hai dez meses botaba a andar o Centro do Coñecemento de La Molinera de Ourense, "un elemento dinamizador e promotor da creatividade, tanto desde o punto de vista persoal como profesional" e unha "xanela aberta á innovación, creatividade e incorporación das novas tecnoloxías", segundo palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Proba disto é que neste mes de febreiro La Molinera achegará obradoiros de robótica para nenas e nenos, formación en comunicación dixital para mozas e orientación para as persoas interesadas en montar unha empresa dixital.
Máis polo miúdo, as actividades programadas en La Molinera consistirán nun Networking Startup, que converterá á cidade en punto de encontro entre a mocidade, administracións, empresas e universidade; e a xornada Novas canles de empregabilidade, na que se abranguerán temas como a marca persoal e a vídeo presentación persoal.
Asemade, este espazo adicado ás novas tecnoloxías que é La Molinera quere abrir novos vieiros de traballo para a mocidade, e nesta liña insírese o programa Xoves inspiradores. Así, ao abeiro deste ciclo, os días 9 e 23 de febreiro haberá un obradoiro de argumentación e debate; mentres que o 16 de febreiro realizarase outro obradoiro de redes sociais.
En canto aos máis novos, están previstos os obradoiros: Team makers kids, adicado á robótica, programación e proxectos dixitais; e o obradoiro educacional Arquimakers-kids.
Alén disto, La Molinera abre o prazo para os cursos da aula CeMIT (que neste mes de febreiro estará centrada nos obradoiros de Deseño e Impresión 3D) e para a creación dunha tenda a través de Internet. Aproveitando a presentación dos cursos que se celebrarán en febreiro, este martes o alcalde de Ourense facía fincapé na participación de La Molinera na Semana Europea do Emprendemento, unha actividade que se realiza en máis de 40 países (do 6 ao 10 de febreiro), sendo Ourense e Pontevedra "as únicas cidades galegas" que participan neste foro.
Como un xeito de fomentar as vocacións científicas entre os máis novos celebráronse un par de encontros da FIRST LEGO League Galicia na que se xuntaron estudantes de primaria e secundaria con interese nas TIC e ganas de traballar en equipo para presentar un proxecto científico.
A FIRST LEGO League Galicia está organizada dende a Universidade da Coruña, e ao igual que en 2016 recalou na Facultade de Informática da Coruña, a edición de 2017, que terá lugar o vindeiro día 18, trasladouse até Ferrol, onde desenvolverase o torneo clasificatorio que facilitará o acceso á grande final da FIRST LEGO League España. O campionato está dividido en dúas grandes categorías por idade: a FIRST LEGO League Jr., para cativos de entre 6 e 9 anos, que non será competitiva; e a FIRST LEGO League ordinaria, na que participarán cativos de entre 10 e 16 anos acompañados por un adestrador. Esta última consta con proba de robótica, un proxecto científico e a demostración do desenvolvemento de valores como a cooperación, a valoración do traballo ben feito, o respecto do traballo dos demais...
Nos vindeiros días renovarán a páxina web do evento para incluír información sobre como participar nesta cita imprescindible para os interesados na tecnoloxía LEGO Mindstorms ou na introdución dos máis novos ao mundo da robótica.
Coincidindo significativamente coa celebración esta semana (o 11 de febreiro) do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, un evento mundial para lembrarnos os nomes concretos das grandes investigadoras da historia (amais de para espertar vocacións e tirar barreiras de xénero), a Deputación de Pontevedra vén de presentar a edición 2017 do seu programa Conectadas, unha iniciativa impulsada polo departamento de Igualdade e que ten como obxectivo mellorar a formación das mulleres, a súa empregabilidade e as súas posibilidades de botar abaixo atrancos de desigualdade. Conectadas 2017, informa a Deputación, está xa aberto ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres (poderán presentar as súas solicitudes até 9 de marzo). Un dos obxectivos básicos de Conectadas, como lembraremos, é facer que caian, un por un, os atrancos que separan ás mulleres das ferramentas en liña. A chamada fenda dixital de xénero.
Ademais, búscase favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias; contribuír a mellorar a empregabilidade e o mantemento no mercado de traballo; e superar os malestares das mulleres derivados da desigualdade de xénero, impulsando accións formativas que incorporen os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar. A Deputación de Pontevedra achega neste exercicio a cantidade de 324.000 euros, un orzamento un 1% maior có de 2016. A oferta inicial de cursos é de 270 (en 2016 ofertáronse inicialmente 267), puidéndose incrementar segundo o prezo definitivo da empresa adxudicataria do proxecto. As accións formativas de Conectadas 2017 suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: Muller emprende (emprendemento), Muller e cultura (adicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas(xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoais.
A Deputación de Pontevedra volve pór en marcha este proxecto ao considerar que “a formación é un instrumento imprescindible á hora de acadar unha igualdade real”.
A comisaria europea de Emprego, Marianne Thyssen, resaltou o labor que está a desenvolver a Fundación ONCE na promoción da accesibilidade. A responsable comunitaria realizou estas declaracións en Bruxelas no marco do 'Obradoiro sobre Accesibilidade de Produtos e Servizos', organizado pola Comisión Europea.
O evento, que conclúe este venres, ten como obxectivo analizar o estado da lexislación, as políticas e os produtos e servizos de accesibilidade nos ámbitos cubertos pola actual proposta de Lei Europea de Accesibilidade.
A comisaria puxo de manifesto que en 2020 na Unión Europea haberá preto de 120 millóns de persoas con discapacidade. Ademais, asegurou que o 30 por cento das persoas con discapacidade europeas están en risco de pobreza ou exclusión social, unha porcentaxe superior ao das persoas sen discapacidade.
Ao 'Obradioro sobre Accesibilidade de Produtos e Servizos' trasladouse un equipo de profesionais da Fundación ONCE, entre os que figura Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación, para levar á cidade belga preto de medio cento de innovacións, moitas delas expostas xa na 'Casa Intelixente, Accesible e Sustentable' que percorreu España o pasado ano.
Deseño para todos
Segundo Hernández, "o deseño para todos no desenvolvemento de produtos e servizos dunha forma integral non só beneficia ao colectivo das persoas con discapacidade, senón á sociedade na súa totalidade". "O ano pasado", subliñou, "mostramos a toda a sociedade española que a accesibilidade non está rifada co deseño, senón todo o contrario".
Durante tres meses os cidadáns de 15 cidades españolas puideron coñecer de primeira man produtos que están actualmente no mercado e que foron concibidos baixo o epígrafe de 'deseño para todos'. "A accesibilidade non restrinxe mercados, senón que os amplía", sostivo Hernández.
Ademais, o responsable da Fundación ONCE engadiu que é necesario o desenvolvemento dunha Directiva Europea de Accesibilidade que harmonice as diferentes normativas estatais ás que deben facer fronte as distintas industrias.
Entre as solucións innovadoras que se expoñen no obradoiro figuran as balizas Beepcons, desenvolvidas por ILUNION e grazas ás cales as persoas cegas poden guiarse en grandes espazos, como centros comerciais, mediante unha aplicación no teléfono.
Ademais, expóñense varias tabletas Samsung configuradas con diferentes solucións de accesibilidade desde as opcións nativas dos dispositivos. Tamén da mesma marca móstrase un televisor intelixente con mando para control por voz e cámara para control por xestos.
Fundación ONCE levou igualmente a Bruxelas unha alfombrilla detectora de presión, con conexión a altofalante e luz para a súa demostración, cubertos ergonómicos ou elementos tan cotiáns como unha balanza de cociña ou un reloxo espertador parlante. Así mesmo, móstranse na capital comunitaria unha serie de maquetas creadas con impresión 3D, coa aplicación 'MAPTAC3D' do Cidat da ONCE.