
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O acoso a través das canles dixitais en calquera das moitas manifestacións (ciberbullying, sexting, etc) está a ser fondamente estudado polas investigadoras da nosa terra. Un bo exemplo de análise pormenorizado destas prácticas vén de chegar da man de María Victoria Carrera, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense, quen aborda nun estudo estes fenómenos desde unha perspectiva na que se atende tamén ás dimensións de xénero e etnia. Entre as principais conclusións do seu exhaustivo informe figuran, entre outras, as seguintes: as mensaxes ferintes ou ameazantes son hoxe por hoxe a principal manifestación do ciberacoso nas nosas vilas e cidades; ademais, os principais responsables das mensaxes insultantes, violentas ou denigrantes son os mozos. Por outra banda, medran ao abeiro das canles TIC as actitudes racistas e sexistas.
No estudo, financiado na convocatoria de axudas a proxectos de investigación INOU2016, participaron 623 adolescentes da cidade de Ourense, un 53% mozas e un 47% mozos, escolarizados nos dous últimos cursos de Educación Secundaria Obrigatoria do curso escolar 2016/2017, sendo a media de idade de 14.73 anos. O obxectivo xeral da investigación, en palabras da autora, oriéntase ao estudo da permanencia do ciberbullying, así como “a influencia dos estereotipos de xénero e as actitudes sexistas cara a diversidade sexual e etnocentristas na participación como agresor ou agresora nos diferentes tipos de malos tratos entre iguais”.
Segundo apunta a investigadora, todas as condutas de abuso e ciberabuso estudadas prodúcense nos centros escolares ourensáns, cunha relación inversa entre as condutas máis severas e a súa manifestación. En relación ao acoso por teléfono móbil ou Internet as situacións con maior incidencia detectadas son enviar mensaxes ameazantes ou insultantes a outras persoas; escribir brincadeiras, rumores, chismes ou comentarios que poñen en ridículo a un compañeiro ou compañeira; difundir segredos, información ou imaxes comprometidas de alguén; pendurar ou enviar imaxes de compañeiros ou compañeiras que poden ser humillantes; apartar a alguén de modo intencional dun grupo nunha rede social ou enviar a outras persoas ligazóns con rumores ou dixomedíxomes sobre un compañeiro ou compañeira. No que atinxe o ás situacións de ciberabuso con menor incidencia son “gravar vídeos ou facer fotos a un compañeiro ou compañeira nalgún tipo de comportamento de carácter sexual ou mentres é golpeado ou humillado por outras persoas, e pendurar ou enviar estes vídeos e imaxes”. A incidencia detectada, apunta, “é semellante á doutros estudos que a analizaron”. Como dixemos, no estudo certifícase que eles son máis violentos e abafantes ca elas. En cuestión de vítimas e da súa perpetuación, pola contra, a investigación non achou diferenzas significativas en función do xénero, aínda que se observan maiores niveis de “vitimización” por acoso nos mozos, mentres que no caso do ciberacoso as puntuacións son maiores nas mozas. Ademais, engade María Victoria Carrera, “os mozos apoian máis significativamente ao agresor ou agresora mentres que as mozas apoian máis significativamente ao defensor ou defensora da vítima”. Como conclusión do estudo, a investigadora recalca como “estes datos poñen de manifesto que para previr o fenómeno do ciberbullying é preciso levar a cabo programas educativos inclusivos que promovan a empatía e a ética do coidado, actitudes non sexistas, así como actitudes positivas cara a diversidade sexual e cultural”.
A implantación de drons en diferentes aspectos da xestión das cidades no futuro non pechará as portas ás persoas con discapacidade, que poderán optar á licenza necesaria para pilotar estas aeronaves, facendo esta tecnoloxía accesible a todos os interesados. Así o explicou o Ministerio de Fomento, en resposta á petición da Asociación Droniberia e Ilunion sobre o acceso a esta licenza por parte de persoas con algún tipo de discapacidade.
Segundo informou o Ministerio, recentemente incorporou unha modificación no artigo 35 da normativa que regula o acceso ás licenzas para pilotar drons pola que se farán unhas probas determinadas para a discapacidade de cada persoa, que será avaliada de maneira individual.
