main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

05/07/201608:40
Colaboración HPE - Xunta
Santiago de Compostela

Feijóo resalta que a colaboración con HPE é “un paso importante para consolidar o desenvolvemento do Big Data en Galicia”

  • Anuncia a posta en marcha, xunto con Vodafone, dun novo centro para impulsar a Innovación Social Dixital
  • Destaca que a nosa é a quinta comunidade en número de empresas tecnolóxicas, con máis de 2.200 compañías e 14.400 traballadores
  • Reivindica a aposta pola formación e a colaboración entre a universidade e a empresa como piares imprescindibles na consolidación do sector
  • Subliña a transformación de Galicia nunha sociedade dixital grazas a actuacións como o programa Abalar, a receita electrónica ou a Historia Social Única Electrónica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá, durante a presentación do novo Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise, que a colaboración coa multinacional “é un paso importante para o desenvolvemento do Big Data en Galicia”. En virtude do convenio asinado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, con HPE, a empresa trasladará a súa actividade á Cidade da Cultura, onde traballarán cincuenta expertos no asesoramento en proxectos de Big Data e Intelixencia de Negocio.

Feijóo resaltou a consolidación do Gaiás como “o corazón dixital de Galicia”, no que traballan 400 profesionais TIC, entre os traballadores da Amtega, de empresas tecnolóxicas que colaboran con proxectos públicos de transformación dixital e doutras iniciativas como o Galicia Open Future de Telefónica. Ademais, anunciou a posta en marcha, en colaboración con Vodafone, dun novo centro para impulsar a Innovación Social Dixital.

O titular do Goberno galego presentou o acordo como un dos resultados do Pacto Dixital de Galicia, grazas ao que 13 empresas do sector están a colaborar coa Administración autonómica para situar a Comunidade como un referente tecnolóxico na atracción de investimentos, o desenvolvemento de proxectos con potencial tractor e a internacionalización das pemes. Nese senso, lembrou que Galicia xa é a quinta autonomía en número de empresas tecnolóxicas, con 2.200 compañías e 14.400 traballadores.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta tamén reivindicou a importancia da formación como vehículo imprescindible na consolidación o sector. Para iso, o acordo con HPE contempla o desenvolvemento dun programa de asesoramento a titulados universitarios, que permitirá seguir afondando na colaboración entre a universidade e a empresa e formar profesionais de alta cualificación nas TIC.

Galicia, sociedade dixital
O convenio asinado hoxe constitúe un paso máis na transformación de Galicia nunha sociedade dixital en todos os ámbitos, cun gran investimento das institucións públicas e privadas, que ascenderá aos 3.000 millóns de euros ao final da década. Nesa liña, Feijóo lembrou a posta en marcha do proxecto Abalar, no eido educativo, a receita electrónica, na sanidade pública, ou a Historia Social Única Electrónica, que foi presentada onte no Consello da Xunta. Grazas a este tipo de iniciativas, hoxe 8 de cada 10 trámites coa Administración autonómica xa se poden realizar por vía electrónica.

Finalmente, o mandatario galego tamén quixo salientar os esforzos do Executivo por reducir a fenda dixital, outro dos grandes retos que Galicia está a afrontar con éxito. Desde 2009, o número de usuarios da rede aumentou en 350.000, un 40%, e 700.000 galegos obtiveron cobertura. Para seguir avanzando nese camiño, Feijóo destacou o desenvolvemento do Plan de Banda Larga 2020 e do Plan de inclusión dixital, que buscan facilitar a conexión a redes ultrarrápidas a toda a poboación e fomentar o uso e a formación avanzada nas TIC.

04/07/201612:26
Logo Connecting For Good
Madrid

A Fundación Vodafone España falla a X Edición dos Premios Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións

O xurado da X Edición dos Premios Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións fallou por unanimidade as catro categorías convocadas. Cada gañador recibirá 15.000 € de dotación, estatua conmemorativa e formación en emprendemento por parte do CDTI, ademais doutros apoios de difusión e presencial institucional.

