main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

29/06/201608:31
Logo da campaña
Santiago de Compostela

ICT-Go-Girls!, referente europeo no fomento de vocación TIC entre as mozas

Un proxecto educativo no que participan a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e mailo Centro de Supercomputación de Galicia vén de ser salientado como exemplo a seguir en canto a fomento das vocacións tecnolóxicas entre as mozas. Estamos a falar do ICT-Go-Girls!, e o contexto no que o comisario europeo de Educación, Cultura e Deportes, Tibor Navracsics subliñou esta achega foi na conferencia Digital Festival 2016 organizada en Bruxelas polo Forum Europe.

Indo ao miolo da iniciativa ICT-Go-Girls! (Promoting Entrepreneurship Among Secondary School Girls through ICT), estamos perante unha proposta Comenius Multilateral dirixida pola área de ensino a distancia do CESGA e no que participou o Grupo de Investigación en Tecnoloxía Educativa da USC xunto con outras cinco institucións europeas.

Trátase das entidades Die Berater e Universidade do Danubio (Austria), Fraunhoffer IAO (Alemaña), Spoleczna Akademia Nauk (Polonia), e CVO Antwerpen (Bélxica). O equipo da USC, liderado polas profesoras Beatriz Cebreiro e Carmen F. Morante, desenvolveu unha metodoloxía educativa para levar a cabo nas aulas dos primeiros anos de educación secundaria permitindo traballar de xeito máis motivador as TIC e acadar un meirande interese e coñecemento na elección de carreiras tecnolóxicas por parte das alumnas de secundaria. Como ferramenta para o desenvolvemento desta metodoloxía, o CESGA deseñou e introduciu unha contorna virtual social baseada en software libre a través da cal se testou a proposta. Ambos recursos están dispoñíbeis no web do proxecto.

28/06/201610:26
Internet das cousas.
Santiago de Compostela

O Internet das Cousas será a gran revolución para a accesibilidade

Para personas con discapacidade, a IoT permite facer accesibles elementos que non o son.

O Internet das Cousas (IoT pola súa abreviatura en inglés) revolucionará os elementos da nosa contorna no día a día. Así o vaticina Diego Soriano, xerente de Proxectos de CENTAC, nun artigo escrito para a revista dixital Tecné, a división B2C de IDG Communications España.

"De forma resumida IoT é a tecnoloxía que permite empregar de forma conxunta, sinxela e barata gran cantidade de elementos electrónicos conectados a Internet", explica Soriano.

Segundo o experto, "hoxe en día hai miles de millóns de aparellos conectados a Internet". Só no fogar xa é común que teñamos unidos por medio de WiFi "teléfonos móbiles, tabletas, computadores, portátiles, consola de xogos e Smart TV".

Ademais, existen aparellos de valor e con funcións sofisticadas que xa están conectadas a Internet. "Automóbiles ou cámaras fotográficas xa incorporan conectividade móbil ou WiFi", sinala.

Para Soriano, un dos aspectos máis importantes do IoT é o seu carácter aberto. "Os diferentes aparellos conectados non estarán limitados a ser integrados polo seu fabricante, senón que se poderán realizar novos servizos accedendo e unindo solucións de diferentes fabricantes", destaca o experto de CENTAC.

Accesible o non accesible

Para persoas con discapacidade, IoT trae ao fogar "electrodomésticos conectados e controlados" e permite "controlar unha cociña, un forno, unha lavadora ou o termostato da calefacción desde un teléfono móbil", precisa Diego Soriano.

En concreto, para persoas con discapacidade visual, os mandos de tipo táctil de moitos electrodomésticos non son accesibles. Con todo, "mediante un interfaz aberto pódense desenvolver apps que aproveiten as posibilidades de accesibilidade dos teléfonos móbiles para o axuste de cores e lectores de pantalla", engade Soriano.

Xa hai marcas de electrodomésticos que están a desenvolver probas para que un forno se configure mediante unha receita almacenada en Internet.

28/06/201610:18
Dispositivo detector de caídas.
Madrid

Un dispositivo detecta as caídas das persoas maiores e envía unha alerta ao móbil

Investigadores da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) desenvolveron un dispositivo que detecta as caídas das persoas maiores e envía un aviso ao móbil dos seus coidadores, sen ter que levar ningún dispositivo.

Alberto Brunete e Miguel Hernando, investigadores da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e Deseño Industrial da UPM, deseñaron o sistema deste prototipo que permite vixiar a actividade dos maiores e alertar cun aviso ao teléfono dos seus familiares ou coidadores en caso de caída ou accidente.

Segundo manifestaron, as caídas son a principal causa de lesións e falecemento nos anciáns, xa que un terzo das persoas maiores de 75 anos sofre, polo menos, unha caída ao ano e, por tanto, detectar estes accidentes neste sector da poboación, especialmente cando os maiores viven sós, é unha preocupación social.

O proxecto consiste nunha cámara web e un PC embebido que se coloca en teitos e paredes e basea o seu funcionamento en algoritmos de visión artificial que "identifican cando unha persoa está a moverse, está sentada ou agachada ou se sufriu unha caída", explicaron os investigadores.

Así mesmo, engadiron que este dispositivo, cuxo custo é menor de 90 euros, "envía tamén un aviso indicando se a persoa caída se recupera".

O sistema que deseñaron estes investigadores no Centro de Automática e Robótica (CAR, UPM-CSIC) presenta, segundo os investigadores, varias vantaxes fronte aos dispositivos comerciais xa existentes, xa que "a maioría dos prototipos deste estilo están baseados en dispositivos que levan acelerómetros-wearables", mentres que "o noso prototipo non necesita ningunha intervención humana".