Probas médicas específicas para persoas con discapacidade que queiran pilotar drons
Concretamente, a corrección indica que as persoas con discapacidade ou trastornos psicofísicos, cuxas disfuncionalidades lles permitan pilotar RPAs (sistema aéreo tripulado por control remoto), deberán ser titulares dun certificado médico nacional emitido conforme aos requisitos que se establezan por resolución do director da Axencia Estatal de Seguridade Aérea que determinase o formato e características deste certificado médico.
A lei actual di que os pilotos que operen aeronaves de ata 25 quilos de masa máxima ao despegamento deberán ser titulares, como mínimo, dun certificado médico que se axuste ao previsto nos requisitos técnicos e procedementos administrativos relacionados co persoal de voo da aviación civil en virtude do Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello. É dicir, deben cumprir os mesmos requisitos que un tripulante de cabina.
Con todo, esta esixencia fai que moitas persoas con discapacidade queden fóra do acceso aos títulos de piloto de drons. “Expomos que se estableza unha regulación médica específica, ‘ad hoc', dado que son realidades obxectivamente distintas, que permitan que as persoas con discapacidade poidan acceder a este desempeño profesional, ampliando as súas oportunidades de emprego de modo notable”, explicaba o presidente de Ilunion, Alberto Durán, na súa carta ao Ministerio.
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é todo un referente da aplicación da computación de altas prestacións á investigación no panorama estatal, contando tamén con outras iniciativas que mediante o uso das TIC benefician á sociedade, e dentro das súas actividades non falta a divulgación, de aí que sexa frecuente que as súas instalacións en Santiago de Compostela reciban a visita de escolares de toda a nosa comunidade e incluso a celebración de xornadas de portas abertas para achegar á cidadanía o bo facer desta institución que vén de dar un paso máis adiante nesta dirección: a creación e publicación dunha visita virtual polas súas instalacións.
Deste xeito, a través de Google Street View podemos pasear polas infraestrutura científica e técnica singular CESGA, non sendo preciso ser un dos preto de mil alumnos de bacharelato e ciclos superiores de Galicia para poder coñecer as súas instalacións, o que permite, dende ver os obxectos da historia da informática que ocupan os seus corredores como mostra do moito que avanzou a tecnoloxía nas últimas décadas, até contemplar o impresionante sistema de computación Finis Terrae II, que pode conseguir un rendemento de até 328 TFLOPS.
Para poder gozar da visita virtual polo CESGA só temos que explorar o recinto a través de Google Maps dende o ordenador ou dispositivos móbiles, para o que realizaron detalladas fotografías de 360 graos das instalacións do centro, para o que contouse coa colaboración da empresa coruñesa Qualisure.
Ao longo do acto, presidido por Santiago Moreno, Director Xeral da Fundación Vodafone España, e Albert Buxadé, Director de Vodafone en Cataluña, presentáronse aplicacións que facilitan a accesibilidade de distintos colectivos ás vantaxes dos dispositivos móbiles, incluíndo solucións de teleasistencia e xogos accesibles para todos.
Teleasistencia Móbil Accesible
A Fundación de Tecnoloxías Sociais (TECSOS), unha iniciativa de Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España, presentará no Mobile World Congress o seu proxecto de Teleasistencia Móbil Accesible. Pioneira na teleasistencia móbil, TECSOS achégaa agora a persoas con discapacidade auditiva, visual ou física, facéndoa universal e compatible con produtos de apoio como lectores de pantalla e pulsadores.
TECSOS serviuse ademais da aplicación EVA Facial Mouse, desenvolvida polo tarraconense César Mauri, en colaboración coa Fundación Vodafone, para permitir o acceso ao servizo mediante o seguimento do rostro do usuario a través da cámara frontal dos dispositivos. EVA Facial Mouse, que conta xa con máis de 470.000 descargas, será a especial protagonista da próxima edición do Mobile World Congress, xa que se atopa entre as solucións nomeadas para os Global Mobile Awards 2017 da GSMA na categoría “Best Use of Mobile for Accessibility & Inclusion”.
Xogos accesibles para todos os colectivos
A Fundación Vodafone presentará no congreso dúas solucións móbiles desenvolvidas para achegar os xogos a persoas con discapacidade. A primeira delas, o “Adestramento Cerebral ONCE-Vodafone”, inclúe unha serie de xogos accesibles a persoas con discapacidade visual grave, os primeiros do mundo en ser deseñados especificamente para as persoas cegas, e aos que tamén podemos xogar todos. Grazas a estes xogos, os usuarios poden adestrar a súa mente en áreas como a memoria, o cálculo ou as funcións executivas á vez que se divirten. Os nove xogos dispoñibles ata agora están recompilados na aplicación Unobrain e están dispoñibles de forma gratuíta para iOS e Android para aqueles que utilizan os servizos de accesibilidade como lectores de pantalla.
Doutra banda, tamén mostrarán Bocciapp, unha aplicación accesible que recrea o popular deporte da boccia, dispoñible en Android tamén de forma gratuíta. Bocciapp pode xogarse tanto pulsando a pantalla táctil do móbil como con pulsadores, permitindo o seu uso por parte de persoas con parálise cerebral e discapacidade física.
A barcelonesa App&Town, gañadora nos X Premios de Innovación da Fundación
Na caseta de Vodafone do Mobile World Congress tamén estará presente un dos proxectos galardoados na última edición dos Premios Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións: a barcelonesa App&Town, desenvolvida por Massfactory, é un sistema que permite ás persoas con discapacidade intelectual, problemas de saúde mental e con risco de desorientación, realizar desprazamentos en transporte público cun guiado a través dunha aplicación móbil e unha monitoraxe constante.
Os días pasados puidemos saber que a equipa de mozas/os innovadoras/es Brión 2, pertencente ao IES de Brión, resultara finalista no concurso Wisibilízalas da Universitat Pompeu-Fabra, xunto con outros tres equipos de colexios e institutos de todo o ámbito estatal. Agora, o centro educativo e o Concello veñen de informar que a equipa local conseguiu finalmente o terceiro posto na final do devandito certame, unha iniciativa convocada co obxectivo de “dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC e potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”.
O concurso, que se resolveu este 11 de febreiro na Universitat Pompeu Fabra, consistía na creación dunha páxina web que describise a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no ámbito das novas tecnoloxías da información. O acto de entrega de galardóns coincidiu co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Nel participou a profesora de Tecnoloxía do IES de Brión, Luz Ramos López, quen foi a encargada de recoller o premio en Barcelona. Este galardón foi outorgado a un grupo formado por alumnado de 1º de Bacharelato (de TIC) e 4º de ESO (Educación Plástica, Visual e Audiovisual) en recoñecemento á calidade da páxina web Mulleres TIC, na que se describe a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballan no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación como Belén Masía, Begoña García, Rosa Monge, Sabela Ramos e Clara Bayarri.
O equipo gañador do certame estaba composto polos alumnos e alumnas: Carmen Alonso Lameiro, Pablo Bouzas Casal, Alejandro Dosil Souto, Carla Fernández Montero, Carmen González Pazos, Xosé Lois Piñeira, Martiño Lorenzo García, Karen Manukyan, Patricia Sánchez Petruk e Carmen Trigo Cobas. Dende o IES de Brión salientan que, detrás deste traballo e debido ás dinámicas de aula (que favorecen que o alumnado colabore e comparta materiais) hai un grupo máis nutrido de alumnado que merece este recoñecemento como: José David Aldana Sierra, Antón Carcedo Martínez, Hugo Fiz González Pérez, Ricardo Horta Cadenas, Brais Liñares Gesto, Alberte Xosé López Freire, Carmen Mª Martínez Santos, Irene Nimo Ares, Martín Soto García e Manuel Vázquez Dosil. O primeiro premio do certame foi para o IES Gorgs, de Cerdanyola del Vallés (Barcelona) por Wisiborgs, mentres que o segundo posto recaeu en MaristasAlicante2, do Sagrado Corazón HH. Maristas (Alacante).