  • "App&Town Compagnon" (Massfactory, Barcelona)  informa en tempo real de horarios e incidencias no transporte público a usuarios con discapacidade
  • "Mouse4all" (Javier Montaner Gutiérrez e José Ángel Jiménez Vadillo, Madrid) é un dispositivo que permite utilizar dispositivos móbiles sen necesidade de tocar a pantalla, a través de diferentes produtos de apoio
  • "Eyesynth" (Eyesynth,s.l., Castellón) permite ás persoas cegas interpretar formas e obstáculos na súa contorna mediante sons
  • Por último, "As aventuras de Tate" (Teresa Puerma Vargas, Córdoba) ofrece unha ferramenta de apoio a pais, docentes e logopedas de nenos con trastornos na linguaxe ou a fala

O xurado formado por personalidades da Administración, a investigación e a empresa valorou o carácter innovador da solución dentro da Sociedade da Información, o público obxectivo que se poderá ver beneficiado pola solución, a súa viabilidade e a súa accesibilidade.

04/07/201612:12
Logos de Down España e Fundación Vodafone España
Madrid

DOWN ESPAÑA e a Fundación Vodafone España impulsan o proxecto de formación en novas tecnoloxías para a inserción laboral máis ambicioso do noso país

Máis de 700 alumnos con síndrome de Down recibirán formación tecnolóxica para poder traballar en empresas ordinarias

DOWN ESPAÑA e Fundación Vodafone España van por en marcha durante este ano o proxecto máis ambicioso do noso país de formación en novas tecnoloxías para persoas con síndrome de Down, co obxectivo de facilitar a súa inserción laboral en empresas ordinarias.

Trátase da terceira edición do exitoso programa "Yo me prep@ro", co que 720 alumnos con esta discapacidade intelectual de toda España poderán mellorar e ampliar os seus coñecementos en novas tecnoloxías en aspectos tan claves como o uso adecuado de diferentes programas informáticos, a navegación por Internet, o acceso a redes bancarias informatizadas, ou a interacción con aplicación móbiles. Todo co fin último de axudarlles a salvar a fenda dixital que condiciona enormemente ás persoas con síndrome de Down á hora de atopar un posto de traballo, o que supón unha seria traba ás súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Nesta edición 2016-2017 incorpóranse 240 mozos con síndrome de Down que recibirán a formación por primeira vez, cun total de 10.500 horas formativas. A estes súmanse os 480 mozos das dúas edicións anteriores a quen se lles ofrecerá un curso de refresco dos seus coñecementos para que actualicen as destrezas adquiridas en novas tecnoloxías aplicadas á vida laboral.

Coa confianza derivada dos resultados obtidos nos dous anos previos "nos que se conseguiron preto de 150 contratos laborais para os alumnos con síndrome de Down", esta terceira edición do proxecto deseñouse coa intención de lograr un alcance inédito até agora para este programa. Así, en 2016 "Yo me prep@ro" desenvolverase en 20 localidades distintas de todo o país: Ávila, Barcelona, Burgos, Cádiz, Castellón, Compostela, Córdoba, Granada, Málaga, Murcia, Ourense, Palencia, Pamplona, Pontevedra, Sabadell, Toledo, Valencia, Valladolid, Vigo e Zaragoza. Serán as asociacións federadas a DOWN ESPAÑA en cada unha destas localidades as que impartan os cursos.

Ademais de mellorar a súa formación, os 240 alumnos con síndrome de Down que participen nesta nova edición de "Yo me prep@ro" terán a oportunidade de realizar prácticas en contornas laborais ordinarias. Tras esas dúas primeiras fases, DOWN ESPAÑA alcanzou o compromiso de lograr a inserción laboral de polo menos o 30% do total dos alumnos.

Outro dos puntais deste proxecto é a realización de sete vídeos-tutoriais que, cunha linguaxe sinxela e accesible, detallarán os pasos e instrucións para que os alumnos aprendan a navegar por Internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn. Todo cunha presentación visual atractiva, directa e moi comprensible.

Ao mesmo tempo Down España levará a cabo unha experiencia piloto que comprenderá o uso da plataforma Mefacilyta desenvolvida pola Fundación Vodafone. Esta experiencia piloto comprende o deseño e validación dos contidos e itinerarios formativos complementarios ao Proxecto

Por último, esta terceira edición de "Yo me prep@ro" vai facer especial fincapé nun dos aspectos que máis decisivamente contribúen a mellorar a inserción laboral do colectivo: a sensibilización no propio mundo empresarial.

Por iso, en cada unha das localidades onde se desenvolva o programa, vai realizarse unha xornada de networking entre representantes do tecido empresarial da zona e mozos e mozas con síndrome de Down. A intención é que os empresarios coñezan persoalmente aos alumnos do curso, que poidan apreciar as súas aptitudes e que comprendan os beneficios que achegan as persoas con discapacidade intelectual no traballo: melloran o clima laboral, achegan alegría e optimismo, e son metódicos e organizados nas súas tarefas.