Este aspecto supón "unha vantaxe moi clara sobre todo no caso de persoas con alzhéimer ou outras enfermidades dexenerativas que poden esquecerse de polo", aseguraron.

Por último, os investigadores destacaron que aínda que o proxecto está aínda en fase de desenvolvemento, os resultados obtidos foron prometedores, cunha porcentaxe de detección próximo ao 100% de éxito.

27/06/201610:18
I concurso de Scratch “Aprendo Programando” do CPETIG
Santiago de Compostela

O CPETIG entrega os premios do I concurso de programación en Scratch

  • Máis de 250 alumnos de 20 centros iniciáronse na programación participando neste novidoso concurso.
  • O obxectivo deste concurso foi ofrecer un estímulo tanto a profesores como a alumnos para achegarse á programación da man de Scratch e buscar a superación tanto a nivel persoal coma colectivo.
  • O CPI Plurilingüe Virxe da Cela e o IES de Brión acadan os primeiros premios na categoría primaria e secundaria respectivamente.

Co obxectivo de ofrecer un estímulo tanto a profesores como a alumnos para achegarse á programación da man de Scratch e buscar a superación tanto a nivel persoal coma colectivo, o CPETIG convocou para o período escolar 2014-2016 un concurso de programación en Scratch baixo a temática “O Camiño de Santiago” do que o sábado, a partir das 12.00 horas tivo lugar o acto de entrega de premios no salón de actos de El Corte Inglés en Santiago de Compostela.

O concurso contou co apoio de El Corte Inglés, Fundación Barrié, Coremain e Gadis.

Nesta edición presentáronse medio cento de proxectos levados a cabo por grupos compostos por ata 8 alumnos e un profesor pertencentes a distintos centros de ensinanza primaria e secundaria de Galicia.

Na categoría de primaria, o 1º premio recaeu no proxecto CAMIÑO PREGUNTÓN do CPI PLURILINGÜE VIRXE DA CELA, grupo VIRTUALKIDS e o segundo premio foi para o proxecto PASENIÑO, PASENIÑO FAISE O CAMIÑO do CEIP PLURILINGÜE VILAR DE BARRIO, grupo GALOPÍNS.

En canto á categoría de secundaria, o 1º premio acadouno o proxecto ANDANDO O CAMIÑO do IES DE BRIÓN, grupo CAMIÑANTES e o segundo premio foi para o proxecto AVENTURAS DO CAMIÑO do IES CARLOS CASARES, grupo SCRATCHERS EN VIANA.

27/06/201609:54
A aplicación permite realizar un seguimento constante da enfermidade.
Santiago de Compostela

Diana, a ‘app’ que te acompaña na loita contra o cancro de mama

A aplicación proporciona ás pacientes información cotexada sobre este tipo de tumor e axúdaas a realizar un seguimento da súa enfermidade

"Cando as mulleres chegan á consulta co diagnóstico dun cancro de mama, a pesar de ser unha enfermidade con moito impacto social, teñen un gran descoñecemento do que significa esta patoloxía". Noelia Martínez, oncóloga no Hospital Ramón y Cajal de Madrid, salienta a necesidade de que as pacientes teñan información cotexada e accesible.

A ese problema dá solución Diana, a nova app presentada este mércores en Madrid, que serve para axudar tanto ás pacientes como aos seus familiares e coidadores na loita contra esta enfermidade. Este tipo de tumor é o máis frecuente en mulleres occidentais, e afecta a unha de cada oito mulleres en España, segundo datos da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). A aplicación, desenvolvida por Roche España en colaboración con varios grupos de investigación, especialistas e pacientes, está avalada pola Federación Española de Cancro de Mama (FECMA) e pode descargarse para iOS e Android desde hai unha semana.

"Un paciente informado afronta moito mellor a enfermidade e por iso a información non pode vir de calquera sitio, moitas das cousas que atopamos en Google non están contrastadas", recalca David Marín, responsable da área de cancro de mama de Roche. Diana, desde o peto das pacientes axúdalles a levar hábitos saudables alá onde vaian, márcalles obxectivos diarios de exercicio, da hidratación que deben ter, a alimentación e mesmo o descanso. Ademais, permítelles introducir valores relacionados co seu estado de ánimo como ansiedade, dor ou cansazo. As pacientes poden engadir información sobre o estadio da enfermidade no que se atopan ou os seus historiais clínicos. Con todos eses datos, Diana elabora unha gráfica de seguimento da enfermidade que logo as usuarias poderán ensinar ao médico. "Queremos que a app vaia evolucionando e mellore conforme ás necesidades das pacientes, pero en ningún momento búscase que substitúa ao oncólogo", concreta Martínez, aínda que si cre que é unha ferramenta moi útil para liquidar moitas dúbidas que, por falta de tempo, non se poden solucionar na consulta.

Esta aplicación dá resposta a moitas das preguntas que se adoitan facer as enfermas de cancro de mama. "As dúbidas e os medos son tantos cando sofres esta enfermidade que era moi necesaria unha app como Diana, deseñada por profesionais para proporcionar unha información fiable e completa", opina Josefa Madrid, representante da FECMA. A aplicación tamén permite facer anotacións polo que as usuarias poden facerse a súa propia "folla de ruta" sobre as preguntas que necesitan realizar ao seu doutor cando vaian á consulta. Conta, ademais, cun calendario no que apuntar citas médicas ou cando ha de tomarse a súa medicación, así como un apartado sobre pequenos consellos de beleza chamado O Espello de Diana. Esta aplicación pode ter utilidade tanto para as pacientes que acaban de empezar o seu tratamento como para as que levan bastante tempo con el para que sentan un pouco máis acompañadas na súa loita contra o cancro.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS