
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Este sábado 18 celébrase en Ferrol a proba First Lego League Galicia. A cita, que se levará a cabo no auditorio ferrolán, vén da man da Universidade da Coruña, a través da Escola Universitaria Politécnica, a Facultade de Informática e a Escola Politécnica Superior de Ferrol. Segundo informan, a First Lego League, unha iniciativa internacional que promove a ciencia e a tecnoloxía na mocidade (a través de retos concretos que os equipos deben solucionar), é hoxe por hoxe o “meirande desafío de robótica educativa do mundo”, e a edición ferrolá será unha boa proba deste despregue de enxeño, creatividade e participación. Contará coa presenza de 161 rapaces procedentes de centros escolares de toda a nosa xeografía.
Nesta proba galega, clasificatoria para a gran final española que se celebra o 18 de marzo en Logroño, poderase ver polo miúdo a particular metodoloxía posta en xogo nos certames First Lego League: unha metodoloxía na que o proceso é máis importante có resultado (os criterios que máis se valoran son os traballos dos equipos e como fan eses traballos, salientándose en todo intre a importancia da experiencia como recurso de ensino). O desafío que teñen que resolver nesta ocasión os participantes (mozas e mozos da comarca ferrolá e do resto de Galicia e con idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos) recibe o nome de Animal Allies. En virtude deste reto, os equipos poñeranse na pel de animais para descubriren “o que se consegue cando se axudan uns aos outros”, explican os organizadores. O obxectivo último, amais de fomentar hábitos de traballo colectivo e creativo, é tomar conciencia da importancia de protexer os dereitos dos animais.
First Lego League Galicia terá lugar integramente no Auditorio de Ferrol, onde se habilitarán catro salas, a zona PIT, e o auditorio. Dará comezo ás 9:30 e rematará ás 14:30 horas. Participan alumnos de colexios de toda a Comunidade (Ferrol, Fene, Valdoviño, Ortigueira, San Sadurniño, A Coruña, Culleredo, Ourense...). Na páxina web de FLL Galicia pódese consultar toda a información relativa ao torneo clasificatorio que se celebrará este sábado e que reunirá a decenas de mozos galegos. Tamén están presentes en Facebook, Twitter e Instagram.
Datos sobre a edición estatal
Arredor de 12.000 mozos de toda España traballarán en equipo nestas probas por Comunidades. A nivel internacional, fano máis de 250.000 estudantes de 88 países de todo o mundo. Segundo informan os organizadores da competición galega, España é o país de Europa con maior número de equipos, con 31 torneos de clasificación, máis de 1.600 equipos e 12.000 participantes. Todos eles veranse ante o desafío común de resolver problemática reais e presentar solucións creativas para salvaren a vida dos animais. En Galicia serán 23 equipos e 161 participantes. A iniciativa First Lego League está impulsada en España, desde o ano 2006, pola Fundación Scientia, que en colaboración con universidades, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación, organiza o programa por todo o territorio.
Nas últimas semanas, cinco novos aliados dixitais formalizaron a súa adhesión ao Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Os concellos de Arbo e Sober, a Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia, e as empresas ICONWEB e SENES CIT sumarán os seus esforzos e recursos para poñer en marcha novas actuacións nos tres eixos do Plan de Inclusión Dixital: alfabetización dixital, capacitación dixital e innovación social dixital e participativa.
Os municipios de Arbo e Sober colaborarán na difusión da inclusión dixital nas súas localidades, organizando actividades formativas, eventos ou iniciativas de divulgación e dinamización das TICs.
A Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia (EFA Galicia), ten como obxectivo a promoción colectiva do medio rural e conta ademais, cunha participación activa no CDTIC (Centro Demostrador TIC de Galicia). Como aliado dixital EFA Galicia participará dinamizando a rede de aulas CeMIT con actividades formativas en solucións TIC especializadas, seminarios e iniciativas singulares con outros aliados dixitais e coa colaboración de persoas voluntarias. Todas estas actividades estarán orientadas a dar resposta e solucións aos problemas e necesidades que se presentan nas zonas rurais da Comunidade.
A axencia de deseño e marketing ICONWEB adhírese ao Plan para desenvolver actividades de capacitación dixital, difusión e sensibilización de novos produtos e servizos tecnolóxicos que interesen á cidadanía. Tamén participará na actividade formativa das aulas da Rede CeMIT e en iniciativas en colaboración con outros aliados dixitais.
A empresa SENES CIT (Centro de Iniciativas transversais) súmase a esta alianza dixital cun amplo catálogo de servizos en proxectos de alfabetización dixital, en especial, para persoas maiores e en formación para a busca activa de emprego, e-commerce, marketing dixital e competencia dixital en ofimática (CODIX). Tamén achegará a súa experiencia en proxectos de Innovación Social Dixital como o deseño de aplicacións móbiles para sensibilizar á poboación escolar contra a violencia de xénero, bullying e outros tipos de ciberacoso.
Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia do Goberno autonómico para facilitar que calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, poida avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, consenso, implicación e participación de todos os axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta xa con máis de 750 aliados dixitais.
Este novo modelo de relación e participación articúlase por medio dunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) que permite que todas as entidades, empresas, asociacións e organismos interesados en colaborar co Plan poidan adherirse coma aliados dixitais de forma telemática na sede electrónica da Xunta de Galicia, se así o desexan.
O Women Startup Challenge estréase en Europa, onde 10 finalistas competirán para levar o gran premio: 50.000 euros. ¿O principal requisito para participar? Ser muller.
A quinta edición do Women Startup Challenge terá lugar o próximo 3 de maio en Londres. A competición está aberta a todas as startups tecnolóxicas fundadas por mulleres en Europa.
Elixiranse 10 finalistas que presentarán a súa startup fronte a un tribunal formado por xuíces de recoñecido prestixio. Entre eles elixirase un candidato gañador que obterá un premio moi atraínte de 50.000 euros, xunto a outros servizos para startups que de momento non foron especificados.
Ademais do factor feminino, esíxense algúns requisitos secundarios. Dominio do inglés, unha tecnoloxía expansible e un orzamento inferior a 2 millóns de euros.
O evento celébrase en asociación con Craig Newmark de craiglist, que manifestou que “tan só o 10% do investimento global destínase a startups fundadas por mulleres, con todo as compañías lideradas por mulleres xeran un 35% máis de intereses que aquelas lideradas por homes“.
Os finalistas enfrontaranse á fundadora de Doteveryone, Martha Lane Fox, o cofundador de Wikipedia, Jimmy Wales, e o anterior editor de TechCrunch, Robin Wauters, que formarán parte do tribunal.
Chama a atención tamén a escaseza de startups fundadas por mulleres en España. Segundo un mapa do emprendemento elaborado por Spain Startup, a porcentaxe de mulleres que deciden emprender sitúase no 17%. Con todo, no noso país o 52% das empresas que logran sobrevivir están lideradas por mulleres.
Coas palabras de agradecemento do Director Xeral de Autismo Madrid, Alberto Gutiérrez Pozuelo e de Manuel Álvaro Dueñas, Decano da Facultade de Formación de Profesorado e Educación, na Sala de conferencias da Facultade de Ciencias da UAM deuse por clausurada a Feira Trastea 2017 Tecnoloxía e Autismo, que deixa unhas cifras moi por encima do esperado ao tratarse da primeira vez que se celebra.
A expectación por parte do público foi de tal magnitude que se completou o aforamento unha semana antes da inauguración e os expositores tiveron a oportunidade de presentar os seus produtos a uns usuarios ávidos de solucións tecnolóxicas coas que mellorar a vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA).
De feito, realizáronse varias presentacións de produtos innovadores, como a aplicación gratuíta para móbil Taimun Watch por parte da Fundación Orange, na que se entrega á persoa con autismo as ferramentas para medir e controlar o seu nerviosismo de forma discreta co uso dun simple reloxo intelixente, de calquera marca, que detecta as pulsacións do usuario e axúdalle con exercicios a recuperar a estabilidade.
Tamén utilizaron a plataforma de Trastea para darse a coñecer os profesionais que crearon a aplicación Autismind coa finalidade de axudar a familias e profesionais a estimular a cognición social e a teoría da mente dos nenos con TEA, utilizando aplicacións para Tablet que resultan motivadoras, divertidas e facilitan a aprendizaxe e integración das habilidades traballadas
Lembremos ademais, que esta feira contou cunha mañá dedicada en exclusiva para os usuarios finais destas aplicacións, onde ao redor de 150 persoas con TEA puideron pasearse por cada unha das casetas e “trastear” cos produtos o que resultou moi gratificante tanto para os usuarios como para os expositores ao tratarse dunha experiencia pioneira neste tipo de eventos.
En definitiva, a feira acolleu a unhas 500 persoas que gozaron da tecnoloxía aplicada aos Trastornos Do Espectro do Autismo, onde ademais foi posible asistir a charlas e debates sobre o uso adecuado destas tecnoloxías nos diferentes pasos da vida do usuari@.
Hai presenza galega entre os finalistas da XXII edición dos Premios Zapping. Máis polo miúdo a da web Menores en Rede, posta en marcha polo animador sociocultural Jorge Castro. A entrega destes galardóns con sede en Catalunya celebrarase o vindeiro 16 de marzo en A CaixaForum de Barcelona. A páxina galega, máis en detalle, figura na listaxe final das tres mellores plataformas seleccionadas ao abeiro da categoría Mellor Iniciativa de Internet ou App dos Premios Zapping. Estas tres finalistas foron elixidas polo propio público a través dunha rolda de votacións na que participaron un total de dez webs. Menores en Rede comparte recta final do galardón con The Capsuled e Tú decides en Internet.
A páxina galega, como lembraremos, arrancou a súa andaina en 2010 co obxectivo de guiar ás rapazas e aos rapaces no emprego das ferramentas dixitais. A canle, que nos seus comezos foi un blog e despois unha web, ten arestora unha firme vertente pedagóxica, centrándose en cousas como fornecer consellos para as persoas máis novas que navegan na Rede ou recursos de comportamento e metodoloxías para as nais, os pais e os docentes, facendo fincapé en axudar aos colectivos menos dixitalizados a encher posibles baleiros de información en relación ao uso da Internet e as redes sociais. Por temáticas máis concretas tócanse ámbitos como o emprego de etiquetas nas comunidades dixitais, o uso de imaxes con menores en Internet, a presenza de recursos na Rede para levarnos a sitios de malware ou os problemas derivados dun mal uso do Whatsapp a nivel escolar.