A realización deste proxecto enmárcase dentro do Convenio Marco subscrito con data 8 de novembro de 2013 entre Fundación Vodafone España, a Confederación Española de Organizacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual "FEAPS" e DOWN ESPAÑA para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción laboral que redunden en mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade intelectual.

Este convenio busca fomentar a innovación tecnolóxica aplicada á accesibilidade e fará especial fincapé naquelas iniciativas que contribúan á participación das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral a través de proxectos piloto de innovación e  sesións formativas e de divulgación.

04/07/201612:03
Logo Fundación Vodafone España
Madrid

A Fundación Vodafone España falla a XVI Edición dos Premios Vodafone de Xornalismo

A XVI Edición dos Premios Vodafone de Periodismo galardoou a Javier Salas, Marta García Aller, Antonio García Encinas e Acnur

En "Premios de Xornalismo", nas súas respectivas categorías de "Ciencia", "Economía" e "Integración social", o Xurado decidiu premiar a Javier Salas xornalista especializado en ciencia, tecnoloxía e medio ambiente; a Marta García Aller, profesional con longa  experiencia en comunicación económica, tanto en prensa escrita como en radio; e a Antonio García Encinas, quen nos seus traballos de compoñente social defende o papel da tecnoloxía como apoio fundamental para a integración social das persoas con discapacidade.

En canto ao "Premio á Traxectoria en beneficio de colectivos vulnerables",  recaeu en ACNUR, que se vale da tecnoloxía para asegurar a educación dos refuxiados máis novos grazas a escolas dixitais portátiles, independentes de conexión e electricidade.

01/07/201610:30
O presidente Feijóo durante a comparecencia.
Santiago de Compostela

A Xunta aproba o decreto que permitirá ter unha historia social única electrónica

  • Feijóo avanza que o novo sistema comezará a implantarse de xeito progresivo despois do verán e arrincará con máis de 365.000 historias sociais dixitais
  • O presidente da Xunta asevera que con este sistema se evitarán duplicidades e se mellorarán os tempos de resposta
  • “Significa crear un sistema integrado de intercambio de información, sentar as bases para facer realidade o compromiso de que a historia social se vaia integrando na historia clínica a través da tarxeta sanitaria, dar mellores respostas na atención e desenvolver políticas de prevención”, asevera o titular do Executivo autonómico

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do decreto polo que se regula a creación, o uso e o acceso á historia social única electrónica; un documento que permitirá aos profesionais do Sistema galego de servizos sociais, independentemente de que pertenzan ao ámbito municipal ou autonómico, o acceso único ao expediente social dos usuarios en formato electrónico.

“Estamos a falar dun documento que supón o primeiro paso para avanzar cara a unha atención totalmente personalizada e adaptada ás necesidades de cada usuario, máis alá da Administración pública que estea atendendo a ese usuario”, aseverou Feijóo, incidindo en que este sistema é froito dun intenso proceso de diálogo.

Máis polo miúdo, o titular da Xunta subliñou que esta iniciativa permitirá ter nunha única historia todos os datos relativos a historia social do individuo e avanzou que o novo sistema comezará a implantarse de xeito progresivo despois do verán, unha vez aprobado definitivamente o decreto, e arrincará con máis de 365.000 historias sociais dixitais.

Neste contexto, cómpre resaltar tamén que, previamente, se fará unha fase de pilotaxe da historia social única electrónica nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Así, a partir do mes de xullo os traballadores sociais destes municipios terán acceso ao expediente social dos usuarios en formato electrónico; e, este período de probas permitirá abordar posibles axustes de cara ao despregamento progresivo nos concellos galegos.

O responsable autonómico aseverou que con este sistema se evitarán duplicidades e se mellorarán os tempos de resposta. E fixo fincapé en que a historia social única suporá un antes e un despois na xestión das prestacións sociais e, tamén, un antes e un despois na xestión das prestacións sanitarias, “xa que significa –aseverou- crear un sistema integrado de intercambio de información, sentar as bases para facer realidade o compromiso de que a historia social se vaia integrando na historia clínica a través da tarxeta sanitaria, dar mellores respostas na atención e desenvolver políticas de prevención”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS